Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 5 de xullo de 2022 Páx. 38284

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN853D).

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia para promover a cultura e a investigación en Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación en Galicia, ten como obxectivo establecer o marco para o fomento da investigación, a transferencia e valorización de resultados e a innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como a súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan de investigación e innovación de Galicia como ferramenta orientada á consecución deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como obxectivo impulsar e estruturar políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso ao crecemento e competitividade das empresas galegas mediante a implementación de tecnoloxías eficientes e programas de innovación.

Entre os obxectivos que persegue a Axencia destaca:

• Liderar as políticas de innovación das administracións públicas galegas.

• Definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento.

• Estimular a estruturación e consolidación do Sistema galego de investigación.

A Gain veu mantendo no tempo unha aposta decidida pola investigación e a innovación, desde a perspectiva de contribuír á mellora competitiva das empresas e á creación do benestar económico e social. Con todo, son moitos os cambios que se produciron en xeral en todos os sectores económicos e sociais na última década, cambios que se viron acentuados e, nalgúns casos acelerados, como consecuencia da pandemia da COVID-19, que cambiou o panorama económico mundial para os próximos anos. As rexións europeas deben abordar os desafíos económicos e sociais aos que se enfrontan dunha maneira aínda máis decisiva despois da crise, a través do apoio a iniciativas que promovan unha contorna favorable ao investimento, en que as empresas poden prosperar.

Todo iso supuxo un proceso de adaptación en diferentes ámbitos que fan necesario reformular os programas de apoio á investigación, de tal forma que tales programas dean resposta á realidade social e económica existente en todo momento, permitindo que as ditas axudas cumpran cos obxectivos para os que se crearon.

En liña cos devanditos obxectivos atópase a Estratexia de investigación e innovación para a especialización intelixente (RIS3 Galicia), impulsada desde Europa. Trátase da estratexia global de Galicia para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable e de calidade a través da innovación. Busca impulsar proxectos innovadores que redunden no benestar cidadán. Cada un destes retos está asociado a unha serie de prioridades e liñas de actuación específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos.

A Estratexia RIS3 Galicia 2021-2027 establece os requisitos para acceder aos fondos estruturais europeos, sendo a estratexia integral para articular todas as actuacións de investigación en Galicia. Tamén incorporará os grandes obxectivos 21-27 da Unión Europea: unha nova política industrial marcada pola sustentabilidade, polo Pacto verde europeo e pola transformación dixital.

As grandes metas da RIS3 Galicia 2021-2027 a través da especialización en investigación son: evolucionar o modelo produtivo, gañar competitividade e crecer de forma sustentable no tempo, xerar emprego de calidade e contribuír a dar resposta aos grandes retos e necesidades da sociedade.

A RIS3 Galicia é, por tanto, o vector condutor da transformación do modelo produtivo no marco das novas prioridades, tanto nacionais como europeas, coas que é preciso estar aliñados.

Todos estes factores puxeron de manifesto a necesidade de deseñar un novo programa de apoio á investigación, para desenvolver economías competitivas e dinámicas, capaces de crecer de maneira sustentable e mellorar o emprego desde unha perspectiva cuantitativa e cualitativa.

O obxectivo último do programa é o fortalecemento da industria galega a través da investigación empresarial, contribuíndo de maneira decisiva á competitividade global do tecido produtivo galego e xerando resultados con potencial de impacto económico significativo, a través dun apoio focalizado nos ámbitos de especialización estratéxicos para Galicia, e nas fases da investigación máis próximas ao mercado. Todo iso apoiado nunhas dinámicas de traballo e colaboración eficaces e eficientes que permiten obter resultados tanxibles en forma de produtos, procesos e servizos e cuxa explotación comercial permita crear novos recursos capaces de soster o esforzo e realizar novas apostas.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) núm. 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

En virtude da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera comunicación que se faga ao longo de todo o procedemento realizarase necesariamente por medios electrónicos a través da aplicación que se estableza para ese efecto, de conformidade co previsto nos artigos 9, 10 e 11 do mencionado texto legal.

As axudas que se concederán de acordo coas presentes bases teñen por obxecto brindar apoio para a atracción de investimentos en investigación dirixidos aos sectores con maior potencial de xeración de valor agregado, tecnoloxicamente máis avanzados, onde se necesita capital humano altamente cualificado e experimentado; en concreto, propoñerase a implantación de centros de investigación en Galicia, de nova creación, que dean lugar como mínimo a 10 postos de traballo dedicados á execución de actividades de investigación.

Sendo así, a presente resolución de bases ten por obxecto outorgar axudas á investigación, de conformidade co recollido no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

De conformidade co recollido no punto primeiro do artigo 26 do mesmo texto legal «As axudas para a construción ou mellora de infraestruturas de investigación que desenvolvan actividades económicas serán compatibles co mercado interior a teor do artigo 107, número 3, do Tratado, e quedarán exentas da obrigación de notificación establecida no artigo 108, número 3, do Tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no presente artigo e no capítulo I».

Dado que as axudas se outorgarán tanto para infraestruturas de investigación que non desenvolvan actividades económicas como para aqueloutras que si desempeñen actividades económicas, deberase atender ao disposto no punto segundo do mesmo artigo «Cando unha infraestrutura de investigación desenvolvera actividades económicas e non económicas, o financiamento, os custos e os ingresos de cada tipo de actividade consignaranse por separado, sobre a base de principios de contabilidade de custos aplicados con coherencia e xustificables obxectivamente».

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas a empresas que teñan por obxecto a creación de novos centros de investigación que complementen a oferta tecnolóxica do ecosistema de I+D+i de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN853D), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

3. As axudas concederanse baixo a modalidade de subvención en réxime de concorrencia competitiva.

4. Só se admitirá unha solicitude por empresa. Ademais, no caso de empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial, unicamente se admitirá unha solicitude por empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial. No caso de que concorran varias empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial só se admitirá aquela solicitude presentada no rexistro en primeiro lugar e serán desestimadas as seguintes.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Pequena e mediana empresa (peme): segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Para o cálculo destes efectivos, deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Actividades económicas: aquelas actividades que consisten na subministración de bens e/ou servizos nun determinado mercado, aínda cando non haxa ánimo de lucro.

4. Actividades non económicas: aquelas actividades que non consisten na subministración de bens e/ou servizos nun mercado determinado, incluídas as actividades primarias dos organismos de investigación, en particular:

i. A formación para captar persoal e mellor cualificado;

ii. A realización de I+D independente para a mellora do coñecemento cando a entidade leve a cabo unha colaboración eficaz e a ampla difusión dos resultados da investigación de forma non discriminatoria e non excluínte.

iii. Actividades de transferencia de coñecemento sempre que os beneficios xerados por elas se reinvistan nas súas actividades primarias. O carácter económico destas actividades de transferencia non se ve afectado polo feito de contratar con terceiros a prestación dos correspondentes servizos mediante concurso público.

iv. Difusión de resultados das investigacións de forma non discriminatoria e non exclusiva, por exemplo, mediante o ensino, bases de datos de acceso aberto, publicacións abertas ou programas informáticos abertos.

5. Transferencia: proceso levado a cabo polas persoas físicas ou xurídicas titulares dos resultados de investigacións ou tecnoloxías protexidas que pretendan transferir a outra persoa física ou xurídica distinta da que obtivo os dereitos sobre a propiedade e/ou uso dos devanditos resultados ou tecnoloxías nos termos pactados entre as partes, a través dun contrato específico denominado «acordo de transferencia», co obxectivo de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías a procesos de innovación.

6. Infraestrutura de investigación: as instalacións, os recursos e os servizos afíns utilizados pola comunidade científica para levar a cabo investigacións no seu sector respectivo; esta definición abarca os bens de equipamento ou instrumental científicos, os recursos baseados no coñecemento, como coleccións, arquivos ou información científica estruturada, infraestruturas de carácter instrumental baseadas en tecnoloxías da información e da comunicación, como rede, computación, programas informáticos e comunicacións, ou calquera outra entidade de carácter único necesaria para levar a cabo a investigación.

7. Activos materiais: activos consistentes en terreos, edificios e instalacións, maquinaria e equipamentos.

8. Activos inmateriais: activos que non teñen unha materialización física ou financeira, como as patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual.

9. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249 do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

10. Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha destas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se estas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos. Considérase mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

11. Empresa asociada: son empresas que teñen significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.

Son asociadas as empresas que non son autónomas nin están vinculadas entre si.

Unha empresa está asociada a outra empresa se:

– Posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % desa sociedade, ou se dita sociedade posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da sociedade solicitante.

– As sociedades non son consideradas sociedades vinculadas, conforme a definición de entidade vinculada recollida na definición 9 do presente artigo.

12. Grupo de empresa: conforme a definición recollida no artigo 42 do Real decreto, do 22 de agosto de 1885, polo que se publica o Código de comercio, existe grupo de empresa cando unha sociedade exerce ou poida exercer, directa ou indirectamente, o control doutra ou outras. Presúmese que existe este control, dunha sociedade sobre outra, cando concorra algunha das seguintes situacións:

a) Posúa a maioría dos dereitos de voto.

b) Teña a facultade de nomear ou destituír a maioría dos membros do órgano de administración.

c) Poida dispoñer, en virtude de acordos celebrados con terceiros, da maioría dos dereitos de voto.

d) Designase cos seus votos a maioría dos membros do órgano de administración, que desempeñen o seu cargo no momento en que deban formularse as contas consolidadas e durante os dous exercicios inmediatamente anteriores. En particular, presumirase esta circunstancia cando a maioría dos membros do órgano de administración da sociedade dominada sexan membros do órgano de administración ou altos directivos da sociedade dominante ou doutra dominada por esta. Este suposto non dará lugar á consolidación se a sociedade cuxos administradores foron nomeados está vinculada a outra nalgún dos casos previstos nas dúas primeiras letras deste punto.

13. Efecto incentivador: considérase que, antes de empezar a desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, o beneficiario presentou por escrito a solicitude da axuda (artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014).

14. Inicio dos traballos: considerarase ben o inicio dos traballos de construción no investimento, ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a compra de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos; no caso dos traspasos, «inicio dos traballos» é o momento en que se adquiren os activos vinculados directamente ao establecemento adquirido.

15. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia 2021-2027, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Retos RIS3:

• Reto 1: novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación. Modernización dos sectores tradicionais galegos mediante a introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e do rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos de maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

• Reto 2: novo modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento. Incrementar a intensidade tecnolóxica do tecido industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

• Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación. Situar Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun estilo de vida saudable: envellecemento activo, aplicación terapéutica dos recursos hídricos e mariños e nutrición funcional.

Prioridades do RIS3 Galicia:

• Prioridade 1: solucións científico-tecnolóxicas para a sustentabilidade. Desenvolvemento e aplicación de diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terrestres e mariños) e patrimoniais de Galicia, xerando tamén oportunidades de diversificación cara a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

• Prioridade 2: dixitalización para o novo modelo industrial e social. Apoio á tecnificación e dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego e a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

• Prioridade 3: orientación dos esforzos de I+D+i cara aos retos da sociedade en alimentación, saúde e envellecemento activo, convertendo Galicia nunha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e estudo de novas oportunidades científico-tecnolóxicas e de negocio: Galicia Living Lab.

Cadeas de valor prioritarias de Galicia:

• Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica.

• Cadea de valor da industria agroalimentaria.

• Cadea de valor da industria automotriz.

• Cadea de valor de enerxías renovables e almacenamento de enerxía.

• Cadea de valor da industria forestal e madeireira.

• Cadea de valor da industria mariña e o medio mariño.

• Cadea de valor da industria naval.

• Cadea de valor loxística.

• Cadea de valor da saúde, calidade de vida e envellecemento.

• Cadea de valor da industria téxtil e da moda.

• Cadea de valor do turismo e o patrimonio.

• Cadea de valor das TIC.

16. Organismos de investigación e difusión: son organismos de investigación e difusión (en diante, organismos de investigación), tal e como se definen no artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera entidade (ex. universidades ou centros) organismos de investigación, axencias de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas, reais ou virtuais, orientadas á investigación), con independencia da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou da súa forma de financiamento, que teñan por obxecto principal a realización, con carácter autónomo, de investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental, ou a xeneralización e difusión dos seus resultados a través da docencia, publicación ou transferencia de coñecementos.

Así, no marco desta resolución, terán a consideración de órganos de investigación:

– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.

– As universidades do Sistema universitario de Galicia.

– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

– Fundacións galegas de investigación sanitaria.

– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida a I+D como actividade principal nos seus estatutos.

17. Sociedade mercantil: son sociedades mercantís a sociedade de responsabilidade limitada, a sociedade anónima e a sociedade comanditaria por accións, de acordo coa definición que delas se recolle no Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, así como as sociedades colectivas, de acordo co recolleito no Real decreto do 22 de agosto de 1885, polo que se publica o Código de comercio.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións destinaranse, con cargo ao Capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación, á aplicación orzamentaria sinalada neste artigo, en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das novas variacións que se produzan como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de avaliación.

Aplicación
orzamentaria

Código proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Ano 2024

Ano 2025

Total

06.A2.561A.770.0

2016 00004

1.000.000,00 €

4.500.000,00 €

4.000.000,00 €

500.000,00 €

10.000.000,00 €

2. A distribución de fondos establecida para cada anualidade, na aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderá ser beneficiaria calquera empresa constituída como sociedade mercantil, conforme a definición recollida no artigo 2, que desenvolva actividades de investigación no ámbito da Estratexia de investigación e innovación para a especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia). Para levar a cabo as actividades subvencionables, as beneficiarias deberán ter a súa sede social ou un centro de traballo en Galicia.

2. Ás beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda, conforme o disposto no artigo 20 da presente resolución.

3. Requisitos que deben cumprir as entidades beneficiarias:

• As empresas que presenten propostas deben contar con personalidade xurídica e estar validamente constituídas.

• Recoller nos seus estatutos explicitamente a finalidade de contribuír á excelencia científica da investigación e contribuír ao desenvolvemento do Espazo Europeo de Investigación, así como a súa competitividade económica, e para logralo estará aberta á comunidade científica europea en xeral de acordo coas normas fixadas polos seus estatutos.

• Contar co domicilio social e/ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

• Non estar suxeitas a unha orde xudicial para recuperar axudas que se considerasen ilegais e incompatibles no contexto dunha decisión da Comisión Europea, ou ter dificultades no sentido das directrices da Comisión Europea sobre axudas de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

• Deberán estar ao día nas obrigacións coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Tributaria e o Goberno de Galicia.

4. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 e que non son empresas en crise.

5. Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) Os organismos de investigación indicados no punto 16 do artigo 2 desta resolución.

b) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

c) Aquelas entidades que posúan un dereito de concesión sobre o centro ou sede onde realicen a actividade.

d) Entidades que non desempeñen actividades económicas.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) As empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2.

g) As empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea en que se declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) As empresas en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. As actividades que poderán ser obxecto de subvención serán aquelas iniciativas empresariais que dean lugar á creación de novas infraestruturas de investigación en Galicia onde levar a cabo actividades de investigación básica e aplicada que non está a desenvolver actualmente na Comunidade Autónoma galega o solicitante. Estes centros realizarán actividades no ámbito da Estratexia de investigación e innovación para a especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia) e desenvolverán actividades económicas.

2. Serán subvencionables os custos de investimento en activos materiais e inmateriais, así como os custos salariais de persoal investigador de nova contratación conforme se detallan no artigo 6 destas bases.

3. Para ter a consideración de subvencionable, o centro de investigación empresarial deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) A iniciativa debe ser promovida por empresas privadas conforme a definición recollida no artigo 2 desta resolución.

b) O centro de investigación non poderá preexistir en Galicia no momento de solicitude da subvención en resposta á correspondente convocatoria. Por tanto, a solicitude de axuda terá como propósito crear un novo centro de traballo e/ou crear unha nova infraestrutura de investigación.

c) O centro de investigación deberá estar fisicamente en Galicia, os seus medios e instalacións deben estar perfectamente delimitados, identificados e diferenciados fisicamente do resto da empresa antes de que finalice o prazo de xustificación.

d) O centro de investigación deberá acoller polo menos 10 empregados (a tempo completo) dedicados exclusivamente ao desenvolvemento de actividades de investigación no centro de nova creación obxecto desta axuda. Este requisito deberase cumprir no momento do fin do prazo de execución do proxecto subvencionado, así como aos 3 anos tras a finalización do prazo de execución. As novas contratacións deberán acreditar a ausencia de vinculación empresarial co solicitante ou empresas vinculadas e asociadas a el nos 6 meses anteriores á data de contratación.

e) O orzamento mínimo das propostas será de 3.000.000,00 € e o máximo será de 20.000.000,00 €.

f) A vixencia e funcionamento do centro de investigación en Galicia en relación coas actividades obxecto de subvención deberá ser, polo menos, cinco (5) anos contados desde a data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

g) O acceso ás infraestruturas estará aberto a varios usuarios e concederase de forma transparente e non discriminatoria. A empresa promotora do centro poderá beneficiarse do acceso preferente en condicións máis favorables, para o cal se publicarán as tarifas correspondentes. Co fin de evitar unha compensación excesiva, este acceso será proporcional á contribución da empresa aos custos de investimento e esas condicións faranse públicas.

De conformidade co anterior, o promotor do centro deberá aprobar e publicar a súa política de acceso ás infraestruturas de investigación, segundo a súa «proposta de explotación do centro», tendo en conta a posibilidade de recoller condicións de acceso preferente para a propia empresa promotora. Esta política de accesos deberá ter en conta os principios e directrices recollidas na Carta europea de acceso ás infraestruturas de investigación.

Respecto á posibilidade de que a empresa promotora poida beneficiarse do acceso preferente, a política de acceso ás infraestruturas definirá con detalle as condicións obxectivas do devandito acceso preferente, e deberanse fixar límites ao devandito acceso en función da participación da empresa nos custos de investimento. Tendo en conta que, de conformidade co recollido no artigo 26.6 do Regulamento 651/2014, a intensidade da axuda non deberá exceder o 50 % dos custos subvencionables, a proporción máxima de acceso preferente será o resultado de ponderar a contía de investimento achegado polo promotor, en función da contía total do investimento (subvencionable e non subvencionable).

h) O prezo que se cobre polo funcionamento ou utilización das infraestruturas deberá corresponder ao prezo de mercado.

i) As actividades de investigación que desenvolve o centro deben enmarcarse nos campos de especialización definidos como prioritarios na especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia). O centro de investigación poderá centrarse na investigación en áreas como a eficiencia enerxética, a mellora da sustentabilidade do seu proceso ou produto, a descarbonización da súa actividade, a incorporación de aspectos da economía circular, o mellor aproveitamento dos recursos ou a dixitalización da cadea de valor, entre outros.

j) As actividades de investigación que se realicen no novo centro creado deberán constituír unha nova liña de actividade para a empresa. Esta circunstancia producirase ben porque a empresa non realizaba previamente labores de investigación, ou ben porque, aínda realizando investigación previamente, levará a cabo a dita actividade nunha rama científica-tecnolóxica nova e, por tanto, supón unha diferencial fronte ao resto de actividades levadas a cabo pola empresa no caso de que xa tivese centros de traballo en Galicia.

k) Co obxecto de garantir os principios de transparencia e non discriminación, rexistraranse os usuarios (persoas xurídicas e/ou físicas) do centro.

4. O prazo de execución virá determinado na resolución de concesión, e en calquera caso virá determinado polos seguintes límites:

• Anualidade 2022: inicio desde a solicitude da axuda e ata o 30 de setembro de 2022.

• Anualidade 2023: desde o 1 de outubro de 2022 e ata o 30 de setembro de 2023.

• Anualidade 2024: desde o 1 de outubro de 2023 e ata o 30 de setembro de 2024.

• Anualidade 2025: desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 31 de maio de 2025.

5. Os centros subvencionados deberán cumprir o disposto respecto do efecto incentivador. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presenta antes do inicio da actividade. Entenderase que a actividade comeza co primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou traballos correspondentes, ou outro compromiso que faga o investimento irreversible se esta data é anterior. Os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Artigo 6. Conceptos de gasto subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que teñan por obxecto a construción dunha nova infraestrutura de investigación, así como a reforma ou adaptación necesaria dun inmoble para o funcionamento e inicio da nova actividade de investigación. Tamén serán subvencionables aqueloutros gastos relativos ao investimento en bens de equipamento e instalacións necesarias para o funcionamento do centro de nova creación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Consideraranse custos subvencionables os seguintes:

a) Adquisición de terreos: adquisición dos terreos necesarios para o centro, traídas e conexións de servizos, urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades. A contía máxima subvencionable do custo do terreo non poderá superar o 10 % do investimento subvencionable total da operación.

b) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas e laboratorios, así como outras estancias necesarias para as actividades de investigación do centro, tales como obras relacionadas co proxecto, realizadas en terreos de propiedade polo solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos.

c) Os custos das reformas de instalacións que se realicen sobre inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos desde a data de posta en servizo da infraestrutura.

d) Adquisición de edificios ou construcións por un importe non superior ao 10 % do investimento total subvencionable da operación. Esta porcentaxe poderá ser superado se a operación consiste, de acordo co seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións existentes para ser rehabilitadas ou acondicionadas para unha nova finalidade, de maneira que o terreo en que se sitúan non constitúa o elemento principal da adquisición. A edificación non se considerará como elemento principal dunha adquisición, calquera que sexa o obxecto ou destino da operación, cando o valor de mercado do chan sexa superior ao valor de mercado da edificación no momento da compra.

e) Bens de equipamento necesarios para levar a cabo a actividade investigadora: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

Os bens de equipamentos adquiridos deberán ser novos ou cumprir os seguintes requisitos:

– Que os bens non fosen obxecto de ningunha subvención autonómica, estatal ou comunitaria.

– Que o prezo non exceda o valor de mercado de referencia ou o custo de bens novos similares, o que deberá ser certificado por un taxador independente.

f) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas na medida en que sexan necesarios para a implantación do novo centro.

A instalación do equipamento coa condición de que sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de investigación e non de uso xeral.

g) Outros investimentos en inmobilizado material, incluído o mobiliario.

h) Os activos intanxibles directamente coa actividade do centro, tales como aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licenzas de fabricación e patentes, gastos de I+D e outros activos intanxibles ligados a plans de innovación tecnolóxica, en contía non superior ao 50 % do investimento subvencionable aprobado, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

1º. Utilizaranse exclusivamente no establecemento receptor da axuda.

2º. Deben ser considerados activos amortizables.

3º. Deben ser adquiridos a terceiros alleos ao comprador en condicións de mercado.

4º. Incluiranse no patrimonio da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

i) Custos de persoal investigador de nova contratación: serán subvencionables os custos salariais do persoal de nova contratación que supere o requisito mínimo de 10 investigadores segundo o artigo 5, e ata un máximo financiable de 20 investigadores.

O persoal de nova contratación, financiable ou non, deberá dedicarse de maneira exclusiva, cunha dedicación do 100 %, a tarefas de investigación, a xornada completa e non ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos 6 meses anteriores á formalización do contrato. Non se admitirán os contratos de prácticas.

O persoal cuxo custo se impute na solicitude da axuda deberá ter relación contractual coa entidade beneficiaria e estar de alta laboral nun centro de traballo sito na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorrese neles de maneira efectiva, e inclúen os salarios fixados nun contrato de traballo ou na lei, e que teñan relación coas responsabilidades especificadas na descrición do posto de traballo correspondente.

Só se admitiran os custos salariais correspondentes ao primeiro ano de contratación, contados desde a data de inicio da relación contractual, coa condición de que estean incluídos no período de execución da segunda, terceira ou cuarta anualidade do proxecto.

Os custos de persoal que se subvencionan serán os máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo

cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual
(Salario base + % Seguridade Social a cargo da empresa)

1

Enxeñaría/licenciatura/persoal de alta dirección

37.350,00 €

2

Enxeñaría técnica, peritaxe e axudantes con título/diplomatura

32.682,00 €

3

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

26.145,00 €

4

Axudantes sen titulación

21.475,00 €

5

Oficiais administrativos

21.475,00 €

Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos de salario base do persoal e a parte proporcional do custo da Seguridade Social a cargo da empresa.

Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos do persoal que non teña relación laboral contractual coa entidade beneficiaria da subvención, salvo no caso dos autónomos societarios retribuídos a través de nómina.

b) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión.

c) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.

d) Os custos de persoal directivo e de xerencia que realice labores de I+D+i no caso de medianas empresas e de pequenas empresas que non teñan a categoría de micropemes.

e) Os pagamentos salariais xustificados mediante factura, en todo caso.

Calquera modificación no persoal proposto na solicitude deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de producirse substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.

Consideraranse gastos de persoal subvencionables os custos brutos de emprego de persoal de nova contratación do beneficiario nos termos indicados na norma 6, número 2, da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014-2020.

3. No caso de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

4. Non se inclúen como subvencionables:

– Os custos de material, subministracións e produtos similares, tampouco os custos de material de oficina e consumibles informáticos.

– Os custos de subcontratación para desenvolver a actividade de investigación do centro.

5. Os investimentos subvencionables non poderán comezar antes da presentación da solicitude de axuda en aplicación da definición de efecto incentivador. Ningún dos custos alegados polos cales se solicita unha subvención pode efectuarse antes desta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto non sería elixible. Para ese efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario de solicitude de axuda electrónica.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando existe un primeiro e firme compromiso para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos incluídos na axuda. Neste sentido, considérase que existe un compromiso firme no caso da existencia dun contrato ou oferta subscrito entre as partes, ou a existencia dun pedido, por calquera dos elementos elixibles.

Para estes efectos, non se considera inicio da actividade subvencionable a compra de terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade.

Artigo 7. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida para cada proxecto de implantación dun novo centro de investigación determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos no artigo 25 e 26 do Regulamento (UE) nº 651/2014, de acordo coa seguinte táboa:

Intensidade de axuda

Pequenas empresas

Medianas empresas

Grandes empresas

Investimento en activos

50 %

Gastos de persoal investigador para levar a cabo investigación industrial

70 %

60 %

50 %

Gastos de persoal investigador para levar a cabo investigación industrial, no caso de que a empresa se comprometa a difundir amplamente os resultados da actividade investigadora a través de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta

80 %

75 %

65 %

2. A axuda da Axencia Galega de Innovación non superará o importe máximo de 5.000.000 de euros por beneficiario.

3. O orzamento financiable establecerase en función do custo total da actividade financiada.

4. Esta convocatoria establécese en réxime de concorrencia competitiva ata o esgotamento do crédito e conforme os criterios de avaliación establecidos nesta convocatoria.

5. As cantidades concedidas poderán cubrir total ou parcialmente a actividade que se incentiva, sen que, en ningún caso, incluída o posible cofinanciamento, se supere o custo real da actividade financiada.

6. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao amparo das presentes bases serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican na táboa anterior.

Artigo 8. Ofertas

1. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable cun mesmo provedor no global do proxecto supere a contía de 40.000 euros no caso de custo por execución de obra, ou de 15.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e contrasinal Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se entregan son certos e acepta as condicións e obrigacións recollidas nesta convocatoria.

c) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

f) Declaración responsable de que desenvolverán en Galicia as actividades para as que se solicita a axuda.

g) Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal solicita a axuda.

i) Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

j) Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

k) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

l) Declaración responsable de non consideración de empresa en crise. Con todo, a Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

m) Declaración responsable de que non está incursa nun procedemento de concurso de acredores.

n) Declaración responsable de que non recibiu axudas de salvamento nin de reestruturación.

o) Declaración responsable de que, de ser o caso, se concederá unha licenza non exclusiva en condicións de mercado non discriminatorias a terceiros no Espazo Económico Europeo respecto dos desenvolvementos obtidos no plan subvencionado.

p) Declaración responsable de que a actuación non se iniciou antes da data de solicitude da axuda.

q) Declaración responsable de que as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nelas, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non gozarán de acceso preferente aos resultados que xeren.

Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas nas devanditas declaracións no momento en que se produza.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As empresas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación complementaria:

Documentación económico-administrativa:

a) Declaración responsable relativa á condición de peme (anexo III).

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos anexo III-A, anexo III-A1, anexo III-B ou anexo III-B1, segundo corresponda.

Tamén, como documentación complementaria, deberase achegar para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas a documentación das alíneas b) e c) deste artigo.

b) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.

c) Poder de representación verificado, de ser o caso.

Documentación técnica (anexo II: modelo de memoria):

a) Memoria técnica de creación do centro de investigación empresarial.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Certificado de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter a súa dirección electrónica habilitada a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN853D, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 881 99 94 71 e 981 95 70 08 desta Axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro público de subvencións e dos aspectos previstos no artigo 11 da Lei orgánica  3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regulan a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases ou non se xunta da documentación exixida, requirirase o interesado, mediante un anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, tras a correspondente resolución. Se a instrución do procedemento aconselláseo, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

3. A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que proporcione cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de selección.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

8. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composto por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un/unha xefe/a de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dúas persoas empregadas públicas da Axencia Galega de Innovación, das cales unha actuará como secretaria, con voz e sen voto.

2. A comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude conforme os criterios de valoración establecidos no artigo seguinte.

Propoñerase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles, e quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima indicada no punto 2 do artigo seguinte.

3. A comisión de selección emitirá un informe final en que figurarán, de maneira individualizada, as solicitudes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 18. Criterios de avaliación

1. A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nestas bases será realizada por xestores/as técnicos/as da Gain que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

2. A valoración de cada proxecto que reúna os requisitos exixidos nestas bases realizarase sobre un total de 100 puntos, que se outorgarán atendendo aos criterios de avaliación que se desagregan a continuación. A puntuación mínima para optar á axuda será de 60 puntos.

Puntuación máxima

Puntuación mínima

Epígrafe da memoria técnica (anexo II)

20

10

1. Presentación da empresa promotora do centro

15

Historia da empresa

Actividade empresarial

Capacidade industrial e tecnolóxica

Posición de mercado

5

Estados financeiros da empresa

30

20

2. Proposta de centro de investigación empresarial

5

Necesidade de creación do centro

10

Obxectivos do centro

10

Salto tecnolóxico

5

Capacidades e experiencia da empresa nos ámbitos de investigación

10

5

3. Orzamento

0

Orzamento detallado

5

Descrición cualitativa dos investimentos

5

Proposta de explotación comercial do centro

40

25

4. Impacto do centro de investigación empresarial

5

Localización do centro de investigación

2

Localización en zonas despoboadas ou rurais segundo a Orde do 9 de febreiro de 2017, da Consellería de Facenda, pola que se determinan as parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais (...) (DOG núm. 29, do 10 de febreiro)

3

Aspectos de impacto na contorna do centro

10

Xeración de emprego e organigrama

2

Valoración xeral do organigrama previsto para o centro creado, especialmente a calidade dos postos e cualificacións destes a 3 anos

2

Composición paritaria das novas contratacións previstas no momento de creación do centro:

0 ptos. se a contratación prevista de mulleres é inferior ao 40 % do total

1 pto. se a contratación prevista de mulleres é >=40 %

2 ptos. se a contratación prevista de mulleres é >=60 %

1

Se o consello de administración actual da empresa solicitante conta con mulleres >=40 %

1

Contratación prevista de persoal con diversidade funcional

4

Persoal investigador financiable xerado na creación do centro:

– De 11-15: 1 punto

– De 15 a 20: 2 puntos

– De 21 a 25: 3 puntos

– Máis de 25: 4 puntos

10

Complementariedade no ecosistema de I+D+i galego

10

Resultados da investigación

5

Difusión da investigación

100

60

Nos criterios de avaliación valoraranse a viabilidade e a capacidade técnica para a posta en marcha do centro de investigación e desenvolver a actividade prevista nel. Para iso, terase en conta a experiencia da empresa en I+D+i, así como a súa posición no mercado, para cualificar a capacidade de transferencia e sinerxía no sector ou cadea de valor en que opera. Do mesmo xeito, valorarase a capacidade financeira da entidade para asumir o investimento, autofinanciamento e capacidade operativa futura do centro.

A empresa deberá presentar unha exposición clara da misión e dos obxectivos do centro que se vaia crear, o seu aliñamento coa actividade da empresa ata a data e as súas capacidades para iniciar e continuar a I+D que se propón para el. Valorarase a especificidade, cuantificación e viabilidade dos obxectivos. Terase en conta o salto tecnolóxico proposto na investigación básica e aplicada que realizará o centro nos 5 anos seguintes á finalización do investimento, indicando os TRL que se pretenden alcanzar.

En canto ao orzamento, terase en conta a necesidade e coherencia dos investimentos coa actividade que vaia levar a cabo, así como a claridade das actuacións, gastos e provedores previstos nel. Pola súa vez, valorarase a actividade económica do centro para a súa sustentabilidade futura. Terase en conta a previsión de actividades económicas e a súa proposta de control e contabilidade separada.

Por último, farase unha valoración do impacto e sinerxía do centro de investigación co ecosistema de innovación de Galicia. Dunha parte, valorarase a localización do centro a nivel territorial, a súa capacidade de dinamización na comarca de influencia tanto a nivel demográfico como empresarial e tecnolóxico. Cualificarase a idoneidade do organigrama inicial para a creación do centro, así como a súa proxección prevista a 5 anos. Na devandita valoración terase en conta a contratación de persoas de alta cualificación. En concreto, teranse en conta a creación de emprego, o equilibrio de xénero e a inclusión social prevista no emprego que se pretende xerar.

Doutra parte, valorarase a complementariedade do centro no conxunto do ecosistema tanto desde o punto de vista técnico (equipamento e infraestruturas singulares creadas), así como tecnolóxico no referente ás liñas de investigación previstas no centro e á súa demanda actual e futura, tanto por axentes de coñecemento como por empresas de Galicia. Analizaranse os resultados previstos pola investigación levada a cabo, a súa capacidade de ser transferida ou comercializada, así como a necesidade de desenvolvemento tecnolóxico futuro, tanto pola empresa como por parte doutros axentes do ecosistema. Finalmente, valorarase a proposta de difusión da investigación levada a cabo, especialmente o carácter aberto e transparente do centro e a súa contribución á investigación aberta ou integración de entidades á investigación e ao desenvolvemento.

3. No caso de empate nas puntuacións daquelas solicitudes que superen o limiar da puntuación mínima, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que obteñan maior puntuación nos criterios de puntuación de xeración de emprego e organigrama.

No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración de maior puntuación, e así sucesivamente.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do devandito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos investimentos que deban financiarse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución.

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao amparo destas bases será de catro (4) meses contados a partir do día seguinte ao do final do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e deberán obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no plan.

2. Con todo, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevindas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non poderán supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa do órgano concedente, minoracións que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto e non se superen as porcentaxes máximas establecidas por concepto subvencionable. O beneficiario deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. A solicitude de modificación debe formulala o representante legal da entidade beneficiaria, expresará os motivos dos cambios que se propoñen e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada no rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, tras a instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificaráselle ao interesado.

6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades concedidas, cun límite do vinte por cento do custo concedido para cada anualidade, variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 1 de outubro de 2022, 2023 ou de 2024 para a anualidade seguinte. Na anualidade 2025 esta redistribución non poderá solicitarse.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 20 desta resolución.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao amparo destas bases, os interesados poderán interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer un recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Obrigacións dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nestas bases, os beneficiarios das subvencións concedidas ao amparo desta resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento en que se establecen as condicións de axuda.

2. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e goce da subvención.

3. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

4. Fornecer á Administración, despois de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento dos deberes previstos na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5. Cumprir a normativa aplicable comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

6. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao amparo desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos, contados a partir do ano en que finalizan as actividades obxecto da axuda.

8. Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

9. Desenvolver as actividades do proxecto na Comunidade Autónoma de Galicia.

10. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público. En caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida. Isto debe ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

11. Manter o investimento durante un prazo mínimo de tres anos desde o pagamento final ás entidades beneficiarias, sen prexuízo da obrigación de manter o investimento de 5 anos para os bens inscritibles nun rexistro público exixida polo artigo 29.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

12. Para a contratación do persoal financiado con base nesta orde de axudas, a entidade beneficiaria debe cumprir o seguinte:

• Unha vez recibida a notificación da resolución de concesión, procederá á contratación do persoal concedido no prazo e nos termos establecidos na devandita resolución.

• As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas nun código de conta de cotización que corresponda de acordo con estas bases.

• Os contratos de traballo subscritos deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, excepto no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

• As contratacións que incumpran calquera destes requisitos non poderán ser incentivadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito á cobranza ou reintegro das axudas de conformidade co disposto nos artigos 30 e 31 desta resolución.

13. Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación unha autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

14. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da investigación. En particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido.

15. Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia, para o que será convocada expresamente con antelación. A esta xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente ao cado de persoal da beneficiaria vinculada ás tarefas do proxecto.

16. Realizar un evento de difusión ao fin do prazo de execución para expoñer a iniciativa e as actividades previstas no centro creado non suxeitas á confidencialidade. Este evento realizarase, como máximo, 6 meses despois da finalización da actuación subvencionable. No evento poñerase de manifesto o apoio da Axencia Galega de Innovación. A data de celebración do evento deberá ser comunicada cunha antelación mínima de 10 días naturais.

17. Colocar, nun lugar visible para o público, un cartel informativo, de tamaño mínimo A2, en que figurará, como mínimo, o nome da actividade subvencionada, o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

18. Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento da Axencia Galega de Innovación. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación». As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na sua epígrafe de axudas.

19. Calquera outra obrigación imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención segundo o artigo 26, utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

2. Os prazos de xustificación serán os seguintes:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos)
e realización de pagamentos dos gastos executados

Prazos de presentación
da documentación

Primeira anualidade

Desde a data de solicitude ata o 30 de setembro de 2022

Ata o 14 de outubro de 2022

Segunda anualidade

Desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023

Ata o 14 de outubro de 2023

Terceira anualidade

Desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024

Ata o 14 de outubro de 2024

Cuarta anualidade

Desde o 1 de outubro de 2024 ata o 31 de maio de 2025

Ata o 15 de xuño de 2025

3. Deberá presentarse a documentación xustificativa económica e técnica necesaria para acreditar a execución das actividades subvencionables.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación, (http://gain.xunta.gal), será preciso presentar a documentación de maneira ordenada seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

4. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrado de maneira explícita a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación, e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos na presente convocatoria e normativa de aplicación.

6. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertindo de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de recibir cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Documentación xustificativa económica

1. Para a xustificación de cada anualidade, a empresa beneficiaria achegará a seguinte documentación, cuxos modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación, http://gain.xunta.gal, xunto coas instrucións necesarias, a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e custos.

De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desoutras axudas concedidas para a mesma finalidade e custos.

b) No caso de que a entidade beneficiaria se opoña ou non manifeste consentimento expreso para a súa consulta por parte do órgano xestor, achegaranse os certificados que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, conforme os beneficiarios están ao día nas súas obrigas tributarias.

c) Un resumo da execución do investimento en que consten o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gasto.

d) De ser o caso, indicación por concepto subvencionable das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada.

e) O beneficiario tamén deberá cubrir, na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de xustificación, os seguintes datos relativos á contabilidade, en que se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obrigación establecida no artigo 24.7: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

f) O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 11 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

g) O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. A Axencia Galega de Innovación poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

h) No caso de bens de equipamento de segunda man, declaración asinada polo representante legal de cada entidade en que se detalle que o equipamento e o material instrumental imputado á subvención non foi adquirido con fondos ou axudas públicas, conforme o número 9 do título II da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro de 2016 (BOE núm.315, do 30 de decembro).

i) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel.

j) Documentación xustificativa do pagamento: conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

• Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados: a) o receptor do pagamento, que debe coincidir co emisor da factura; b) o emisor do pagamento, que debe coincidir co solicitante da axuda e c) o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

• Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, achegarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagas conxuntamente con outras non referidas ao plan, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da entidade coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados conforme o establecido nos parágrafos anteriores.

A Axencia Galega de Innovación poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

k) Para a xustificación do custo de adquisición de terreos, obra civil e adquisición de inmobles deberá achegarse:

1) Escritura pública, que terá que facer constar que o ben se destinará ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida. Estes aspectos deben inscribirse no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2) En caso da adquisición de activos de segunda man:

1) Identificación da titularidade do propietario do establecemento a quen se lle adquiren os bens e declaración de se existe vinculación co/coa solicitante.

2) Informe de taxación dun técnico/a independente sobre os activos.

3) Certificación do/da propietario/a do establecemento sobre se os activos foron obxecto dalgunha axuda pública.

3) Licenza municipal de obra no caso de que inclúan obra civil. No caso de obras acollidas ao sistema de comunicación previa segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (en diante, Lei 9/2013), deberá acompañarse dun certificado emitido polo Concello que indique que esa comunicación é eficaz.

4) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, no caso de plans de creación dun novo establecemento ou de inicio dunha nova actividade.

5) No caso de investimentos en obra civil, deberán achegar os seguintes planos:

i) Esbozo de localización dentro do termo municipal.

ii) Plano xeral acoutado das instalacións, diferenciando a situación anterior da posterior ao investimento, en que deberá poder verificarse a superficie correspondente á obra civil.

iii) Planos de distribución en planta, en que se aprecien os espazos de nova construción e a instalación dos novos bens de equipamento.

6) No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas deberán achegar:

i) Declaración do vendedor sobre que a edificación ou construción non foi obxecto de ningún tipo de subvención autonómica, nacional ou comunitaria.

ii) Taxación dun experto independente que certifique o valor de mercado dos bens que se van adquirir e que este é inferior ao custo de bens novos similares.

• No caso de adquisición de edificacións ou construcións novas, deberá achegarse taxación dun experto independente que certifique o valor de mercado dos bens que se vaian adquirir.

l) Para a xustificación do custo de persoal de nova contratación destinado ao plan deberá achegarse:

1) Copias dos contratos de traballo subscritos co persoal subvencionado en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do plan, conforme os requisitos desta convocatoria.

2) Copia da vida laboral ampliada do persoal subvencionado actualizada na data de xustificación.

3) Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do representante legal da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do plan, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do plan.

4) Informe de cotizacións individual de cada traballador (IDC).

5) Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao plan subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Estas follas acompañaranse dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

6) Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do plan, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación antes de finalizar o mes seguinte a aquel en que ao beneficiario lle corresponda liquidar eses gastos.

7) Copias das nóminas do persoal dedicado ás actividades do plan de innovación e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

8) Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

9) Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

10) De ser o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

2. No caso de adquisición de activos intanxibles, deberanse acreditar as condicións establecidas na alínea h) do artigo 5.2 destas bases, mediante informe de auditoría inscrito en exercicio no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, verificando o cumprimento das condicións 1), 2), 3) e 4) do devandito artigo.

3. Certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE, só para os casos de que o IVE non sexa recuperable.

4. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000,00 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento e servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, ou iguale ou supere a contía de 40.000,00 euros no caso das obras, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo, entrega do ben ou execución da obra, salvo que polas especiais características non exista no mercado un suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. Para os efectos de acreditar a creación do emprego no centro ou sede requirido nestas bases no artigo 4.4, a empresa beneficiaria deberá presentar:

i. Copia da vida laboral ampliada do persoal contratado actualizada na data de xustificación.

ii. Copia do informe de vida laboral do centro de investigación:

• No momento de xustificación final da actuación subvencionable.

• Á finalización dos 3 anos tras concluír o prazo de execución.

6. Cando resulte necesario para a comprobación da actuación subvencionada, do gasto ou do seu pagamento, as convocatorias ou as resolucións de concesión poderán exixir a presentación doutra documentación xustificativa que resulte adecuada para tal fin.

Artigo 27. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica do investimento constará de documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio que xustifique o cumprimento das obrigas de publicidade previstas nesta convocatoria.

2. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvoltas deberá presentarse en PDF polos medios electrónicos do rexistro da Xunta de Galicia e constará dun informe técnico normalizado (parcial ou final), segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación, en que se deberá incluír xustificación de cumprimento das normas de publicidade.

3. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 28. Pagamento

1. O pagamento da axuda da Axencia Galega de Innovación efectuarase ao beneficiario ou entidade con dereito a cobralo, despois da verificación da documentación xustificativa presentada e das accións de inspección e verificación preceptivas para cada anualidade.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria. A concesión destes pagamentos realizarase mediante resolución motivada.

3. O beneficiario poderá solicitar o anticipo para cada anualidade de ata o 50 % do importe concedido para cada anualidade. A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude no modelo que estará á súa disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e en que se incluirá unha declaración responsable de iniciar as actividades subvencionables, así como achegar a documentación complementaria indicada: declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas e a certificación bancaria actualizada onde se materializará o pagamento. A concesión dos anticipos realizarase mediante resolución motivada.

4. No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención que implique reintegro dun importe por parte do beneficiario, detraerase do importe do pagamento anticipado desta anualidade.

5. A concesión dos anticipos quedará condicionada ao cumprimento, por parte do beneficiario, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Finalizada o investimento, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, e é obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a todas as entidades beneficiarias. Tras esta visita, efectuarase unha avaliación do investimento presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo, se non se acadan as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do plan inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización.

Artigo 29. Garantías

No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Perda do dereito a cobrar da subvención

1. É causa de perda do dereito a cobrar a subvención que o beneficiario incumpra a súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito a cobrar a subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboou a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito a cobrar a subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 31. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración do plan. Pola contra, perderá o dereito á súa cobranza e/ou, de ser o caso, procederá o reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) A falsidade, a inexactitude ou a omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión e publicidade.

e) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

g) A non comunicación á Axencia Galega de Innovación da obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) A obtención de financiamento de distintas orixes ou a concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

i) Non manter un sistema de contabilidade separada.

j) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito á cobranza ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos na resolución, así como a obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do plan darán lugar á perda parcial do dereito a cobrar a subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables; de ser o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas nesta proporción.

b) Se se incumpriron as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e supoñerá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico, sempre que se alcance a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas supoñerá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención supoñerá a perda do 5 % da subvención concedida, independentemente dos resultados da concorrencia de axudas, e sen prexuízo do reintegro total no caso de non cumprirse os límites establecidos no presente artigo.

e) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, supoñerá a perda dun 2 % da subvención concedida.

f) Non respectar o mantemento do emprego de nova creación indicado na resolución aprobatoria por un período de 3 anos desde finalización da execución do investimento será causa de reintegro a razón de 1 % por emprego non mantido, cun máximo do 15 %.

g) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

h) Non adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas no artigo 24 desta resolución será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

i) Incumprimento dos indicadores de impacto indicados no artigo 35 desta resolución.

O incumprimento dos indicadores mínimos indicados supoñerá o reintegro parcial a razón dun 2 % por cada un dos indicadores sinalados cun máximo do 10 %, coa excepción do indicador de emprego, que se rexerá polo indicado na letra f) neste artigo.

j) Non manter os investimentos durante o período establecido no artigo 24.11, supoñerá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, e aplicarase a minoración conxunta correspondente.

5. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

6. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No caso das condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 33. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican nesta resolución, iniciarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas do Estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) No caso de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu devandito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario no curso dos devanditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 35. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar anualmente os beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Tras a xustificación final da actuación subvencionables, e previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000,00 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento pola Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

6. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño , de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

7. Para os efectos de comprobar a efectiva realización da actividade obxecto de subvención e o cumprimento das obrigas, ao cabo de tres (3) anos desde finalización do investimento, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

i. Unha declaración sobre o emprego comprometido no marco da axuda concedida, o emprego creado na finalización de execución do investimento, e o emprego na data actual (con límite do último día do mes previo a finalizar o prazo de presentación), desagregado por tipoloxía de contrato, xénero e titulación. Esta declaración estará acompañada do informe de vida laboral do centro de traballo financiado no marco desta axuda. Achegarase á documentación o informe de vida laboral do centro de investigación ou equivalente.

ii. Unha memoria descritiva das actividades e logros realizados no período temporal indicado e en relación cos indicadores recollidos a continuación.

Aplicaranse os seguintes indicadores (I) para efectos de determinar o impacto da actividade:

– Mantemento de emprego conforme o mínimo recollido na presente resolución (I.EMPREGO).

– Publicacións científico-técnicas, presentacións e comunicacións a congresos ou similares (I.PUBLI).

– Patentes ou outras formas de protección industrial acreditable (I.PATENTE).

– Colaboración aberta do centro (I.COLABORACIÓN).

Indicador

Descrición

Cumprimento ( %)

I.EMPREGO

Incremento do número de postos creados adicionais na oferta presentada polo beneficiario

≥ 100 % do previsto na solicitude

I.PUBLI

Publicacións científico-técnicas, presentacións e comunicacións a congresos celebrados

≥ 60 % do previsto na solicitude

I.PATENTES

Nº patentes rexistradas

≥ 60 % do previsto na solicitude

I.COLABORACIÓN

Nº de empresas usuarias dos servizos de pagamento do centro de investigación.

Nº de empresas que colaboran coa empresa titular do centro de investigación a través de proxectos acreditables

≥ 60 % do previsto na solicitude

Outro indicador á elección do beneficiario

Será definido pola empresa, terá que ser coherente coa súa actividade, cuantificable, medible e certificable

≥ 60 % do previsto na solicitude

Co obxecto de verificar o cumprimento dos indicadores recollidos, os beneficiarios deberán presentar a documentación acreditativa respecto diso, que será a seguinte:

Indicador

Forma de acreditación

I.EMPREGO

Informes e documentos oficiais de alta na Seguridade Social

I.PUBLI

Documentos, actas, vídeos das presentacións realizadas

I.PATENTES

Certificados de inscrición

I.COLABORACIÓN

Declaracións asinadas das empresas usuarias dos servizos do centro ou proxectos en colaboración levados a cabo

Outro indicador á elección do beneficiario

Será definido pola empresa

8. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

9. No caso de que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 33 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederase ao reintegro das cantidades percibidas conforme o recollido na devandita lei, así como, de ser o caso, á imposición das sancións recollidas no artigo 57 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 36. Normativa aplicable

Seralle de aplicación:

1. Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, texto pertinente para efectos do EEE, e as súas modificacións L 156/1, L 215/3, L 89/1 e L 270/39.

2. A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e, de maneira supletoria, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

3. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

4. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 37. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición final. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO II

Modelo de memoria de solicitude

O documento terá as seguintes características xerais:

– Tamaño folla: A4.

– Tipo letra: Arial, Xunta Sans ou outro tipo con tamaño de letra equivalente.

– Tamaño letra mínimo: 11 PPP.

– Marxes mínimas: 2 cm a cada bordo.

– Interliñado mínimo: sinxelo.

– Extensión máxima:

• Resumo 2 páxinas.

• Resto de epígrafe da memoria 60 páxinas cos seguintes puntos.

– Poderase incluír nos anexos a documentación que se considere necesaria para a comprensión da actuación, non sendo determinantes na avaliación conforme os criterios establecidos nas bases. Incluiranse nos anexos:

• Planos de localización e detalle do investimento ou localización do centro.

• Información relevante sobre a obra ou investimento que se vai acometer.

• Cartas de apoio que acrediten o impacto da actuación ou o carácter aberto do centro.

A memoria técnica deberá axustarse obrigatoriamente á seguinte estrutura e contido:

1. Resumo do proxecto de creación do centro de investigación empresarial.

2. Presentación da empresa promotora do centro.

2.1. Historia da empresa.

Indicarase a orixe da empresa e vinculación cun grupo empresarial, se procede. Incluirase un organigrama ou esquema explicativo da devandita estrutura empresarial e xerencial. Explicarase a estrutura accionarial da empresa (incluíndo o % de participación), así como a actividade a que se dedican os accionistas.

2.2. Actividade empresarial.

Describiranse o sector e as actividades que leva a cabo a empresa tanto en Galicia como noutras rexións ou países, se for o caso. Diferenciarase a actividade comercial, industrial, da actividade de I+D+i.

2.3. Capacidade industrial e tecnolóxica.

Indicaranse os centros de traballo existentes, así como os medios materiais e inmateriais de que dispón a empresa, diferenciando os medios produtivos daqueles vinculados á actividade de I+D+i, especificando se se dispón de centros específicos a este ámbito.

2.4. Posición de mercado.

Indicaranse os mercados a que se dirixe, capacidades comerciais, posición competitiva (cota de mercado), facturación e crecemento dos últimos 5 anos, así como perspectivas de mercado a 5 anos vista. Na medida do posible diferenciarase entre mercados nacionais e internacionais.

2.5. Estados financeiros da empresa.

Explicaranse o balance e conta de perdas e ganancias dos dous últimos anos, detallaranse os fondos propios da empresa e as opcións de autofinanciamento co fin de xustificar a capacidade de levar a cabo o investimento proposto nesta memoria, así como a viabilidade económica do centro de investigación a 5 anos.

3. Proposta de centro de investigación empresarial.

3.1. Necesidade de creación do centro.

Xustificarase a necesidade e oportunidade para a empresa de crear o centro empresarial desde o punto vista tecnolóxico (disrupcións no sector e/ou a tecnoloxía actual, cambios dos mercados,…) e de competitividade empresarial (novos clientes, complementariedade ou demanda no ecosistema galego, nacional ou internacional…).

3.2. Obxectivos do centro.

Indicaranse os obxectivos xerais e específicos do centro de investigación empresarial; deberán incluírse obxectivos cuantitativos ademais de cualitativos.

Indicaranse separadamente os retos científicos que se abordarán en 5 anos.

Cubrirase a seguinte táboa de expectativas de impacto do centro a 5 anos de funcionamento:

Indicador

Descrición

3 anos desde finalización

5 anos desde finalización

I.EMPREGO

Empregos que se crearán tras finalizar o investimento; corresponderase co número de postos creados adicionais na proposta presentada polo beneficiario para o compromiso de creación asociada ao investimento

I.PUBLICACIÓNS

Publicacións científico-técnicas, presentacións e comunicacións a congresos celebrados

I.PATENTES

Nº patentes rexistradas

I.COLABORACIÓN

Nº de empresas usuarias dos servizos de pagamento do centro de investigación.

Nº de empresas que colaboran coa empresa titular do centro de investigación a través de proxectos acreditables

Outro indicador á elección do beneficiario

É obrigatorio definir outro indicador para seleccionar por parte da empresa, que terá que ser coherente coa súa actividade, cuantificable, medible e certificable

3.3. Salto tecnolóxico.

Presentarase un resumo da estado da arte das tecnoloxías que se investigarán no centro, así como dos avances que se realizarán no estado da técnica en 5 anos. Deberanse concretar as expectativas de resultados que se pretenda alcanzar diferenciando en liñas de investigación, tendo en conta que será un mecanismo de control aos 3 anos de finalización do investimento.

3.4. Capacidades e experiencia da empresa nos ámbitos de investigación.

Expoñerase a experiencia da empresa, o seu equipo de profesionais e/ou alianzas previstas con entidades rexionais, nacionais ou internacionais (incluídas as subcontratacións ou mecanismos de innovación aberta no centro) para poder alcanzar os retos tecnolóxicos expostos nos obxectivos e no punto 2.3.

4. Orzamento.

4.1. Orzamento detallado.

Táboa resumo do orzamento agregado

Conceptos de gasto (segundo o artigo 5.2 e 6)

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

Adquisición dos terreos necesarios para o centro

Máximo 10 % do proxecto

– Adquisición dos terreos

– Traídas e conexións de servizos

– Urbanización e obras exteriores

Obras civís:

– Acondicionamento e urbanización

– Oficinas e laboratorios

– Estancias necesarias para as actividades de investigación do centro

Reformas de instalacións sobre inmobles arrendados (vixencia mínima 5 anos)

Adquisición de inmobles necesarios para o centro

Máximo 10 % do proxecto

Bens de equipamento ligados á actividade investigadora

– Maquinaria do proceso

– Instalacións específicas para a actividade

– Equipamentos e medios de transporte interior

– Medios de protección do ambiente

– Outros bens de equipamento

Equipamento e material de nova adquisición

Outro inmobilizado material (incluído o mobiliario)

Activos intanxibles ligados directamente á actividade do centro

Máximo 50 % do proxecto

– Aplicacións informáticas

– Adquisición de propiedade intelectual e industrial (incluíndo licenzas de fabricación e patentes)

– Gastos de I+D

– Outros activos intanxibles ligados a plans de innovación tecnolóxica

Custos de investimento en activos materiais e inmateriais

Custos salariais de persoal investigador de nova contratación

Custo total do proxecto de creación do centro

(Sumatorio)

(Sumatorio)

(Sumatorio)

(Sumatorio)

(Sumatorio>= 3M <=20M)

Prazos de execución (recordatorio):

• Anualidade 2022: inicio desde a solicitude da axuda e ata 30 de setembro de 2022.

• Anualidade 2023: desde 1 de outubro de 2022 e ata 30 de setembro de 2023.

• Anualidade 2024: desde 1 de outubro de 2023 e ata 30 de setembro de 2024.

• Anualidade 2025: desde 1 de outubro de 2024 e ata 31 de maio de 2025.

4.2. Descrición cualitativa dos investimentos.

Para cada un dos conceptos de gasto solicitados no orzamento, indicarase a descrición da actuación concreta, a súa función, importe e posibles provedores en caso de coñecemento.

4.2.1. Terreos.

4.2.2. Obra.

4.2.3. Inmobles.

4.2.4. Equipamento.

4.2.5. Activos intanxibles.

4.2.6. Mobiliario.

4.3. Proposta de explotación comercial do centro.

Indicarase a estratexia de financiamento do investimento proposto nesta actuación conforme o orzamento do punto 3.1.

Explicarase o modelo de explotación do centro, concretando as medidas para garantir o seu uso ao servizo da comunidade científica; será aberto e non discriminatorio. Valorarase a definición dunha metodoloxía de acceso aberto á infraestrutura por parte de entidades externas que maximice a súa explotación por entidades usuarias internas e externas. Presentaranse estimacións de ingresos e usuarios posibles deste, así como as horas de funcionamento do centro.

5. Impacto do centro de investigación empresarial.

5.1. Localización do centro de investigación.

Indicarase a localización exacta do centro (coordenadas GPS), así como a súa titularidade (en propiedade, aluguamento ou outra tipoloxía como copropiedade, cesión, previsión de compra futura, etc.)

Indicarase o estado das instalacións onde se situará o centro (se son existentes e se remodelarán, se se adquirirá ou construirá novo…)

Xustificarase o impacto da devandita localización desde o punto de vista social, tecnolóxico, empresarial ou outros que se consideren relevantes para dinamizar as capacidades de coñecemento e transferencia na súa contorna e en Galicia.

5.2. Xeración de emprego e organigrama.

Explicarase a estrutura organizativa do centro, indicando os perfís existentes e os de nova contratación prevista, así como as súas funcións. Valoraranse a capacidade e o nivel de alcanzar os resultados desde o punto de vista estratéxico e científico.

Cubrirase a táboa seguinte, que se corresponderá cos datos incluídos no formulario de solicitude:

2022

2023

2024

2025

2026

2028

Traballadores I+D

Doutores

H

M

Titulados universitarios

H

M

Outras titulacións non universitarias

H

M

Totais

H

M

Novas contratacións I+D

Restar totais ano n+1 menos ano n

Traballadores non I+D

H

M

Total traballadores

H

M

Explicaranse as medidas para favorecer a igualdade de xénero e conciliación familiar, así como calquera actuación encamiñada á integración de colectivos desfavorecidos e inclusión social.

Indicaranse as estimacións de emprego indirecto que xerará o centro.

5.3. Complementariedade no ecosistema de I+D+i galego.

Explicarase a capacidade tractora do novo centro no marco de axentes de coñecemento de Galicia, así como de transferencia e colaboración con estes e outras entidades que se consideren relevantes. Incluirase a perspectiva de capacidades tecnolóxicas (liñas de investigación e os seus resultados) e técnicas (infraestrutura e medios existentes ou necesarios).

Valorarase a existencia de demandas explícitas nas cadeas de valor prioritarias para Galicia ou a inexistencia de solucións que permitan avanzar ou crear novas solucións rexionais.

Detallaranse as sinerxias co ecosistema empresarial para favorecer a transferencia de coñecemento e/ou o emprendemento.

5.4. Resultados da investigación.

Con base nas liñas de investigación do centro, detallaranse as patentes e outros mecanismos de protección da investigación. Esta información deberá ser explicada cualitativamente pero incluír detalle cuantitativo por ser un criterio de control.

Tamén se detallará o plan de xestión de datos de investigación asociados aos resultados.

5.5. Difusión da investigación.

Con base nas liñas de investigación previstas, presentarase un plan anual de publicacións científico-técnicas, presentacións e comunicacións a congresos e outros foros principalmente internacionais, tanto a nivel cualitativo como cuantitativo.

Indicarase calquera acción encamiñada ao acceso aberto á investigación, así como difusión á sociedade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file