Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40844

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 5 de xullo de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 5 de xullo de 2022 relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Fonte do Seixo, no concello de Castrelo de Miño.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Fonte do Seixo, pertencente á CMVMC de Meizo, no concello de Castrelo de Miño, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 19 de febreiro de 2019 a CMVMC de Meizo presentou unha solicitude (núm. 2019/361621) de revisión de esbozo do MVMC Fonte do Seixo, situado no concello de Castrelo de Miño.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 27 de xullo de 2018.

– Documento-memoria da revisión de esbozo.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial (shapefile) coa proposta de revisión.

– Informe de validación gráfica alternativo.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 27 de maio de 2022 en relación coa citada solicitude. No mesmo indícase que o perímetro do MVMC obxecto de revisión correspóndese coas zonas lindeiras con propiedades particulares.

A superficie do MVMC Fonte do Seixo, unha vez modificado o esbozo, sería de 14,1 ha fronte ás 17 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 17,1 %. Non obstante, e tal como se indica do documento-memoria, a dixitalización do esbozo de clasificación revela unha superficie (máis) real de 13,1 ha, de xeito, que atendendo a este criterio, o monte non só non perdería superficie senón que a incrementaría levemente.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 27 de maio de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22 de xuño de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Fonte do Seixo, no concello de Castrelo de Miño.

Ourense, 5 de xullo de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense