Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2022, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 entre os puntos quilométricos (p.q.) 4+400 e o 4+890, de clave PO/21/120.10.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 22 de abril de 2022 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 entre os puntos quilométricos (p.q.) 4+400 e o 4+890», de clave PO/21/120.10.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O obxecto do proxecto é o acondicionamento da estrada PO-546 entre os p.q. 4+400 e o 4+890, que consistirá na realización das seguintes actuacións: a remodelación da sección transversal da estrada ampliando os anchos das actuais beirarrúas e incluíndo a mellora da iluminación do treito; o fresado e reposición do firme e execución de pasos de peóns sobreelevados; a substitución de refuxios nas paraxes do autobús, reposición de elementos de drenaxe e servizos afectados e reposición da sinalización.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia número 181, do 20 de setembro de 2021, publicouse o Anuncio do 31 de agosto de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 entre os puntos quilométricos (p.q.) 4+400 e o 4+890, de clave PO/21/120.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública formularon alegacións as persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que, transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante porase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as coas seguintes modificacións relativas ao trazado sometido á información pública:

• Entre os puntos quilométricos (p.q.) 4+605 e o 4+665, na marxe dereita da estrada, modifícase o trazado de xeito que as actuacións previstas respecten as aliñacións que figuran no Plan especial de rehabilitación interior de Estribela (PERI).

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu número 5 o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais nas que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Pontevedra deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto e tras os informes, alegacións e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública Primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 entre o p.q. 4+400 e o 4+890, de clave PO/21/120.10.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción Primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 entre o p.q. 4+400 e o 4+890, de clave PO/21/120.10, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito segundo.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Pontevedra deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas