Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 13 de abril de 2022 Páx. 23266

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica no concello de Vilanova de Arousa (expediente IN407A 2021/153-4).

Feitos:

Primeiro. O 7 de xullo de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT, CTC San Roque do Monte.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación: dun centro de transformación de 250 kVA; dunha liña de media tensión subterránea de 660 metros de lonxitude para alimentar ao centro de transformación proxectado; dun apoio no tramo CBD8043543 e dunha liña de media tensión aérea á raíz do retensado dun van do tramo CBD8043543. As obras sitúanse no lugar de San Roque, na parroquia de Seiro, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilanova de Arousa, que non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 9 de agosto de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica mencionada ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 9 de agosto de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 31 de agosto de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 19 de agosto de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vilanova de Arousa desde o 1 de decembro de 2021 ao 3 de xaneiro de 2022 conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Vicente Pomares Zarate. A continuación resúmese o seu contido:

Propón que a liña proxectada sexa instalada en terreos de dominio público ou de propiedade estatal, autonómica, provincial ou municipal, sen que esta alteración supoña un aumento do 10 % nin en lonxitude, altura ou custo.

Resulta inutilizable o terreo da súa propiedade situado entre o centro de transformación e a estrada.

Alega que as afeccións indicadas no proxecto para a súa propiedade non son reais, afirma que serían maiores.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

Con relación á instalación do centro de transformación, destaca que se elixiu a localización tecnicamente máis viable para conseguir os obxectivos do proxecto que é mellorar a calidade da subministración eléctrica na zona. En canto á liña eléctrica proxectada, esta discorre por vías públicas.

Con relación ás afeccións sobre a parcela, recoñece que hai un erro na listaxe de expropiación achegada e expón que a parcela está afectada polo centro de transformación en pleno dominio por unha superficie de 16,81 m2 e unha servidume de paso para canalización subterránea de 3,4 ml de lonxitude de 13,95 m2. Tamén destaca que os 6 metros do tramo K-L están medidos desde a arqueta proxectada situada en dominio público do concello e dos cales afectarán a parcela de Vicente Pomares en 3,4 ml indicados na servidume de paso da liña subterránea.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en tres motivos:

– Respecto do paso da liña por terreos de dominio público ou de propiedade estatal, autonómica, provincial ou municipal, non se xustifica por parte del alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Respecto da inutilización do terreo entre o centro de transformación e a estrada, o valor das afeccións poderase pór de manifesto na presentación da folla de aprecio que por requirimento desta Administración o titular concretará o valor no que estima o obxecto que se expropia de acordo co artigo 30 da Lei de expropiación forzosa.

– Respecto ao erro nas afeccións establecidas, UFD Distribución Electricidad, S.A. procedeu a recoñecer o erro e actualizar a información.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas do proxecto LMT, CTC San Roque do Monte son:

LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-56, de 37 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 1B/11 (9RDF3EGO) da liña CBD804, tramo CBD8043543, e final no apoio proxectado C-1000/12, no cal se realiza un paso aéreo subterráneo (PAS). Desde o apoio proxectado a liña continúa subterránea, con condutor RHZ1, 660 metros, finalizando no centro de transformación proxectado. Centro de transformación compacto, a 250 kVA con RT 20 kV/400 V. As obras sitúanse no lugar de San Roque, na parroquia de Seiro, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor exponse o seguinte:

Con relación ás afeccións, cabe efectuar as seguintes correccións:

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

CT

Afeccións

m2

ml sub

m2 aér.

m2 sub

2

Eiriñas

Agrario

36061A023011930000LU

Vicente Pomares Zarate

16,81

3,4

13,95

Con relación á inutilización dos terreos, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre as parcelas afectadas.

Sobre a proposta do paso da liña por terreos de dominio público ou de propiedade estatal, autonómica, provincial ou municipal, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. O trazado proposto non cumpre co conxunto dos puntos do mencionado artigo. Ademais é preciso neste sentido traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TSX de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dubidas, cal sería desde todos oss intereses públicos e privados afectados o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factible tamén polo perito), pois para practicar a correspondente comparación se valorou o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e é o certo que á sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que presentan todas vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente; pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado; todo o cal ten que recoller a Administración cando aproba unha das opcións; e neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada; a cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e nos só mirando os intereses da aquí recorrente– coas demais opcións, debe ser respectado».

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previas e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CTC San Roque do Monte (expediente IN407A 2021/153-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de marzo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra