Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2022 Páx. 28604

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Axencia Estatal de Administración Tributaria

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2022, da Delegación Especial de Galicia, pola que se delegan determinadas competencias no delegado da Axencia Tributaria de Pontevedra.

A Resolución do 22 de xaneiro de 2013, da Presidencia da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, Axencia Tributaria), sobre organización e atribución de competencias na área de recadación, mediante a modificación do día 13 de xaneiro de 2021, contén explicitamente no punto cuarto.2 a autorización para que os delegados especiais poidan delegar as competencias que teñen atribuídas no punto cuarto.1 nos delegados da Axencia Tributaria, respecto das persoas ou entidades adscritas aos equipos e grupos rexionais de recadación ou asignados a funcionarios con competencias de recadación, calquera que sexa a súa localización na Delegación Especial, con excepción da correspondente ao punto cuarto 1.7.h), e o delegado especial debe proceder á súa comunicación ao Departamento de Recadación con carácter previo.

Por todo iso, de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e conforme as aprobacións concedidas pola Presidencia da Axencia Estatal de Administración Tributaria,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegar as competencias correspondentes ao punto cuarto, número 1.4, de medidas cautelares, letras a) e c), da Resolución do 22 de xaneiro de 2013, da Presidencia da Axencia Estatal da Administración Tributaria, sobre organización e atribución de competencias na área de recadación, no delegado da Axencia Tributaria de Pontevedra, respecto das persoas ou entidades adscritas aos equipos e grupos rexionais de recadación ou asignados a funcionarios con competencias de recadación situados nas sedes de Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo, con excepción das que afecten os seguintes tipos de debedores:

– Os adscritos ao Grupo Rexional de Recadación de débedas de menor contía da Dependencia Rexional de Recadación.

– Aqueles que manteñan un importe total de débeda pendente, en calquera fase, superior a un millón de euros.

– Os incursos en procesos concursais, calquera que sexa a fase do proceso concursal, incluídos os finalizados baixo a competencia supervisora da xefa do Equipo de Procesos Concursais da Dependencia Rexional de Recadación.

– Os implicados nun proceso penal por delito contra a Facenda pública ou de contrabando, respecto dos que adopte o Equipo Rexional de Actuacións Especiais da Dependencia Rexional de Recadación as medidas cautelares previstas nos puntos 7.e) e 9 do artigo 81 ou no punto 7 do artigo 258 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, ou no punto 3 da disposición adicional cuarta da Lei orgánica 12/1995, de represión do contrabando, aínda que os devanditos obrigados non se atopen adscritos ao devandito equipo.

– Os adscritos ao Equipo Rexional de Grandes Empresas da Dependencia Rexional de Recadación.

Segundo. As delegacións de competencias contidas nesta resolución son revocables en calquera momento polo órgano que as confire, o cal, así mesmo, poderá avocar para si o coñecemento de calquera asunto comprendido nelas, cando as circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial o fagan conveniente.

Terceiro

1. O exercicio de competencias delegadas en virtude desta resolución axustarase ao disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. Cantas resolucións sexan adoptadas no exercicio das competencias delegadas establecidas nesta resolución deberán facer expresa constancia de tal circunstancia mediante a mención desta resolución e da súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do previsto no artigo 9.4 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

Cuarto. A presente resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será aplicable a todos os procedementos non finalizados na devandita data.

A Coruña, 28 de abril de 2022

Imelda Capote Martín
Delegada especial de Galicia