Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 12 de xullo de 2022 Páx. 39645

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2022/002-4).

Feitos:

Primeiro. O 30 de decembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Substitución apoios na LMTA LOZ803A e instalación RC.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución de dous apoios no circuíto aéreo da liña de media tensión LOZ803. No tramo LOZ803A0113 substitúese o apoio existente A3A0ATB2//42-1 por un C-2000/12, desmóntase o XS (36HS15) e instálase un reconectador. No tramo LOZ803A0114 substitúese o apoio existente A39QSEPG//42-2 por un C-1000/12. Instalación dunha liña de media tensión aérea de 71 metros de lonxitude entre os apoios proxectados. As actuacións están previstas na zona do Marco, no concello de Pontevedra.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, Augas de Galicia e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

O Concello de Pontevedra manifestou no seu informe que non aprecia afeccións aos bens municipais.

A Axencia Estatal de Seguridade Aérea non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 8 de febreiro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública, conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 23 de febreiro de 2022 e o 10 de marzo de 2022 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 8 de febreiro de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 2 de marzo de 2022.

Xornal La Voz de Galicia: 17 de febreiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra desde o 23 de febreiro de 2022 ata o 30 de abril de 2022.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución do apoio A3A0ATB2//42-1 na LMTA LOZ803A0113, por un C-2000/12, no cal se instala un reconectador e substitución do apoio A39QSEPG//42-2 na LMTA LOZ803A0114, por un C-1000/12. LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-56, de 71 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/12 e final no apoio proxectado C-1000/12.

A instalación está situada na zona do Marco, no concello de Pontevedra.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución apoios na LMTA LOZ803A e instalación RC (expediente IN407A 2022/002-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de xuño de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra