Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 16 de maio de 2022 Páx. 28668

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 6 de maio de 2022 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación MOP-The MOP Foundation.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación MOP-The MOP Foundation, con domicilio no Cantón Grande, número 4, na Coruña.

Feitos:

1. O 21 de abril de 2022, Jaime Francisco Carro Merchán, secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación MOP-The MOP Foundation constituíuna Marta Ortega Pérez, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 5 de abril de 2022, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 736.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «o fomento e a difusión da cultura, as artes e as letras en calquera das súas manifestacións, con especial atención ás artes audiovisuais e á fotografía».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Marta Ortega Pérez como presidenta, Flora Pérez Marcote e Carlos Fernando Torretta Echevarría como vogais, e Jaime Francisco Carro Merchán como secretario sen voto.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación MOP-The MOP Foundation, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de maio de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación MOP-The MOP Foundation e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orordinariode, que pon fin á vía administrativa, pódese interpor recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo