Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24372

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

BDNS (Identif.): 621245.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.

2. Non poderán adquirir a condición de beneficiarias destas axudas:

a) As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda do programa DeseñaPeme.

b) As pemes incluídas nalgunha das seguintes rúbricas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009:

• Sección J: información e comunicacións. Quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, e 63: servizos de información.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2 desta convocatoria. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.

g) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) As pemes vinculadas ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial.

Non poderán coexistir na mesma convocatoria solicitudes de entidades vinculadas (segundo se explicita no artigo 2) ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, e considerarase soamente a que primeiro presente a solicitude.

Non poderán ser beneficiarias as empresas vinculadas ou do mesmo grupo empresarial doutras que fosen beneficiarias doutras convocatorias desta axuda e transcorresen menos de 2 anos desde a súa concesión.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas ao deseño, da Axencia Galega de Innovación, dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de actividades incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade, relativas ao deseño de produto, deseño de servizos/experiencias e deseño de marca e identidade corporativa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848E). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 1.500.000 euros, 600.000 euros con cargo ao ano 2022 e 900.000 euros con cargo ao ano 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación