Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 16 de maio de 2022 Páx. 28672

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 62/2022, do 5 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construcción da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, entre os puntos quilométricos 4+400 e o 4+890, de clave PO/21/120.10, no concello de Pontevedra.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 20 de setembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 181 o anuncio do 31 de agosto de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, entre os p.q. 4+400 e o 4+890, de clave PO/21/120.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo referido proxecto.

Segundo. Logo da análise dos informes e certificados presentados, o 22 de abril de 2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, entre os p.q. 4+400 e 4+890, de clave PO/21/120.10.

O obxecto do proxecto é o acondicionamento da estrada PO-546, entre os p.q. 4+400 e 4+890, que consistirá na realización das seguintes actuacións: remodelación da sección transversal da estrada, ampliando o largo das actuais beirarrúas, fresadura e reposición do firme e execución de pasos de peóns sobreelevados, mellora da iluminación do treito, substitución de refuxios nas paradas do autobús, reposición dos elementos de drenaxe e servizos afectados e reposición da sinalización, tanto das marcas viais como da sinalización vertical.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, entre os p.q. 4+400 e 4+890, de clave PO/21/120.10.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente en funcións

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións