Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 12 de xullo de 2022 Páx. 39649

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, as instalacións eléctricas no concello de San Cibrao das Viñas (expediente IN407A 2021/147-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: modificado 1 do proxecto de regulamentación da LMTA DC SCV810S e SCV825-apoios números D12 e D13.

Situación: lugar de Castroverde, concello de San Cibrao das Viñas.

Características principais do proxecto, que foi redactado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, o 24.9.2021:

• Substitución na LMT DC, a 20 kV, SCV810S e SCV825, por deterioración, dos apoios núm. D12, con derivación a CT 32C432, e núm. D13, por novos apoios de celosía metálica, instalando novo condutor do tipo LA-110 cunha lonxitude de 264 m no cantón comprendido entre apoios D11 e D14; a reforma ten a súa orixe no apoio núm. D11 da LMTA DC SCV810S (expediente IN407A 2016/103-3) e SCV825 (expediente IN407A 2016/115-3), e o remate no apoio núm. D14.

• Instalación de novo apoio núm. D12-1, tamén de celosía metálica, na derivada ao CT 32C432 co substitución tamén do seu condutor, que pasa de LA-30 a LA-56, nunha lonxitude de 162 m.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 10.11.2021, que foi inserido no DOG do 3.12.2021 e no xornal La Región de Ourense do 19.11.2021. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no Portal de transparencia da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación durante o prazo regulamentario.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tamén se realizou o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 3.2.2022 e no suplemento de notificacións do BOE do 7.3.2022.

Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións contrarias á realización do proxecto.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial, resolve

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 16 de xuño de 2022

O xefe territorial de Ourense
P.S.L. (Decreto 230/2020, artigo 36.3)
José Luis Prada Suárez
Xefe de Servizo de Administración Industrial