Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2022 Páx. 35817

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 20 de xuño de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2022/23 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

BDNS (Identif.): 634627.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Xuventude, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas teña as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación, nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade, dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023 (código de procedemento BS420C).

2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extras á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de xuño de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2022/23 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 41.470.940 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Total

13.02.312B.470.2

2020.00052

10.735.577

18.787.260

29.522.837

13.02.312B.481.3

2020.00052

4.344.765

7.603.338

11.948.103

Total

15.080.342

26.390.598

41.470.940

2. O crédito consignado na aplicación 13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.Un.s) da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

3. O crédito consignado na aplicación 13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Tipos de axuda e contía

1. A convocatoria comprende unha liña de axudas destinada a compensar a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa na contía do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 306 euros/mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.

2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2022/23, as cales poderán incrementarse, respecto das do curso anterior, ata un 10 % sen superar o tope de 306 euros por atención educativa, no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo nº de prazas que se fagan constar na solicitude sen que, en ningún caso, estas poidan superar as prazas que consten autorizadas no permiso de inicio de actividades da escola infantil 0-3 e polas tarifas correspondentes.

3. Para os efectos do previsto nos números anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade entregará ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que consten o número de horas ao día de asistencia e o importe que lles correspondería aboar, coa lenda prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia.

Nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo da atención educativa, será por conta das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

4. As entidades beneficiarias destas axudas poderán cobrar ás familias ata 100 € en concepto de reserva de praza. Unha vez realizada a inscrición e constatada a asistencia á escola infantil, o pagamento efectuado será compensado con outros servizos distintos da atención educativa que preste o centro.

5. A inasistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 15 días sen xustificar dará lugar á baixa do alumno/a no programa da gratuidade.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e, en todo caso, finalizará o 30 de novembro de 2022.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude