Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 29 de xuño de 2022 Páx. 37228

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Camariñas

ANUNCIO polo que se aproba definitivamente o expediente Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI).

O Pleno do Concello de Camariñas, en sesión do 27 de maio de 2022, por maioría dos seus membros, aprobou definitivamente o Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do Concello de Camariñas, versión 2, de outubro de 2021, que de xeito literal di:

Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do Concello de Camariñas, versión 2, de outubro de 2021.

Segundo. Levantar a suspensión, ao abeiro do artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de outorgamento de licenzas no ámbito afectado polo PEPRI_01 nos seguintes casos ou ámbitos/zonas:

Nas zonas de ordenanza 4, denominadas de reordenación volumétrica.

Naqueles espazos recollidos como privados no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Camariñas e que o PEPRI_01 propón como novos espazos libres, así como naquelas parcelas ou construcións onde o uso cambie de equipamento a residencial ou viceversa, con respecto á ordenación vixente.

Nas edificacións catalogadas polo PEPRI_01 a maiores das que xa figuraban no plan xeral. Neste caso permítense obras de conservación, reparación ou ornato, así como outra serie de obras menores.

Nas parcelas en que se propón a ampliación da via pública, agás que as novas edificacións ou os novos peches asuman as aliñacións sinaladas no PEPRI_01.

Os parcelamentos de predios.

A demolición de edificacións, agás que fose aprobado o seu expediente de ruína ou sexa preciso facelo de xeito total ou parcial, en cumprimento dunha sentenza xudicial; incluiranse como permitidas as posteriores obras de protección e acondicionamento (tanto da eventual edificación resultante, no caso de non ser demolida completamente, como dos predios adxacentes, tanto no subsolo como sobre rasante).

Terceiro. Publicar o acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, e o documento que conteña a normativa e as ordenanzas, así como o índice de planos, no Boletín Oficial da provincia.

Cuarto. Comunicar á consellería competente en materia de urbanismo a aprobación do Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do Concello de Camariñas, versión 2, de outubro de 2021, á vez que se lle traslada un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado, co fin de ser inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Publícase este para o seu xeral coñecemento e en cumprimento dos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 199 do seu regulamento.

Contra este acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba una disposición de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción desta notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que se poida interpor calquera outro recurso que se considere máis conveniente ao seu dereito.

Camariñas, 7 de xuño de 2022

Sandra Rial Insua
Alcaldesa