Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 8 de abril de 2022 Páx. 22706

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 14 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, e se declara de utilidade pública, en concreto, o parque eólico Lagoa II, localizado nos concellos de Zas e Santa Comba, promovido pola sociedade Engasa Lagoa, S.L. (expediente IN661A 02/2009).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 14 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Lagoa II.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción, e declarar de utilidade pública, en concreto, o parque eólico Lagoa II, localizado nos concellos de Zas e Santa Comba (A Coruña), para unha potencia de 24,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Engasa Lagoa, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 151.868 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Engasa Lagoa, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver a recepción do sinal ás anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 20 de decembro de 2021, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007, a Xunta de Galicia publicou a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite, entre as que figuraba o parque eólico de referencia.

2. Con data do 19 de xuño de 2009, Engasa Lagoa, S.L. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución para o parque eólico Lagoa II, con 16,2 MW.

3. Por Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publícase a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalacións de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, entre os que figura o parque eólico Lagoa II, fase II, con 8,4 MW.

4. Con data do 23 de xuño de 2010, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña comunica á empresa Engasa Lagoa, S.L. que, unha vez achegado o documento de consultas previas ambientais do parque eólico Lagoa II (fase II-8,4 MW), como non se iniciara a fase de información pública do parque eólico Lagoa II (16,2 MW), unificáronse as dúas fases nun só expediente, polo que o parque eólico Lagoa II pasaría a contar cunha potencia de 24,6 MW.

5. Con data do 5 de agosto de 2010, Engasa Lagoa, S.L. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución para o parque eólico Lagoa II, con 24,6 MW.

6. O 11 de decembro de 2019 Engasa Lagoa, S.L. solicitou unha modificación substancial para o proxecto parque eólico Lagoa II, ao abeiro do artigo 39 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

7. Con data do 27 de xaneiro de 2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe a que facía referencia o artigo 33.4 da Lei 8/2009, na súa redacción vixente nesa data, en que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

8. Do mesmo xeito, con data do 1 de febreiro de 2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe a que facía referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, na súa redacción vixente nesa data, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

9. O 4 de maio de 2021 a promotora achegou o acordo de autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, do 8 de setembro de 2020, da instalación do parque eólico.

10. Por Acordo do 21 de xuño de 2021, a Xefatura Territorial da Coruña someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade da urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Lagoa II modificado, nos concellos de Santa Comba e Zas (A Coruña).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo de 2021, no xornal El Correo Gallego do 1 de xullo e na web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Zas e Santa Comba, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Zas, Concello de Santa Comba, Unión Fenosa Distribución, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.

12. O 14 de xullo de 2021 UFD Distribución Electricidad, S.A. indicou que non existen afeccións coas infraestruturas desta. O 21 de xullo de 2021 a promotora amosa a súa conformidade co exposto por UFD Distribución Electricidad, S.A.

13. O 22 de xullo de 2021 Augas de Galicia conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no propio informe. O 2 de agosto de 2021 a promotora manifesta a súa conformidade co informe.

14. O 28 de xullo de 2021, Retegal achegou o correspondente condicionado, establecendo que, unha vez construído o parque eólico, a promotora comprometerase á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT. O 10 de setembro de 2021, a promotora presentou a súa conformidade.

15. O 13 de xullo de 2021 a sección de minas da Xefatura Territorial da Coruña informou, en relación co trámite de compatibilidade dos posibles dereitos mineiros afectados, a ausencia de dereitos mineiros outorgados dentro da poligonal do parque eólico.

16. O 28 de outubro de 2021, a Xefatura Territorial reiterou as solicitudes de condicionado técnico, feitas o 2 de xullo de 2021, ao Concello de Zas e ao Concello de Santa Comba.

17. O 29 de outubro de 2021 a Xefatura Territorial emitiu informe sobre a tramitación realizada e a normativa electrotécnica de aplicación, así mesmo remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

18. O 12 de novembro de 2021 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña informou, no ámbito do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, da ausencia de afeccións a montes de veciñais en man común, montes pertencentes ao Catálogo de montes de utilidade pública nin a outros montes de xestión pública.

19. O 12 de novembro de 2021 o Concello de Santa Comba informou que, dentro do ámbito municipal de Santa Comba, a instalación está permitida no tipo de solo que se vai ocupar, segundo establece o artigo 35 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

20. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Concello de Santa Comba e Concello de Zas.

21. Formalizada a tramitación ambiental, o 20 de decembro de 2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Anuncio do 21 de decembro de 2021, desa dirección xeral (DOG núm. 2, do 4 de xaneiro de 2022).

O 24 de febreiro de 2022 a promotora achegou a declaración responsable prevista no artigo 29.4.f) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, coa relación actualizada dos acordos acadados coas persoas titulares dos bens e dereitos afectados polo parque eólico, reducíndose desta forma a relación de parcelas de necesaria ocupación.

22. Segundo informe do xestor da rede, do 28 de febreiro 2017, o parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para a potencia de 24,6 MW, obxecto desta autorización. Así mesmo, o 17 de setembro de 2020 a promotora achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido da liña colectora dos parques eólicos Lagoa I e Lagoa II.

23. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e polo artigo 39 da Lei 8/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais