Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2022 Páx. 30801

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 20 de maio de 2022 pola que se corrixen erros materiais detectados na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Con data do 6 de maio publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de abril de 2022, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Logo da súa publicación, o Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo de manifesto a existencia de erros materiais na configuración das tarifas que se aplicarán nos taxis, especificamente no caso dos provistos de aparello taxímetro, erros que procede corrixir mediante a presente orde.

En concreto, cómpre clarificar os horarios a que resulta de aplicación a tarifa denominada «B», así como os segundos equivalentes aos quilómetros que se inclúen no primeiro salto no caso de facturación a través do aparello taxímetro. Igualmente, cómpre corrixir a omisión referente ao momento en que procede o cambio da tarifa «A» á «B», ou viceversa, no sentido de que a regra establecida no número 3 do artigo 4 resulta unicamente de aplicación aos vehículos que non dispoñen de taxímetro, rexendo nestes o cambio de tarifa de xeito automático, consonte coas regras metrolóxicas aplicables.

Finalmente, incorpórase unha clarificación referente á indicación da tarifa aplicable no rótulo luminoso do vehículo.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Corrección de erros na Orde do 26 de abril de 2022

Corríxense os seguintes erros materiais:

1. Corríxese o número dous do artigo dous, que queda redactado como segue:

«2. Nos servizos de taxi que se presten con vehículos equipados de aparello taxímetro determinarase o prezo do servizo mediante o taxímetro consonte cos seguintes valores referentes aos pasos por tempo e espazo, impostos incluídos:

a) Servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 horas e as 22.00 horas:

– Valor do paso: 0,05 euros.

– Metros por salto: 41,67.

– Segundos por salto: 11,25.

– Metros primeiro salto: 3.000.

– Tempo primeiro salto: tempo equivalente.

– Mínimo de percepción: 3,60 euros.

b) Servizos prestados os domingos, festivos ou en horario comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro:

– Valor do paso: 0,05 euros.

– Metros por salto: 34,72.

– Segundos por salto: 9,38

– Metros primeiro salto: 3.000.

– Tempo primeiro salto: tempo equivalente.

– Mínimo de percepción: 4,32 euros».

2. Corríxese a alínea b) do número un do artigo tres, que queda redactada como segue:

«b) Servizos prestados os domingos, festivos ou en horario comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas: terán un incremento do 20 % respecto das tarifas anteriores, resultando de aplicación as seguintes:

– Prezo por km percorrido: 1,44 euros.

– Prezo por hora de espera: 19,20 euros.

– Mínimo de percepción: 4,32 euros.

– Tempos de espera motivados polo abandono temporal do coche pola persoa usuaria: 4,80 euros por fracción de 15 minutos».

3. Corríxese o número tres do artigo 4, que queda redactado como segue:

«Para os efectos do indicado nos artigos anteriores, no caso de vehículos que non estean provistos de aparello taxímetro, os servizos de taxi consideraranse prestados na franxa horaria en que se inicie a prestación do servizo, nos termos que establece o artigo 41 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro. No caso de que si dispoñan do dito aparello taxímetro, o cambio será automático no momento en que cambie a franxa horaria correspondente».

Disposición adicional. Información sobre a tarifa aplicable

A numeración como tarifa «A» e «B» que se incorpora no anexo da orde non se prevé para os efectos da correspondente indicación no panel luminoso do vehículo, en que poderán ser identificadas co código numérico correspondente, indicándoo no cadro de tarifas que, para tal efecto, e cos cambios indicados na parte dispositiva desta disposición, se publica novamente como anexo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, as tarifas a que se refire serán de aplicación aos 10 días hábiles da dita publicación.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

ANEXO

Tarifas aplicables aos servizos interurbanos de taxi. Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 26.4.2022 (DOG do 6.5.2022; corrección de erros publicada no DOG do 25.5.2022)

Vehículo con TAXÍMETRO (3)

TARIFA A (1)

TARIFA B (2)

Valor do paso

0,05 €

0,05

Metros por salto

41,67

34,72

Segundos por salto

11,25

9,38

Metros primeiro salto

3.000

3.000

Tempo primeiro salto

Tempo equivalente

Tempo equivalente

Mínimo de percepción (4)

3,60 €

4,32

Vehículo sen TAXÍMETRO (3)

TARIFA A (1)

TARIFA B (2)

Prezo por km percorrido

1,20 €

1,44 €

Prezo por hora de espera

16,00 €

19,20 €

Mínimo de percepción

3,60 €

4,32 €

Tempos de espera (por fracción de 15 minutos) (5)

4,00 €

4,80 €

Observacións:

(1) TARIFA A

Servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 horas e as 22.00 horas.

Esta tarifa correspóndese coa tarifa nº __ do rótulo luminoso.

(2) TARIFA B

Servizos prestados os domingos, festivos ou en horario comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro.

Esta tarifa correspóndese coa tarifa nº __ do rótulo luminoso.

(3) Taxímetro

Con carácter xeral, a disposición de taxímetro non é obrigatoria nos concellos de menos de

10.000 habitantes.

(4) Mínimo de percepción

A percepción mínima cubrirá os primeiros 3 km de percorrido, en servizos sen taxímetro, e subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente a primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos, en vehículos provistos de taxímetro.

(5) Tempo de espera

Motivado polo abandono temporal do coche pola persoa usuaria. A persoa usuaria terá dereito a dispoñer gratuitamente dos primeiros 15 minutos da primeira hora de espera

OUTRAS CONDICIÓNS

· As tarifas levan incluídos os impostos.

· A persoas usuarias teñen dereito a obter un documento xustificativo da prestación do servizo en que conste o prezo, orixe e destino, número de licenza e identificación da persoa titular dos títulos habilitantes e da persoa condutora, e do itinerario percorrido.

· Os servizos interurbanos contrátanse por coche completo e as tarifas compútanse só na viaxe de ida, salvo que as partes contratantes acorden computar o retorno.

As persoas usuarias teñen dereito a portar gratuitamente no maleteiro do vehículo un vulto de equipaxe ou pertenza por persoa usuaria, coa limitación da capacidade do dito maleteiro. As ditas equipaxes ou pertenzas non poderán supor risco para a integridade das persoas ou do vehículo nin causar danos no seu interior, agás no caso de animais de axuda ou auxilio a persoas cegas, con discapacidade visual ou con mobilidade reducida

· Estas tarifas teñen a consideración de tarifas obrigatorias. Non obstante, con antelación ao inicio da prestación dos servizos de taxi, a persoa titular da licenza de taxi e as persoas usuarias poderán acordar un prezo fixo pola súa prestación, ou un desconto sobre a tarifa que resulte de aplicación polo conxunto de conceptos facturables.

No caso de acordar un prezo fixo ou un desconto, o correspondente acordo deberá ser documentado en soporte papel ou electrónico, do cal se entregará unha copia á persoa usuaria con antelación ao inicio do servizo.

No caso de establecemento dun prezo final fixo, no dito acordo deberá facerse constar tanto o importe acordado como o que correspondería á prestación do servizo atendendo ao factor quilométrico da tarifa máxima aplicable, ao tempo de espera programado e facturable, ás peaxes, se for o caso, e aos suplementos que resultaren de aplicación.

No caso de se acordar a aplicación dunha porcentaxe de desconto sobre o prezo final do servizo, na documentación deste acordo deberá identificarse a dita porcentaxe de desconto. Igualmente, no documento xustificativo da prestación do servizo indicarase tanto o prezo do servizo resultante da aplicación da tarifa como o prezo efectivamente cobrado.

· Non existe obriga de facilitar cambio superior a 50 euros.

· Existen follas de reclamacións á disposición das persoas usuarias.

Matrícula:

___________

Autorización VT-N nº ___________

Persoa titular da autorización de transporte interurbano:

__________________________________________