Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 18 de xullo de 2022 Páx. 40318

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR711D).

O 6 de xuño de 2022 a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu o procedemento para a concesión das axudas tramitado ao abeiro da Resolución 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación do servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG núm. 16, do 25 de xaneiro), modificada pola Resolución do 22 de febreiro de 2022 (DOG núm. 39, do 25 de febreiro).

As entidades beneficiarias das axudas son os concellos, que deberán licitar as obras necesarias para executar os investimentos subvencionados de acordo cos procedementos de contratación que resultan da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014. Por outra banda, a escaseza de subministración de materiais de construción está a demorar, con carácter xeral, o ritmo de execución das obras, o que require prever prazos máis amplos dos inicialmente previstos para executar e xustificar os investimentos subvencionados.

Noutro termo, cómpre prever a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados no marco da citada anualidade, co fin de atender as necesidades financeiras dos concellos no marco da execución das actuacións subvencionadas.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 11 de xullo de 2013, feito público mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación do servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022, nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2022 será o 10 de decembro de 2022.

Dous. Modifícase o número 4 do artigo 22 do anexo I, que queda redactado como segue:

4. Unha vez cumprida a finalidade e demais condicións previstas nestas bases reguladoras tramitarase o pagamento único e final do expediente.

Non obstante o anterior, logo da solicitude dos concellos beneficiarios poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención.

A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2022

A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 2 de setembro de 2022.

A tramitación e concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da LSG, dos artigos 63 e seguintes do Decreto 11/2009 e do artigo 45.4 do Regulamento (UE) nº 1305/2013. De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

A concesión do pagamento anticipado supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía escrita da autoridade competente, que deberá acadar o 100 % do importe anticipado, nos termos previstos no artigo 63 do Regulamento (UE) nº 1305/2013. A dita garantía deberá recoller de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado.

A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural autorice a súa cancelación, unha vez que o promotor acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural