Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 28 de abril de 2022 Páx. 25742

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 25 de abril de 2022 de modificación da Orde do 31 de decembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS700A).

O 9 de febreiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 27 a Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS700A).

As novas directrices sobre o uso de opcións de custos simplificados nos fondos estruturais e de investimento europeos (fondos EIE), versión revisada (2021), establecen que para determinar os custos de persoal subvencionables mediante a tarifa horaria calculada que figuran no artigo 10 da orde de convocatoria só poderán utilizarse as horas efectivamente traballadas (tempo de traballo efectivo), polo que as vacacións anuais e os días de libre disposición non se terán en conta para determinar os custos de persoal subvencionables, dado que estes xa están incluídos no cálculo da tarifa horaria do custo de persoal.

Polo tanto, a modificación que se propón en primeiro lugar fundaméntase na necesidade de suprimir a referencia que se fai ás «vacacións» e aos «días de libre disposición» no artigo 10.3 da orde desta convocatoria, onde se regula o procedemento para determinar o número de horas de traballo subvencionables de cada profesional.

Por outra banda, na letra f) do artigo 11 da citada orde establécese a obriga específica para as entidades beneficiarias da subvención e as entidades prestadoras do servizo de atención temperá, respectivamente, do cumprimento da normativa laboral e de respectar as condicións salariais e demais condicións laborais previstas nos convenios colectivos sectoriais de aplicación, da Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontren vixentes en cada momento. Así pois, e de acordo co disposto no artigo 122 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, estas deberán retribuír o persoal contratado para a execución do servizo respectando en todo caso o custo unitario (módulo BECU) por hora establecido no artigo 10, segundo o grupo de categoría de persoal que corresponda en cada caso. No caso dos beneficiarios incluídos dentro do Programa I (consolidación dos servizos de atención temperá actualmente subvencionados), estes deberán adaptar os seus modelos de xestión para o cumprimento desta obriga no prazo máximo de 6 meses desde a notificación de resolución de concesión da axuda.

Esta segunda modificación fundaméntase na necesidade de suprimir o segundo parágrafo da letra f) do artigo 11, co obxecto de aclarar a interpretación desta obriga específica acorde coa normativa de aplicación.

En consecuencia, e en uso das atribucións que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS700A)

A Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS700A), queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 3 do artigo 10 referido ao cálculo do importe da subvención, custos simplificados e períodos de imputación, que queda redactado como segue:

«3. Para a determinación do número de horas de traballo de cada profesional terase en conta o tempo efectivo de dedicación á actuación subvencionable, incluíndose o tempo de asistencia a cursos de formación relacionados co posto de traballo, sempre e cando o seu desempeño teña conexión con aquela.

Para estes efectos, non se deben computar as situacións con dereito a retribución en que non se presta servizo efectivo, como as ausencias ou as incapacidades temporais, nin as situacións recollidas no artigo 37.3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores. Nestes casos, do importe dos gastos de persoal reembolsables deberá excluírse tamén a parte proporcional das cotizacións á Seguridade Social que proceda.

En todo caso, o límite en función do período máximo subvencionable previsto no artigo 8.1.b) de 12 meses será dun máximo de 1.720 horas por profesional a xornada completa.

Nos supostos de período subvencionable inferior aos citados, así como nos de dedicación parcial, o número máximo de horas calcularase proporcionalmente.

En todo caso, o número de horas por profesional non poderá exceder o máximo establecido na normativa de aplicación ao persoal ao servizo das administracións públicas ou, se é o caso, do que corresponda proporcionalmente segundo o tipo de xornada».

Dous. Modifícase a letra f), artigo 11, referido ás obrigas específicas, que queda redactada como segue:

«f) Respecto do persoal do equipo de traballo, tanto no suposto de xestión directa do servizo pola propia entidade beneficiaria da subvención como de xestión indirecta do servizo mediante a concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade subvencionada, as entidades beneficiarias da subvención e as entidades prestadoras do servizo de atención temperá, respectivamente, estarán obrigadas ao cumprimento da normativa laboral e a respectar as condiciones salariais e demais condicións laborais previstas nos convenios colectivos sectoriais de aplicación, da Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontren vixentes en cada momento».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación non reabre un novo prazo de presentación de solicitudes ao axustarse ás directrices sobre o uso de opcións de custos simplificados nos fondos estruturais e de investimento europeos (fondos EIE), versión revisada (2021), e ao disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social