Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25852

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta do 28 de abril de 2022, relativo á aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, de medidas para a mellora da sustentabilidade do transporte de mercadorías por estrada e do funcionamento da cadea loxística, e polo que se traspón a Directiva (UE) 2020/1057, do 15 de xullo de 2020, pola que se fixan normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e á Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e de medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de abril de 2022, adoptou o seguinte acordo:

«O incremento exorbitante dos prezos da enerxía e dos combustibles que se produciu nos últimos meses en todo o mundo provocou a subida dos prezos de materiais e materias primas e, conseguintemente, unha inestabilidade dos mercados que impactou negativamente na maior parte dos sectores produtivos, cunha reacción en cadea que comportou un rápido aumento dos prezos. Os contratos públicos, especialmente os contratos de obra, están afectados por esta inestabilidade e volatilidade dos mercados, por definición, imprevisible, que fai que os custos que teñen que asumir os contratistas para poder executar o contrato sexan moito máis elevados do que sería previsible e que poden exceder moito os límites do principio de risco e ventura do contratista que rexe a contratación pública. Así mesmo, existe o risco real de afectación na obra pública, para o caso en que os contratistas se poidan ver obrigados a renunciar á execución do contrato.

Esta situación require medidas dirixidas, por unha banda, a evitar que os contratistas asuman individualmente unha situación de feito que non lles é imputable, que era imprevisible e que, pola súa magnitude, excede o risco e ventura propios dos contratos (artigo 197 LCSP, en relación cos artigos 3.2 e 7.1 CC), tal e como foi interpretado pola doutrina do Consello de Estado e a xurisprudencia; e, por outra banda, que persigan evitar disfuncións na execución que poidan diminuír a calidade ou parar a prestación.

Precisamente, ante esta situación, o Parlamento de Galicia, a través da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incluíu unha disposición adicional segunda dirixida a regular determinadas medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública, sempre dentro do ámbito das súas competencias e con pleno respecto á lexislación básica en materia de contratos.

Con todo, debe terse en conta que, a pedimento da Administración xeral do Estado, se adoptou acordo, no seo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de iniciar negociacións para resolver as discrepancias manifestadas en relación con esta disposición da lei galega.

Pola súa banda, o Estado ditou o Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo (modificado posteriormente polo Real decreto lei 6/2022, do 29 de marzo), de medidas para a mellora da sustentabilidade do transporte de mercadorías por estrada e do funcionamento da cadea loxística, e polo que se traspón a Directiva (UE) 2020/1057, do 15 de xullo de 2020, pola que se fixan as normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e á Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e de medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras, que regula un sistema extraordinario de revisión de prezos dos contratos no seu título II.

A regulación ditada ten formalmente o carácter de lexislación básica, pois a disposición derradeira primeira do real decreto lei, no seu número 3, establece que os artigos 6, 7, 8, 9 e 10 se ditan ao abeiro do disposto no artigo 149.1.18.º da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia en materia de lexislación básica sobre contratos e concesións administrativas.

O Tribunal Constitucional declarou en diversas sentenzas que a normativa básica en materia de contratación administrativa ten principalmente por obxecto, á parte doutros fins de interese xeral, proporcionar as garantías de publicidade, igualdade, libre concorrencia e seguridade xurídica que aseguren aos cidadáns un tratamento común por parte de todas as administracións públicas. En particular, considerou que as normas que rexen os efectos, cumprimento e extinción dos contratos teñen, con carácter xeral, a consideración de básicas, en canto que permiten salvagardar os fins públicos a que serven os contratos administrativos, forman parte dese mínimo común denominador que caracteriza as bases en materia de contratación pública. De acordo co exposto, debe entenderse que os preceptos non son só formalmente básicos, senón que tamén o son materialmente, pois regulan aspectos como a revisión de prezos e o consecuente equilibrio financeiro dos contratos, que deben considerarse como tales.

Afirmado o carácter formal e materialmente básico dos preceptos referidos, debe destacarse, con todo, que, dunha maneira aparentemente contraditoria coa indicada natureza da regulación, a norma establece unha fórmula peculiar para que a regulación contida no citado título II sexa de aplicación no ámbito das comunidades, ao establecer no punto terceiro do seu artigo 6 que “O disposto neste título tamén será aplicable no ámbito das comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla que así o acorden”. A exposición de motivos a este respecto indica que “a súa aplicación poderá alcanzar o ámbito das comunidades autónomas e das entidades locais existentes no seu territorio mediante unha decisión individualizada do órgano competente de cada comunidade autónoma”.

Pois ben, dado o teor da norma citada, e a pesar do entendemento de que nos atopamos ante lexislación básica, razóns de seguridade xurídica aconsellan que o Consello da Xunta de Galicia adopte formalmente o acordo a que se refire a regulación estatal.

En efecto, debe valorarse, entre outras circunstancias, a apertura das negociacións respecto da disposición adicional segunda da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que supón que, en caso de falta de acordo para resolver as discrepancias, pode darse eventualmente unha situación na cal a Administración do Estado poida recorrer contra as medidas adoptadas por Galicia ante o Tribunal Constitucional, que pode comprometer a súa aplicación e efectividade práctica.

Así mesmo, debe terse en conta o mantemento das circunstancias excepcionais que continúan afectando os contratos de obra pública, o que aconsella a aplicación das medidas establecidas no título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, en relación coa revisión de prezos, co fin de minimizar as afectacións na obra pública do incremento extraordinario dos prezos das materias primas.

Doutra banda, debe ponderarse que a disposición adicional da lei autonómica citada só vai dirixida, de acordo coa súa natureza e finalidade, a ordenar as medidas que pode adoptar o sector público autonómico en aplicación da lexislación de contratos do sector público, e non o resto de administracións galegas. A non adopción do acordo previsto no real decreto lei estatal podería facer dubidar da súa posible aplicación ao resto das administracións galegas.

Todo o exposto fai necesario que, para dotar da máxima seguridade xurídica a situación existente e coa finalidade de minimizar as afectacións na obra pública do incremento extraordinario dos prezos das materias primas, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia acorde a aplicación das medidas establecidas no título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, en relación coa revisión de prezos.

Por todo iso, por iniciativa conxunta da Consellería de Facenda e Administración Pública e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e por proposta da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, o Consello da Xunta de Galicia

ACORDA:

1. Serán de aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras, recollidas nas disposicións contidas no título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, de medidas para a mellora da sustentabilidade do transporte de mercadorías por estrada e do funcionamento da cadea loxística, e polo que se traspón a Directiva (UE) 2020/1057, do 15 de xullo de 2020, pola que se fixan normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e á Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e de medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras, todo iso de conformidade co disposto no número 3 do artigo 6 da norma citada e de forma consecuente coa súa natureza de normativa básica, segundo o establecido na súa disposición derradeira primeira.

2. De acordo co recollido no número anterior, a normativa básica indicada será de aplicación á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu sector público, así como ás universidades públicas e ás entidades locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a calquera das entidades que forman parte do seu sector público.

3. Este acordo entenderase sen prexuízo da posible aplicación da disposición adicional segunda da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ás situacións por ela reguladas, tendo en conta o establecido no seu punto sexto.

4. Este acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos desde o mesmo día da indicada publicación».

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo