Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2022 Páx. 34637

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2022 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á corporación de dereito público Consello Galego de Cámaras.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, publícase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 8.4 da dita lei, a encomenda de xestión do Instituto Galego de Promoción Económica en favor do Consello Galego de Cámaras para a colaboración técnica na valoración obxectiva dos proxectos para a súa declaración como iniciativas empresariais prioritarias (Lei 5/2017), como proxectos estratéxicos (Decreto lexislativo 1/2015) e como proxectos sectoriais (Lei 1/2021), formalizada no convenio asinado o 20 de maio de 2022.

Actividades encomendadas:

– Apoio técnico na valoración do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 42.1.d) da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. En particular, realizar a obxectivación da información que acredite o cumprimento do criterio establecido na letra d): que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU. Prestarán o seu asesoramento experto, de acordo co previsto na citada norma, e exporán ao Igape a súa apreciación técnica sobre a concorrencia destes aspectos no correspondente expediente.

– Apoio técnico na valoración do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 78.c) do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro. En particular, a obxectivación da información que acredite o cumprimento do criterio c): que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea, ou que se integren no financiamento instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU. Prestarán o seu asesoramento experto, de acordo co previsto na citada norma, e exporán ao Igape a súa apreciación técnica sobre a concorrencia destes aspectos no correspondente expediente.

– Para os efectos da declaración de proxecto industrial estratéxico, o apoio técnico na análise e verificación de que o proxecto achega a documentación requirida no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, modificado pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e que indica a documentación que debe achegar a empresa interesada para a declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico. Neste eido, o apoio consistirá na asistencia no estudo, na análise e avaliación da documentación que forma parte do expediente, e no traslado da súa opinión técnica ao Igape que, en todo caso, será o órgano responsable da decisión sobre a concorrencia no expediente de toda a documentación requirida e do cumprimento dos requisitos establecidos.

– Para os efectos da declaración de proxecto sectorial, o apoio técnico na valoración da función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, así como da incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou singulares características, que fagan un proxecto acredor dun interese supramunicipal cualificado, non só porque a súa situación sexa en máis dun concello. O apoio concretarase nun pronunciamento estritamente técnico, logo da análise de todas as variables que concorran, que lle permitan ao Igape valorar o impacto dun proxecto en termos económicos e sociais na súa contorna.

Esta encomenda ten natureza intersubxectiva, dada a natureza do Consello Galego de Cámaras como corporación de dereito público, segundo o disposto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A encomenda de xestión abrangue desde o 20 de maio de 2022 ata o 30 de decembro de 2022, coincidindo deste xeito co prazo e coa vixencia do convenio, e serán causas de resolución o acordo unánime das partes asinantes, o incumprimento das obrigas e dos compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes, a decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio, a introdución de modificacións substanciais sen que estas fosen aceptadas pola Comisión de Seguimento ou calquera outra causa prevista no convenio ou noutras leis.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica