Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2022 Páx. 24514

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 12 de abril de 2022 pola que se regula o pagamento, mediante transferencia bancaria e xiro postal, de débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia.

A Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, regula no seu artigo 60 que o pagamento en efectivo das débedas tributarias poderá realizarse polos medios e na forma que regulamentariamente se establezan, engadindo que a normativa tributaria regulará os requisitos e as condicións para que o pagamento se poida efectuar utilizando técnicas e medios electrónicos, informáticos ou telemáticos e, na mesma liña, no seu artigo 96.2 dispón que, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a Administración tributaria, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exercer os seus dereitos e cumprir cos seus deberes a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos ou telemáticos coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento.

Así mesmo, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, fai fincapé na necesidade de fomentar as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos, como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ás persoas contribuíntes.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece, no seu artigo 91, que os medios de pagamento admisibles polas caixas da Tesouraría poderán consistir en diñeiro de curso legal, cheques nominativos, xiros, transferencias ou calquera outro medio de pagamento legalmente establecido. A consellería competente en materia de facenda establecerá as condicións que terán que cumprir e o momento en que en cada caso se producirá a liberación da débeda.

O Regulamento xeral de recadación aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, regula a xestión recadatoria dos recursos de natureza pública en desenvolvemento da LXT, da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e das demais leis que establezan aqueles. No seu artigo 34, establece que o pagamento das débedas e sancións tributarias que deba realizarse en efectivo se poderá facer sempre en diñeiro de curso legal. Así mesmo, poderase realizar por algún dos seguintes medios: cheque, tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, domiciliación bancaria ou calquera outro que autorice o Ministerio de Economía e Facenda, cos requisitos e condicións que para cada un deles se establecen neste regulamento e seguindo os procedementos que se dispoñan en cada caso. Será admisible o pagamento por tarxeta, transferencia ou domiciliación bancaria naqueles casos en que así se estableza expresamente nunha norma tributaria. O pagamento en efectivo das débedas non tributarias efectuarase polos medios que autorice a súa propia normativa. Se non se dispuxo regra especial, o pagamento deberá realizarse polos medios citados, excepto mediante tarxeta, transferencia e domiciliación bancaria, que requirirán regulación expresa.

No artigo 37 do Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, en que especificamente se regula o pagamento por transferencia, establécese que se considerará efectuado o pagamento na data en que tivese entrada o importe correspondente na entidade que, de ser o caso, preste o servizo de caixa, quedando liberado desde ese momento o obrigado ao pagamento fronte á Facenda pública pola cantidade ingresada. O citado precepto engade que a Administración establecerá, de ser o caso, as condicións para utilizar este medio de pagamento por vía telemática.

Doutra banda, o Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, atribúelle as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, exercéndose a través da Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga) as funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público, de acordo co disposto no Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto.

Así, a Administración tributaria autonómica tratou de ampliar os medios de pagamento establecidos impulsando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para lles facilitar aos cidadáns o cumprimento das súas obrigas. Neste sentido, apróbase a Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación de pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Atriga, que establece a posibilidade de solicitar a domiciliación do pagamento de autoliquidacións presentadas telematicamente e das débedas aprazadas ou fraccionadas, e o Decreto 95/2020, do 25 de xuño, polo que se regula o pagamento de recursos xestionados pola Atriga a través de entidades de crédito colaboradoras mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal punto de venda.

Continuando nesta liña, en prol de ampliar as posibilidades de pagamento de que dispoñen as persoas contribuíntes e para dar resposta a todos aqueles casos en que quen pretende efectuar o pagamento non ten aberta unha conta nalgunha das entidades colaboradoras na xestión recadatoria con esta Administración, establécense o xiro postal e a transferencia bancaria como medios de pagamento co obxectivo de reducir custos para as partes interesadas, pois é o desexo da propia Consellería de Facenda e Administración Pública facilitar ao máximo á cidadanía o cumprimento das súas obrigas tributarias.

A presente orde está composta de tres artigos estruturados nun artigo primeiro, relativo ao obxecto da orde, un artigo segundo que regula o pagamento mediante transferencia bancaria e un terceiro artigo relativo ao pagamento mediante xiro postal. Conta, ademais, con dúas disposicións derradeiras; a primeira sobre a habilitación para o desenvolvemento normativo e a segunda sobre a entrada en vigor da norma.

O seu contido adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da LPAC.

O texto da orde foi sometido ao trámite de información pública regulado no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, conta con todos os informes preceptivos, incluídos o informe tecnolóxico-funcional da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e o informe da Asesoría Xurídica.

Así, en virtude do exposto, de acordo coa competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto da orde e ámbito de aplicación

A presente orde ten como obxecto regular a transferencia bancaria e o xiro postal como medios de pagamento de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga), así como establecer o alcance e as condicións que se terán que cumprir e o momento en que, en cada caso, se producirá a liberación da débeda.

Artigo 2. Pagamento mediante transferencia bancaria a través das entidades colaboradoras na xestión recadatoria encomendada á Axencia Tributaria de Galicia

1. O pagamento daquelas débedas tributarias e outros ingresos de dereito público que, conforme a normativa vixente, poida ser efectuado a través da Oficina Virtual Tributaria da Atriga poderá ser realizado mediante transferencia bancaria á conta restrinxida de recadación designada para tal efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria nos termos que se establezan por resolución da persoa titular da dirección da Atriga.

2. O devandito procedemento unicamente poderá ser utilizado por aquelas persoas obrigadas ao pagamento que opten por realizar o ingreso de forma non presencial e non dispoñan de conta da súa titularidade en ningunha entidade colaboradora na recadación coa Atriga.

3. Para todos os efectos recadatorios, considerarase efectuado o pagamento na data en que tivese entrada o importe correspondente na conta restrinxida de recadación designada para tal efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria e, desde ese momento, a persoa obrigada ao pagamento queda liberada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia pola cantidade ingresada.

Artigo 3. Pagamento mediante xiro postal

1. O pagamento daquelas débedas tributarias e outros ingresos de dereito público cuxa xestión recadatoria teña encomendada a Atriga poderá ser realizado mediante xiro postal para o seu ingreso na conta restrinxida de recadación designada para ese efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria nos termos que se establezan por resolución da persoa titular da dirección da Atriga.

2. Para iso, a persoa obrigada ao pagamento deberá dispoñer dalgún dos documentos de pagamento emitidos por esta Administración e autorizados para a súa cobranza a través deste medio de pagamento mediante resolución da persoa titular da dirección da Atriga. O pagamento deberá realizarse pola totalidade do importe para ingresar recollido no citado documento, sen que caiba a posibilidade de realizar ingresos parciais.

3. O pagamento do tributo ou ingreso de dereito público considerarase efectuado na data en que o xiro postal sexa imposto, con independencia da data en que os fondos sexan ingresados na conta restrinxida de recadación designada para ese efecto nalgunha das entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria.

4. O libramento ou o xustificante do xiro postal que se emita non constitúe un xustificante de pagamento da débeda tributaria ou de dereito público que posúa a persoa obrigada ao pagamento fronte á Atriga. O xustificante de pagamento será emitido por esta por solicitude daquela nos termos que se establezan.

5. O pagamento por esta vía non eximirá da obriga de presentar ante a Administración a documentación exixida na forma prevista polas normas reguladoras dos diferentes procedementos.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da dirección da Atriga para ditar, no ámbito da xestión recadatoria, as resolucións e instrucións que sexan precisas para a execución do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022

Francisco José Conde López
Conselleiro de Facenda e Administración Pública