Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40842

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 5 de xullo de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 5 de xullo de 2022, relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Rañadoiro, Regueira Vella e outros, no concello de Leiro.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Rañadoiro, Regueira Vella e outros, pertencente á CMVMC da parroquia de Serantes, no concello de Leiro, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 1 de febreiro de 2019 a CMVMC da parroquia de Serantes presentou unha solicitude (núm. 2019/225489) de revisión de esbozo do MVMC Rañadoiro, Regueira Vella e outros, situado no concello de Leiro.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 27 de maio de 2018.

– Documento-memoria da revisión de esbozo.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial (shapefile) coa proposta de revisión.

– Informe de validación gráfica alternativo.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 1 de xuño de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión abrangue unha única parcela (denominada Follente) ou couto redondo dos que conforman o monte, correspondéndose en toda a súa lonxitude con lindeiros particulares (non veciñais).

A superficie conxunta do MVMC Rañadoiro, Regueira Vella e outros, unha vez modificado o esbozo, sería de 171,3 ha fronte ás 166 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 3,2 %. En termos parciais, a parcela Follente quedaría con 23,6 ha fronte ás 20,5 ha da súa dixitalización actual, é dicir, un incremento dun 15,1 % da extensión desa parcela de monte.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de xuño de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 22 de xuño de 2022, aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Rañadoiro, Regueira Vella e outros, no concello de Leiro.

Ourense, 5 de xullo de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man común de Ourense