Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25849

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 48/2022, do 28 de abril, polo que se modifica o Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

O Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, regula unha estrutura organizativa que aposta por profundar nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas, así como por desenvolver os criterios de mellora continua e de colaboración dentro do sector público reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, na actividade desenvolvida por esta nos diferentes ámbitos materiais da súa competencia, a prol de facer máis áxil e eficiente a xestión administrativa.

O Consello da Xunta, na súa reunión do 5 de novembro de 2020, adoptou establecer os criterios para a execución centralizada de obras de infraestrutura viaria e de edificación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este acordo indicaba, xa daquela, a importancia crecente do papel que estaba a asumir a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na tramitación de contratos de obra e os seus servizos complementarios, así como o incremento da porcentaxe que esta representaba sobre o total dos contratos de obra tramitados pola Administración autonómica.

Desde entón, e sobre a base do principio de autoprovisión de bens e de servizos dentro do propio sector público, e a través dos diferentes instrumentos de colaboración legalmente establecidos para articulalo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten consolidado e incrementado ese papel de executor centralizado de obras tanto civil como de edificación da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Asemade, esta especialización na execución centralizada de contratos públicos en materia de infraestruturas, incluídos os edificios administrativos, lonxe de minorarse, estase a incrementar coa xestión dos fondos do instrumento de recuperación NextGenerationEU aprobado polo Consello de Europa o 21 de xullo de 2020 e, en especial, os do Mecanismo de recuperación e resiliencia desenvolvido en España mediante o Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Por este motivo, e tendo en conta a brevidade dos prazos fixados para a execución dos referidos fondos, resulta necesario precisar as competencias da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no ámbito das infraestruturas de edificación coa finalidade, por un lado, de regular expresamente esta competencia como propia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, sen prexuízo das competencias específicas nesta materia que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

E doutro, garantir unha xestión máis áxil e eficiente dos fondos NextGenerationEU que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, a través de calquera dos instrumentos de colaboración regulados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

É preciso, polo tanto, concretar esta competencia no decreto de estrutura desta consellería.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de abril de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

O Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade queda redactado como segue:

Un. O artigo 1 queda redactado como segue:

«A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de infraestruturas, mobilidade e augas, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Asemade, corresponden á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as competencias e funcións en materia de infraestruturas de edificación, sen prexuízo das competencias específicas nesta materia que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia. O exercicio desta competencia poderá facerse efectiva a través de calquera dos instrumentos de colaboración regulados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de abril de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade