Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2022 Páx. 24522

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2022 pola que se concede a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e se procede ao nomeamento dos seus membros.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia (DOG núm. 77, do 22 de abril), ten por obxecto determinar os fins, obxectivos, funcionamento, composición e procedemento de acreditación do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia e dos comités territoriais de ética da investigación, como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal no seu respectivo ámbito de actuación.

O capítulo III do citado Decreto 63/2013 –artigos 7 a 10– regula os comités territoriais de ética da investigación e prevé a súa constitución, logo de acreditación, para tres ámbitos xeográficos de actuación; un deles é o de Santiago-Lugo (que inclúe a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos).

Mediante a Resolución do 6 de febreiro de 2018 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro) concedeuse a acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo, determinouse cal sería a súa sede e procedeuse ao nomeamento dos seus membros.

Unha vez transcorrido o período de catro anos, María Pilar Rodríguez Ledo, presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo presentou escrito no cal, ao abeiro do que dispón o artigo 11 do Decreto 63/2013, solicita a renovación da acreditación dese comité territorial.

Unha vez examinada a documentación presentada xunto coa dita solicitude, e logo de comprobación do cumprimento do disposto nos artigos 9 e 11.4 do Decreto 63/2013, do 11 de abril, o 8 de marzo de 2022, o xerente do Servizo Galego de Saúde efectuou, con base no disposto no artigo 11.7 do dito decreto, unha proposta favorable á renovación da acreditación daquel comité, así como unha proposta de designación dos seus membros.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no número 5 do artigo 9, e nos números 1, 8 e 9 do artigo 11, do Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, e de acordo coa proposta efectuada polo xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo, a cal se outorga por un período de catro anos contados a partir da data desta resolución.

Segundo. A súa sede coincidirá coa do Comité Autonómico de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G) en Santiago de Compostela, no Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Nomear membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo as persoas que se relacionan no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo:

1. María Pilar Rodríguez Ledo. Facultativa de Atención Primaria.

2. Ana Estany Gestal. Licenciada en Farmacia.

3. María Mercedes Rodicio García. Facultativa especialista de área de Pediatría.

4. Catalina Caamaño Isorna. Farmacéutica de Atención Primaria.

5. María Cristina Arijón Barazal. Facultativa de Atención Primaria.

6. Jesús Fernández Álvarez. Membro lego.

7. Raúl Franco Gutiérrez. Facultativo especialista de área de Cardioloxía.

8. Ricardo García Martínez. Licenciado en Dereito.

9. Ana María Hermida Cao. Farmacéutica especialista en Farmacia Hospitalaria.

10. Yago Leira Feijóo. Licenciado en Odontoloxía.

11. Eva Marcos Doldán. Licenciada en Enxeñería Informática.

12. Jesús Prego Domínguez. DUE.

13. Carlos Rodríguez Moreno. Facultativo especialista de área de Farmacoloxía Clínica.

14. Juan Manuel Vázquez Lago. Facultativo especialista de área de Medicina Preventiva e Saúde Pública.