Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2022 Páx. 24519

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2022 pola que se concede a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e se procede ao nomeamento dos seus membros.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia (DOG núm. 77, do 22 de abril), ten por obxecto determinar os fins, obxectivos, funcionamento, composición e procedemento de acreditación do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia e dos comités territoriais de ética da investigación, como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal no seu respectivo ámbito de actuación.

O capítulo III do citado Decreto 63/2013 –artigos 7 a 10– regula os comités territoriais de ética de investigación e prevé a súa constitución, logo de acreditación, para tres ámbitos xeográficos de actuación, sendo un deles o da Coruña-Ferrol (que inclúe a Área Sanitaria da Coruña-Cee, e a Área Sanitaria de Ferrol).

Mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2018 (DOG núm. 29, do 9 de febreiro) concedeuse a acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol, determinouse cal sería a súa sede e procedeuse ao nomeamento dos seus membros.

Unha vez transcorrido o período de catro anos, Mª del Carmen Mella Pérez, en calidade de presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol presentou escrito en que, ao abeiro do que dispón o artigo 11 do Decreto 63/2013, solicita a renovación da acreditación dese comité territorial.

Unha vez examinada a documentación presentada xunto coa devandita solicitude, e logo de comprobar o cumprimento do disposto nos artigos 9 e 11.4 do Decreto 63/2013, do 11 de abril, o 5 de abril de 2022 o xerente do Servizo Galego de Saúde efectuou, en base ao disposto no artigo 11.7 do dito decreto, unha proposta favorable á renovación da acreditación daquel comité, Área Sanitaria como unha proposta de designación dos seus membros.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no número 5 do artigo 9, e nos números 1, 8 e 9 do artigo 11, do Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, e de acordo coa proposta efectuada polo xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética de Investigación da Coruña-Ferrol, a cal se outorga por un período de catro anos, contados a partir da data da presente resolución.

Segundo. A súa sede coincidirá coa do Comité Autonómico de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G) en Santiago de Compostela, no Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Nomear como membros do Comité Territorial de Ética de Investigación da Coruña-Ferrol as personas que se relacionan no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol

1. Francisco Javier Afonso Afonso. Facultativo especialista en Oncoloxía da Área Sanitaria de Ferrol. Titulado en Medicina e Cirurxía.

2. Natalia Cal Purriños. Delegada de Protección de Datos, Fundación Profesor Novoa Santos A Coruña. Titulada en Dereito.

3. Juana María Cruz del Río. Técnico do CEIm-G. Titulada en Traballo Social.

4. María Ángeles Freire Fojo. Facultativa especialista en Farmacéutica Hospitalaria da Área Sanitaria Ferrol. Titulada en Farmacia.

5. Salvador García Ruise. Facultativo especialista en Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Ferrol. Titulado en Medicina e Cirurxía.

6. María del Portal González Lorenzo. Facultativo especialista en Medicina Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol. Titulada en Medicina e Cirurxía.

7. Daniel Llamas Gómez. Xefe do Servizo de Infraestruturas TIC da Área Sanitaria da Coruña-Cee. Titulado en Enxeñería Informática.

8. María Belén López Viñas. Xefa do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía da Área Sanitaria da Coruña-Cee. Titulada en Medicina e Cirurxía.

9. Isaac Martínez Bendayán. Facultativo especialista en Cardioloxía da Área Sanitaria da Coruña-Cee. Titulado en Medicina e Cirurxía e titulado en Dereito.

10. María del Carmen Mella Pérez. Facultativa especialista en Medicina Interna da Área Sanitaria de Ferrol. Titulada en Medicina e Cirurxía.

11. Gonzalo Peña Pérez. Facultativo especialista en Cardioloxía do Hospital San Rafael da Coruña. Titulado en Medicina e Cirurxía.

12. Sonia Pértega Díaz. Profesora axudante doutora, Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Departamento de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña. Titulada en Matemáticas.

13. Carlos Rodríguez Moreno. Facultativo especialista da Área de Farmacoloxía Clínica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Titulado en Medicina e Cirurxía.

14. José María Rumbo Prieto. Supervisor da Unidade de Coidados, Investigación e Innovación da Área Sanitaria de Ferrol. Titulado en Enfermería.