Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 18 de abril de 2022 Páx. 23724

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tomiño (expediente IN407A 2021/185-4).

Feitos:

Primeiro. O 11 de agosto de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS, CT Paredes-Estás.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na parroquia de Estás, no concello de Tomiño:

1. Instalación dun novo centro de transformación de 250 kVA de potencia.

2. Substitución do apoio 9UU07LP4//130-1 da rede aérea de media tensión ROS806.

3. Desmontaxe de 638 metros do tramo da liña aérea de media tensión desde o apoio substituído ata o centro de transformación Estás (36AN20).

4. Unha liña de media tensión subterránea de 690 metros de lonxitude en substitución da liña aérea desmontada.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tomiño, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido polo Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra.

Os demais organismos non emitiron condicionado técnico e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 31 de agosto de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 31 de agosto de 2021 publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia (DOG): 22 de setembro de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 16 de setembro de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Tomiño, do 1 de setembro de 2021 ao 14 de outubro de 2021, conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite recibíronse as alegacións presentadas por Alberto Domínguez González. A continuación resúmese o seu contido:

Destaca que é o titular da parcela de referencia catastral 36054A066011750000EL por compra. Acredita a súa titularidade mediante escritura pública de compravenda do 21 de febreiro de 2021.

Pon de manifesto a falta de xustificación da utilidade pública das instalacións eléctricas.

Afirma que dispón dunha licenza de edificación dunha vivenda unifamiliar na parcela afectada. Ademais, destaca que a situación do centro de transformación na parcela imposibilita a construción da vivenda.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que manifestou:

O cumprimento de todos os requisitos formais e técnicos establecidos na normativa vixente. Ademais, destaca que a utilidade pública das instalacións está xustificada de acordo co artigo 54 da Lei 24/2013, do 16 de novembro, polo que se regula o sector eléctrico. Afirma que cumpre co requisito de xustificación descrito no primeiro punto do proxecto onde recolle o seu obxecto e, xunto coa solicitude, anexa a relación de bens e dereitos afectados.

Que o trazado e a localización do centro de transformación non foron escollidos de xeito arbitrario, senón que se tivo en conta a lexislación vixente e os condicionamentos técnicos que a obra exixe.

Que, na licenza de ocupación achegada polo reclamante, este non figura como promotor nin sinala a súa localización.

No que á relación concreta dos bens e dereitos afectados se refire, salienta que estes serán recollidos na correspondente acta previa á ocupación e valorados na oportuna peza separada de prezo xusto, en que a persoa titular do predio afectado poderá presentar a correspondente folla de valoración, coas alegacións e as probas que considere pertinentes para as valoracións dos bens da súa propiedade afectados polo presente expediente, e debe terse en conta que, de conformidade coa Lei de expropiación forzosa, non son valorables as meras expectativas.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, que conclúe que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en tres motivos:

– O alegante non xustifica o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de outubro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorizacións das instalacións de enerxía eléctrica.

– Non se presentan alternativas á dita instalación para proceder á súa valorización por parte das unidades públicas que poidan estar afectadas.

– Respecto á valoración dos bens derivada do proceso expropiatorio, o titular poderá poñer de manifesto na fase de levantamento de actas e a través da presentación da folla de valoración o valor en que estima o obxecto que se expropia de acordo co artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do apoio 9UU07LP4//130-1 da rede aérea de media tensión ROS806 e a desmontaxe de 638 metros do tramo da liña aérea de media tensión desde o apoio substituído ata o centro de transformación Estás (36AN20).

– Liña de media tensión subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 690 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio 9UU07LP4//130-1, que será substituído, e final no centro de transformación proxectado.

– Centro de transformación en envolvente prefabricada de 250 kVA e con relación de transformación 20.000/400 V, localizado no lugar de Paredes-Estás, concello de Tomiño (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

Con relación á falta de xustificación da utilidade pública, hai que lembrar que a utilidade pública no ámbito eléctrico vén declarada ex lege. O artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, declara de utilidade pública as instalacións eléctricas e xeración, transporte e distribución de enerxía, o que permite a expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, e grava con determinadas servidumes legais os terreos afectados como ocorre coa servidume de paso de enerxía eléctrica prevista no artigo 57 daquela lei.

Cabe destacar que o alegante non ofrece propostas de trazados alternativos e tampouco concreta os prexuízos causados pola localización do centro de transformación na parcela, limitándose a indicar a imposibilidade de executar a licenza de edificación e a inutilidade total da parcela. Ademais, na licenza de edificación presentada polo alegante e concedida polo Concello de Tomiño non figura ningún dato que poida vinculala coa parcela afectada.

No que atinxe á limitación do valor económico da parcela. Cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte, débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que considere, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Paredes-Estás (expediente IN407A 2021/185-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de marzo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra