Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25334

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Lalín (expediente IN407A 2021/056-4).

Feitos:

Primeiro. O 12 de marzo de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Reforma LMTA LAL803 en Castelo, Cepeiras, Candelas e Erbo de Arriba.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o cambio da sección do condutor da liña de media tensión LAL803 en dous tramos:

1. O tramo comprendido entre as derivacións ao CT Castelo (36CR25) e ao CT Cancela (36AR26). Neste tramo proxéctase a substitución de 13 vans de condutor LA-30 por condutor LA-56 nunha lonxitude de 1.594 metros e no primeiro van das derivacións ao CT Cangas (36CYT8) de 31 metros e ao CT Cancela (36AR26) de 57 metros. Será necesaria a instalación de 10 apoios metálicos de maior esforzo e altura: C-500/20, C-1000/14 (dous), C-1000/16, C-1000/18 (dous), C-2000/14, C-3000/16, C-3000/20 e CH-1600/20. Substitúese o XS (36HNC0) existente por un ITC que se instalará no apoio proxectado C-3000/20.

2. E o tramo comprendido entre as derivacións ao CT Palmou (36AR27) e ao CT Ervo (36CR28). Neste tramo proxéctase a substitución de 6 vans de condutor LA-30 por condutor LA-56 Avifauna nunha lonxitude de 498 metros e no primeiro van das derivacións ao CT Reguefe (36AV19) de 50 metros. Será necesaria a instalación de 3 apoios metálicos (C-500/18, C-2000/18 e C-2000/16) en substitución de 5 apoios. Substitúese o XS (36HW60) existente por un ITC que se instalará no apoio proxectado C-2000/18 e retírase o telecontrol (36HHK8) proxectándose un ITC no apoio proxectado C-2000/16.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Lalín, a Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, o Servizo de Montes e o Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos emitidos polo Concello de Lalín, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo de Montes.

O Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra e Augas de Galicia non emitiron condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 15 de xuño de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 7 de xullo de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 23 de xuño de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Lalín do 17 de xuño de 2021 ao 29 de xullo de 2021 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Cuarto. Mediante escrito do 15 de xuño de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

As persoas afectadas non achegaron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

LMT aérea a 20 kV con condutor tipo LA-56, en cinco actuacións:

1. 1.594 metros; orixe: apoio existente CH-1600/17,5 da derivación ao CT Castelo, 36CR25; final: apoio proxectado C-3000/16 (punto 10).

2. 31 metros; orixe: apoio proxectado C-3000/20 (punto 6); final: apoio existente HV-630/11 da derivación ao CT Cangas, 36CYT8.

3. 57 metros; orixe: apoio proxectado C-3000/16 (punto 10); final: apoio existente C-2000/20 da derivación ao CT Cancelas, 36AR26.

4. 498 metros; orixe: apoio existente C-2000/12 da derivación ao CT Palmou, 36AR27; final: apoio existente HV-630/13 ao CT Ervo, 36CR28.

5. 50 metros; orixe: apoio proxectado C-2000/18 (punto 12); final: apoio existente C-1000/10 da derivación ao CT Regufe, 36AV19.

As instalacións están situadas nos lugares de Castelo, Cepeiras, Cancelas e Erbo de Arriba, no concello de Silleda (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Reforma LMTA LAL803 en Castelo, Cepeiras, Candelas e Erbo de Arriba.2 (expediente IN407A 2021/056-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 31 de marzo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra