Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 8 de abril de 2022 Páx. 22526

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do 30 de marzo de 2022, acordou aprobar as bases reguladoras dos préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e facultou o seu director xeral para a súa convocatoria, aprobación de créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, e convocar os ditos préstamos para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (procedemento IG408B).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2022

Ano 2023

Total

06.A1-741A-8310

20.000.000 €

8.000.000 €

28.000.000 €

A persoa titular da dirección xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución das actuacións que se van financiar e para solicitar a disposición dos préstamos.

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de cinco meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder o 30.11.2023.

Quinto. As modalidades de préstamo que se habiliten conforme o anexo I das bases reguladoras poderán incorporar, se é o caso, unha axuda de estado implícita polo aforro de carga financeira para a beneficiaria respecto a un préstamo que se podería obter no mercado. Para estes casos:

a) De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da beneficiaria.

b) Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento
empresarial en Galicia

O Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG nº 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG nº 186, do 25 de setembro) e 45/2009, do 12 de febreiro (DOG nº 48, do 10 de marzo de 2009) e 155/2019, do 28 de novembro (DOG nº 234, do 10 de decembro de 2019), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que, con carácter xeral, para ese efecto aprobe.

Historicamente, o Igape puxo en marcha diversos programas de préstamos, con recursos do Banco Europeo de Investimentos, con fondos estruturais europeos, e con cargo aos seus orzamentos, tanto mediante liñas específicas para emprendedores, sector audiovisual, sector auxiliar do naval, Industria 4.0 e innovación, como con liñas horizontais para facilitar o investimento e o financiamento de circulante para o crecemento, demostrándose que estes programas constitúen unha ferramenta eficaz para favorecer o acceso ao crédito das empresas galegas, ao complementar o mercado bancario con produtos de financiamento público axeitados para as súas actuacións.

Mediante resolucións do 2 de xullo de 2019, do 20 de decembro de 2019 e do 23 de abril de 2021 publicáronse as bases reguladoras de préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial de Galicia, das convocatorias 2019, 2020 e 2021, respectivamente, para cubrir aquelas necesidades financeiras para a implantación e desenvolvemento de determinados proxectos empresariais de interese para Galicia, que queden fóra do ámbito de aplicación doutros programas de financiamento postos en marcha polo Igape.

Considérase oportuno manter esta liña de financiamento aberta a solicitudes para o ano 2022, por considerar que cumpre co obxectivo de contribuír e impulsar o financiamento de proxectos estratéxicos e outras actuacións de interese para o tecido empresarial da Comunidade Autónoma.

Dentro destas modalidades, insírese unha liña específica para o financiamento da operativa das empresas máis afectadas polas consecuencias económicas da invasión de Ucraína por Rusia. Tanto a agresión militar como as medidas adoptadas contra o país invasor están a ter consecuencias para o tecido produtivo galego, entre outras, en forma de interrupcións nas cadeas de subministración, especialmente de cereais e aceites vexetais, así como de encarecemento dos prezos de fontes de enerxía como a electricidade, o gas ou o petróleo. É por isto que se considera necesario establecer, para as empresas máis afectadas, un mecanismo que lles permita financiar a longo prazo os pagamentos operativos, dispoñer dun fondo de manobra suficiente e financiar, así mesmo, os investimentos necesarios para reducir a dependencia de determinadas materias primas e/ou provedores, así como para mellorar a súa eficiencia enerxética.

A convocatoria desta liña de préstamos será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007).

Na súa consecuencia, serán financiables todas as actuacións empresariais que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre elas nin unha orde de prelación, tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade para os potenciais beneficiarios de planificar as accións que se ven financiar e a urxencia da súa implementación, a medida que xorden as necesidades.

En coherencia co anterior, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión de data 30 de marzo de 2022, acordou aprobar as bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial, establecendo varias modalidades de préstamos e de acordo cos seguintes artigos.

Artigo 1. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se vai financiar, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.

c) Acheguen para a actuación unha contribución financeira mínima do 25 % do custo total, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1. Cando non teñan personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como no acordo de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se van aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do libro segundo do devandito Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un acordo de refinanciamento ou un acordo extraxudicial de pagamentos.

c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Artigo 2. Características das actuacións que se van financiar

1. O Igape poderá financiar actuacións empresariais vinculadas a unha actividade económica, viables, para implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran, ademais, os requisitos específicos establecidos no anexo I para cada modalidade de préstamo.

Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución da actuación.

2. Non serán financiables as meras substitucións de bens sen unha mellora produtiva, os traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, os gastos de amortización, o saneamento de contas, nin o financiamento ou o refinanciamento de débedas.

3. Actividades financiables: as actuacións financiables deberán estar vinculadas aos sectores establecidos como financiables, que serán os sinalados no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Artigo 3. Conceptos financiables

1. Sen prexuízo das limitacións establecidas no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, poderán ser financiados os seguintes conceptos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non cumprirse as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible recollidas no vixente Plan xeral de contabilidade, por canto, unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto, poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económico-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade , que deberá cumprir os seguintes dous requisitos:

1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape con base na solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e ás previsións de actividade.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:

i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pagamento de efectos.

ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.

iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.

iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica.

v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

vi) Cando así se recolle expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderán destinarse a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da beneficiaria. Nestes supostos:

vi1) O acordo de concesión determinará expresamente a porcentaxe de cobertura máxima desta contragarantía líquida sobre o nominal dos avais que se emitan, computándose, se é o caso, a parte do risco non cuberta por esta garantía pignorática para o 25 % de contribución financeira exenta de apoio público requirida segundo o artigo 1.1.c).

vi2) O acordo de concesión determinará tamén a tipoloxía de compromisos, continxencias ou obrigas a garantir cos avais que se emitan, os requisitos dos terceiros ante os que se avala, e os requisitos dos avalistas beneficiados do peñoramento do depósito.

vi3) Sen prexuízo de que se poida instrumentar unha liña de avais revolving por un prazo máximo determinado, unha vez vencidas as obrigas garantidas co peñoramento do depósito, o seu importe líquido deberá ser transferido ao Igape nun prazo máximo de 15 días hábiles. Estes fondos serán aplicados á amortización anticipada do préstamo ou, se é o caso, ao pagamento de débedas vencidas.

e) Salvo nos conceptos recollidos no punto d) anterior, exclúense impostos, taxas e arbitrios, a excepción do IVE cando non sexa recuperable.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes da finalización do prazo de execución da actuación, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior punto 2, tamén poderán ser financiada a obra civil en inmobles sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou estean alugados. No caso de dereito de superficie ou alugamento, as entidades titulares dos inmobles non poderán estar vinculadas á beneficiaria.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre a beneficiaria do préstamo e o provedor, agás os gastos de desenvolvemento e innovación, que poderán ser realizados con medios e por persoal da propia beneficiaria.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, logo de petición do solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite, mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

Artigo 4. Características dos préstamos

1. As características específicas de cada modalidade de préstamo serán as detalladas no anexo I.

2. Importe do financiamento: os importes mínimos e máximos do financiamento e a porcentaxe de gasto financiable serán os establecidos no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo. O importe nominal da operación de financiamento non superará en ningún caso a suma dos conceptos da actuación financiable pendentes de pago.

3. Reembolso: os préstamos serán reembolsables nos prazos e coas carencias sinalados no anexo I.

A beneficiaria terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial da operación financeira.

Os pagamentos da beneficiaria ao Igape en concepto de amortización e custo das operacións financeiras serán realizados mediante transferencia bancaria á conta designada no contrato, ou ben mediante domiciliación na conta que a beneficiaria designe, para o que a titular deberá presentar, debidamente cuberto o formulario orde de domiciliación de débito directo SEPA que se incorpora no anexo VII.5. As liquidacións periódicas dos importes que se van ingresar ou cargar na conta de domiciliación serán calculadas polo Igape e comunicadas á titular, a título informativo, ao enderezo de correo electrónico sinalado no contrato de financiamento. A non recepción desta comunicación non eximirá a titular da obriga de pagamento nos prazos establecidos. O pagamento da liquidación fóra de prazo de vencemento supoñerá a devindicación de xuros moratorios conforme o pactado no contrato de financiamento.

4. En caso de producirse o incumprimento total ou parcial das condicións do contrato de financiamento, o Igape poderá dalo por vencido, e requirirá o reembolso total ou parcial, segundo corresponda, do capital vivo e dos xuros devindicados, sen prexuízo da obrigación de reintegro da subvención implícita a que puider dar lugar o expediente de incumprimento conforme o artigo 20 destas bases.

5. Garantías: o Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación, de acordo co establecido para cada modalidade no anexo I.

6. Con carácter xeral, os préstamos do Igape serán contratos bilaterais entre a beneficiaria e o Igape. Non obstante, para as modalidades do anexo I que o recollan expresamente, poderán formalizarse contratos de préstamo sindicado en que participen entidades financeiras que cofinancien a actuación, compartindo riscos e garantías, sempre e cando así se autorice no acordo de concesión. Nestes supostos, o Igape non actuará en ningún caso como entidade axente do sindicato bancario.

7. Dereito privado: os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ao dereito privado.

Artigo 5. Custo do financiamento, consideración de axuda de estado e compatibilidade

1. Con carácter xeral, os préstamos previstos nestas bases reguladoras obrigarán á beneficiaria ao pagamento de xuros sobre a débeda viva, ata o total reembolso, calculados a un tipo determinado conforme á Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C14/02 (DOCE 19 de xaneiro), con base na cualificación de risco de crédito da titular e nas garantías que o Igape tome, de acordo coa metodoloxía descrita no anexo II.

No caso dos préstamos sindicados previstos no artigo 4.6, o tipo de xuro será o establecido polas entidades do sindicato bancario.

2. Cando así se recolla na correspondente modalidade do anexo I, o tipo de xuro poderá resultar inferior ao de mercado que correspondería en aplicación da Comunicación da Comisión Europea antes citada.

No caso dos préstamos sindicados, considerarase tipo de mercado o pactado no sindicato bancario, cando resulte superior ao determinado segundo a devandita Comunicación 2008/C14/02 da Comisión.

Neses supostos:

a) No acordo de concesión determinarase a axuda implícita conforme a metodoloxía descrita no anexo III, que equivalerá ao aforro da carga financeira que supón para a beneficiaria.

b) A beneficiaria aceptará a contía determinada cando instrumente a operación, obrigándose a reintegrar a vantaxe financeira de que gozase indebidamente no caso de incumprimento das condicións da axuda.

c) Esta axuda implícita terá a consideración de axuda de minimis e cumprirá co establecido na normativa de minimis que lle sexa de aplicación ao titular: Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, Regulamento (UE) nº 1408/2013 das axudas de minimis no sector agrícola e Regulamento (UE) nº 2019/316 que o modifica, ou Regulamento (UE) nº 717/2014 das axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

d) As axudas de minimis considéranse concedidas no momento en que se recoñeza á empresa o dereito legal a recibir a axuda en virtude do réxime xurídico nacional aplicable, con independencia da data de pagamento da axuda de minimis á empresa. En consecuencia, as variacións nas condicións financeiras de mercado posteriores á concesión non afectarán o cálculo da subvención bruta equivalente.

3. Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos en que se considere axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da actuación realizada. En todo caso, antes de conceder o préstamo, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 6. Criterios de selección das actuacións que se van financiar

1. As actuacións que cumpran as condicións necesarias serán avaliadas conforme os seguintes criterios:

a) Baremación específica da actuación para a modalidade de préstamo solicitada: valoraranse as solicitudes conforme os criterios específicos de avaliación previstos, se é o caso, no anexo I para cada modalidade.

b) Cualificación do risco de crédito: conforme a metodoloxía de avaliación descrita no anexo IV, cualificarase a solicitante e a súa actuación que se vai financiar nunha das seguintes cinco categorías: «Excelente (AAA-A)», «Boa (BBB)», «Satisfactoria (BB)», «Deficiente (B)», ou «Mala/dificultades (CC)».

c) Cualificación da garantía, conforme os criterios descritos no anexo V, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape nun dos tres niveles de colateralización: «Alta», «Normal» e «Baixa».

2. Para as puntuacións e cualificacións detalladas nos puntos 6.1 a) e b) anteriores, establécense uns limiares mínimos de aprobación, recollidos nos citados anexos I e IV, respectivamente. Se unha solicitude non acada os devanditos limiares mínimos, será denegada.

3. As solicitudes que cumpran os requisitos destas bases e superen os limiares de puntuación sinalados no número anterior deste artigo serán aprobadas por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento da convocatoria para as distintas modalidades de préstamos, en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e da actuación para o que solicita o préstamo, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria.

Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador do documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de préstamo.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VII.1), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque teña un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que, coa súa sinatura, abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá anexar, necesariamente, un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de persoas xurídicas:

1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.

4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

f) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

g) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

h) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

i) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de alugamento, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

j) Se é ocaso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:

– Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar);

– Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no cal figure a natureza, importe e prazos.

k) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitarlle, de maneira motivada, que presente unha copia autenticada electrónica.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE). 

f) Certificado de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día nas no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Certificado da renda do último exercicio no caso de persoas físicas ou comunidades de bens.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo VII.1) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 11. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Área de Investimento do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Investimento é o órgano competente para resolver o arquivo, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O Comité de Riscos previsto no artigo 12.4 elevará proposta de resolución, favorable ou desfavorable, ao Consello de Dirección do lgape, que será o órgano competente para resolver.

Artigo 12. Instrución dos procedementos, resolución e notificacións

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achega dos documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, despois da correspondente resolución. Este requirimento de corrección tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8 destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigacións tributarias e sociais co Estado e coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. As solicitudes de préstamo serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores, en función dos datos declarados na solicitude de préstamo, no formulario e na documentación presentada, sen prexuízo de que para a cualificación do risco de crédito poida solicitarse información da solvencia da solicitante e dos seus avalistas, para o que se poderán consultar as informacións dos rexistros mercantís e da propiedade, Central de Información de Riscos do Banco de España, así como bases de datos, mesmo privadas, que recompilen datos de morosidade, incidencias xudiciais ou outros. Tamén se poderá obter información do cumprimento e historial crediticio das entidades financeiras que participen no financiamento da actuación, así como das sociedades de garantía recíproca.

3. Os servizos técnicos do órgano instrutor emitirán informe co seguinte contido:

a) Descrición do solicitante e da actuación.

b) Comprobacións do cumprimento dos requisitos da beneficiaria e de elixibilidade da actuación.

c) Determinación do importe da actuación financiable e da contía do préstamo proposto.

d) Baremación específica da actuación consonte os criterios do anexo I.

e) Cualificación do risco de crédito consonte a metodoloxía do anexo IV.

f) Valoración das garantías conforme os criterios do anexo V.

g) Nas modalidades de préstamo en que así se determine no anexo I, cálculo da subvención bruta equivalente implícita na operación financeira proposta conforme o anexo III.

Se é o caso, anexaranse os informes doutros organismos sectoriais e os sinalados no anexo I para cada modalidade de préstamo.

4. Comité de riscos: estará formado por un número impar de membros, e incluirá representantes do Igape, de Xesgalicia e das correspondentes consellerías sectoriais. Ademais, poderá solicitar a presenza como asesor/a doutro persoal representante de calquera Administración pública, que non participará nas votacións.

O Comité de Riscos supervisará e validará as valoracións incluídas nos informes técnicos recollidos no artigo 12.3 anterior, podendo acordar axustes cualitativos na puntuación sempre que sexan motivados.

O Comité de Riscos acordará elevar a proposta de resolución favorable ou desfavorable ou, alternativamente, poderá pospoñer a decisión se considera necesario ampliar a información para unha mellor avaliación. Nese caso, considerarase o expediente incompleto para os efectos da orde de resolución previsto no artigo 6.3.

5. O Consello de Dirección do Igape será o órgano que adoptará a decisión de concesión ou denegación da solicitude, e poderá acordar tamén a realización de actuacións complementarias indispensables para resolver o procedemento, incluída a ampliación de información para unha mellor avaliación e a petición de informes complementarios. Nestes casos, considerarase o expediente incompleto para os efectos da orde de resolución previsto no artigo 6.3. No caso de adoptar un acordo diferente ao proposto polo Comité de Riscos, este deberá ser motivado.

6. No acordo de concesión de préstamo farase constar, entre outros datos, a identificación da prestameira, o importe da actuación financiable e non financiable, con descrición dos conceptos de gasto financiable, o importe do préstamo, o tipo de xuro aprobado, o seu prazo de vixencia e de carencia, se é o caso, a subvención bruta equivalente calculada con base na diferenza entre os xuros aprobados e os xuros de mercado, os prazos de execución da actuación, de formalización e de disposición, a descrición das garantías para constituír a favor do Igape, así como outras obrigacións e compromisos que se poidan requirir á prestameira, e os demais requisitos previstos na normativa comunitaria.

No acordo denegatorio do préstamo farase constar o motivo da denegación.

7. As notificacións dos actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificación de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo máximo para resolver e notificar o acordo será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia acordo expreso, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015.

Artigo 13. Réxime de recursos

Os acordos adoptados ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra eles poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do acordo, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) De forma potestativa, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Investimento no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante o Consello de Dirección do Igape, no caso de recursos de reposición contra os acordos de concesión ou denegación do préstamo. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución ou acordo, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 14. Formalización das operacións financeiras

As empresas beneficiarias deberán instar a formalización dos contratos de financiamento nos prazos establecidos no acordo de concesión.

A solicitude de formalización por parte da beneficiaria deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, mediante o formulario normalizado que figura como anexo VII.2, a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez transcorridos os prazos sinalados sen formalización, decaerá a concesión e arquivarase o expediente, salvo xustificación de razóns que motiven a concesión dunha prórroga do devandito prazo.

Serán por conta da prestameira os gastos asociados á formalización da operación e inscrición, se é o caso, de garantías constituídas (notario, rexistrador), así como o custo de liquidación de todos os tributos que a dita operación devindique, e de cancelación das garantías unha vez amortizado o risco.

Artigo 15. Disposición dos fondos

1. O prazo máximo para dispoñer dos fondos obtidos dos préstamos e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo.

2. O desembolso das operacións financeiras realizarase por solicitude da beneficiaria. A solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica, conforme o modelo do anexo VII.3, que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e deberá acreditar os requisitos e achegar a documentación sinalados a seguir, así como aqueloutros que, se é o caso, se establezan no acordo individual de concesión:

a) Será necesario acreditar previamente a existencia de débeda cos provedores dos bens para financiar mediante facturas, contratos, facturas pro forma ou orzamentos debidamente aceptados.

b) En actuacións xa iniciadas, e sempre para a segunda e posteriores disposicións, será necesario acreditar documentalmente a realización e pagamento dos investimentos e/ou gastos executados mediante facturas, xustificantes de pagamento e extractos bancarios.

c) Con carácter xeral, a parte da actuación financiada con fondos propios ou con outros fondos alleos será executada e pagada con anterioridade á utilización do préstamo ou simultaneamente. En caso de pagamento simultáneo, a prestameira deberá acreditar, mediante certificación bancaria, a dispoñibilidade líquida para o pagamento da parte non financiada co préstamo.

d) Conforme o punto Dous do artigo 54 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022, a prestameira deberá acreditar que se atopa ao día no pagamento das obrigacións de reembolso de calquera outro préstamo concedido anteriormente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma, mediante certificación do órgano competente, ou cando non se poida acreditar doutra maneira, mediante unha declaración responsable da prestameira.

Non será necesario acreditar os requisitos e achegar a documentación establecidos nas letras a), b) e c) cando o reembolso dun tramo do préstamo figure avalado mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca, ou cando se trate dun préstamo sindicado conforme o previsto no artigo 4.6 das bases, caso en que o desembolso se fará a través da entidade de crédito axente.

Os avais bancarios ou de sociedade de garantía recíproca achegados pola beneficiaria en garantía da execución e correcta xustificación ante o Igape dos investimentos ou gastos aprobados no acordo de concesión serán liberados unha vez conste xustificado o proxecto ou actuación conforme o establecido no artigo 19 das bases.

3. Con carácter previo ou simultáneo ao desembolso da primeira disposición dos fondos, a titular deberá presentar ante o Igape a primeira copia da escritura ou póliza de préstamo debidamente liquidada, e será requisito que as garantías que, se é o caso, se establezan no acordo de concesión estean debidamente inscritas nos rexistros que correspondan. En caso de préstamos sindicados previstos no artigo 4.6, a primeira copia da escritura será entregada á entidade axente.

4. Transcorrido o prazo máximo de disposición sen que se dispoña da totalidade dos fondos, salvo xustificación por razóns que motiven a concesión dunha prórroga do devandito prazo, o importe da operación financeira quedará fixado no importe efectivamente disposto. Neste suposto, o Igape emitirá resolución en que anule o compromiso pola parte non disposta e, se é o caso, axustarase o importe da subvención bruta equivalente implícita no produto ao importe efectivamente utilizado.

5. Os fondos obtidos da operación financeira deberán ser aplicados exclusivamente ao pagamento dos conceptos de gasto financiables aprobados no acordo de concesión.

Artigo 16. Período de execución da actuación

1. O período de execución da actuación iniciarase e finalizará nas datas que se indiquen no acordo de concesión.

2. Todos os xustificantes da realización e pagamento dos conceptos financiables deberán estar datados nese período, así como calquera outra condición establecida no acordo de concesión, salvo que, expresamente, se estableza outro prazo. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de execución.

Artigo 17. Modificación do acordo de concesión

1. Unha vez ditado o acordo de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas á contía dos conceptos financiables sempre que se manteñan os límites e porcentaxes máximos de operación financeira previstos nestas bases, ao plan de financiamento, á localización, ás garantías, á composición do capital (no caso de sociedades mercantís), a cambios de titularidade, a operacións de fusión ou escisión e a variacións entre partidas ou de conceptos de gasto.

2. A beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante a presentación da súa instancia dirixida ao Consello de Dirección do Igape.

O acto polo que se acorde a modificación do acordo será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados. Con todo, poderá prescindirse deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

3. O Igape poderá rectificar, de oficio, o acordo cando dos elementos que figuren nel se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

4. Os prazos para a formalización e disposición dos fondos das operacións, así como os prazos de execución dos proxectos poderán ser modificados, logo de solicitude dos interesados, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape despois do informe da Área de Investimento nos casos en que se acredite que o atraso non é por causa imputable á beneficiaria.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigacións das prestameiras:

a) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións do préstamo, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da operación financeira.

b) Executar o proxecto ou actuación que fundamenta a concesión do préstamo no prazo establecido no acordo de concesión.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en particular a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos financiables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, 4 anos desde a concesión do préstamo.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades financiadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión do préstamo. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da axuda poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere os límites máximos de intensidade da axuda que sexan de aplicación.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos financiados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

f) No caso de que non poida realizarse a actuación para o cal se concedeu o préstamo, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

g) Proceder ao reintegro anticipado da operación financeira e, se é o caso, da subvención bruta equivalente implícita, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) Ademais do anterior, para as modalidades de préstamo que teñan axuda implícita:

– Achegar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

– As demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 19. Xustificación da actuación

1. A aplicación da operación financeira ao pagamento dos gastos financiables do proxecto acreditarase documentalmente ante o Igape nun prazo máximo de catro meses desde a finalización do prazo de execución indicado no acordo de concesión. Dentro do mesmo prazo, deberá xustificarse tamén a execución e pagamento dos gastos financiados coas restantes fontes, distintas á operación do Igape.

2. Para presentar a documentación xustificativa, a beneficiaria deberá cubrir previamente o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará, univocamente, a solicitude de xustificación.

A solicitude de xustificación presentarase mediante o formulario normalizado que, a título informativo, figura como anexo VII.4 a estas bases, e que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de xustificación que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao comezo do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de xustificación na aplicación informática, a beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de xustificación non se presentase en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a resolución e vencemento anticipado do préstamo e, se é o caso, a perda da axuda implícita na súa concesión, con obriga de reintegro do préstamo pendente e da subvención implícita equivalente, segundo o disposto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá á beneficiaria das sancións que, conforme a lei, poidan corresponder. A xustificación cumprirá os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de xustificación a beneficiaria presentará a seguinte documentación:

a) Documentos acreditativos da actuación financiable consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas cos conceptos xustificados.

No caso de obra civil de inmobles arrendados e/ou en réxime de concesión administrativa e/ou dereito de superficie, deberá achegarse o contrato de arrendamento/concesión/superficie.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos investimentos e/ou gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como financiables no expediente.

No caso de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberá achegarse unha relación destas, asinada polo representante legal.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos cales conste o cambio empregado.

c) No caso de que a actuación financiada inclúa obra civil, deberá constar a licenza municipal que sexa requirida ou, no caso de obras menores, a comunicación previa prevista no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

d) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento prevista no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no caso de proxectos de creación dun novo establecemento.

e) Para a xustificación do capital de explotación, deberán achegar extracto da conta bancaria de aboamento xunto á xustificación documental dos destinos dos fondos, isto é: facturas de provedores e acredores, nóminas e xustificantes dos importes correspondentes ás retencións e ingresos á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e dos gastos da Seguridade Social, recibos de primas de seguros e, en todos os casos, xustificantes bancarios de pagamento segundo o establecido na anterior letra b).

No suposto regulado no punto vi) do artigo 3.1.d).2.: extracto bancario da conta en que se depositaron os fondos do préstamo, certificado do peñoramento emitido pola entidade bancaria en que se constituíu o depósito, indicando a data de constitución e vencemento, e a relación de avais emitidos coa garantía do dito depósito, especificando a data, importe, terceiro ante quen se avala e concepto do aval.

f) A documentación específica establecida no anexo I para a respectiva liña de préstamo.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada e/ou, se é o caso, os informes doutras entidades públicas.

A beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude. A beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá requirir solicitar de maneira motivada que presente unha copia autenticada electrónica.

6. Nos casos en que así se indique no anexo I para a respectiva modalidade, a presentación da documentación relacionada no punto 5 anterior substituirase pola presentación dun informe de revisión de auditor independente, inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas-ROAC como exercente, emitido de acordo cos procedementos e modelo de informe establecidos no anexo VI das presentes bases reguladoras.

7. A beneficiaria deberá cubrir na ficha resumen de facturas do formulario de xustificación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos financiados para acreditar a obrigación establecida no artigo 18.1.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da beneficiaria de que estes datos reflicten a realidade contable da operación financiada.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de préstamo poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que poderá supoñer a resolución e vencemento anticipado, total ou parcial, do préstamo con obriga de reintegro do préstamo pendente e, se é o caso, a perda ou modificación da axuda implícita na concesión do préstamo con obriga de reintegro da subvención implícita equivalente.

9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non se reduza o importe total da actuación financiable, nin se desvirtúen as características da mesma nin as condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

10. Cando a beneficiaria do préstamo poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da operación, e que poidan dar lugar á modificación do acordo de concesión conforme o artigo 17 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime á beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme á Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Incumprimento de condicións de concesión dos préstamos

1. A falta de xustificación do cumprimento da actuación das condicións impostas no acordo de concesión e/ou das obrigas contidas na normativa aplicable dará lugar á declaración de incumprimento de condicións de concesión do préstamo e, se é o caso, á obrigación de devolver, total ou parcialmente, a subvención implicitamente percibida en forma de redución de custo financeiro, xunto aos xuros de mora correspondentes.

2. O incumprimento considerarase total, con obriga de devolver totalmente, se é o caso, a subvención implicitamente percibida en forma de redución de custo financeiro, xunto aos xuros de mora correspondentes, sen prexuízo do expediente sancionador que puider proceder, nos seguintes casos:

a) Obter o préstamo sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións do préstamo, ou a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce do préstamo.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Cando, como consecuencia do incumprimento, o importe financiable quede por baixo do mínimo establecido no anexo I para a respectiva modalidade de préstamo.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida no acordo de concesión e, se é o caso, establecendo a correspondente obriga de reintegro.

En caso de condicións referentes á contía ou conceptos da actuación financiable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados financiables, debendo, se é o caso, reintegrarse a subvención implicitamente percibida en forma de redución de custo financeiro na devandita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supere o 50 % da actuación financiable, entenderase que o devandito incumprimento é total, debendo reintegrarse, se é o caso, a totalidade da subvención implicitamente percibida en forma de redución do custo financeiro, e os seus xuros de demora. O importe do préstamo reducirase proporcionalmente ao grao de incumprimento, agás no caso de que o incumprimento supere o 50 %, en que se rescindirá integramente.

En caso de incumprir a obriga de achegar para a actuación unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 25 % dos custos financiables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo, o grao de incumprimento determinarase proporcionalmente ás contribucións exentas de apoio público efectuadas.

4. O importe da axuda implicitamente percibida determinarase pola diferenza dos custos financeiros soportados pola titular e aqueles que deberían corresponder nas condicións de mercado consideradas para o cálculo da subvención bruta equivalente, contías que se considerarán percibidas pola beneficiaria ás datas das cotas vencidas.

Artigo 21. Amortización anticipada obrigatoria e resolución do contrato de financiamento

1. O Igape poderá resolver o contrato de financiamento, declarando vencido anticipadamente o seu crédito cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) A falta de pagamento pola prestameira de principal e xuros do préstamo por importe equivalente a tres cotas.

b) A inexistencia, inexactitude substancial ou falsidade de información facilitada pola prestameira na solicitude de préstamo que tivese sido determinante para a súa aprobación.

c) Cando sexa declarado o incumprimento de condicións e, se é o caso, a perda do dereito á subvención implicitamente percibida nos supostos recollidos no artigo 20 das presentes bases.

2. A prestameira quedará obrigada ao pagamento das obrigacións procedentes do contrato no termo de cinco días naturais contados desde a data da notificación da resolución. Se a prestameira incumpre a obrigación de pagamento no prazo antes sinalado, poderá o Igape, desde o día seguinte, sen máis aviso nin dilixencia e en calquera tempo, reclamar xudicialmente o importe que ao seu favor acredite polo contrato, tanto por capital, como por xuros, gastos e tributos, así como executar as garantías pactadas, tendo en conta que, desde o momento da notificación, todas as débedas quedan vencidas e son exixibles.

3. O Igape poderá modificar o calendario de amortización do préstamo declarando vencido anticipadamente parte do principal cando se produza o incumprimento parcial de condicións e, se é o caso, a perda parcial do dereito á subvención. O importe do préstamo reducirase proporcionalmente ao grao de incumprimento.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas operacións financeiras someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento das actuacións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Respecto dos préstamos con axuda implícita por ter un tipo de xuro inferior ao de mercado, deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto na seguinte normativa:

a) Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG nº 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG nº 186, do 25 de setembro) e 45/2009, do 12 de febreiro (DOG nº 48, do 10 de marzo de 2009) e 155/2019, do 28 de novembro (DOG nº 234, do 10 de decembro de 2019), que habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas.

b) Comunicación da Comisión relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización 2008/C14/02(DOCE 19 de xaneiro).

c) Respecto das modalidades de préstamo que teñan axuda implícita aplicarase o establecido nos Regulamentos nº 1407/2013/UE da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), Regulamento (UE) nº 1408/2013 das axudas de minimis no sector agrícola e Regulamento (UE) nº 2019/316 que o modifica, ou Regulamento (UE) nº 717/2014 das axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, así como a Lei 9/2007 e o Decreto 11/2009.

d) En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO I

Modalidades de préstamos

1.1. Préstamos para investimentos estratéxicos.

A) Obxecto.

Financiar actuacións consistentes en proxectos de novos investimentos, intervencións de ampliación da capacidade produtiva e/ou mellora de instalacións existentes, valorándose especialmente o aliñamento dos proxectos cos sectores prioritarios da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e coa RIS3 Galicia.

B) Requisitos específicos dos beneficiarios.

Os establecidos no artigo 1 das presentes bases reguladoras, incluíndo persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e se inclúan nalgún dos seguintes sectores de actividade:

CNAE

Descrición

03

Pesca e acuicultura

05 a 09

Industrias extractivas

10 a 33

Industrias manufactureiras1

35 a 39

Fornecemento de enerxía e auga, e xestión de residuos e descontaminación

42 a 43

Construción de redes e construción especializada

46

Comercio por xunto e intermediarios, salvo vehículos de motor e motocicletas

49 a 53

Transporte e almacenamento

55 a 56

Hostalaría

58 a 63

Información e comunicacións2

69 a 75

Actividades profesionais, científicas e técnicas

77.3

Alugamento de maquinaria, equipamentos e bens tanxibles

79

Axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes

80 a 82

Actividades de seguranza e investigación e outras actividades auxiliares das empresas

87 a 88

Asistencia en establecementos residenciais e servizos sociais sen aloxamento

90 a 93

Actividades artísticas, recreativas e de entretemento

1 Excepto: 1) CNAE 12 Industria do tabaco e 2) O que se refira ao sector das fibras sintéticas tal como o define o anexo II das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006

2 Excepto CNAE 60 Actividades de programación e emisión de radio e televisión

O anterior requisito relativo ao sector de actividade non será exixible cando se trate de investimentos que se leven a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo da epígrafe D.4.a) seguinte.

C) Requisitos específicos da actuación que se vai financiar.

C.1) Importe.

A actuación deberá presentar un custo financiable en activos fixos igual ou superior a 1.000.000 € máis impostos.

Este límite non se aplicará ás actuacións que, ao abeiro do previsto nos artigos 15 e 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sexan declarados proxecto empresarial singular ou iniciativa empresarial prioritaria, respectivamente, ou formen parte dun proxecto que conte coa declaración de proxecto empresarial singular ou de iniciativa empresarial prioritaria, segundo corresponda, nin aos proxectos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo da epígrafe D.4.a) seguinte.

C.2) Gasto financiable.

Serán financiables os conceptos sinalados no artigo 3.1, letras a) Bens tanxibles, b) Bens intanxibles, e d) Capital de explotación.

O investimento en capital de explotación non poderá superar o 50 % do gasto financiable total.

D) Condicións do produto financeiro.

D.1) O préstamo poderá ser bilateral entre o Igape e a beneficiaria, ou sindicado con unha ou varias entidades de crédito.

D.2) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 500.000 € e o máximo de 5.000.000 €.

O importe mínimo anterior non será de aplicación nos proxectos referidos no segundo parágrafo da letra C.1) anterior.

En ningún caso superará o 50 % do custo do proxecto financiable.

D.3) Prazos de amortización e de carencia.

Axustados ao plan económico-financeiro, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal.

D.4) Tipo de xuro e axuda implícita.

D.4.a) Tipo de xuro ordinario.

Con carácter xeral, o tipo de xuro aplicable será fixo, determinado e liquidado conforme o anexo II destas bases.

Para os casos de préstamo sindicado, o tipo de xuro será o establecido polas entidades do sindicato bancario, podendo ser fixo ou variable.

O tipo de xuro aplicable aos préstamos para actuacións consistentes en apertura de novos establecementos, ou na adquisición por parte de terceiros non vinculados de activos/unidades produtivas que, de non ser adquiridas terían cesado no negocio, será inferior en 1,5 puntos porcentuais ao determinado conforme o anexo II.

Igualmente, poderá aplicarase ata 1,5 porcentuais de bonificación do tipo de xuro nos préstamos para os investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, o que deberá ser autorizado expresamente no acordo de concesión, logo da petición do solicitante. Esta bonificación aplicarase cando o sinistro seproducise dentro dos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude do préstamo e sempre que o importe das perdas ocasionadas, segundo o indicado no informe pericial de danos, supoña polo menos un 25 % dos novos investimentos en activos fixos que se vaian levar a cabo.

En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.

Para os casos de préstamo sindicado, a bonificación do tipo de xuro sinalada no punto anterior aplicarase unicamente sobre o tramo desembolsado polo Igape, e será descontado pola entidade bancaria axente das cantidades que hai que reintegrar ao Igape.

Para os préstamos bilaterais, os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural. Para cada unha das disposicións e nos períodos de liquidación inferiores ao trimestre natural, a remuneración de xuros será por días naturais, base 360, conforme a seguinte fórmula:

(C ×R ×T)/36000

Onde «C» = Capital, «R» = tipo de xuro nominal anual que pagará trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e «T» = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C × R)/400

Nos préstamos sindicados, o sistema de cálculo de xuros e a súa periodicidade de liquidación será coincidente co pactado entre os restantes partícipes no sindicato bancario e a beneficiaria.

D.4.b) Tipo de xuro de demora.

Nos préstamos bilaterais, sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en demora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 4 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

En préstamos sindicados, o tipo de xuro moratorio e a súa forma de liquidación será o pactado entre os restantes partícipes no sindicato bancario e a beneficiaria.

D.4.c) Axuda implícita.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade non terán a consideración de axuda, posto que o seu tipo de xuro será igual ou superior ao determinado aplicando os criterios da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión para que poidan ser considerados de mercado.

Non obstante o anterior, incluirán unha axuda implícita de minimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases:

Os préstamos a que se aplique a rebaixa no tipo de xuro prevista no punto D.4.a) anterior, destinados ao financiamento de actuacións consistentes na apertura de novos establecementos ou na adquisición por parte de terceiros non vinculados de unidades produtivas que, de non ser adquiridas, terían cesado no negocio.

Os préstamos sindicados cun tipo inferior ao determinado aplicando os criterios da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión.

D.5) Plan de amortización.

Nos préstamos bilaterais, unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización, unha vez finalizada a carencia. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase ao contrato de préstamo.

Nos préstamos sindicados, o plan de amortización será coincidente co pactado entre os restantes partícipes no sindicato bancario e a beneficiaria.

D.6) Garantías.

Nos préstamos bilaterais determinarase en función da dispoñibilidade e das características da actuación. Nos préstamos sindicados serán compartidas coas restantes entidades partícipes no sindicato bancario, na mesma proporción á participación de cada unha das entidades financiadoras.

E) Documentación específica que hai que presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberá presentarse xunto á solicitude:

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.

c) Descrición da actuación: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación da actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).

d) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría), con descrición das hipóteses que sustentan as ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do actuación.

e) No caso de investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, deberá presentarse informe pericial de danos de perito independente.

F) Criterios específicos de avaliación.

Non se establecen criterios específicos de avaliación. Concederanse todas as solicitudes que superen os limiares de cualificación do risco e cumpran os requisitos das bases reguladoras, ata o esgotamento do orzamento.

G) Xustificación.

Para os efectos do previsto no artigo 19 das bases reguladoras, para a xustificación das actuacións financiadas mediante esta modalidade de préstamos será preceptiva a presentación do informe de auditor independente establecido no número 6 do referido artigo.

1.2. Préstamos para financiar a operativa de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

A ) Obxecto.

Financiamento de actuacións que desenvolvan por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais fundacións e entidades que desenvolvan ou proxecten desenvolver actividades económicas, de investigación e desenvolvemento ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

B) Requisitos específicos dos beneficiarios.

Ademais dos establecidos no artigo 1 das bases reguladoras, deberán ser entidades vinculadas a sectores produtivos de Galicia ou actuacións que se vaian desenvolver na Comunidade Autónoma.

A titular poderá ceder a actuación a unha agrupación de interese económico cando estea xustificado por motivos de optimización fiscal respecto a deducións por investimentos en I+D e transferencia de bases impoñibles negativas, que facilite o financiamento da actuación, sempre que os gastos que se vaian financiar sexan realizados e sufragados pola beneficiaria, ou os depósitos que se vaian peñorar afiancen avais en garantía de obrigas ou continxencias da mesma.

C) Requisitos específicos da actuación que se vaian financiar.

C.1) Importe.

As actuacións que se vaian desenvolver en Galicia deberán presentar un custo financiable igual ou superior a 100.000 € máis impostos.

C.2) Gasto financiable.

Serán financiables os conceptos sinalados no artigo 3 das presentes bases reguladoras.

D) Condicións do produto financeiro.

D.1) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo será de 75.000 € e o máximo de 1.500.000 €. En ningún caso superará o 75 % do custo da actuación financiable.

D.2) Prazos de amortización e de carencia.

Axustados ao plan económico-financeiro e á vida útil dos bens adquiridos, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal.

D.3) Tipo de xuro e axuda implícita.

D.3.a) Tipo de xuro ordinario.

O tipo de xuro aplicable será fixo, e inferior en 1,5 puntos porcentuais ao tipo determinado conforme o anexo II destas bases. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.

Os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

Para cada unha das disposicións e nos períodos de liquidación inferiores ao trimestre natural, a remuneración de xuros será por días naturais, base 360, conforme á seguinte fórmula:

(C ×R ×T)/36000

Onde «C» = Capital, «R» = tipo de xuro nominal anual que hai que pagar trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e «T» = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C × R)/400

D.3.b) Tipo de xuro de demora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en demora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

D.3.c) Axuda implícita.

Os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita de minimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases.

D.4) Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización unha vez finalizada a carencia. Nos casos en que o provedor ofreza a posibilidade de recompra, o calendario poderá considerar unha cota de amortización final maior, coincidente co pagamento desta recompra.

D.5) Garantías.

En función da dispoñibilidade e das características da actuación

E) Documentación específica que hai que presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberá presentarse xunto á solicitude:

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da entidade: historial, partícipes, principais fitos na evolución da entidade, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición da actuación: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación da actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos e/ou gastos).

c) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría), cuantificación das necesidades de incremento de capital circulante, se é o caso. Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para entidades en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da entidade, mostrando separadamente o impacto da actuación.

F) Criterios específicos de avaliación.

Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación do risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos, resultante de sumar as puntuacións obtidas nos seguintes criterios:

F1) Sector de actividade: puntuarase con 40 puntos cando o resultado previsto da actuación teña un aproveitamento por parte de industrias ou sectores empresariais conexos a actividades industriais. Puntuarase con 30 puntos cando o resultado previsto da actuación teña un aproveitamento por outros sectores, e con 10 puntos adicionais cando exista informe favorable de interese para o sector en Galicia emitido pola correspondente consellería sectorial, ou polo carácter innovador segundo informe da Axencia Galega de Innovación. Estes informes serán solicitados polo Igape na tramitación do expediente.

F2) Presenza de grupos empresariais ou empresas tractoras de recoñecida solvencia, que guíen a actuación cara a liñas con alto potencial industrial e faciliten a chegada ao mercado: máximo de 40 puntos.

F3) A actuación inclúe investimentos en equipamento científico-tecnolóxico, e figuran detallados os sistemas de xestión que permitan o uso compartido: máximo de 20 puntos.

F4) A actuación inclúe tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e o concepto Industria 4.0: 10 puntos por cada ámbito, cun máximo de 40.

F5) Emprego vinculado: máximo 20 puntos, calculado segundo a fórmula: (nº medio de empregados do último exercicio da entidade + expectativas de creación de emprego na entidade) / préstamo en miles de € × 100.

G) Xustificación.

Para os efectos do previsto no artigo 19 das bases reguladoras, para a xustificación das actuacións financiadas mediante esta modalidade de préstamos, cando o importe do préstamo supere os 300.000 €, será preceptiva a presentación do informe de auditor independente establecido no número 6 do referido artigo.

1.3. Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval.

A) Obxecto.

Apoiar financeiramente empresas que desenvolven actividades no sector da industria auxiliar da construción naval, para permitirlles financiar a longo prazo pagamentos operativos, dispoñer dun fondo de manobra suficiente e/ou dispoñer de garantías pignoraticias para acceder aos avais técnicos e financeiros necesarios para a súa actividade.

B) Requisitos específicos dos beneficiarios.

Os establecidos no artigo 1 destas bases reguladoras, incluídas persoas físicas, agrupacións, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo e que subministren bens ou servizos a empresas do sector da construción naval (CNAE 301).

C) Requisitos específicos dos conceptos que se van financiar.

Os conceptos que se van financiar co préstamo serán os previstos na alínea d) do número 1 do artigo 3 das bases reguladoras.

A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto á solicitude, con base nas necesidades financeiras estimadas para a operativa empresarial. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, con base na análise dos estados financeiros da solicitante.

D) Condicións do produto financeiro.

D.1) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo será de 50.000 € e o máximo de 1.000.000 €, e deberá ser aplicado exclusivamente ao pagamento dos conceptos indicados no punto C) anterior.

O préstamo non poderá superar, no momento da solicitude, un importe equivalente á suma dos saldos facturados pendentes de cobramento de clientes do sector de construción naval (CNAE 301), máis os traballos realizados ou en curso pendentes de facturar a empresas do dito sector. O Igape poderá contrastar a realidade destes dereitos de cobramento declarados pola solicitante, mediante circularización aos clientes, e reducir o importe financiable no caso de non obter conformidade expresa dos terceiros.

Os clientes do sector naval computados para estes efectos non poderán ser empresas vinculadas á sociedade solicitante nin aos seus socios e administradores.

D.2) Prazos de amortización e de carencia.

O prazo de devolución dos préstamos será de 5 anos, incluíndo 2 de carencia na amortización de principal.

D.3) Tipo de xuro e axuda implícita.

D.3.a) Tipo de xuro ordinario.

O capital disposto e non amortizado do préstamo, devindicará diariamente, contando desde a disposición dos fondos e ata que transcorra o prazo de vixencia do préstamo, un xuro nominal fixo que se liquidará e se pagará con periodicidade trimestral e con carácter vencido, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada a amortización de principal, salvo no período de carencia.

Para cada unha das disposicións, no período comprendido desde a data da disposición do préstamo ata o último día do primeiro trimestre natural seguinte á disposición, o importe absoluto dos xuros deivindicados calcularase segundo a seguinte fórmula:

(C ×R ×T)/36000

Onde «C» = Capital, «R» = tipo de xuro nominal anual que hai que pagar trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e «T» = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros deivindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C × R)/400

Onde «C» = Capital, «R» = tipo de xuro nominal anual expresado en puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:

– Tipo de referencia: será a media do euríbor a 1 ano do mes anterior á data da proposta de resolución da concesión do préstamo.

– Marxe adicional: será de 2 puntos porcentuais. Se o resultado da subvención implícita no préstamo, obtida aplicando os criterios recollidos no anexo III, supera o límite de axuda de minimis, incrementarase a marxe adicional para diminuír a vantaxe financeira respecto ao mercado ata cumprir este límite.

O tipo de xuro será do 0 % cando resulte negativo.

D.3.b) Tipo de xuro de demora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en demora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

D.3.c) Axuda implícita.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita determinada conforme o anexo III das bases.

D.4) Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase o acordo de concesión. Para o cálculo do plan de amortización, utilizarase o sistema de amortización francés, de forma que a carga para afrontar pola beneficiaria, resultante de sumar os xuros e as amortizacións para pagar ao trimestre pola beneficiaria, se manteña constante durante toda a vida do préstamo tras a carencia.

D.5) Garantías.

Con carácter xeral, para esta modalidade de préstamos non se exixirán garantías adicionais á responsabilidade universal da prestameira.

E) Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberá presentarse xunto á solicitude:

– Declaración responsable con relación nominal de clientes empresas do sector da construción naval non vinculadas, en que se indique, para cada cliente e referido á data de solicitude do préstamo:

– Cadro resumo das facturas emitidas pendentes de cobramento, xunto coa copia destas.

– Cadro resumo de facturas pendentes de emitir, por traballos realizados ou en curso, xunto coa copia de contratos, se é o caso.

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto. Describir expresamente os bens e servicios subministrados a empresas do sector da construción naval, traxectoria neste sector, historial de quebrantos causados por procesos concursais de clientes deste sector.

c) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa.

d) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, describindo o seu contido e o número de traballadores afectados.

F) Criterios específicos de avaliación.

Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito no punto A) deste anexo son de interese para Galicia polo seu impacto no sector industrial e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

1.4. Préstamos para financiar a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia.

A) Obxecto.

Apoiar financeiramente empresas que desenvolven actividades no sector da industria manufactureira, especialmente afectadas polo incremento de prezo das materias primas consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia, para permitirlles financiar a longo prazo pagamentos operativos, dispoñer dun fondo de manobra suficiente, financiar investimentos para a mellora competitiva, a través da produtividade, redución da dependencia de determinadas materias primas ou provedores e/ou mellora da eficiencia enerxética e/ou dispoñer de garantías pignoraticias para acceder aos avais técnicos e financeiros necesarios para a súa actividade.

B) Requisitos específicos dos beneficiarios.

Os establecidos no artigo 1 destas bases reguladoras, incluídas persoas físicas, agrupacións, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e que veñan desenvolvendo durante máis de 3 anos algunha das actividades comprendidas nos CNAE 10 a 33 e ademais cumpran algún dos seguintes requisitos:

• O prezo unitario de materias primas adquiridas a terceiros non vinculados, deberá terse incrementado en máis dun 50 % respecto ao prezo medio pagado no ano 2021.

• O gasto en combustible e subministracións enerxéticas do exercicio 2021 supere o 25 % das vendas netas.

• Como mínimo un 5 % das súas vendas netas do exercicio 2021 tivesen como destino os mercados de Rusia e/ou Ucraína, ou teñan contratos asinados, con carácter previo ao inicio da invasión, con clientes deses países, por unha contía de, polo menos, a dita porcentaxe sobre as vendas netas do exercicio 2021.

O cumprimento destes requisitos específicos, será acreditado mediante declaración responsable para a solicitude do préstamo, que debe ser corroborado por auditor de contas independente, inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, antes da formalización da operación de préstamo.

C) Requisitos específicos dos conceptos que se van financiar.

Os conceptos que se van financiar co préstamo serán os previstos no número 1 do artigo 3 das bases reguladoras, alíneas a) e b), cando correspondan a investimentos para a mellora competitiva, a través da produtividade, redución da dependencia de determinadas materias primas ou provedores e/ou mellora da eficiencia enerxética, e alínea d), capital de explotación.

A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto á solicitude, con base nas necesidades financeiras estimadas para a operativa empresarial. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, con base na análise dos estados financeiros da solicitante.

D) Condicións do produto financeiro.

D.1) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo será de 300.000 € e o máximo de 1.000.000 €, e deberá ser aplicado exclusivamente ao pagamento dos conceptos indicados no punto C) anterior.

D.2) Prazos de amortización e de carencia.

O prazo de devolución dos préstamos será de 8 anos, incluíndo 2 de carencia na amortización de principal.

D.3) Tipo de xuro e axuda implícita.

D.3.a) Tipo de xuro ordinario.

O capital disposto e non amortizado do préstamo devindicará diariamente, contando desde a disposición dos fondos e ata que transcorra o prazo de vixencia do préstamo, un xuro nominal fixo que se liquidará e se pagará con periodicidade trimestral e con carácter vencido, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada a amortización de principal salvo no período de carencia.

Para cada unha das disposicións, no período comprendido desde a data da disposición do préstamo ata o último día do primeiro trimestre natural seguinte á disposición, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase segundo a seguinte fórmula:

(C ×R ×T)/36000

Onde «C» = Capital, «R» = tipo de xuro nominal anual que hai que pagar trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e «T» = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C × R)/400

Onde «C» = Capital, «R» = tipo de xuro nominal anual expresado en puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:

– Tipo de referencia: será a media do euríbor a 1 ano do mes anterior á data da proposta de resolución da concesión do préstamo.

– Marxe adicional: será de 1,5 puntos porcentuais. Se o resultado da subvención implícita no préstamo, obtida aplicando os criterios recollidos no anexo III, supera o límite de axuda de minimis, incrementarase a marxe adicional para diminuír a vantaxe financeira respecto ao mercado ata cumprir este límite.

O tipo de xuro será do 0 % cando resulte negativo.

D.3.b) Tipo de xuro de demora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en demora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

D.3.c) Axuda implícita.

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita determinada conforme o anexo III das bases.

D.4) Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase o acordo de concesión. Para o cálculo do plan de amortización, utilizarase o sistema de amortización francés, de forma que a carga para afrontar pola beneficiaria, resultante de sumar os xuros e as amortizacións para pagar ao trimestre pola beneficiaria, se manteña constante durante toda a vida do préstamo tras a carencia.

D.5) Garantías.

Con carácter xeral, para esta modalidade de préstamos non se exixirán garantías adicionais á responsabilidade universal da prestameira.

E) Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberá presentarse xunto á solicitude:

– Se é o caso, declaración responsable indicando se o prezo unitario de materias primas adquiridas a terceiros non vinculados, se viu incrementado no momento da solicitude en máis dun 50 % respecto ao prezo promedio pagado no ano 2021.

– Se é o caso, declaración responsable indicando se o gasto en combustible e subministracións enerxéticas do exercicio 2021 superou o 25 % das vendas netas.

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.

c) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa. No caso de considerar o financiamento de investimentos, xustificar razoadamente que o seu obxecto é a mellora competitiva, a través da produtividade, da redución da dependencia de determinadas materias primas ou provedores e/ou mellora da eficiencia enerxética.

d) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, que describan o seru o contido e o número de traballadores afectados.

F) Criterios específicos de avaliación.

Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito no punto A) deste anexo son de interese para Galicia polo seu impacto no sector industrial e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

ANEXO II

Determinación do tipo de xuro de mercado

Naquelas actuacións que cumpran as condicións necesarias, o órgano instrutor realizará un estudo e cualificación de risco coa metodoloxía descrita no anexo IV, do que resultarán encadrados nunha das categorías «Excelente (AAA-A)», «Boa (BBB)», «Satisfactoria (BB)», «Deficiente (B)», ou «Mala/dificultades (CC)». Conforme os criterios descritos no anexo V, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape en tres niveis de colateralización: «Alta», «Normal» e «Baixa».

Con base nestas categorías, determinarase o tipo de xuro de mercado que correspondería a cada unha das operacións de préstamo, determinado conforme o seguinte método:

a) Tipo base: determinarase con base na media do euríbor a 1 ano rexistrado en setembro, outubro e novembro do ano anterior. O tipo base fixado deste xeito entrará en vigor a partir de xaneiro do ano seguinte. Ademais, para ter en conta variacións significativas farase unha actualización cada vez que o tipo medio calculado sobre os tres meses anteriores se desvíe en máis dun 10 % do tipo en vigor. O novo tipo base entrará en vigor o primeiro día do segundo mes seguinte aos meses utilizados para o cálculo. Este tipo de referencia publícaa a Comisión Europea na ligazón seguinte:

http://ec.europa.eu/competition/state_aid/legislation/reference_rates.htm

b) Marxes: determinaranse para cada operación con base na súa cualificación de risco e ás garantías da operación conforme a seguinte táboa:

Colateralización

Cualificación

Alta

Normal

Baixa

Excelente (AAA-A)

0,60 %

0,75 %

1,00 %

Boa (BBB)

0,75 %

1,00 %

2,20 %

Satisfactoria (BB)

1,00 %

2,20 %

4,00 %

Para os prestameiros que non teñan un historial crediticio ou unha cualificación baseada unicamente nun enfoque de balance de situación, tales como determinadas empresas constituídas cun obxectivo específico, ou as empresas de nova creación, a marxe será polo menos de 4 puntos porcentuais. En caso de sociedades integradas en grupos, a marxe aplicable a unha empresa nunca podería ser inferior á que sería aplicable á empresa matriz.

ANEXO III

Determinación da axuda implícita

– Determinación da subvención implícita en préstamos.

Para os préstamos que inclúan axuda implícita, esta equivalerá ao aforro de carga financeira respecto dun préstamo alternativo que poderían obter no mercado en aplicación da Comunicación 2008/C14/02 da Comisión, ou do tipo superior, se é o caso, pactado no préstamo sindicado. Os puntos porcentuais de bonificación implícitos e a subvención bruta equivalente recolleranse no acordo de concesión.

As axudas implícitas dos préstamos terán a consideración de axudas de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento nº 1407/2013 da Comisión relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, no Regulamento (UE) nº 1408/2013 das axudas de minimis no sector agrícola e Regulamento (UE) nº 2019/316 que o modifica, ou no Regulamento (UE) nº 717/2014 das axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

Os puntos porcentuais de subvención determinaranse pola diferenza entre o tipo de xuros de mercado así determinado e o aplicable en cada liña de préstamo.

A subvención bruta equivalente implícita no préstamo calcularase conforme a fórmula financeira do valor actual neto:

missing image file

Onde:

SBE= subvención bruta equivalente implícita no préstamo.

t = cada un dos períodos de liquidación de xuros ou amortización da operación de préstamo.

n = períodos de liquidación de xuros e/ou amortización de préstamo.

Vt = diferenza entre os fluxos de efectivo dunha operación a tipo de mercado determinado conforme os criterios anteriormente expostos e os da operación de préstamo concedida.

k = taxa de actualización, que conforme a Comunicación 2008/C14/02 da Comisión será o resultado de engadir ao tipo base un diferencial fixo de 100 puntos básicos.

ANEXO IV

Metodoloxía de cualificación do risco de crédito

A cualificación de risco será o resultado de valorar os factores de risco relacionados na seguinte táboa:

Rango de valores

Limiar mínimo

Experiencia previa e traxectoria empresa/promotores

0-15

0

Antecedentes empresa/promotores en Igape/Xesgalicia

0-2

1

Calidade da xestión operativa

0-10

0

Capacitación técnica xeral

0-15

5

Risco de produto

0-9

3

Risco de mercado

0-9

3

Capacidade financeira

0-20

5

Risco por complexidade técnica

0-5

1

Viabilidade económica e financeira da actuación

0-15

5

Factores atenuantes do risco

Cualificación do risco

0-100

50

1. Asignarase unha puntuación a cada criterio de avaliación no rango de valores indicado.

2. A puntuación asignada a cada criterio de avaliación será produto de conxugar determinados cocientes e valoracións obxectivas coas consideracións cualitativas que sexan acordadas no comité de riscos previsto no artigo 10.4, e contribuirán á cualificación total do risco, que no seu conxunto estará normalizada entre 0 e 100 puntos. Os aspectos que serán obxecto de valoración en cada criterio serán os seguintes:

Experiencia previa e traxectoria empresa/promotores (0/15)

Puntos positivos

Anos de actividades da empresa.

Anos de actividades dos socios/promotores noutros proxectos diferentes.

Puntos negativos

Constancia de incidencias xudiciais relevantes que poidan implicar continxencias futuras.

Historial de procesos de insolvencia.

Antecedentes empresa/promotores en Igape/Xesgalicia (0/2)

Puntos positivos

Experiencia positiva de cumprimento co Igape e coas sociedades e fondos xestionados por Xesgalicia.

Inexistencia de riscos vivos co Igape e coas sociedades e fondos xestionados por Xesgalicia.

Inexistencia de débedas vencidas co Igape e coas sociedades e fondos xestionados por Xesgalicia.

Puntos negativos

Historial de incumprimento.

Existencia de débedas impagadas.

Calidade de xestión operativa (0/10)

Puntos positivos

Dispoñer de información contable fiable. Contas anuais auditadas sen incidencias.

Utilizar sistemas de información ERP ou considerar a súa implantación no proxecto.

Achegar organigrama con distribución coherente de funcións e responsabilidades.

Retribución media ao persoal adecuada.

Inexistencia de antecedentes de conflitividade laboral.

Xerencia e administradores/consello de administración cualificado, achegando currículo.

Capacitación técnica xeral (0/15)

Puntos positivos

Instalacións produtivas con capacidade apropiada ou investimentos previstos para adquirila.

Experiencia en implantación de proxectos de contía similar nos últimos 5 anos.

Experiencia no produto/servizo.

Dispoñer de persoal cualificado en persoal.

Dispoñer de sistemas de xestión de calidade.

Dispoñer de certificados ambientais.

Puntos negativos

Apréciase posible obsolescencia tecnolóxica.

Apréciase capacidade excesivamente dimensionada.

Detéctanse posibles problemas de licenza ou deficiencias técnicas nas actuais instalacións.

Risco de produto (0/9)

Puntos positivos

Posición adecuada no ciclo de vida do produto/servizo.

Independencia de provedores (existencia de provedores alternativos).

Grao de novidade do produto/razoablemente existirá boa demanda.

Competitividade en prezo.

Competitividade en calidade.

Facilidade de diversificación do produto e adaptación ao mercado.

Puntos negativos

Identifícanse riscos de cambios regulatorios en relación co produto.

O produto non está contrastado tecnicamente.

Posibilidade razoable de caída en desuso dos produtos a curto prazo.

Existencia de produtos alternativos altamente competitivos.

Risco de mercado (0/9)

Puntos positivos

Dispoñer de cota de mercado histórica.

Grao de diversificación da carteira de clientes.

Vendas predicibles (existencia de contratos, boa demanda...).

Existencia dun plan de márketing.

Diversificación xeográfica e tamaño de mercado amplo.

Dispoñer de rede comercial adecuada.

Existencia de barreiras de entrada identificadas que fosen superadas.

Puntos negativos

Mercado maduro ou altamente competitivo.

Barreiras de entrada que afecten o proxecto.

Inestabilidade nos prezos.

Dependencia de intermediarios.

Capacidade financeira (0/20)

Puntos positivos

Empresas cun mínimo de 2 anos de estados financeiros con actividade.

Cociente fondos propios/pasivo total.

Cociente endebedamento financeiro/EBITDA.

Rotacións de circulante coherentes/fondo de manobra apropiado.

Tendencia positiva a nivel de vendas e de cash flow.

Gastos financeiros contidos.

Resultado do exercicio/fondos propios.

Magnitude do proxecto en relación coa estrutura previa.

Empresas sen un mínimo de 2 anos de estados financeiros con actividade.

Cociente débeda total/ fondos propios.

Financiamento que se concederá/fondos propios.

Financiamento que se concederá/débeda total.

Puntos negativos

Existencia de saldos relevantes con socios ou administradores, excepto achegas acreditadas para capitalizar.

Cociente Fondos propios/pasivo total inferior a limiar.

Existencia de empresas vinculadas que dificulten a análise.

Adiamentos de débedas con administracións.

Risco por complexidade técnica (0/5)

Puntos positivos

Cualificación técnica suficiente (non se aprecia ausencia de capacidade para levar a cabo o proxecto).

O proceso carece de complexidade técnica.

Experiencia exitosa en proxectos similares.

Puntos negativos

Requírese especial cualificación pendente de adquirir.

Non está suficientemente contrastada a tecnoloxía necesaria.

Non está contrastado suficientemente o proceso industrial.

Viabilidade económica e financeira da actuación (0/15)

Puntos positivos

Grao de razoabilidade das hipóteses que sustentan as previsións.

A memoria inclúe conta de resultados previsional cun grao de detalle suficiente.

A memoria inclúe estado de fluxos de efectivo previsional ou plan de tesouraría claro e con detalle suficiente.

Achéganse balances de situación previsionais.

Cash flow previsional suficiente para o servizo da débeda.

Achéganse datos suficientes para o cálculo da TIR e esta, polo menos, duplica o custo medio do financiamento.

Puntos negativos

As previsións económicas non gardan coherencia cos datos históricos ou son excesivamente optimistas.

Non se valoran as necesidades de circulante e o seu financiamento.

Incoherencia entre os prazos do financiamento e a vida útil dos bens financiados.

Non se analiza adecuadamente o impacto do proxecto.

3. O incumprimento dalgún dos limiares mínimos indicados levará unha puntuación total de cero puntos, e supoñerá a denegación da solicitude presentada.

4. A puntuación total obtida polo proxecto ou actuación deberá alcanzar polo menos o valor de 50 puntos. Toda puntuación inferior a este mínimo supoñerá a desestimación da solicitude presentada.

5. A puntuación do risco así obtida dará lugar a unha clasificación en cinco categorías, conforme á seguinte táboa:

Cualificación do risco

Puntuación

Excelente (AAA-A)

86-100

Boa (BBB)

66-85

Satisfactoria (BB)

50-65

Deficiente (B)

25-49

Mala/dificultades (CC)

0-24

ANEXO V

Criterios de valoración das garantías

O nivel de garantías ofrecidas valorarase con base nunha estimación da porcentaxe de perda en caso de falta de pagamento, conforme seguinte táboa:

Colateralización

Puntos

Perda en caso de falta de pagamento

Alta

71-100

< 30 %

Normal

41-70

Entre 30 % e 60 %

Baixa

0-40

> 60 %

A perda en caso de falta de pagamento será estimada conforme os seguintes criterios:

1. Garantía persoal societaria: puntuarase a garantía persoal dunha sociedade, tanto na súa condición de titular como pola súa condición de terceiro fiador, aplicando a seguinte fórmula:

Puntos = 5 × (patrimonio neto conforme os seus últimos estados financeiros)/(importe operación garantida)

A puntuación máxima por este tipo de garantías societarias será de 41 puntos.

2. Garantía persoal de persoas físicas: puntuarase a garantía persoal dunha persoa física, tanto na súa condición de titular como pola súa condición de terceiro fiador, aplicando unha puntuación fixa de 10 puntos polo compromiso persoal adquirido, independentemente do seu patrimonio ou ingresos.

Adicionalmente, poderá asignarse unha puntuación superior se se acredita un patrimonio inmobiliario adicional á vivenda habitual, libre de cargas e cunha valoración baseada en taxacións independentes.

A puntuación máxima por este tipo de garantías será de 41 puntos.

3. Garantías consistentes en hipotecas en primeiro rango sobre inmobles: considerarase o valor segundo taxación por sociedade homologada polo Banco de España.

Puntos = 80 × (valor de taxación)/(importe operación garantida)

4. Garantías consistentes en hipotecas ou peza sen desprazamento sobre bens mobles: considerarase o valor de taxación segundo informe pericial independente

Puntos = 60 × (valor de peritación)/(importe operación garantida)

5. Garantías consistentes en avais bancarios, de sociedade de garantía recíproca ou piñoramento activos financeiros líquidos ou dereitos de crédito: considerarase o seu valor nominal.

Puntos = (límite do aval) /(importe operación garantida) × 100

Para unha mesma operación poderán tomarse garantías de distinto tipo, acumulándose as puntuacións que correspondan.

ANEXO VI

Procedementos que o auditor deberá aplicar para a revisión da xustificación dos préstamos do Igape

Para emitir o informe, o auditor deberá comprobar a adecuación da xustificación da actuación realizada pola beneficiaria financiada co préstamo concedido, mediante a realización dos seguintes procedementos:

1. Procedementos de carácter xeral.

a) Comprensión das obrigas impostas á beneficiaria. O auditor analizará a normativa reguladora dos préstamos, así como a convocatoria, a resolución ou acordo de concesión, o contrato de préstamo asinado e canta documentación establezan as obrigas impostas á beneficiaria do préstamo e ao auditor respecto da revisión que se vai realizar.

b) Solicitude da xustificación da actuación financiada co préstamo. O auditor deberá requirir a xustificación dos gastos e investimentos da actuación financiada e asegurarse de que contén todos os elementos sinalados nas bases reguladoras dos préstamos e na convocatoria.

c) Informe de auditoría e comunicación co auditor de contas. Cando a entidade beneficiaria fose auditada por un auditor distinto ao nomeado para revisar a xustificación do préstamo, obterá o informe de auditoría co obxecto de coñecer se existe algunha observación no dito informe que puidese condicionar o seu traballo de revisión.

2. Procedementos específicos relativos á xustificación da actuación financiada co préstamo concedido:

a) Revisión dos gastos e/ou investimentos da actuación financiada. Esta revisión abarcará a totalidade dos gastos incorridos na realización da actuación financiada e consistirá en comprobar os seguintes aspectos:

1º. Que a documentación xustificativa da actuación financiada está soportada nunha relación clasificada dos gastos e investimentos, con identificación do concepto a que corresponde, do acredor, do documento –factura ou documento admisible segundo a normativa do préstamo concedido–, data de emisión, concepto de gasto / investimento, o seu importe (base impoñible, IVE se é o caso, e importe total), documento(s) de pagamento, data(s) de pagamento e importe pagado. No caso de considerarse necesario, incluirase un campo de observacións.

2º. Que a entidade dispón dos documentos orixinais acreditativos dos gastos xustificados e do seu pagamento e que os ditos documentos foron reflectidos nos rexistros contables.

3º. Que os gastos e/ou investimentos que integran a relación cumpren os requisitos para ter a consideración de gasto financiable, conforme o establecido nas bases reguladoras.

4º. Que se teñen clasificado correctamente, de acordo co contido das bases reguladoras, os gastos e/ou investimentos executados, polos conceptos para os que se aprobou o préstamo e, no caso de variacións, que se cumpren as porcentaxes límite de variación establecidas nas bases reguladoras.

5º. Que se produce a necesaria coherencia entre os gastos e investimentos xustificados e a natureza da actuación financiada.

b) Solicitude á beneficiaria dunha declaración relativa ao financiamento da actividade financiada. O auditor solicitará da entidade beneficiaria unha declaración que conteña a relación detallada doutros recursos ou subvencións que financiasen a actuación financiada, con indicación do seu importe e procedencia. Sobre a base desta información e das condicións impostas á beneficiaria para a percepción do préstamo obxecto de revisión, o auditor analizará a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos e outros recursos para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou ente público ou privado, para efectos de comprobar o cumprimento da obriga de achegar para a actuación unha contribución financeira exenta de calquera apoio público de, polo menos, un 25 % dos custos financiables.

c) Revisión do certificado de taxación de bens inmobles. No caso de que o préstamo fose destinado á adquisición de inmobles, o auditor revisará o certificado do taxador independente conforme o previsto no artigo 28.7 da Lei 9/2007.

d) Outros procedementos. Ademais, o auditor deberá levar a cabo aqueloutros procedementos adicionais que considere oportuno para a comprobación da correcta xustificación da actuación financiada co préstamo concedido.

Modelo de informe de revisión da xustificación de préstamos do Igape

Ao Instituto Galego de Promoción Económica-Igape.

1. Para os fins previstos nas bases reguladoras dos préstamos convocados por (indíquese a resolución do Igape que dá publicidade ao acordo de aprobación das bases reguladoras e a convocatoria, así como a referencia do DOG en que se publicou), fomos (fun) designados (designado) por (identificación da entidade que realizou a designación) para revisar a xustificación da actuación financiada co préstamo outorgado mediante (indicación da resolución ou acordo en que se aprobase a concesión do préstamo), e formalizado o (data de formalización) mediante (indicar escritura/póliza/contrato e notario ante o cal se outorgou ou que interveu, co número do protocolo) e destinada a (breve descrición da actividade financiada).

Unha copia da xustificación da actuación financiada co préstamo, selada por nós (min) para efectos de identificación, xúntase como anexo ao presente informe. A preparación e presentación da citada conta xustificativa é responsabilidade de (identificación da entidade beneficiaria), concretándose a nosa (miña) responsabilidade na realización do traballo que se menciona no número 2 deste informe.

2. O noso (meu) traballo realizouse seguindo o disposto nas bases reguladoras referidas no parágrafo 1 anterior, en que se fixan os procedementos que deben aplicarse e o alcance dos mesmos, e consistiu nas comprobacións que, de xeito resumido, se relacionan a seguir:

(mencionaranse as comprobacións realizadas sobre a base do previsto nas bases reguladoras)

a. …

b. …

Dado que este traballo, pola súa natureza, non ten a natureza de auditoría de contas nin se atopa sometido á Lei 22/2015, do 22 de xullo, de auditoría de contas, non expresamos (expreso) unha opinión de auditoría nos termos previstos na citada normativa.

3. A beneficiaria puxo á nosa (miña) disposición canta información lle foi requirida para a realización do noso (meu) traballo co alcance establecido no parágrafo anterior.

4. (Elexir un dos seguintes parágrafos en función de se o resultado da revisión é favorable ou se detectaron feitos ou circunstancias que poderían supoñer incumprimento, respectivamente. No caso de incumprimentos cuantificables, deberanse indicar o importe e a porcentaxe de incumprimento):

Como resultado do traballo realizado, informámolos (infórmoo) que non observamos (observei) feitos ou circunstancias que poidan supoñer incumprimentos da normativa aplicable ou das condicións impostas no contrato de préstamo a (identificación da entidade beneficiaria) para a xustificación do préstamo a que se refire o parágrafo 1 anterior.

Como resultado do traballo realizado, a continuación, informámolo (infórmoo) daqueles feitos ou circunstancias que poidan supoñer incumprimentos da normativa aplicable ou das condicións impostas no contrato de préstamo a (identificación da entidade beneficiaria) para a xustificación do préstamo a que se refire o parágrafo 1 anterior:

a. …

b. …

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file