Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37701

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Cervo

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións para o acondicionamento da estrada As Quintás.

Mediante o Acordo do Pleno do 3 de xuño de 2022, en sesión extraordinaria urxente, aprobouse definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións para acondicionamento da estrada As Quintás-concello de Cervo, o que se publica para os efectos dos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e dos artigos 199 e 208 do seu regulamento. O acordo literal é o seguinte:

Acordo:

Primeiro. Desestimar as alegacións presentadas á aprobación inicial no expediente de aprobación do Plan especial de infraestruturas e dotacións de acondicionamento da estrada As Quintás por:

– José Luis Rodríguez Enríquez, con data do 16.9.2021, rexistrada de entrada co número 2021-E-RC-3403.

– José Francisco Valle Rey, con data do 21.9.2021, rexistrada de entrada co número 2021-E-RC-452.

Polos motivos expresados no informe dos servizos técnicos municipais do 6.3.2022 e no documento do plan especial emitido polo equipo redactor.

Segundo. Aprobar definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións de acondicionamento da estrada As Quintás no concello de Cervo (Lugo).

Terceiro. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Esta publicación deberá realizarse no prazo dun mes desde a adopción da aprobación definitiva.

Cuarto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, e anéxase un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.

Quinto. Publicar no Boletín Oficial da provincia o documento que conteña a normativa e as ordenanzas.

Sexto. Notificar individualmente este acordo a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles tivese notificado a aprobación inicial deste plan.

Para os efectos do disposto no punto terceiro da parte dispositiva deste acordo, a ligazón en que se poderá consultar a documentación íntegra aprobada definitivamente é a seguinte: http:/cervo.sedelectronica.es

Extracto ambiental

I. Xustificación da integración no documento de planeamento dos aspectos ambientais.

– Co plan especial preténdese ampliar e mellorar a estrada existente As Quintás. Aumentarase a sección da vía, incorporaranse beirarrúas e prazas de aparcamento e habilitarase o paso sobre o río Xunco para permitir a circulación de vehículos pesados. Con esta actuación preténdese favorecer a mobilidade do ámbito, ao reducir o tráfico no centro urbano de Cervo e ao facilitar o acceso a un futuro centro de discapacitados psíquicos e ao BIC de Sargadelos.

– A vía proxectada transcorre por unha zona de baixa densidade de vivendas e solo agroforestal e triplicará a sección da estrada orixinaria. Ademais, a vía incorpora beirarrúas e aparcamentos que poden resultar discordantes na contorna rural en que se insiren. Por isto, o PEID integra na ordenación e nas correspondentes ordenanzas as medidas de integración paisaxística recollidas nos informes de consultas do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e realiza un estudo de impacto e integración paisaxística da actuación. A nova vía deséñase evitando modelos urbanos, sen prazas de aparcamento, e execútase a beirarrúa unicamente nunha das beiras da estrada.

– A ampliación da sección de paso sobre o río Xunco pode afectar o ciclo hídrico e o patrimonio natural. Este río ten declarada unha zona de fluxo preferente e inundable e conta cunha galería ribeirega en bo estado de conservación. O PEID integra as medidas establecidas polo organismo de conca e procura a mínima afección sobre a vexetación de ribeira, ao non situar novas pilas ou estribos na canle nin na zona de servidume do río e evitar o arrastre de sólidos en suspensión ou outros posibles contaminantes nas augas.

– Dada a existencia de numerosos elementos de interese patrimonial na contorna, o plan especial identifica correctamente todos os bens e propón medidas para garantir a súa protección.

– A proposta non afecta áreas estratéxicas de conservación polo que non se ven afectadas directa nin indirectamente, non provocando efectos negativos significativos.

– As ordenanzas reguladoras propostas inclúen as medidas necesarias para garantir a integridade do río, da paisaxe e do patrimonio arquitectónico e etnográfico.

– O PEID incorpora nas súas determinacións a lexislación comunitaria, estatal e autonómica de carácter básico e sectorial vixente que, xunto coa progresiva introdución de criterios de sustentabilidade nas diferentes normativas sectoriais de aplicación na ordenación do territorio froito dunha maior preocupación pola tutela ambiental e territorial da sociedade, asegura a adopción de eficaces medidas de prevención dos posibles efectos negativos significativos sobre o ambiente derivados da ampliación da vía proposta.

II. Xustificación de como se tomaron en consideración no documento de planeamento o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, de ser o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.

O 21 de novembro de 2019, inicíase o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEID. O 26 de novembro de 2019, iniciouse un período de consultas previas á formulación do informe ambiental estratéxico por un prazo de dous meses, facendo públicos os documentos na súa sede electrónica. Asemade, consultouse á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, entre outras administracións públicas.

O 27 de marzo de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio climático emitiu o informe ambiental estratéxico en que propón non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o PEID, ao considerar que non se producirán efectos significativos no ambiente.

Todas as observacións contidas nos informes sectoriais recibidos durante as diferentes fases da tramitación e os resultados da información pública foron incorporadas ao documento nos termos que se recollen no punto 3 da memoria xustificativa.

III. Razóns da elección da alternativa seleccionada en relación coas alternativas consideradas.

III.1. Análise das alternativas:

• Alternativa 0:

Vantaxes: –.

Inconvenientes:

– Perda de oportunidade de chegar a completar dun modo racional e sustentable o tecido urbano de Cervo.

– Difícil acceso ao novo equipamento dotacional previsto na súa marxe dereita.

– Diminución no número de visitantes ao BIC de Sargadelos.

– Perda do valor como referente cultural, didáctico e turístico do BIC de Sargadelos.

• Alternativa 1:

Vantaxes:

– Minimizar o tránsito de vehículos polo centro urbano e sobre todo polo casco antigo de Cervo.

– Facilitar o acceso desde o núcleo urbano e desde a N-642 á aldea e ás fábricas de Sargadelos e incrementar o número de visitantes.

– Mellorar a seguridade e a fluidez dos condutores que circulen pola rúa. Facilitar o acceso á futura residencia e centro de día para discapacitados psíquicos adultos prevista nunha parcela situada na súa marxe dereita.

– Resolver o cruzamento sobre o río Xunco garantindo a menor afección ao río e á súa integración na contorna.

– Protexer os elementos do patrimonio cultural.

Inconvenientes:

– Obtención dos terreos.

• Alternativa 2:

Vantaxes:

– Minimizar o tránsito de vehículos polo centro urbano e sobre todo polo casco antigo de Cervo.

– Facilitar o acceso desde o núcleo urbano e desde a N-642 á aldea e ás fábricas de Sargadelos e incrementar o número de visitantes.

– Mellorar a seguridade e a fluidez dos condutores que circulen pola rúa. Facilitar o acceso á futura residencia e centro de día para discapacitados psíquicos adultos prevista nunha parcela situada na súa marxe dereita.

– Resolver o cruzamento sobre o río Xunco garantindo a menor afección ao río e á súa integración na contorna.

– Protexer os elementos do patrimonio cultural.

– Mellor integración na paisaxe e menor consumo do solo.

Inconvenientes:

– Obtención dos terreos.

III.2. Xustificación da elección.

As diferentes alternativas propostas valoráronse segundo a súa adecuación aos obxectivos pretendidos para cada unha das variables de sustentabilidade analizadas (paisaxe, patrimonio natural e cultural, ocupación do territorio, sociedade e mobilidade). Da valoración realizada, a alternativa 2 resultou como seleccionada. Esta alternativa mantén o trazado da vía orixe nunha maior superficie minimizando así os costes de urbanización, os movementos de terras, a ocupación do solo e a integración na contorna en que se atopa.

A alternativa finalmente proposta polo PEID parte da alternativa 2 seleccionada e é resultado da integración das determinacións dos informes e alegacións recibidas durante o período de información pública e consultas.

Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos da aplicación
do plan no ambiente

Tendo en conta a natureza e as actuacións recollidas nesta proposta, o seu seguimento ambiental deberá controlar os seguintes aspectos ambientais, coa finalidade de comprobar se o planeamento é coherente cos obxectivos pretendidos.

• Paisaxe:

– Realízase un estudo de impacto e integración paisaxística da actuación.

– A nova vía deseñarase evitando modelos urbanos, eliminará as prazas de aparcamento previstas e executará a beirarrúa unicamente nunha das beiras da estrada.

• Patrimonio: identificar correctamente todos os bens e propoñer medidas para garantir a súa protección.

• Patrimonio natural:

– Procurar a mínima afección sobre a vexetación de ribeira, non situar novas pilas ou estribos na canle nin na zona de servidume do río e evitar o arrastre de sólidos en suspensión ou outros posibles contaminantes nas augas.

– Tense en conta as prescricións recollidas no artigos 126 do RDPH, coas súas modificacións introducidas polo Real decreto 638/2016. Tamén se atende ao establecido nos artigos que se incorporan ao RDPH: 126.ter, relativo a criterios de deseño e conservación para obras de protección, modificacións nas canles e obras de paso.

– Tense en conta a lexislación sectorial vixente, incorpóranse aquelas zonas afectadas por áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) e téñense en conta as determinacións do plan hidrolóxico vixente en canto a protección contra as inundacións.

Contra este acordo, como disposición administrativa de carácter xeral, pódese interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 201.1 do seu regulamento), no prazo de dous meses que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se xulgue máis procedente e sexa conforme dereito.

Cervo, 7 de xuño de 2022

Alfonso Villares Bermúdez
Alcalde