Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 35043

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Oleiros

ANUNCIO da aprobación definitiva do convenio urbanístico coa Xunta de Compensación do polígono leste SUD-5, Icaria IV.

Mediante a Resolución da Alcaldía número 2022002442, do 24 de maio de 2022, acordouse:

Primeiro. Aprobar definitivamente o convenio urbanístico formalizado o día 16 de febreiro de 2022 coa Xunta de Compensación do polígono leste SUD-5, Icaria IV, co obxecto de monetizar o 10 % do aproveitamento urbanístico municipal.

Segundo. Publicar o texto íntegro do convenio xunto co acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar este acordo á Xunta de Compensación, á Secretaría Xeral, á Intervención e á Tesourería.

Oleiros, 25 de maio de 2022

Ángel García Seoane
Alcalde presidente

ANEXO I

Texto do convenio

Convenio urbanístico de monetización do aproveitamento municipal no polígono leste, SUD-5, Icaria IV, Oleiros.

Comparecen:

No Concello de Oleiros, 16 de febreiro de 2022.

Dunha parte: Ángel García Seoane, alcalde do Concello de Oleiros.

E doutra parte: Eusebio Pérez Iglesias, con DNI/NIF 34983400D e enderezo para estes efectos na rúa Costa Rica, 5, 5º comercial, A Coruña.

Interveñen:

O alcalde, en nome e representación do Concello de Oleiros, conforme o disposto no artigo 21.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Eusebio Pérez Iglesias, en nome e representación da Xunta de Compensación Pol. leste SUD-5 Icaria IV, Oleiros, con domicilio na rúa Costa Rica, nº 5, 5º comercial, 15004 A Coruña, e NIF V-05362041.

Ambas as partes recoñécense mutua e recíproca capacidade para a formalización deste convenio, e libremente e para o efecto

EXPOÑEN:

I. Antecedentes de tramitación.

1. O vixente Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros (PXOM) delimita un sector de solo urbanizable que denomina SUD-5 Icaria IV, Oleiros.

2. Formulado o correspondente Plan parcial para a execución urbanística deste sector, o Concello de Oleiros resolveu a súa aprobación definitiva, e resultaron dous polígonos de execución (leste e oeste); este proxecto refírese ao primeiro deles.

3. Co obxecto de iniciar o proceso de execución urbanística legalmente previsto, tras a súa correspondente tramitación, o Concello de Oleiros resolveu a aprobación definitiva dos estatutos e bases de actuación da futura xunta de compensación.

4. Posteriormente, mediante escritura autorizada en Oleiros o 18 de marzo de 2021 polo notario Rafael Benzo Sainz, número 885 do seu protocolo, constituíuse a Xunta de Compensación do polígono leste, SUD-5 Icaria IV, Oleiros.

5. Desde ese momento foise producindo o proceso de adhesión de diferentes propietarios á Xunta de Compensación, integrada na actualidade polo 100 % de propietarios no ámbito de actuación.

6. Na asemblea xeral do 9 de xullo de 2021, os membros da Xunta, por unanimidade, acordaron tomar como referencia, para efectos de fixar as superficies de orixe do proxecto de compensación, as resultantes do levantamento topográfico incorporado á escritura de constitución da Xunta de Compensación.

7. Posteriormente e tras a presentación dun documento inicial que foi obxecto de emenda, atendendo ao Informe dos servizos técnicos xurídicos municipais do 3.11.2021, a asemblea xeral do 26 de xaneiro de 2022, acordou a aprobación inicial do proxecto e, no que agora interesa, propor ao Concello a monetización do aproveitamento que legalmente lle corresponde, de acordo co seguinte criterio.

Achégase certificación acreditativa e as publicacións como anexo ao presente proxecto.

II. Fundamento legal da proposta de monetización.

O artigo 21.d.2) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, na súa redacción dada polo parágrafo 2 do artigo 13 da Lei 7/2019, de medidas fiscais e administrativas (no mesmo sentido o artigo 31.2.a) de RLSG), establece, en relación coa obrigación de ceder gratuitamente ao Concello o solo correspondente ao 10 % do aproveitamento tipo da área de repartición, que:

«Este deber de cesión poderá cumprirse, no caso de conformidade do Concello, mediante a substitución da entrega de solo polo seu valor en metálico, que deberá integrarse no patrimonio público do solo, excepto cando poida cumprirse con solo destinado a vivenda sometida a algún réxime de protección pública en virtude da reserva que poida resultar exixible».

Por iso, proponse a monetización no documento que haxa de ser obxecto de aprobación definitiva, a cal se concreta na presente proposta de convenio urbanístico de monetización para a súa tramitación simultánea co presente proxecto de compensación, de acordo co previsto no artigo 400 RLSG (anexo IV do proxecto).

III. Determinacións urbanísticas do proxecto de compensación para os efectos do presente convenio.

1. Os parámetros urbanísticos de partida resultantes do plan que se executa son os seguintes:

Polígono leste

Usos

Edificabilidade

Coeficiente

Edificabilidade ponderada

Colectiva libre

7.060,00

1,00

7.060,00

Colectiva VPO

1.740,12

0,70

1.218,08

Unifamiliar

3.279,93

1,20

3.935,92

Terciario

8.035,64

0,95

7.633,86

Total edificabilidade

20.115,69

Total aproveitamento

19.847,86

Sup. bruta polígono

35.290,78

Viario existente

432,53

Sup. neta polígono

34.858,25

A. lucrativo polígono m2

0,5694

Exceso respecto A. tipo sector

0,0538

Aproveitamento excedentario total

1.875,61

Adscrición sup. SSXX m2

3.637,85

2. Sobre esa base, o Concello de Oleiros é titular dos seguintes dereitos de aproveitamento no ámbito de actuación:

Titular

Superficie achegada (m²)

Cota de achega (%)

Aprov. de dereito

Concello de Oleiros (cesión 10 %)

0,00

0,00

1.984,79

Concello de Oleiros (patrimonial)

432,53

0,00

0,00

Total (Sup. Polígono+SSXX)

38.928,63

100,00

19.847,86

IV. Proposta de monetización.

Dada a dificultade de establecer unha parcelación que permita a materialización do aproveitamento correspondente ao Concello nunha parcela única, cumprindo coas condicións mínimas exixidas na normativa, a Xunta de Compensación do polígono leste, Sud-5 Icaria IV e o Concello de Oleiros aceptan a monetización deste aproveitamento sinalado na epígrafe anterior.

Por iso, coincidindo a vontade de ambas as partes e amparándose no disposto nos artigos 21.d.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 31 e 400.2 do seu regulamento, formalizan este convenio urbanístico de xestión, de acordo coas seguintes:

Estipulacións:

Primeira. Obxecto

1. Este convenio urbanístico ten por obxecto a substitución do aproveitamento correspondente ao Concello de Oleiros no polígono leste, SUD-5 Icaria IV, polo seu equivalente económico.

2. Como consecuencia do cumprimento do deber legal de cesión do 10 % do aproveitamento tipo do ámbito de actuación e da propiedade patrimonial achegada, corresponden ao Concello de Oleiros 1.984,79 m² de aproveitamento.

Segunda. Valoración do aproveitamento municipal

1. Unha vez confirmada a disposición do Concello para monetizar o seu aproveitamento, a valoración que se propón (que deberá ser validada polos servizos técnicos municipais) efectuouse atendendo ao informe de taxación de aproveitamento elaborado polo arquitecto superior Andrés Fernández Ascariz en novembro de 2021 (por tanto, no momento de iniciarse o proceso de equidistribución), do que resultan os seguintes valores do aproveitamento urbanístico no polígono:

• Valor unitario do aproveitamento en situación de urbanizado = 368,52 €/ua.

• Valor unitario do aproveitamento sen urbanizar = 232,37 €/ua.

• Valoración do 10 % do aproveitamento que lle corresponde ao Concello=731.434,81 € (ao valor de 368,52 €/ua, urbanizado, xa que o Concello non aboa custes da actuación).

2. Dado que o Concello ten dereito ao 10 % do aproveitamento tipo da área de repartición libre de cargas da actuación, proponse o valor indicado de 368,52 €/ua. Este valor foi aceptado na asemblea xeral da Xunta de Compensación do mércores 26 de xaneiro de 2022 (achégase certificación dos acordos nela adoptados como anexo V), en favor daqueles propietarios que así o decidisen.

O único propietario que na citada asemblea decidiu participar na adquisición do aproveitamento municipal foi Asteriscos Patrimonial, S.L.U. (o resto renunciou expresamente), a quen, en consecuencia, no proxecto de compensación, se propón a adxudicación do aproveitamento municipal (libre de cargas da actuación, dado que aboa o prezo do valor urbanizado).

3. O promotor efectuará o pagamento da edificabilidade que adquire mediante unha derrama á Xunta de Compensación, e esta deberá ingresalo no Concello con anterioridade á aprobación definitiva do proxecto de compensación incorporando copia da carta de pagamento no documento para a aprobación definitiva.

De conformidade co artigo 402.3.c) do Decreto 143/2016, o importe entregado ten natureza de depósito en metálico afecto ao cumprimento do convenio e non poderá ser obxecto de disposición ata a aprobación definitiva do proxecto de compensación do ámbito.

4. O Concello de Oleiros obrígase a respectar o disposto nos artigos 132 a 134 da LSG, e 329 a 331 e seguintes do RLSG canto ao destino e transmisión do patrimonio público do solo.

5. A validez e vinculación deste convenio queda supeditada á súa formalización e perfeccionamento de acordo co indicado nos artigos 401 a 403 do RLSG.

6. Todos os gastos e impostos que se orixinen como consecuencia deste convenio serán aboados por cada parte segundo a lexislación vixente.

E para que así conste e en proba de conformidade, asinan este convenio por duplicado exemplar no lugar e data arriba indicados.