Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 8 de abril de 2022 Páx. 22523

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 25 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN858A) (axudas para as empresas).

BDNS (Identif.): 619421.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

Segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Talento sénior, da Axencia Galega de Innovación, dirixidas ás empresas e aos organismos de investigación públicos ou privados non universitarios situados en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de tres (3) anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e o retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de cinco (5) anos de experiencia profesional para desenvolveren a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN858A).

As axudas concedidas ás empresas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 960.000 €, coa seguinte distribución anual:

Beneficiarios

Aplicación

Código do proxecto

2022

2023

2024

Total

Empresas

06.A2.561A.470.0

2016 .4

200.000 €

96.000 €

96.000 €

392.000 €

Organismos de investigación

06.A2.561A.480.0

2016 .4

280.000 €

144.000 €

144.000 €

568.000 €

Total

480.000 €

240.000 €

240.000 €

960.000 €

O crédito destinado para as axudas as empresas é dun total de 392.000 €.

A contía da axuda en concepto de incentivo á contratación variará en función da retribución bruta do persoal de alta cualificación por cada contrato de duración igual ou superior a tres (3) anos, coas seguintes características para as empresas:

– Salario mínimo bruto entre 40.000 e menos de 50.000 €: intensidade da axuda: 40 %.

– Salario mínimo bruto desde 50.000 e menos de 60.000 €: intensidade da axuda: 45 %.

– Salario mínimo bruto desde 60.000 e menos de 70.000 €: intensidade da axuda: 50 %.

– Salario mínimo bruto superior a 70.000 €: intensidade da axuda: 55 %.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación