Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2022 Páx. 34291

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do acordo coas organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino polo que se engade unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

O 2 de xuño de 2022, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino acordaron engadir unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de persoal interino e substituto.

Con base no disposto polo artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación da citada modificación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o anterior,

ACORDO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino polo que se engade unha disposición transitoria cuarta ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Engádese unha disposición transitoria ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias

No próximo mes de xuño de 2022 comezará o desenvolvemento dos procedementos selectivos de ingreso e acceso aos distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, convocados pola Orde do 28 de xaneiro de 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 31 de xaneiro de 2022.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, no artigo 2.1 autoriza unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

E as disposicións adicionais sexta e oitava da mesma Lei 20/2021 prevén unha convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal polo sistema de concurso.

Dadas as expectativas xeradas en determinado persoal docente interino e substituto pola próxima convocatoria do concurso de méritos que deberá publicarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2022, e tendo en conta o reducido número de prazas que se ofertarán no concurso-oposición derivado do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, non parece aconsellable obrigar o persoal docente interino e substituto a presentarse aos procedementos selectivos convocados no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións.

Por esta razón, engádese unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria cuarta

O persoal docente interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoque no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións».