Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 13 de abril de 2022 Páx. 23183

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2022 pola que se aproba o Plan de medidas antifraude que se aplicarán na execución dos proxectos executados pola Universidade de Vigo que sexan financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A Universidade de Vigo resultou beneficiaria, e seguirá sendo nos próximos meses, dalgunhas axudas e subvencións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR). Respecto destas, o artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia estableceu a obriga, para toda entidade, decisoria ou executora, que participe na execución das medidas do PRTR, de dispor dun «Plan de medidas antifraude» que lle permita garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes se utilizaron de conformidade coas normas aplicables, en particular no que se refire á prevención, á detección e á corrección da fraude, á corrupción e aos conflitos de interese.

As medidas que forman parte deste plan deseñáronse á vista das conclusións obtidas tras levar a cabo unha primeira autoavaliación do nivel de risco de fraude que presentaba a Universidade de Vigo, seguindo o cuestionario incluído na citada Orde HFP/1030/2021. Ademais, compleméntanse coa declaración institucional de loita contra a fraude aprobada polo Consello de Goberno na súa sesión do 21 de decembro de 2021.

O Plan de medidas antifraude configúrase como un instrumento vivo, no sentido de prever expresamente a súa actualización periódica, e sen prexuízo das revisións ou modificacións que poidan resultar procedentes para cumprir o obxectivo de protexer os intereses financeiros da Unión Europea, que resulta, en definitiva, o ben xurídico protexido con este plan, conforme o disposto no artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

En virtude do anterior

resolvo:

Primeiro. Aprobar o Plan de medidas antifraude que se achega co presente acordo, que resultarán de aplicación á execución dos proxectos executados pola Universidade de Vigo que sexan financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Segundo. Publicar o citado Plan de medidas antifraude na páxina web da Universidade de Vigo dedicada á loita contra a fraude https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/transparencia/pagina/show/57?_locale=é

Vigo, 10 de febreiro de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO

Plan de medidas antifraude que se aplicarán na execución dos proxectos executados pola Universidade de Vigo que sexan financiados a cargo dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia

Preámbulo.

Capítulo I. Disposicións xerais.

1. Finalidade do plan.

2. Ámbito de aplicación.

3. Principios aplicables á xestión de fondos do PRTR.

Capítulo II. Organización e gobernanza das medidas.

4. Gobernanza do plan.

5. Xerencia.

6. Comisión de planificación e asuntos económicos do Consello de Goberno.

7. Responsable do cumprimento.

8. Unidade de Análises e Programas.

9. Servizo de Xestión Económica e Contratación.

10. Servizo de Control Interno.

11. Unidades xestoras dos proxectos (Servizo de Apoio á Investigación, Oficina de Proxectos Internacionais, Servizo de Xestión Económica e Contratación, administradores de ámbitos, etc.).

Capítulo III. Medidas de loita contra a fraude e a corrupción.

12. Medidas para a prevención.

13. Medidas para a detección.

14. Medidas para a corrección.

15. Medidas para a persecución.

Capítulo IV. Protocolo para a xestión dos conflitos de interese.

16. Deber de comunicación e de abstención e exercicio da facultade de exclusión.

17. Declaracións de ausencia de conflitos de interese (DACI).

18. Protocolo de xestión de conflitos de interese declarados.

19. Xestión de conflitos de interese non declarados.

20. Rexistro de situacións de conflitos de interese.

Disposición adicional primeira. Primeiro calendario de accións formativas.

Disposición adicional segunda. Formulación de declaracións de ausencia de conflitos de interese.

Disposición transitoria. Proxectos xa iniciados con anterioridade á aprobación deste plan.

Disposición derradeira.. Reavaliación do nivel de risco de fraude.

Anexo I. Definicións.

Anexo II. Indicadores de risco («bandeiras vermellas») específicos para axudar a alertar sobre o risco de fraude e de conflitos de interese no marco de proxectos financiados con fondos do PRTR.

1. En relación cos instrumentos de licitación ou coas bases e convocatorias de axudas e de subvencións.

2. De aplicación na fase de valoración de ofertas ou solicitudes.

3. De aplicación no momento da adxudicación dos contratos ou concesión de subvencións.

4. De aplicación durante a execución do proxecto.

5. Indicadores de posible existencia dun conflito de interese.

Anexo III. Modelo de declaración de ausencia de conflito de interese (DACI).

Preámbulo

O artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, refírese á obriga dos Estados membros de tomaren as medidas oportunas para previr, detectar e corrixir a fraude e a corrupción, e exercer accións legais para recuperar os fondos que foron obxecto de apropiación indebida. Coa finalidade cumprir con esta obriga, a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, ordena dispor dun «Plan de medidas antifraude» a toda entidade, decisoria ou executora, que participe na execución das medidas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que lle permita garantir que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes se utilizaron de conformidade coas normas aplicables, en particular, no que se refire á prevención, á detección e á corrección da fraude, á corrupción e aos conflitos de interese.

A Universidade de Vigo, pola súa condición de entidade executora de proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, puxo en marcha un conxunto de medidas orientadas a protexer os intereses financeiros da Unión Europea durante a execución dos proxectos financiados con fondos do citado Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En primeiro lugar, debe destacarse a declaración institucional de loita contra a fraude, aprobada polo Consello de Goberno, na sesión do 21 de decembro de 2021, en que se manifestaba o seu compromiso firme na loita contra a fraude, e a súa política de tolerancia cero fronte á fraude, á corrupción e aos conflitos de interese, así como o compromiso de establecer un sistema que permita, na medida do posible, previr, detectar, corrixir e perseguir os actos de fraude ou calquera práctica que se afaste dun comportamento ético no uso dos fondos públicos, así como para corrixir o seu impacto, no caso de producirse.

Por outra banda, a realización, o pasado 2 de decembro de 2021, da primeira autoavaliación do nivel de risco de fraude, conforme os parámetros establecidos no anexo II.B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, manifestou a existencia de certa marxe de mellora na epígrafe de medidas de loita contra a fraude. Por iso, co obxectivo declarado de mellorar esas medidas, a súa eficacia e de situar o nivel de estimación de risco nuns valores aceptables, elaborouse o presente Plan de medidas antifraude, que se aplicarán na execución dos proxectos executados pola Universidade de Vigo financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Plan de medidas antifraude estrutúrase en catro capítulos. O primeiro deles establece a súa finalidade e ámbito de aplicación, tanto obxectivo coma subxectivo. A continuación, establécense as medidas organizativas e de gobernanza relacionadas coa xestión do propio Plan de medidas antifraude mentres se perciban fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para a súa execución por parte da Universidade de Vigo, e subsistan as obrigas de xustificación asociadas. Os seguintes capítulos estruturan, sobre o chamado «ciclo antifraude», as medidas de prevención, detección, corrección e persecución da fraude e a corrupción que se adoptarán na execución do plan. Trátase de medidas realmente operativas que conforman un verdadeiro «plan de acción», fuxindo dunha configuración simplemente programática. Ademais, debe destacarse que as medidas incluídas no plan se configuraron como resposta proporcional ao nivel de risco de fraude detectada, e en atención ao número e á contía de proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia que ata a data de aprobación deste plan foron concedidos á Universidade de Vigo. Por tanto, debe considerarse o carácter dinámico destas e a súa posibilidade de adaptación cando o contexto en que se deban implantar resulte diferente ao inicialmente considerado. Finalmente, o plan inclúe un protocolo conforme o cal tratar os eventuais conflitos de interese que se poidan manifestar durante a execución dos proxectos.

Capítulo I

Disposicións xerais

1. Finalidade do plan:

1. O presente instrumento de planificación ten por obxecto establecer medidas para protexer os intereses financeiros da Unión Europea, conforme o disposto no artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, nos proxectos que xestione a Universidade de Vigo e obteñan financiamento a cargo deste mecanismo.

2. Todas as medidas establecidas neste plan estarán orientadas a facer efectivo o principio de boa xestión relativo á prevención eficaz da fraude, ás irregularidades e aos conflitos de interese que establece o artigo 3.2.j) do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

3. Na execución das medidas previstas neste plan aplicaranse as definicións de fraude, corrupción e conflito de interese contidas na Directiva (UE) 2017/1371 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2017, sobre a loita contra a fraude que afecta os intereses financeiros da Unión a través do dereito penal (Directiva PIF), e no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (Regulamento financeiro da UE). No anexo I deste plan recóllense, para os efectos didácticos, estas definicións.

2. Ámbito de aplicación:

1. As medidas establecidas neste plan resultarán de aplicación á execución dos proxectos executados pola Universidade de Vigo que sexan financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2. As medidas recollidas no presente plan aplicaranse aos seguintes suxeitos:

a) Aos/ás empregados da Universidade de Vigo e aos seus medios propios que realicen tarefas de planificación, xestión, decisión, control e pagamento de proxectos que sexan financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

b) A outros axentes en que se delegou ou colaboren no exercicio dalgunha das funcións enumeradas na alínea anterior, tales como asesores, expertos, colaboradores ou contratistas, con independencia da natureza retribuída ou non da súa participación no exercicio destas.

3. Co alcance propio da súa condición, as medidas recollidas neste plan poderán aplicárselles aos/as beneficiarios, socios/as, contratistas/as, e subcontratistas cuxas actuacións sexan financiadas pola Universidade de Vigo con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

4. As medidas previstas no presente plan aplicaranse ao persoal designado pola Universidade de Vigo que interveña na execución de maneira coordinada con outras entidades executoras de proxectos financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

3. Principios aplicables á xestión de fondos do PRTR:

1. Entre os principios de obrigatoria consideración na planificación e na execución dos proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia atópase o relativo ao reforzo de mecanismos para a prevención, a detección e a corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de interese. Para asegurar a súa aplicación, a Universidade de Vigo garantirá:

a) A aplicación, en tempo oportuno, de medidas correctoras de irregularidades, do tipo e do nivel que sexan, que se detecten durante a xestión dos proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, incluídas, de ser ó caso, sancións disuasorias.

b) A revisión periódica do cuestionario de avaliación do risco, impacto e probabilidade de risco de fraude, polo menos unha vez ao ano, e mentres dure a execución dos proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) A avaliación periódica da eficacia das medidas antifraude establecidas neste plan.

d) A accesibilidade e publicidade dos resultados obtidos tras a aplicación das medidas antifraude adoptadas.

e) O establecemento de procesos para recuperar os fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia gastados de xeito fraudulento.

2. As medidas adoptadas para previr, detectar, corrixir ou perseguir a fraude, a corrupción e os conflitos de interese deberán resultar proporcionais en relación cos obxectivos perseguidos.

Capítulo II

Organización e gobernanza das medidas

4. Gobernanza do plan:

1. A xestión das medidas que se recollen neste plan corresponderá aos órganos e/ou unidades administrativas da Universidade de Vigo que teñan atribuída a competencia para a súa execución.

2. Corresponderá ao/á responsable do cumprimento a realización de actuacións ou xestión de medidas cuxa execución non fose atribuída expresamente a ningún órgano ou unidade.

5. Xerencia.

Sen prexuízo das funcións ordinarias xa encomendadas, en execución do Plan de medidas antifraude, corresponderalle á Xerencia exercer as seguintes funcións:

a) Planificar e programar as actividades de formación ao persoal que se establecen como medidas de prevención.

b) Definir e propoñer as bases de comportamento ético por parte das persoas empregadas da Universidade de Vigo.

c) Impulsar, cando corresponda, o inicio dos procedementos disciplinarios a que dean lugar as irregularidades que se detecten en execución dos proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

6. Comisión de planificación e asuntos económicos do Consello de Goberno.

Sen prexuízo das funcións xa encomendadas, en execución do Plan de medidas antifraude aplicable aos proxectos da Universidade de Vigo financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, corresponderalle á Comisión de Planificación e Asuntos Económicos do Consello de Goberno o exercicio das seguintes funcións:

a) Velar polo correcto desenvolvemento e cumprimento do plan, así como analizar o seu funcionamento e propor modificacións.

b) Coordinar e programar as accións para a súa implementación.

c) Realizar a revisión periódica do cuestionario de autoavaliación do nivel de risco.

d) Actualizar o sistema de indicadores ou bandeiras vermellas para a detección de supostos de fraude ou de corrupción na execución de proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, por proposta do/da responsable do cumprimento.

e) Informar periodicamente o Consello de Goberno sobre as actuacións realizadas en execución do Plan de medidas antifraude.

f) A investigación, a avaliación e a cualificación dos supostos de fraude sistémica.

7. Responsable do cumprimento:

1. Para o seguimento da implantación e da aplicación das medidas previstas neste plan designarase un/unha responsable do cumprimento.

2. En particular, corresponderanlle ao/á responsable do cumprimento, en execución das medidas establecidas neste plan, as seguintes funcións:

a) Avaliar as situacións que sexan subsumibles nalgún dos supostos cualificados como «bandeiras vermellas» e adoptar as medidas de corrección necesarias tras confirmarse que supoñen un risco de fraude.

b) Investigar, avaliar e cualificar os supostos de fraude como sistémica ou puntual.

c) Proporlles aos órganos competentes a adopción das medidas de corrección que resulten procedentes, en función da cualificación da fraude como sistémica ou puntual.

d) Propor a adopción de medidas de prevención e de detección adicionais ás xa previstas neste plan.

e) Investigar as denuncias que se presenten.

f) Proporlle á Comisión de Planificación e Asuntos Económicos do Consello de Goberno a actualización do sistema de indicadores ou bandeiras vermellas para detectar supostos de fraude ou corrupción na execución de proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

3. Para garantir que o/a responsable do cumprimento actúa con independencia no exercicio das citadas funcións, a súa destitución -cando a súa designación recaia nun membro da Universidade de Vigo-, ou a resolución do seu contrato -no caso de que a designación recaia nunha persoa física ou xurídica allea á organización da Universidade de Vigo-, deberá ser obxecto dun informe previo do Consello de Goberno.

8. Unidade de Análises e Programas.

Corresponderalle á Unidade de Análises e Programas:

a) A xestión e seguimento da canle interna de denuncia. A través da canle interna de denuncia recibiranse as denuncias, rexistraranse e darase traslado destas ao/á responsable do cumprimento para a súa investigación. Ademais, manterase a comunicación co/coa denunciante e, en caso necesario, solicitaráselle información adicional e, finalmente, ofreceráselle información sobre as medidas previstas ou adoptadas para seguir a súa denuncia e sobre o resultado final desta.

b) Centralizar a información dos expedientes, contratos, axudas, etc., que reciban fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Publicar nunha epígrafe específica a información relativa aos expedientes, contratos, axudas, etc., que reciban fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

9. Servizo de Xestión Económica e Contratación.

Sen prexuízo das funcións xerais que ten atribuídas en relación cos procedementos de adxudicación de contratos públicos, en execución do Plan de medidas antifraude, corresponderalle ao Servizo de Xestión Económica e Contratación exercer as seguintes funcións:

a) Realizar as comprobacións de información e de documentación a respecto dos expedientes de contratación.

b) Recompilar as declaracións de ausencia de conflitos de interese das persoas participantes nos procedementos de adxudicación vinculados proxectos financiados con fondos do PRTR.

c) Solicitar dos contratistas e subcontratistas a autorización da cesión de datos para os efectos de auditoría e control de uso e a información sobre a titularidade real do contratista ou do subcontratista.

10. Servizo de Control Interno.

Sen prexuízo das funcións ordinarias encomendadas, en execución do Plan de medidas antifraude, corresponderalle ao Servizo de Control Interno o exercicio das seguintes funcións:

a) Propor a adopción de medidas de prevención e detección adicionais ás xa previstas neste plan.

b) Comunicarlle ao/á responsable do cumprimento calquera risco que detecte na execución das súas tarefas de fiscalización e control da actividade ordinaria.

c) Colaborar na implantación de novas medidas co/coa responsable do cumprimento.

11. Unidades xestoras dos proxectos (Servizo de Apoio á Investigación, Oficina de Proxectos Internacionais, Servizo de Xestión Económica e Contratación, administradores de ámbitos, etc.).

En execución das medidas establecidas no presente Plan de medidas antifraude, corresponderalles ás unidades administrativas, ás que se encomendou a execución de proxectos financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a realización das seguintes funcións:

a) Velar polo comportamento ético e íntegro do persoal, interno ou externo, que participe na execución dos proxectos.

b) Verificar no marco de cada proxecto a inexistencia de indicadores de alerta de risco de fraude, e comunicarlle ao/á responsable do cumprimento aqueles cuxa presenza se detecte.

c) Consultar as bases de datos correspondentes para verificar a información e a documentación achegada polos beneficiarios, socios, contratistas e subcontratistas durante a execución dos proxectos financiados con fondos do PRTR.

d) Realizar as comunicacións que resulten precisas cos beneficiarios, socios, contratistas ou subcontratistas, no marco da adopción de medidas antifraude.

e) Valorar inicialmente no seu respectivo ámbito a existencia dun conflito de interese e informar das actuacións realizadas ao/á responsable do cumprimento.

f) Solicitar dos beneficiarios de subvencións a autorización de cesión de datos para os efectos da auditoría e do control de uso e da información sobre a titularidade real do beneficiario.

Capítulo III

Medidas de loita contra a fraude e a corrupción

12. Medidas para a prevención:

1. As medidas de prevención establecidas neste punto teñen por obxectivo reducir as posibilidades de que se cometa fraude mediante a implantación de mecanismos que permitan afrontar os riscos dunha maneira proactiva e que, pola súa vez, acheguen seguridade aos suxeitos que interveñan na xestión dos proxectos financiados cos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2. As medidas de prevención que se implantarán serán as seguintes:

a) Formular unha declaración institucional na cal se recolla a postura oficial da Universidade de Vigo a respecto da súa decidida vontade de combater a fraude, a corrupción e os conflitos de interese na xestión dos fondos públicos en xeral, incluídos os que proveñan do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Esta declaración institucional daráselle a coñecer a toda a comunidade universitaria e publicarase na epígrafe específica da súa páxina web dedicado á loita contra a fraude (https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/transparencia/pagina/show/57?_locale=é).

b) Delimitar as bases de comportamento ético por parte dos empregados da Universidade de Vigo, incluíndo as pautas de actuación con respecto da aceptación de agasallos, favores, atencións e obsequios que deriven da súa interacción con terceiros. O persoal a que resulta de aplicación este plan non aceptará agasallos, favores, obsequios e/ou atencións que poidan comprometer a súa imparcialidade e que resulten inadecuados por razón do seu valor, características ou circunstancias. Esta política trata de previr posibles ameazas á súa independencia e asegurar a adecuación do seu comportamento a estándares normais de cortesía acorde cos usos sociais.

c) Programar accións formativas en materia de ética e integridade pública. Impartiranse para todo o persoal da Universidade de Vigo e, en especial, estarán dirixidas a quen participe na xestión dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Estas accións formativas prestarán especial atención ás obrigas establecidas pola normativa a respecto do réxime de incompatibilidades, os códigos de conduta, os conflitos de interese e a recoñecer algunhas formas en que se manifesta a corrupción, as súas causas e as súas consecuencias. A súa finalidade será a de concienciar os/as empregados/as da importancia da integridade no exercicio do seu cargo, aumentar a súa sensibilización e toma de conciencia respecto de posibles situacións fraudulentas e capacitalos/as para detectar e actuar no caso de fraude.

d) Dar publicidade agregada da referencia dos proxectos, subvencións, axudas e contratos que reciben financiamento dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia na epígrafe específica da páxina web da Universidade de Vigo dedicada á loita contra a fraude. O obxectivo é aumentar a transparencia sobre a utilización dos fondos europeos para a execución dos proxectos.

13. Medidas para a detección:

1. Posto que as medidas de prevención non proporcionan unha protección total contra a fraude, a corrupción e os conflitos de interese e, por esa razón, resulta necesario establecer mecanismos para detectar a tempo os comportamentos fraudulentos que escapan á prevención.

2. As medidas de detección previstas son as seguintes:

a) Aplicar un sistema de «bandeiras vermellas» que advirta sobre riscos potenciais de fraude atendendo a certos indicadores de alerta establecidos nesta materia polas autoridades nacionais ou europeas competentes. A existencia de bandeiras vermellas non supón automaticamente que se produciu unha fraude ou que se poida producir, senón que a situación debe ser verificada e supervisada coa dilixencia debida. No anexo II deste plan establécense algúns indicadores de risco específicos para axudar a alertar sobre o risco de fraude e de conflitos de interese no marco de proxectos financiados con fondos do PRTR. A presenza destes indicadores obrigará as unidades xestoras dos proxectos a descartar calquera dúbida que suscite unha bandeira vermella e a comunicarlle calquera sospeita de fraude á/ao responsable do cumprimento, que será a unidade administrativa encargada de avaliar a súa incidencia.

b) Comprobar a información e a documentación achegada por parte dos/das, beneficiarios, socios/as, contratistas e subcontratistas (incluída a declaración de ausencia de conflito de interese) aos diferentes proxectos financiados con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. A verificación e o control terán lugar a través da consulta a bases de datos como os rexistros mercantís, a Base nacional de datos de subvencións (BNDS), o Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, o Rexistro de Licitadores da Comunidade Autónoma de Galicia, ou o Rexistro de Contratos do Sector Público. Así mesmo, poderase facer uso de técnicas informáticas de prospección de datos e fomentar outros métodos proactivos que permitan detectar posibles situacións de risco.

c) Establecer unha canle de denuncia interna para recibir información de posibles sospeitas de fraude, corrupción ou conflitos de interese non declarados. A canle de denuncia será de acceso público a través da epígrafe específica da páxina web da Universidade de Vigo dedicada á loita contra a fraude (https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/transparencia/pagina/show/57?_locale=é) e garantirá a confidencialidade para recibir e tratar a información proporcionada polo/a denunciante. A denuncia verbal será posible por vía telefónica, a través doutros sistemas de mensaxaría de voz ou mesmo mediante unha reunión presencial, tras a solicitude do/da denunciante.

14. Medidas para a corrección.

1. A adopción de medidas correctivas terá lugar cando se detecten posibles fraudes, ou se aprecien sospeitas fundadas de fraude.

2. Como medida de precaución, cando se detecte unha posible fraude, ou se teña unha sospeita fundada, o órgano competente suspenderá provisionalmente a tramitación ou a execución do proxecto financiado con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, incluída a realización de pagamentos, e a comunicarlle tal circunstancia ao/á responsable do cumprimento.

3. O/a responsable do cumprimento, en primeiro lugar, identificará os/as presuntos/as responsables e investigará, avaliará e cualificará os feitos, determinando se se trata dunha irregularidade non constitutiva de fraude, un suposto de fraude sistémica ou puntual, ou se os feitos non son constitutivos de ningunha irregularidade.

4. Antes de adoptar calquera medida que afecte o persoal da Universidade de Vigo, ou un/unha beneficiario de subvención, socio, contratista ou subcontratistas, daráselles audiencia para que poidan presentar as súas alegacións.

5. As irregularidades non constitutivas de fraude serán obxecto de emenda conforme as fórmulas de revisión dos actos administrativos previstas na normativa de procedemento administrativo.

6. No suposto de que se detecten fraudes puntuais nalgún proxecto, o órgano competente, por proposta do/a responsable do cumprimento, adoptará algunha ou algunhas das seguintes medidas:

a) Anular as resolucións e os actos de trámite afectados por un caso de fraude e, de ser o caso, retrotraer as actuacións ata o momento de reavaliar o procedemento de adxudicación ou de concesión de subvencións/axudas.

b) Resolver de maneira parcial ou total os contratos afectados pola fraude.

c) Solicitar o reintegro das cantidades aboadas na conta ou anticipadas.

7. No suposto de que se detecte a existencia dunha fraude sistémica que afecte á execución de varios proxectos, o órgano competente, por proposta do/da responsable do cumprimento, adoptará algunha ou algunhas das medidas previstas para os supostos de fraude puntual respecto de todos e cada un dos proxectos afectados pola fraude e, ademais, algunha ou algunhas das seguintes:

a) Avaliar o funcionamento das medidas de prevención e detección.

b) Solicitar a reavaliación do nivel de risco e a adopción de novas medidas para corrixir os erros que puidesen existir.

8. De todas as medidas adoptadas darase conta á Comisión de Planificación e Asuntos Económicos do Consello de Goberno.

15. Medidas para a persecución:

1. As medidas de persecución teñen por obxectivo reprimir as condutas fraudulentas, evitar que se volvan producir, así como reparar os intereses financeiros da Unión que fosen lesionados, ademais de garantir que os fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia se executen conforme o dereito da Unión e o dereito nacional pertinente.

2. Calquera persoa das que interveñan en procedementos de execución de proxectos financiados con fondos do PRTR ten obriga de comunicarlle ao/á responsable do cumprimento as súas sospeitas de fraude para que investigue e avalíe.

3. A Xerencia comunicaralles os casos de fraude e as medidas adoptadas ás autoridades competentes para protexer os intereses financeiros da Unión Europea contra a fraude, entre as que se atopan o Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNAC) e a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF).

4. Cando unha acción fraudulenta puidese indiciariamente ser constitutiva dalgunha das condutas punibles descritas nos artigos 306 e 308 da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, a Xerencia porao en coñecemento do Ministerio Fiscal.

5. Cando dos feitos poida derivar responsabilidade disciplinaria para o persoal da Universidade de Vigo, o órgano competente comunicaralle á Xerencia para tramitar o oportuno procedemento:

a) Ante a sospeita de fraude, tramitarase un procedemento de información reservada que se orientará a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación dun procedemento disciplinario, a identificación da persoa ou persoas que puidesen resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

b) Tras a finalización do procedemento de información reservada, e nos casos en que así se determine, instruirase un procedemento disciplinario para exixirlles responsabilidades ás persoas responsables das condutas fraudulentas que se detecten en execución dos proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

6. Así mesmo, e cando cumpra, exerceranse as accións legais e xudiciais pertinentes para reparar os danos e perdas que se lle puidesen causar á Universidade de Vigo como consecuencia da fraude cometida.

Capítulo IV

Protocolo para a xestión dos conflitos de interese

16. Deber de comunicación e de abstención e exercicio da facultade de exclusión:

1. Cando unha das persoas mencionadas nos supostos previstos nos puntos 2.2.a) e 2.2.b) deste plan tivese un interese que puidese parecer que compromete a súa imparcialidade e independencia, deberá informar, por escrito, o seu superior inmediato. Ademais, absterase de participar en calquera das actuacións vinculadas ao procedemento ou ao proxecto en execución ata que se decida sobre a súa eventual substitución.

2. A exclusión dun operador económico da participación nun procedemento pola concorrencia dun conflito de interese unicamente se poderá realizar cando este conflito non se poida resolver por medios menos restritivos.

17. Declaracións de ausencia de conflitos de interese (DACI).

1. Como medida de prevención dos conflitos de interese, todos os suxeitos enumerados no punto 2 que participen na xestión e/ou na execución de proxectos da Universidade de Vigo financiados a cargo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deberán cubrir unha declaración de ausencia de conflito de interese (DACI).

2. As persoas mencionadas nos supostos previstos nos puntos 2.2.a) e 2.2.b) deste plan formularán as súas declaracións de ausencia de conflito de interese conforme o modelo establecido no anexo III deste plan.

3. Igualmente, deberán cubrir unha declaración de ausencia de conflito de interese os /as beneficiarios/as, socios/as, contratistas e subcontratistas da Universidade de Vigo cuxas actuacións sexan financiadas con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. A documentación que regule o respectivo procedemento establecerá o formulario normalizado ao cal deberán axustarse estas declaracións.

4. As declaracións de ausencia de conflito de interese formuladas polos distintos intervenientes nos procedementos de execución serán recompiladas e custodiadas polos órganos responsables de cada procedemento ou fase do proxecto de que sexan responsables.

5. A negativa dunha das persoas obrigadas a formular a súa declaración de ausencia de conflito de interese será comunicada á Comisión de Planificación e Asuntos Económicos do Consello de Goberno. No caso de operadores económicos propostos como adxudicatarios, a non presentación desta manifestación impedirá a adxudicación do contrato por causa imputable ao contratista, cos efectos que se deduzan.

6. Exixirase a responsabilidade que proceda respecto dos suxeitos que cometan falsidade na formulación da súa declaración de ausencia de conflito de interese.

18. Protocolo de xestión de conflitos de interese declarados:

1. Cando unha das persoas mencionadas nos supostos recollidos nos puntos 2.2.a) e 2.2.b) deste plan declare ante o seu superior ou responsable que concorre neste ou que sospeita a posible concorrencia dun conflito de interese real, aparente ou potencial, confirmará ou, de ser o caso, declarará a inexistencia de tal situación. Preventivamente, e ata que se decida sobre a súa substitución, a persoa en cuestión estará obrigada a absterse de toda intervención no procedemento.

2. O superior xerárquico ou responsable da persoa que manifeste a concorrencia dun conflito de interese, ou a súa sospeita, deberá confirmarlle por escrito ao/a interesado/a no prazo de tres días a existencia ou non dun conflito de interese, tras avaliar as circunstancias e os feitos comunicados, e o risco de parcialidade no exercicio das funcións da persoa en cuestión. Así mesmo, valorará a necesidade de substituílo/a no procedemento por outra persoa, ou ao cambio dos seus roles e funcións. A substitución será publicitada ou comunicada aos participantes en procesos de concorrencia competitiva a que puidese afectar.

3. Se a investigación non corrobora a existencia deste conflito, concluirase o procedemento declarando a súa inexistencia, aínda que a información solicitada e obtida se poderá utilizar para correlacionar con outros datos e realizar análises de riscos co fin de detectar ámbitos sensibles.

4. Cando o conflito afectase o titular do órgano de contratación ou, en xeral, o titular da competencia para resolver o procedemento, a adopción das medidas anteriores corresponderá ao seu superior xerárquico ou ao/á reitor/a.

5. Cando unha das persoas mencionadas nos supostos previstos no punto 2.3 deste plan manifeste que algunha das mencionadas nos puntos anteriores se atopa afectada por un conflito de interese, o órgano competente para resolver o procedemento en que participe adoptará as decisións oportunas para tratar de evitar calquera posibilidade de fraude ou irregularidade e, en particular:

a) Investigará os feitos e as circunstancias comunicadas para determinar a existencia ou non de risco de parcialidade na toma de decisións, para o que poderá requirirlles ás persoas afectadas que, en caso necesario, presenten información e elementos de proba.

b) Decidirá sobre a substitución das persoas potencialmente afectadas por un conflito de interese.

c) Determinará os efectos que unha eventual confirmación da existencia dun conflito de interese poida ter sobre as actuacións xa realizadas no seo do procedemento.

d) Poderá excluír un operador económico do procedemento en cuestión cando o conflito de interese non se poida resolver por medios menos restritivos.

19. Xestión de conflitos de interese non declarados:

1. En exercicio das facultades de inspección que corresponden aos órganos encargados de resolver os procedementos que se tramiten para a execución de proxectos financiados con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estes poderán ordenar a investigación de calquera feito ou circunstancia que poida afectar ou comprometer a imparcialidade do persoal que tramita o procedemento baixo a súa responsabilidade.

2. Se a investigación non corrobora a existencia de ningún tipo de conflito, concluirase o procedemento declarando a súa inexistencia, aínda que a información solicitada e obtida se poderá utilizar para correlacionala con outros datos e realizar análises de riscos co fin de detectar ámbitos sensibles.

3. No caso de que, froito da investigación, se verificase a concorrencia dalgunha situación de conflito de interese, o órgano competente adoptará algunha das medidas previstas no protocolo de xestión de conflitos de interese declarados establecido no punto anterior.

4. De maneira consecuente, e como medida de persecución das situacións de conflito de interese, e unha vez corrixida, o órgano competente adoptará algunha ou algunhas das seguintes medidas:

a) Adoptar ou propor a adopción, no caso de non resultar competente para eles, das medidas disciplinarias ou administrativas contra o persoal implicado.

b) Publicitar o resultado das actuacións realizadas, como elemento disuasorio, co obxectivo de impedir que se volvan producir situacións similares.

20. Rexistro de situacións de conflitos de interese:

1. A/o responsable do cumprimento manterá un rexistro de todas as situacións de conflitos de interese aparentes, potenciais ou reais detectadas, co obxectivo de demostrar, en caso necesario, como se xestionaron e que medidas se adoptaron para facerlles fronte.

2. A información e, deste xeito, lograr ter futuras referencias para a prevención, detección e xestión de conflitos futuros, así como poder mellorar os procedementos existentes.

Disposición adicional primeira. Primeiro calendario de accións formativas

A Xerencia programará o calendario de accións formativas previstas neste plan, que deberán comezar a realizarse, como moi tarde, durante o segundo trimestre do ano 2022.

Disposición adicional segunda. Formulación de declaracións de ausencia de conflitos de interese

Co obxectivo de facilitar o cumprimento da obriga de formular a declaración de ausencia de conflitos de interese polos suxeitos a que se refire o punto 2.2.a), e de facilitar a súa recompilación, arquivamento e xestión posterior, os ditos suxeitos formularán unha declaración con vixencia indefinida que alcanzará a todos os procedementos en que participen, todo iso sen prexuízo de que deban manifestar a concorrencia de conflitos de interese no momento en que se produzan.

No caso de órganos colexiados, os seus membros formularán a súa declaración de ausencia de conflitos de interese por unha soa vez para cada procedemento, deixando constancia dela na acta da primeira sesión que convoquen.

Disposición transitoria. Proxectos xa iniciados con anterioridade á aprobación deste plan

As medidas recollidas no presente plan resultarán de aplicación á execución de proxectos financiados a cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, con independencia de cando fosen estes concedidos á Universidade de Vigo ou comezasen a executarse.

Disposición derradeira. Reavaliación do nivel de risco de fraude

Unha vez aprobado o Plan de medidas antifraude, a Comisión de Planificación e Asuntos Económicos do Consello de Goberno impulsará a realización dunha nova avaliación do risco, impacto e probabilidade de risco de fraude nos proxectos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, conforme o disposto no anexo II.B.5 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

Así mesmo, revisarao periodicamente con carácter anual mentres o risco de fraude non sexa cualificado como «baixo» conforme a escala establecida no punto final do anexo II.B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e, en todo caso, cando se detectase algún caso de fraude ou haxa cambios significativos nos procedementos ou no persoal.

Anexo I

Definicións

Conflito de interese

Calquera situación que comprometa o exercicio imparcial e obxectivo das funcións de cantas persoas participan na execución dos fondos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia por razóns familiares, afectivas, de afinidade política, de interese económico, comercial ou laboral, ou calquera outro motivo directo ou indirecto de interese persoal. Os conflitos de interese poden afectar tamén os beneficiarios privados, socios, contratistas e subcontratistas cuxas actuacións sexan financiadas con cargo a estes fondos.

Conflito de interese aparente

Un conflito de interese que se produce cando os intereses privados dun empregado ou beneficiario son susceptibles de comprometeren o exercicio obxectivo das súas funcións ou obrigas, pero finalmente non se atopa un vínculo identificable e individual con aspectos concretos da conduta, o comportamento ou as relacións da persoa (ou unha repercusión nos devanditos aspectos).

Conflito de interese potencial

Xorde cando un empregado ou beneficiario ten intereses privados de tal natureza que poderían ser susceptibles de ocasionaren un conflito de interese no caso de que tivesen que asumir nun futuro determinadas responsabilidades oficiais.

Conflito de interese real

Implica un conflito entre o deber público e ós intereses privados dun empregado ou no que o empregado ten intereses persoais que poden influír de maneira indebida no desempeño dos seus deberes e responsabilidades oficiais. No caso dun beneficiario implicaría un conflito entre as obrigas contraídas ao solicitar a axuda dos fondos e os seus intereses privados, que poden influír de maneira indebida no desempeño das citadas obrigas.

Corrupción activa

A acción de toda persoa que prometa, ofreza ou conceda, directamente ou a través dun intermediario, unha vantaxe de calquera tipo a un empregado, para el ou para un terceiro, co fin de que actúe, ou se absteña de actuar, de acordo co seu deber ou no exercicio das súas funcións de modo que prexudique ou poida prexudicar os intereses financeiros da Unión.

Corrupción pasiva

A acción dun empregado que, directamente ou a través dun intermediario, pida ou reciba vantaxes de calquera tipo, para el ou para terceiros, ou acepte a promesa dunha vantaxe, co fin de que actúe, ou se absteña de actuar, de acordo co seu deber ou no exercicio das súas funcións, de modo que prexudique ou poida prexudicar os intereses financeiros da Unión.

Fraude

Para os efectos do previsto neste plan, calquera acción ou omisión intencionada relativa:

a) Á utilización ou á presentación de declaracións ou documentos falsos, inexactos ou incompletos que teñan por efecto a percepción ou a retención indebida de fondos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

b) Ao incumprimento dunha obriga expresa de comunicar unha información que teña o mesmo efecto.

c) Ao desvío deses mesmos fondos con outros fins distintos daqueles para os cales foron concedidos.

Fraude sistémica

Considerarase fraude sistémica cando se atopen evidencias de que os feitos ou condutas afectaron a execución de varios (polo menos tres) proxectos.

Fraude puntual

Considerarase fraude puntual cando se observe que os feitos ou condutas tiveron un impacto limitado ou illado, ao non afectar a execución de máis de dous proxectos.

Irregularidade

Toda infracción dunha disposición do dereito da Unión Europea correspondente a unha acción ou omisión dun axente económico que teña ou tería por efecto prexudicar o orzamento xeral da Unión Europea ou os orzamentos administrados por estas mediante un gasto indebido.

Titular real

A persoa ou persoas físicas que teñan a propiedade ou o control en último termo do cliente ou a persoa ou persoas físicas por conta das cales leve a cabo unha transacción ou unha actividade, con inclusión, como mínimo,:

a) Da persoa ou persoas físicas que en último termo teñan a propiedade ou o control dunha persoa xurídica a través da propiedade directa ou indirecta dunha porcentaxe suficiente de accións ou dereitos de voto ou dereitos de propiedade na dita entidade, incluídas as carteiras de accións ao portador, ou mediante o control por outros medios, exceptuando as sociedades que coticen nun mercado regulado e que estean suxeitas a requisitos de información acordes co dereito da Unión ou a normas internacionais equivalentes que garantan a adecuada transparencia da información sobre a propiedade.

O feito de que unha persoa física teña unha participación no capital social do 25 % e mais unha acción ou un dereito de propiedade superior ao 25 % no cliente será un indicio de propiedade directa. O feito de que unha sociedade, que estea baixo o control dunha ou de varias persoas físicas, ou de que múltiples sociedades, que estean pola súa vez baixo o control da mesma persoa ou persoas físicas, teña unha participación no capital social do 25 % e mais unha acción ou un dereito de propiedade superior ao 25 % no cliente será un indicio de propiedade indirecta. O anterior aplicarase sen prexuízo do dereito dos Estados membros de decidiren que unha porcentaxe menor poida ser indicio de propiedade ou de control. A existencia de «control por outros medios» poderá determinarse, entre outras maneiras, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 22, números 1 a 5, da Directiva 2013/34/UE do Parlamento Europeo e do Consello.

b) No caso de que, unha vez esgotados todos os medios posibles e sempre que non haxa motivos de sospeita, non se identifique ningunha persoa conforme o inciso i), ou no caso de que haxa dúbidas de que a persoa ou persoas identificadas sexan os titulares reais, a persoa ou persoas físicas que exerzan un cargo de dirección de alto nivel, e as entidades obrigadas conservarán rexistros das medidas tomadas para identificar quen exerce a titularidade real, conforme o inciso i) e o presente inciso.

Anexo II

Indicadores de risco («bandeiras vermellas») específicos para axudar a alertar sobre o risco de fraude e de conflitos de interese no marco de proxectos financiados con fondos do PRTR

1. En relación cos instrumentos de licitación ou coas bases e convocatorias de axudas e de subvencións.

a) Falta de ou insuficiente motivación dos criterios de adxudicación no expediente de contratación.

b) Os criterios de adxudicación ou outorgamento dependentes dun xuízo de valor outorgan unha ampla marxe de decisión ao órgano encargado de valoralos.

c) Establécense valores máximos de puntuación para os criterios cuxa avaliación depende da aplicación dunha fórmula que chegan a reducir a competencia real entre operadores porque todos obteñen a puntuación máxima neses criterios.

2. De aplicación na fase de valoración de ofertas ou solicitudes.

a) Os órganos de valoración fixan a posteriori subcriterios, ou pautas de valoración dos criterios que dependen dun xuízo de valor, que pon en risco o tratamento igualitario a todos os participantes.

b) O persoal encargado da valoración das ofertas ou solicitudes traballou nos dous últimos anos para un dos licitadores ou candidatos.

3. De aplicación no momento da adxudicación dos contratos ou concesión de subvencións.

a) Concorre unha única proposición cando se utiliza un procedemento aberto, en calquera das súas modalidades.

b) Concorren a unha licitación empresas do mesmo grupo empresarial, e a oferta do adxudicatario presenta valores anormais.

c) Un mesmo subcontratista acompaña nas súas ofertas varios licitadores.

d) Dúas ou máis empresas presentan valores económicos coincidentes, ou a documentación técnica presenta epígrafes redactadas de forma idéntica.

e) O adxudicatario ou beneficiario creouse inmediatamente antes da convocatoria de licitación ou da subvención.

f) O contrato presenta características similares a outros adxudicados con anterioridade, e volve ser adxudicado ao mesmo operador.

4. De aplicación durante a execución do proxecto.

a) O adxudicatario subcontrata os licitadores que participaron na licitación e non obtiveron o contrato.

b) O adxudicatario dun contrato solicita a modificación dos termos deste.

5. Indicadores de posible existencia dun conflito de interese.

a) Non se cobren as declaracións de ausencia de conflitos de interese.

b) Non se instrúen procedementos de imposición de penalidades en supostos obxectivos previstos na documentación do contrato.

c) Non se instrúen procedementos de resolución de contratos en supostos obxectivos previstos na documentación do contrato.

d) Non se instrúen procedementos de declaración de prohibición de contratar en supostos nos cales procedería.

e) Non se instrúe procedemento de reintegro no caso de incumprimento total ou parcial do obxecto da subvención.

Anexo III

Modelo de declaración de ausencia de conflito de interese (DACI)

Expediente:

Contrato/subvención:

Co obxecto de garantir a imparcialidade no procedemento de contratación/subvención arriba referenciado, o/os abaixo asinante/s, como participante/s no proceso de preparación e de tramitación do expediente, declaran:

Primeiro. Estar informado/s do seguinte:

1. Que o artigo 61.3 «Conflito de interese», do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo (Regulamento financeiro da UE), establece que «existirá conflito de interese cando o exercicio imparcial e obxectivo das funcións se vexa comprometido por razóns familiares, afectivas, de afinidade política ou nacional, de interese económico ou por calquera motivo directo ou indirecto de interese persoal».

2. Que o artigo 64 «Loita contra a corrupción e prevención dos conflitos de interese» da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ten o fin de evitar calquera distorsión da competencia e garantir a transparencia no procedemento e asegurar a igualdade de trato a todos os candidatos e licitadores.

3. Que o artigo 23 «Abstención», da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establece que deberán absterse de intervir no procedemento «as autoridades e o persoal ao servizo das administracións en quen se dean algunhas das circunstancias sinaladas no punto seguinte», que son:

a) Ter interese persoal no asunto de que se trate ou noutro en cuxa resolución puidese influír a daquel; ser administrador de sociedade ou entidade interesada, ou ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.

b) Ter un vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable e o parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo, con calquera dos interesados, cos administradores de entidades ou sociedades interesadas e tamén cos asesores, representantes legais ou mandatarios que interveñan no procedemento, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con estes para o asesoramento, a representación ou o mandato.

c) Ter amizade íntima ou inimizade manifesta con algunha das persoas mencionadas na alínea anterior.

d) Intervir como perito ou como testemuña no procedemento de que se trate.

e) Ter relación de servizo cunha persoa natural ou xurídica interesada directamente no asunto, ou prestarlle nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.

Segundo. Que non se atopan incursos en ningunha situación que se poida cualificar de conflito de interese das indicadas no artigo 61.3 do Regulamento financeiro da UE e que non concorre na(s) súa(s) persoa(s) ningunha causa de abstención do artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, que poida afectar o procedemento de licitación/concesión.

Terceiro. Que se compromete(n) a pór en coñecemento do órgano de contratación/comisión de avaliación, sen dilación, calquera situación de conflito de interese ou causa de abstención que dea ou poida dar lugar a este escenario.

Cuarto. Coñezo que unha declaración de ausencia de conflito de interese que se demostre que sexa falsa, ocasionará as consecuencias disciplinarias/administrativas/xudiciais que estableza a normativa de aplicación.

(Data e sinatura, nome completo e DNI)