Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 22 de xullo de 2022 Páx. 41206

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de San Cibrao das Viñas (expediente IN407A 2022/41-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD), co CIF A63222533, e domicilio social en avenida San Luis, 77, 28033 Madrid, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública a instalacións eléctricas sitas no concello de San Cibrao das Viñas, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 9.4.2022, UFD solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se inclúen no proxecto de execución denominado proxecto para LMTA, CTI e RBT Vilanova 3 (San Cibrao das Viñas), asinado o 8.10.2021 polo enxeñeiro industrial, David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable da data sinalada, que se vai desenvolver no lugar de Vilanova, concello de San Cibrao das Viñas, cun orzamento de 27.226,22 € e que prevé a execución das instalacións que teñen as características técnicas que se detallan a seguir:

– LMTA derivada da SCV825, en condutor tipo LA-56 de 9 m de lonxitude, de alimentación a CTI proxectado sobre apoio de celosía metálica, de 100 kVA de potencia aparente e RT 20.000/400-230 V, con illante en aceite mineral.

Segundo. A solicitude someteuse a información pública por resolución desta xefatura territorial, que foi publicada no DOG do 10.5.2022 e no xornal La Región de Ourense do 3.5.2022. Ademais, a documentación que foi sometida a información pública estivo tamén á disposición no portal da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación durante o prazo regulamentario, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas as seguintes alegacións, das cales se lle deu traslado á empresa promotora UFD:

– Javier Barandela Villanueva, titular dos predios números 1 e 2 da relación de afectados, manifesta que non está de acordo co importe da indemnización ofertado pola empresa eléctrica polas afeccións ás súas propiedades, e pide información sobre a instalación na parcela catastral núm. 264 do polígono 65 (predio 1 citado) dun poste do tendido eléctrico, producida anteriormente.

Terceiro. Para cumprir co trámite previsto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e co artigo 146 no relativo á utilidade pública, foron remitidas as correspondentes separatas técnicas do proxecto aos seguintes organismos: Deputación Provincial de Ourense e Concello de San Cibrao das Viñas.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Segundo. Foron cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo II do título VII do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Dentro do trámite de condicionados con outros organismos afectados, citados no antecedente de feito terceiro desta resolución, consta no expediente a aceptación de UFD aos condicionados establecido polo Concello de San Cibrao das Viñas, e tamén dentro do prazo establecido para iso a Deputación Provincial non se manifestou en contra do proxecto, polo que a tenor da norma arriba sinalada, se entende que amosa a súa conformidade á autorización da instalación conforme o sinalado no proxecto de execución.

Terceiro. Á vista do proxecto, das alegacións presentadas, da contestación realizada pola empresa eléctrica solicitante e da lexislación de aplicación, cómpre manifestar o seguinte:

No relativo ao menosprezo derivado das afeccións e servidumes impostas hai que dicir que non corresponde a esta fase do procedemento o entrar na súa valoración por ser competencia do Xurado de Expropiación de Galicia; será no levantamento das actas previas á ocupación, trámite para o cal serán citados os afectados no momento que corresponda, cando polo perito da Administración se comproben os actuais aproveitamentos e os demais datos que han servir, xunto coas follas de valoración que presenten as partes, para que o sinalado órgano adopte a resolución do correspondente prezo xusto.

A ocupación por un apoio no predio núm. 264, á que fai alusión o sr. Barandela nas súas alegacións, como indica UFD na súa contestación de alegacións, non está incluída no presente proxecto, xa que correspondeu ao proxecto LMT Vilanova-Enfesta e derivacións, tramitado no expediente núm. 3861-AT, expediente finalizado e con autorización de posta en servizo do 24.4.1994.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 30 de xuño de 2022

O xefe territorial de Ourense
P.S.L. (Decreto 230/2020, artigo 36.3)
José Rodríguez Paz
Xefe do Servizo de Enerxía e Minas