Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 12 de xullo de 2022 Páx. 39641

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar (expediente IN407A 2022/003-4).

Feitos:

Primeiro. O 14 de xaneiro de 2022 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Enlace LMT VAA708-GON807.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun apoio C-2000/16 no circuíto aéreo da liña de media tensión VAA708 no tramo VAA7080677 e a instalación de 671 metros dunha liña de media tensión subterránea para enlazar a LMT VAA708 coa LMT GON807. As actuacións están previstas nos lugares da Gándara e A Peroleira, na parroquia de Peitieiros, no concello de Gondomar (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o informe preceptivo ás distintas administracións, organismos ou de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Gondomar, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Gondomar.

O Servizo do Patrimonio Cultural achegou unha resolución do 21 de outubro de 2021 de autorización da subministración eléctrica do enlace LMT VAA708-GON807 no lugar da Gándara e A Peroleira e indica que esta resolución lle foi remitida á empresa promotora.

Os demais organismos non emitiron condicionado técnico, polo que se entende en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 8 de febreiro de 2022, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Canto a aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 8 de abril de 2022 e o 13 de abril de 2022 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de edictos unico do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 8 de febreiro de 2022, publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia: 2 de marzo de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 17 de febreiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar: desde o 2 de marzo de 2022 ata o 13 de abril de 2022.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 671 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo-subterráneo no apoio proxectado C-2000/16 na LMT VAA708 e final no centro de transformación Peroleira. Retensado dos vans aéreos lindeiros co apoio proxectado.

A instalación está situada nos lugares da Gándara e A Peroleira, Peitieiros, Gondomar.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Enlace LMT VAA708-GON807 (expediente IN407A 2022/003-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Tamén se deberán cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de xuño de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra