Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25286

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2021/036-4).

Feitos:

Primeiro. O 22 de xaneiro de 2021, a empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT e CT para servizos auxiliares da subestación Tomeza.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade executar unha instalación eléctrica para alimentar a nova subestación eléctrica de Tomeza a partir da liña de media tensión aérea a 20 kV MUR817 de UFD Distribución Electricidad, S.A. Proxéctase unha liña de media tensión aérea, unha liña de media tensión subterránea e un centro de transformación de 250 kVA. As obras sitúanse na parroquia de Santa Comba de Bértola, no concello de Vilaboa (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilaboa, Augas de Galicia, ADIF, Deputación Provincial de Pontevedra e UFD Distribución Electricidad, S.A. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos por Augas de Galicia e UFD Distribución Electricidad, S.A.

ADIF e a Deputación Provincial de Pontevedra non emitiron condicionado técnico, e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

O Concello de Vilaboa emitiu un escrito de alegacións relativas á rede de saneamento que foi contestado pola Red Eléctrica de España, S.A.U. Esta contestación foi trasladada ao Concello de Vilaboa para que manifestase a súa conformidade ou desconformidade coa resposta dada pola empresa promotora. O Concello de Vilaboa non realizou novas alegacións nin emitiu un condicionado, e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000.

Terceiro. Mediante escrito do 11 de agosto de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica mencionada ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Ademais, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 9 de outubro de 2021 publicouse o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no anuncio non compareceu ningunha persoa interesada.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 1 de xuño de 2021 publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia (DOG): 25 de xuño de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 25 de xuño de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vilaboa desde o 2 de xuño ao 7 de setembro de 2021, conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Carmen Pacheco Rosendo, Claudio Ferreiro Rodríguez, Asociación de Veciños de Santa Columba de Bértola, Enrique Losada Beloso, Esther Otero Soutelo, María Isabel López Galán, Isolina Canosa Couso, Montserrat Ibarrez Porto e Bloque Nacionalista Galego de Vilaboa. A seguir resúmese o seu contido:

O trazado suporía un obstáculo a execución das obras da rede de saneamento. Por tal motivo, manifestan que a empresa promotora debe buscar un trazado alternativo.

Alegan a realización de obras sen as respectivas autorizacións administrativas doutros organismos.

O grande impacto visual ocasionado polos apoios aéreos de conexión coa rede de UFD.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de Red Eléctrica de España, S.A.U.:

Con relación á afección da futura ampliación da rede de saneamento, Red Eléctrica considera ambas as infraestruturas compatibles e manifesta que a superposición do trazado da rede de saneamento co trazado subterráneo da liña revela unha necesidade de compatibilización de apenas 100 metros en relación coa lonxitude total da ampliación da rede de saneamento. Ademais na zona onde conflúen ambas infraestruturas pode lograrse a compatibilización se se cumpren as condicións impostas pola ITC_LAT_06, números 5.2 e 5.6, do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión, relativas ás canalizacións de augas. Así mesmo, Red Eléctrica afirma que recolle no expediente administrativo presentado alternativas de compatibilización que non suporían unha modificación substancial do proxecto da liña conforme o establecido no número 4 da ITC LAT 04 do indicado regulamento.

Red Eléctrica manifesta que as obras realizadas no Camiño Rial foron obras de restauración da vía unha vez finalizada a construción da subestación Tomeza (obxecto doutro expediente) e para evitar, na medida do posible, novas aberturas do asfalto, aproveitáronse tales actuacións de restauración para deixar construído un pequeno tramo de gabia da liña proxectada, sen ningún elemento eléctrico instalado, cinguíndose simplemente á obra civil.

Con relación ao impacto visual do entroncamento coa liña de UFD, Red Eléctrica expón que a solución técnica para o entroncamento se debe á normativa do distribuidor.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron, de xeito individual, todas as alegacións presentadas e emitiron os correspondentes informes, concluíndo todos eles que non se presentan obxecións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en tres motivos:

– Respecto á rede de saneamento, solicitouse o preceptivo informe ao Concello de Vilaboa.

– Respecto ás obras no Camiño Rial, os ditos traballos non son da competencia desta xefatura territorial.

– Respecto ao trazado alternativo, os alugantes non se xustifican o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 Limitacións á constitución de servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas do proxecto LMT e CT para servizos auxiliares da subestación Tomeza son:

LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-56, de 59 metros de lonxitude, con orixe no apoio A36SJ1H7//66-2 da LMT MUR817 e final no apoio proxectado nº 2, do cal continúa subterránea 1.030 metros, con condutor RHZ1, que finaliza no centro de transformación proxectado. Centro de transformación, a 250 kVA con R.T. 20 kV/420-240 V, situado no recinto da subestación de Tomeza, concello de Vilaboa.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, exponse o seguinte:

Con relación á execución da rede de saneamento, cómpre indicar que esta xefatura solicitou o preceptivo informe ao Concello de Vilaboa, tal como quedou establecido no punto segundo dos feitos desta resolución.

Con relación ás obras realizadas no Camiño Rial, destácase que esta xefatura territorial non ten competencia sobre os mencionados traballos de restauración.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que, para que un trazado alternativo prospere, se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto das epígrafes do mencionado artigo. É preciso neste sentido traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TXS de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que, á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dúbidas cal sería, desde todos os intereses públicos e privados afectados, o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factibles tamén polo perito), pois para practicar a correspondente comparación valorouse o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e o certo é que á Sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que presentan todas vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente, pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado, todo o cal ten que considerar a Administración cando aproba unha das opcións, e, neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada, a cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto – e non só mirando os intereses da aquí recorrente – coas demais opcións, debe ser respectada».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT e CT para servizos auxiliares da subestación Tomeza (expediente IN407A 2021/036-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de febreiro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra