Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 4 de xullo de 2022 Páx. 37965

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de xuño de 2022 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico, con domicilio no lugar de Queirúa, s/n, en Ordes (A Coruña).

Feitos:

1. O 25 de abril de 2022, Ramón Penide Beis, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico constituíuna a entidade Adrem, S.L., representada polo seu administrador único, Álvaro Concheiro Varela, mediante escritura pública outorgada o 3 de febreiro de 2022 en Ordes (A Coruña), ante o notario Jesús María Rodríguez Vázquez, co número de protocolo 119.

3. A Fundación, consonte o artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto «promover, desenvolver, transferir, xestionar e difundir a investigación, o coñecemento científico e tecnolóxico, a docencia e a formación no ámbito da biomedicina hematolóxica».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Adrem, S.L., representada por Álvaro Concheiro Varela, como presidente; María Fernanda Díaz Míguez, como secretaria, e a Asociación Gallega de Persoas de Afectadas por Trasplantes Medulares, Asotrame Galicia, representada por Cristina Piñeiro Couce, Juan Ángel Concheiro Liñares, Alejandro Celestino Concheiro Rodríguez-Segade e Adrián Mosquera Orgueira, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de xuño de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico e adscribila ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, no prazo de dous meses recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes