Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 26 de xullo de 2022 Páx. 41304

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sobre a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle, nos concellos de Mazaricos e Dumbría, promovida por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2018/31).

Expediente: IN408A 2018/31.

Solicitante: Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

Proxecto: subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle.

Concellos: Mazaricos e Dumbría (A Coruña).

Feitos:

1. O 17 de xullo de 2018, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial.

2. O 28 de outubro de 2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu o expediente a esta xefatura territorial para a continuación da súa tramitación administrativa, conforme o exixido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

3. O 18 de xaneiro de 2021 esta xefatura territorial ditou un acordo polo que se someteu a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle (A Coruña) (expediente IN408A 2018/31).

4. O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia número 26, do 9 de febreiro de 2021 e no xornal La Voz de Galicia da mesma data. Tamén se expuxo no taboleiro de anuncios do Concello de Dumbría, segundo certificado emitido o 30 de marzo de 2021, no taboleiro de anuncios do Concello de Mazaricos, segundo certificado emitido o 1 de abril de 2021, nas dependencias da xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, segundo o certificado emitido o 26 de marzo de 2021, e nas dependencias desta xefatura territorial, segundo o certificado emitido o 2 de decembro de 2021, así como no portal web da consellería, onde puido accederse á documentación do proxecto.

5. A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución:

a) Solicitude de suspensión do procedemento expropiatorio que se está a tramitar mentres estea vixente a suspensión cautelar ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento de recurso contencioso-administrativo contra a autorización do parque eólico A Ruña II.

b) Erros na titularidade dos predios 84 e 9 da relación de bens e dereitos afectados.

c) Non inclusión na RBDA da parcela de referencia catastral 15034A023005510000ZQ, que resulta afectada polo trazado da liña de alta tensión. A alegante entende que a xestión forestal que se realiza nese predio é unha actividade de público, polo que se solicita que se valore a compatibilidade ou prevalencia dun interese sobre outro.

d) Que o estudo de impacto ambiental reflicta o efecto da saturación de liñas; que se valore a alternativa do soterramento.

e) Falla de avaliación dos impactos globais, sumativos e acumulados de todas as infraestruturas que afectan o Concello de Dumbría. Isto provoca unha fragmentación da paisaxe tendo no feísmo un dos seus principais compoñentes, fragmentación dos hábitats coa conseguinte perda de biodiversidade. Afección á saúde e ao benestar das familias.

f) Solicitude de soterramento dos tramos de liña que afectan o Camiño de Santiago.

6. As alegacións recibidas foron remitidas ao promotor, que contestou en defensa dos seus intereses.

7. O 20 de xaneiro de 2021, dentro do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, iniciouse o trámite de consultas aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Concello de Dumbría, Concello de Mazaricos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública.

8. Coa mesma data remitíronse, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Dumbría, Concello de Mazaricos, Deputación Provincial da Coruña, Red Eléctrica de España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Desarrollos Eólicos Dumbría, S.A. (actualmente EDP Renovables España, S.L.) e Telefónica de España, S.A.

Dentro do prazo establecido, non se recibiron os condicionados do Concello de Dumbría, EDP HC Energía, S.A., Red Eléctrica de España, S.A.U. e Deputación Provincial da Coruña, non se recibiron os informes do Concello de Dumbría, Concello de Mazaricos e UFD Distribución Electricidad, S.A., polo que se entende a súa conformidade co proxecto e se continúa a tramitación do procedemento.

9. Ao mesmo tempo, solicitouse o informe sobre o proxecto de interese autonómico aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Subdelegación do Goberno en Galicia e Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual.

10. O 20 de xaneiro de 2021 solicitóuselle á Sección de Minas desta xefatura territorial o seu informe en relación co trámite de compatibilidade cos posibles dereitos mineiros afectados. O informe emitiuse o 17 de novembro de 2021.

11. O 20 de xaneiro de 2021 solicitóuselle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o certificado de aproveitamentos de masas forestais en relación co trámite de compatibilidade cos posibles aproveitamentos forestais afectados. O certificado emitiuse o 7 de marzo de 2021.

12. O 5 de novembro de 2021 o promotor presentou os documentos definitivos a que se refire o artigo 47.4 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e o artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

13. O 1 de decembro de 2021 os servizos técnicos desta xefatura territorial emitiron o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

14. O 15 de decembro de 2021, de acordo co establecido no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, remitíuselle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o expediente correspondente ao trámite de avaliación ambiental.

15. O 12 de maio de 2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto da liña eléctrica de alta tensión 66 kV A Ruña-Regoelle e subestación colectora A Ruña 30/66 kV, nos concellos de Mazaricos e Dumbría (A Coruña), promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

16. O 21 de xuño de 2022 o Servizo de Enerxía e Minas desta xefatura territorial emitiu unha proposta de resolución da instalación eléctrica subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle, nos concellos de Mazaricos e Dumbría, promovida por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2018/31).

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que son de aplicación segundo o determinado na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, da Presidencia da Xunta de Galicia, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio de 2022) e as disposicións adicionais segunda e terceira do Decreto 73/2022, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 101, do 27 de maio de 2022).

2. A lexislación que se vai aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

c) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

d) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

e) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

f) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

g) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características básicas do proxecto son:

Solicitante:

Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. B70381090

Enderezo:

rúa Carreira do Conde, nº 2-1º B, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña)

Denominación do proxecto:

subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle

Núm. expediente:

IN408A 2018/31

Concellos afectados:

Mazaricos e Dumbría

Orzamento total:

2.772.703,27 €

4. A SET e LAT A Ruña ten por obxecto a construción das instalacións necesarias para evacuar a enerxía xerada desde os parques eólicos seguintes: PE A Ruña II (expediente IN661A 2010/010 xa autorizado) de 21 MW e PE A Ruña III (expediente IN408A/2017/43 en tramitación) de 15 MW. Potencia total de evacuación: 36 MW.

Segundo os cálculos do proxecto, a liña dimensiónase para unha capacidade máxima de transporte total de 82,7 MW, quedando unha marxe de capacidade de transporte de 46,7 MW para posibles ampliacións.

5. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Subestación A Ruña con transformador de potencia intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 40-50 MVA ONAN/ONAF, relación de transformación 30/66 kV, disposta da seguinte forma:

• Parque de 66 kV en intemperie en esquema de simple barra formado por:

– 1 posición de liña para enlace co punto de conexión da rede.

– 1 posición de transformador 66/30 kV.

– Dispoñerase de espazo para unha posición de transformación e unha posición de liña adicional.

• Parque de 30 kV en esquema de simple barra, tipo interior, en celas de illamento en SF6 composto por un grupo de celas (un por cada transformador) formado, pola súa vez, cada un deles por 4 celas de liña e 1 cela de transformador.

• No edificio tamén se situará o centro de control, xunto coas comunicacións, proteccións e un transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 100 kVA e relación de transformación 30/0,4 kV.

Liña de alta tensión de 66 kV A Ruña-Regoelle, que constará dun simple circuíto de condutor tipo LA-455, tendido sobre 34 apoios metálicos de celosía. A súa lonxitude aproximada será de 8.528,31 metros (sen incluír os vans de condutor nu destensado LA-455 entre os pórticos das subestacións A Ruña e Regoelle (actual Lagoa) e, respectivamente, os apoios nº 1 e nº 34.

A potencia total prevista de transporte será de 36 MW.

Subestación

Concello de Mazaricos

ETRS89 H29

UTM-X

UTM-Y

1

494.865,9

4.754.557,2

6. No trámite de consulta a organismos en relación coas separatas ao proxecto e o proxecto de interese autonómico recibíronse os seguintes informes:

a) O 25 de xaneiro de 2021 Telefónica de España, S.A.U. informou que non tiña obxección á execución do proxecto referido sempre e cando se cumpra a normativa vixente en relación cos paralelismos e cruzamentos con liñas de telecomunicación e, en particular, os regulamentos electrotécnicos de alta e baixa tensión.

b) O 24 de febreiro de 2021 a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable a realización do proxecto.

c) O 2 de marzo de 2021 EDP Renovables España, S.L.U. comunicou que non presentaba alegacións ao proxecto.

d) O 3 de marzo de 2021 o organismo Augas de Galicia emitiu un informe favorable sempre que se cumpran as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

e) O 9 de marzo de 2021 o Servizo de Propiedade Forestal da Coruña da Consellería do Medio Rural informa que neste tipo de proxectos, especialmente dentro dos montes catalogados de utilidade pública e veciñais en man común, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, ese servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa das infraestruturas, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

f) O 20 de abril de 2021 a Deputación Provincial da Coruña remitiu un certificado do acordo acadado o 16 de abril de 2021 no que se aprobou a emisión dun informe dos seus servizos técnicos consonte as condicións e observacións efectuadas polos pronunciamentos técnicos que figuran expostos na proposta de referencia.

g) O 10 de maio de 2021 Red Eléctrica de España, S.A. informou que non presentaba oposición á autorización da SET A Ruña ao non afectar a instalacións propiedade de REE. En canto á LAT 66 kV SET A Ruña-Regoelle, comunicou que, segundo os datos que figuran na documentación achegada polo promotor, non podían comprobar a regulamentariedade do cruzamento co van 162-163 da LAT 220 kV Dumbría-Mesón do Vento, e solicitou que se completase a dita documentación incluíndo os datos necesarios para comprobar o cruzamento, tendo en conta ademais o paralelismo coa futura LAT 220 kV E/S Regoelle-LAT Mesón-Dumbría.

O 5 de agosto de 2021 Eurus Energy presentou unha memoria xustificativa do cumprimento das condicións regulamentarias do cruzamento coa LAT 220kV Dumbría-Mesón do Vento, así como do paralelismo coas LAT 220 kV E/S Regoelle-LAT Mesón-Dumbría e LAT 220 kV Mazaricos Regoelle, indicando que remitira esta documentación directamente a REE sen recibir contestación. O 26 de agosto de 2021 esta xefatura territorial remitiu a nova documentación a REE sen que na data de hoxe se recibise contestación.

h) O 28 de maio de 2021, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable sobre proxecto sectorial, debéndose ter en conta as medidas protectoras e correctoras sinaladas no estudo arqueolóxico, así como as consideracións que inclúe no informe.

Na data de hoxe non se recibiron os informes dos concellos de Dumbría e Mazaricos e de UFD Distribución Electricidad, S.A., polo que, de acordo co establecido no artigo 127.4 do Real decreto 1955/2000, se entende a conformidade desa entidades coa autorización da instalación.

7. No que respecta ás alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido, as respostas efectuadas polo promotor e o resto de documentación que consta no expediente, cómpre manifestar o seguinte:

a) Respecto á solicitude de suspensión do procedemento expropiatorio neste expediente, en canto non se dite sentenza firme no procedemento contencioso-administrativo que se segue no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra as autorizacións administrativas outorgadas ao proxecto de parque eólico A Ruña II, cómpre indicar que a suspensión cautelar das autorizacións dese parque eólico non pode ampliar os seus efectos suspensivos cautelarmente a un expediente e a un procedemento administrativo totalmente diferente e independente do parque eólico, como é o correspondente á autorización do proxecto de LAT 66 kV A Ruña-Regoelle-SET A Ruña. Ademais, hai que ter en conta que este expediente afecta unha infraestrutura de evacuación conxunta para compartir con varias instalacións de produción de enerxía eléctrica, incluído o referido parque eólico A Ruña II, pero non en exclusiva para a dita instalación.

b) No relativo ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que este proxecto conta con declaración de impacto ambiental do 12 de maio de 2022, na cal se lles dá contestación.

c) En relación cos erros nos datos de titularidade dos predios, dos usos do solo e a valoración das afeccións ás súas propiedades recollidas na relación de bens e dereitos afectados, a contestación a elas corresponderalle á resolución de declaración de utilidade pública. O promotor deberá ter en conta as correccións propostas de cara ao futuro trámite de levantamento de actas previas á ocupación, nos casos en que non acade un acordo cos propietarios. Nesas actas faranse constar todas as manifestacións e datos que as partes acheguen e que sexan útiles, entre outros aspectos, para determinar o valor daquilo que se expropia e os posibles prexuízos ocasionados pola rápida ocupación.

d) No que respecta á existencia de aproveitamentos forestais, a compatibilidade entre os dous aproveitamentos, ou de ser o caso a prevalencia dun deles, resolverase no trámite posterior correspondente, de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. O 19 de novembro de 2021 a Sección de Minas desta xefatura territorial emitiu un informe en que indica que na actualidade, no ámbito desta actuación, constan dereitos mineiros vixentes, e dereitos mineiros caducados pendentes de concurso. En concreto, está vixente a concesión de explotación de recursos mineiros da sección C) Couso, número 6003.

9. O 9 de marzo de 2021 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural comunicou que a execución do proxecto da liña eléctrica causaría afeccións ao monte Ruña de Colúns, pertencente ao concello de Mazaricos, incluído no catálogo de montes de utilidade pública. Por outra banda, o trazado afecta parcelas que integran a Sofor de Logoso, a Sofor de Olveiroa e a Sofor de Vilar, constituídas no concello de Dumbría.

10. A seguir, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) da liña eléctrica de alta tensión 66 kV A Ruña-Regoelle e subestación colectora A Ruña 30/66 kV, nos concellos de Mazaricos e Dumbría (A Coruña), promovida por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U., formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 12 de maio de 2022, e recollida no feito décimo quinto desta resolución:

a) Na epígrafe 6 da DIA recóllese a proposta, que literalmente di: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

De conformidade coa mencionada proposta, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolve: Formular a declaración de impacto ambiental da liña eléctrica de alta tensión 66 kV A Ruña-Regoelle e subestación colectora A Ruña 30/66 kV, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

Esta declaración de impacto ambiental farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e remitiráselle ao órgano substantivo para os efectos que correspondan no marco do procedemento de autorización administrativa das instalacións.

Así mesmo, non exime o promotor de obter calquera outra autorización, licenza, permiso ou informe que sexa necesario para a execución e/ou funcionamento do proxecto.

O órgano substantivo deberá notificarlle a esta dirección xeral calquera cambio de titularidade que se produza na instalación».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións da liña de alta tensión a 66 kV A Ruña-Regoelle e subestación colectora A Ruña 30/66 kV. Na epígrafe 4 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1.2. Obriga de realizar prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas.

4.1.3. Protección ante accidentes graves ou catástrofes.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

A epígrafe 5 establece os controis e os estudos necesarios para completar o Programa de vixilancia e seguimento ambiental proposto polo promotor e adaptalo ao condicionado que deriva desa DIA.

9. No expediente administrativo consta un informe en que se establece que desde un punto de vista técnico non se encontra ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica do proxecto modificado de subestación colectora 30/66 kV A Ruña e liña de alta tensión colectora 66 kV A Ruña-Regoelle.

10. O Servizo de Enerxía e Minas propón outorgar a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción para a subestación colectora 30/66 kV A Ruña e liña de alta tensión 66 kV A Ruña-Regolle 66 kV, nos concellos de Mazaricos e Dumbría, promovida por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2018/31), coa imposición de determinadas condicións que considera que deben ser tidas en conta na resolución.

11. De acordo co establecido no artigo 45.5 da Lei 8/2009, ao suscitarse a compatibilidade ou prevalencia entre o aproveitamento eólico e dereitos mineiros, a declaración de utilidade pública e, de ser o caso, a declaración de compatibilidade ou prevalencia serán realizadas pola persoa titular da consellería en materia de enerxía.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a subestación colectora 30/66 kV A Ruña e liña de alta tensión 66 kV A Ruña-Regolle 66 kV, nos concellos de Mazaricos e Dumbría, promovida por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2018/3).

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución das instalacións da subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle, nos concellos de Mazaricos e Dumbría (A Coruña), asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado número 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense:

– Modificado de subestación colectora 30/66 kV A Ruña e liña de alta tensión (outubro 2021), visado o 2 de xaneiro de 2021:

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. B70381090.

Enderezo: rúa Carreira do Conde, nº 2, 1º B, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación do proxecto: subestación colectora 30/66 kV A Ruña e LAT 66 kV A Ruña-Regolle.

Número de expediente: IN408A 2018/31.

Concellos afectados: Mazaricos e Dumbría.

Orzamento total: 2.772.703,27 €.

Características técnicas das instalacións eléctricas:

Subestación A Ruña con transformador de potencia intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 40-50 MVA ONAN/ONAF, relación de transformación 30/66 kV, disposta da seguinte forma:

• Parque de 66 kV en intemperie en esquema de simple barra formado por:

– 1 posición de liña para enlace co punto de conexión da rede.

– 1 posición de transformador 66/30 kV.

– Dispoñerase de espazo para unha posición de transformación e unha posición de liña adicional.

• Parque de 30 kV en esquema de simple barra, tipo interior, en celas de illamento en SF6 composto por un grupo de celas (un por cada transformador), formados pola súa vez, cada un deles por 4 celas de liña e 1 cela de transformador.

• No edificio tamén se situará o centro de control, xunto coas comunicacións, proteccións e un transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 100 kVA e relación de transformación 30/0,4 kV.

Liña de alta tensión de 66 kV A Ruña-Regoelle, que constará dun simple circuíto de condutor tipo LA-455, tendido sobre 34 apoios metálicos de celosía. A súa lonxitude aproximada será de 8.528,31 metros (sen incluír os vans de condutor nu destensado LA-455 entre os pórticos das subestacións A Ruña e Regoelle (actual Lagoa) e, respectivamente, os apoios nº 1 e nº 34.

A potencia total prevista de transporte será de 36 MW.

3. A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

a) Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo liña eléctrica na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 48.522 euros, dos cales 20.795 corresponden á fase de obras e 27.727, á fase de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A fianza correspondente á fase de obra depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

b) Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. dará cumprimento a todas as condicións establecidas na Resolución do 12 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se formulou a DIA do proxecto da liña eléctrica de alta tensión 66 kV A Ruña-Regoelle e subestación colectora A Ruña 30/66 kV, nos concellos de Mazaricos e Dumbría (A Coruña).

c) Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. con carácter previo ao inicio das obras, deberá achegar a esta xefatura territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora habilitada que vai realizar as obras, así como do director de obra responsable delas.

d) Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. non poderá ocupar predios particulares sen que dispoñan dun acordo mutuo entre as partes ou mediante o correspondente expediente expropiatorio.

e) Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. comunicará o inicio das obras (con suficiente antelación) a todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo das respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución do proxecto, e estableceron os condicionantes técnicos.

f) Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas no proxecto autorizado, e previamente á súa execución, deberase dispor do pertinente visto e prace desta xefatura territorial.

g) Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto respecto do recollido na DIA deberá ter en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos significativos sobre o ambiente, deberáselle notificar previamente á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a través da xefatura territorial, acompañado da pertinente valoración ambiental comparativa, para que o órgano ambiental o avalíe e informe sobre a súa aceptación. De ser o caso, comunicará as condicións que cómpre imporlle ou se procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental.

h) Todas estas modificacións efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas expresamente na dirección de obra, sempre e cando non fosen obxecto do correspondente modificado do proxecto para a súa autorización por parte desta xefatura territorial.

i) Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, a seguinte documentación:

– Certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Declaración responsable asinada polo director de obra en que se certifique o cumprimento de todos os condicionados técnicos aceptados pola empresa, durante a fase de tramitación administrativa.

– Documento xustificativo (asinado por técnico competente) de que no desenvolvemento do proxecto se aplicaron todas as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental propostas na documentación presentada polo promotor na tramitación ambiental, así como das condicións que complementan, matizan ou subliñan as anteriores e foron recollidas na DIA.

– Plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña de alta tensión, segundo o artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

j) Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

k) De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

l) Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselle a Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U., así como ao resto dos interesados, esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 21 de xuño de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña

ANEXO I

Alegacións presentadas durante o período de información pública e durante a tramitación do expediente, indicado no feito quinto:

Francisco Pais Lado e 7 asinantes máis o 26 de febreiro de 2021, Concello de Mazaricos o 26 de febreiro de 2021; José Salvador Blanco González o 1 de marzo de 2021; Dolores Blanco Castiñeira o 8 de marzo de 2021; Sofor Monte do Logoso, S.L. o 10 de marzo de 2021; Sofor Monte de Olveiroa, S.L. o 10 de marzo de 2021; Sofor Monte de Vilar, S.L. o 10 de marzo de 2021; Concello de Dumbría o 23 de marzo de 2021.