Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 34998

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello do Porriño (expediente IN407A 2021/316-4).

Expediente: IN407A 2021/316-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: nova saída subestación Atios e reforma CS Ceansa.

Concello: O Porriño.

Feitos:

Primeiro. O 15 de decembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación nova saída subestación Atios e reforma CS Ceansa.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na reforma do centro de seccionamento Ceansa (36CZD6) e a instalación dunha liña de media tensión subterránea de 1.724 metros. As instalacións están situadas nos lugares da Casilla e no polígono industrial das Gándaras, na parroquia de Atios, no concello do Porriño.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Porriño, ADIF, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Demarcación de Estradas do Estado, Nedgia, o Servizo de Montes de Pontevedra e o Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por ADIF, polo Concello do Porriño e polo Servizo de Montes de Pontevedra.

Os demais organismos afectados non emitiron condicionados técnicos, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV con condutor tipo RHZ en tres actuacións. A primeira actuación de 42 metros de lonxitude ten orixe na cela MT de saída da subestación Atios e final no empalme que se hai que realizar na arqueta localizada fóra do recinto da subestación. A segunda actuación de 1.499 metros de lonxitude ten orixe na arqueta localizada fóra do recinto da subestación e final na cela MT existente no CS Frinova PLG Gándaras (36CXL1). A terceira actuación é de 183 metros de lonxitude, con orixe na cela MT existente no CS Frinova PLG Gándaras e final na cela MT proxectada no CS Ceansa.

Reforma do interior do centro de seccionamento Ceansa (36CZD6) onde se desmontan as celas existentes e se colocan seis novas celas: cinco de liña e unha de acoplamento de barras.

As instalacións están localizadas nos lugares da Casilla e no polígono Industrial das Gándaras, na parroquia de Atios, no concello do Porriño (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada nova saída subestación Atios e reforma CS Ceansa, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 20 de maio de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra