Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 5 de xullo de 2022 Páx. 38403

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a Begasa as autorizacións administrativas previa e de construción para a ampliación da subestación eléctrica Barreiros 132 kV (nova posición de transformación, novo transformador 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV), no termo municipal de Barreiros (expediente 2021/48 AT).

Feitos.

1. O 19.5.2021, a entidade Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (en diante, Begasa) presentou, ante a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a ampliación da subestación eléctrica Barreiros 132 kV, á cal se lle asignou o número de expediente 2021/84-AT.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica, de conformidade coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica:

• Proxecto de execución denominado ampliación SE Barreiros 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas (colexiado nº 1.489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria) e visado por este colexio, con nº Le5/2021 e data do 27.4.2021, e no que figura un orzamento total de 1.733.642,32 euros.

• Declaración responsable do técnico proxectista do 27.4.2021, segundo o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Segundo se desprende do proxecto de execución, a ampliación da subestación eléctrica Barreiros 132 kV (situada neste termo municipal) prevé catro actuacións:

• Nova posición de transformación de 132 kV.

• Novo transformador de potencia 132/20 kV e 40 MVA de potencia.

• Novo sistema de 20 kV formado por celas compactas en illamento SF6.

• Novo transformador de servizos auxiliares TSA-2.

Tamén se instalará un armario coas proteccións da nova posición de 132 kV e do transformador de 132/20 kV dentro do edificio. Completarase coa instalación de contadores de medida, dous para o lado de AT e MT do transformador de potencia, e un para cada posición de liña de 20 kV e para cada posición de TSA. Ao finalizar a instalación desmontaranse as actuais celas de 20 kV de distribución secundaria que alimentan ao TSA-1.

Con respecto da titularidade da referida subestación eléctrica, o 27.12.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión de Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a prol de Begasa da instalación eléctrica denominada nova subestación Barreiros 132 kV. Esta subestación, para a cal o 12.6.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción (expediente IN407A 2015/115-2-8308-AT), está conformada pola seguinte infraestrutura eléctrica:

• Sistema de 132 kV con configuración de dobre barra con cerramento de barras, formada por equipos tipo híbridos e convencionais instalados en intemperie e coas seguintes posicións: 5 posicións de liña 132 kV (L/ Foz, Mondoñedo 1, Mondoñedo 2, Porzun, Doiras), 1 posición de cerramento de barras e 2 posicións de medida de barras de 132 kV.

• Sistema de 20 kV para alimentar os servizos auxiliares, formado por un grupo de tres celas de distribución secundaria en configuración de simple barra (que servirá para medida e protección do transformador de servizos auxiliares): 1 cela de liña remonte con seccionador e transformadores de intensidade, 1 cela de transformador de SSAA, con interruptor, seccionador de barras e transformadores de intensidade e 1 cela de medida, con seccionador de tres posicións contendo os transformadores de intensidade e tensión.

• Sistema de control, protección e telemando.

• Sistema de servizos auxiliares, formado por un transformador de relación de transformación 220/400 V, de onde parten as alimentacións ao armario de SSAA.

2. O 24.5.2022, a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do expediente 2021/84-AT, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para os efectos da súa resolución. A Xefatura Territorial incorporou ao expediente o informe favorable dos seus servizos técnicos, do 15.6.2022.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 101, do 27 de maio), no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11.1.2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19.3.2014).

3. Informe emitido o 15.6.2022 polos servizos técnicos da xefatura territorial en que se conclúe que se informa favorablemente o referido proxecto (ampliación SE Barreiros 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV), para a autorización administrativa previa e de construción.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a Begasa as autorizacións administrativas previa e de construción para a ampliación da subestación eléctrica Barreiros 132 kV (nova posición de transformación, novo transformador 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV), no termo municipal de Barreiros (expediente 2021/48-AT).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado ampliación SE Barreiros 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas (colexiado nº 1.489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria) e visado por este colexio, con nº Le5/2021 e data do 27.4.2021; e no cal figura un orzamento total de 1.733.642,32 euros.

2. A empresa promotora (Begasa) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais