Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 4 de xullo de 2022 Páx. 37971

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da redelimitación do núcleo rural da Veiga, parroquia de Pradeda, no concello de Guntín.

O 1.6.2022 o Concello de Guntín remitiu documentación correspondente ao expediente de referencia, para os efectos da súa aprobación definitiva conforme o previsto no artigo 78.2.c) da Lei 1/2016, do solo de Galicia (LSG), dando resposta ao requirimento de emenda de deficiencias formulado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 6.5.2022.

A documentación achegada en formato dixital e dilixenciada está integrada polo expediente administrativo, os proxectos que serviron de base para a obtención dos informes da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Transformación Dixital e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o proxecto técnico aprobado inicialmente o 24.6.2021, o proxecto técnico aprobado provisionalmente o 23.12.2021, e un novo proxecto (memoria e planos) coa incorporación das consideracións emitidas no requirimento do 6.5.2022.

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Guntín carece de instrumento de planeamento xeral e dispón dun proxecto de delimitación de solo urbano, aprobado o 6.4.1979, e varios de delimitación de núcleos rurais. O núcleo da Veiga figura delimitado e agora proxéctase a súa modificación.

1.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

Informe ambiental estratéxico do 28.2.2020, indicando o non sometemento á avaliación estratéxica ordinaria.

Solicitude e emisión de informes sectoriais:

– Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria (3.3.2020), favorable.

– Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, do 26.10.2020, favorable con condicionantes.

– Secretaría de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Defensa (28.12.2020), favorable.

– Subdelegación do Goberno do Estado na Coruña (2.2.2021 e 10.2.2021), indicando inafección a bens estatais e das entidades xestoras da Seguridade Social, así como a zonas de interese para a defensa nacional.

– Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica (3.2.2021).

– Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (26.3.2021), favorable.

Solicitado o informe da Deputación Provincial de Lugo o 4.11.2019, non se recibiu resposta.

Emisión de informes municipais, técnico (18.6.2021) e xurídico (21.6.2021).

Aprobación inicial (acordo plenario do 24.6.2021).

Exposición pública mediante anuncios en El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia (ambos do 15.7.2021) e no Diario Oficial de Galicia (21.7.2021); e audiencia aos titulares catastrais. Consonte certificación da Secretaría municipal, non se presentaron alegacións.

Emisión de informe-proposta da Secretaría (16.12.2021).

Aprobación provisional (acordo plenario do 23.12.2021).

Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (6.4.2022), favorable.

II. Contido da proposta.

O proxecto propón unha nova delimitación, como núcleo rural tradicional, do asentamento da Veiga, modificando a aprobada o 26.6.2009. Na nova delimitación inclúense dous subámbitos ou enclaves separados pola estrada N-540, cunha superficie conxunta dunhas 4,20 hectáreas. Inclúe, total ou parcialmente, 22 parcelas, en que existen 10 edificacións principais.

O asentamento atópase na confluencia das parroquias de San Cibrao de Monte de Meda, San Martiño de Monte de Meda e Santa Eulalia de Pradeda, a uns 4,5 quilómetros do núcleo urbano de Guntín. Está atravesado polas estradas estatal N-540, provincial LU-P-2404 e municipal 023-020 e inmediato á estrada provincial LU-P-1611 (circunvalación de Lugo), por medio da cal se conecta á autovía A-54, o que permite a comunicación coa cidade de Lugo nun tempo reducido, circunstancia que confire ao núcleo unha expectativa de crecemento do seu parque residencial.

O proxecto identifica as vías públicas existentes e delimita as zonas edificables, para as cales incorpora unha ordenanza específica. Non identifica bens de valor cultural, nin delimita terreos destinados a usos dotacionais, nin propón actuacións de carácter integral.

III. Análise e observacións.

En canto á documentación achegada, hai que sinalar que foron emendadas e incorporadas as consideracións emitidas nos anteriores informes do 24.2.2022 e do 6.5.2022, coa realización dun novo proxecto coa dilixencia indicativa de tal aspecto.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do núcleo rural da Veiga, parroquia de Pradeda, no concello de Guntín.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo