Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 7 de abril de 2022 Páx. 22290

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2022 pola que se aproba o procedemento de autorización para a utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista (código de procedemento IF503A).

Antecedentes.

De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.9 que corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, portos de refuxio e portos deportivos, ao mesmo tempo que no seu artigo 28.6 atribúe á propia Comunidade Autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en canto aos portos pesqueiros.

Consonte estas previsións constitucionais e estatutarias, o Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, e o Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro, tramitaron a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco de competencias do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e servizos relativos a todos os portos e instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio, e aos de refuxio e deportivos existentes no seu ámbito territorial.

O 14.6.2018 entrou en vigor a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, DOG do 14 de decembro, que derroga a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Por outra banda, a prestación dos servizos nos portos relativos á ocupación do dominio público portuario e as súas infraestruturas, rexeranse polo Regulamento de servizo e policía e pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa complementaria, supletoria e de desenvolvemento en materia tributaria, servizos, entre os que se encontran as ocupacións do dominio público, fornecementos e uso de infraestruturas de atracada.

Con base na normativa de aplicación Portos de Galicia xestiona diversa tipoloxía de portos nos cales conflúen diversas actividades profesionais, sendo unha das mais importantes a pesqueira tanto extractiva como de acuicultura, así como outras actividades que prestan servizos portuarios.

Trala entrada en vigor da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, é necesario ter en conta as tipoloxías de autorización que de xeito habitual se producen nos portos no marco da lexislación vixente.

No que respecta ás autorización de utilización ou ocupación de dominio público, a Lei 6/2017, no seu artigo 58, distínguense dúas tipoloxías:

a) A utilización das instalacións portuarias polos buques, a pasaxe e as mercadorías prestación de servizos portuarios e o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario, que se rexerá polo establecido nesa lei, na lexislación de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma, no Regulamento de explotación e policía e, de ser o caso, nas ordenanzas portuarias.

b) A ocupación do dominio público portuario con bens mobles ou instalacións desmontables, ou sen eles, por un prazo non superior a catro anos, que se outorgará mediante o correspondente título administrativo.

A diferenza fundamental entre unha e outra autorización radica no disposto no artigo 57, é dicir, as especiais condicións de exclusividade, intensidade, perigo ou rendibilidade, xa que, cando concorran estas condicións, deberá outorgarse unha autorización de ocupación de dominio público ou, se é o caso, concesión, segundo o disposto no artigo 59 da Lei 6/2017.

Por outra banda, Portos de Galicia dispón de instalacións de atracada en pantaláns aboiantes, polígonos de fondeos controlados e prazas en explanadas en terra, para dar servizo á frota profesional, fundamentalmente embarcacións pesqueiras e de servizo á acuicultura, 3ª e 4ª lista respectivamente, podendo ser novas instalacións, a ampliación das existentes ou a ocupación das postas en servizo con anterioridade.

Tratándose do uso dunha infraestrutura, o título administrativo encádrase na tipoloxía de utilización das instalacións portuarias, por tratarse de ocupacións que constitúen un uso reservado para o titular autorizado, condicionado ao desenvolvemento dunha actividade portuaria por parte desa embarcación.

Este procedemento regulará as autorizacións de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, para as seguintes embarcacións:

– Buques inscritos na 3ª lista: buques de construción nacional ou importados de acordo coa lexislación vixente destinados á captura e extracción con fins comerciais de pescado e doutros recursos mariños vivos.

– Buques inscritos na 4ª lista: embarcacións auxiliares de pesca, as auxiliares de explotacións de acuicultura e os artefactos dedicados ao cultivo ou estabulación de especies mariñas.

– Buques inscritos na 5ª lista: remolcadores, embarcación e artefactos navais dedicados aos servizos de portos, radas e bacías.

O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á cidadanía, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo de referencia para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia en todos os seus ámbitos.

Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG número 17, do 27 de xaneiro), estableceu que as disposicións de carácter xeral que regulen procedementos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico, deberán contar cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, só Lei 39/2015), e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen o escenario normativo base para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e sector público autonómico de Galicia.

Polo exposto, este procedemento será de aplicación ás autorizacións de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, para uso por parte de embarcacións profesionais dedicadas á pesca extractiva con fins comerciais, ás embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura e residualmente ás embarcacións rexistradas na 5ª lista.

De acordo con todo o indicado e en virtude das atribucións conferidas no artigo 12.3.l) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o procedemento de autorización de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para barcos de 3ª, 4ª e 5ª lista.

O procedemento de solicitude e autorización regúlase segundo as cláusulas incorporadas á presente resolución.

Segundo. Abrir o prazo de presentación de solicitudes a partir do día seguinte á publicación no DOG desta resolución, quedando aberto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia

ANEXO

Cláusulas que regulan o procedemento

Primeira. Normativa

A normativa de aplicación para utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións de 3ª, 4ª e 5ª lista é a seguinte:

• Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

En todo caso, no suposto de diverxencia entre o presente clausulado e a normativa de aplicación prevalecerá a normativa vixente.

Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto é establecer o procedemento de autorización de utilización instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para barcos de 3ª, 4ª de xeito preferente e 5ª de xeito residual (código de procedemento IF503A), naquelas instalacións que se poñan á disposición en cada momento, no sitio web de Portos de Galicia.

Defínese o presente procedemento para regular o uso de postos de atracada nunha instalación portuaria de uso preferentemente pesqueiro en pantalán con prazas delimitadas, identificadas e cunhas características previamente definidas. Este procedemento tamén será de aplicación para a utilización de prazas fondeo en polígono deseñado e habilitado para tal fin ou en prazas en seco delimitadas para o depósito de embarcacións, e para a mesma tipoloxía de embarcacións.

O ámbito de aplicación serán os portos que se poñan á disposición por parte de Portos de Galicia nos cales están habitadas prazas para o uso de embarcación pesqueiras, auxiliares de acuicultura e para profesionais de servizo de porto, radas ou bacía.

Mediante esta resolución, regúlase a seguinte tipoloxía de solicitudes:

• As solicitudes de prazas nunha instalación de nova construción, total o parcialmente, e que polo tanto están sometidas a un proceso de selección en función dos criterios establecidos na cláusula décimo primeira.

• As solicitudes en instalacións que xa estean en servizo e dispoñan de prazas vacantes ou non.

• As solicitudes en instalacións en explotación, para aquelas embarcacións que dispoñan dunha praza, pero que o seu título administrativo precise ser renovado.

Quedan excluídas deste procedemento as solicitudes de atracada/fondeo de embarcacións rexistradas na 1ª lista, 2ª lista dedicadas ao transporte marítimo de pasaxeiros ou de mercadorías, as embarcación deportivas inscritas nas listas 6ª e 7ª, así como as buques y embarcacións pertencentes a organismos de carácter público tanto de ámbito nacional como autonómico o local é embarcacións pertencentes a organismos de carácter público inscritas na lista 8ª.

Non obstante, ben que terán uso preferente as embarcacións de 3ª e 4ª lista, poderán presentar solicitude outras embarcación profesionais da 5ª lista, pero unicamente poderán optar a un posto de atracada se existen prazas vacantes da categoría acorde ás dimensións da embarcación e non existe causa que impida o seu outorgamento, ou ben se existen prazas habilitadas para esta tipoloxía de embarcación na propia instalación independentemente da demanda existente do sector pesqueiro.

Terceira. Órgano competente

A autorización de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia para barcos de 3ª, 4ª e 5ª lista, será competencia da Presidencia de Portos de Galicia.

Non obstante, segundo a Resolución do 15 de maio de 2019, de delegación de competencias do presidente no director xeral, publicada no DOG número 102, do 31 de maio, a resolución de autorizacións de utilización das instalacións portuarias de atracada para embarcación profesional pesqueira/acuicultura/outra en pantaláns de Portos de Galicia é competencia no director xeral.

Cuarta. Tipos de instalacións e prazas de amarre

As instalacións postas á disposición polo presente procedemento son pantaláns aboiantes, puntos de fondeo principalmente en polígonos ou prazas en terra.

Tendo en conta as necesidades infraestruturais das diferentes frotas, así como as actividades desenvoltas nos portos, e as características técnicas e dimensións das instalacións, en xeral establécense instalacións diferenciadas para cada un dos sectores pesqueiro, extractivo ou acuicultura. Non obstante, se as características da instalación o permiten, poderán ter uso mixto.

As autorizacións de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, será o título habilitante para o uso e gozo, durante un prazo mínimo de seis meses e non superior a catro anos, dunha praza destinada a embarcacións de 3ª, 4ª ou 5ª lista no porto concretamente autorizado.

O presente procedemento non é aplicable á embarcacións de paso polo porto e, polo tanto, non se está a regular o uso das instalacións por un período inferior a 6 meses.

Os portos en que se ofertan instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, novas ou xa en explotación, e a súa localización e tipoloxía son as indicadas no seguinte enlace da web de Portos de Galicia:

https://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_profesionais

A información contida neste enlace será actualizada segundo as instalacións que se poñan á disposición ou sexan obxecto de actualización ou regularización por parte de Portos de Galicia.

Quinta. Entidades solicitantes

Poderán formalizar a solicitude persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica públicas ou privadas, así como os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.

O solicitante deberá ser o titular da embarcación, o armador ou o seu consignatario. Se existisen varios titulares, presentará a solicitude aquel que teña unha maior porcentaxe de participación na titularidade da embarcación ou aquel que actúe en representación dos propietarios.

No caso de solicitantes doutros países, que non teñan residencia no territorio nacional, deberán designar un representante, para todos os efectos, que dimanen da autorización, con domicilio no territorio nacional. Este representante será o mesmo que presente a solicitude.

Sexta. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes é a partir do día seguinte á publicación no DOG desta resolución. O prazo de presentación quedará aberto.

Sétima. Tramitación da solicitude

Recibida a solicitude de autorización e a documentación anexa, Portos de Galicia analizará o cumprimento da normativa aplicable para os efectos da autorización da utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, e a existencia de praza vacante para as características da embarcación.

Portos de Galicia examinará a solicitude e, se non reúne os requisitos ou non vai acompañada dos documentos exixidos, requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa solicitude.

Entenderase que se desiste da solicitude cando non atenda o solicitante ao requirimento de emenda da documentación realizado por Portos de Galicia no prazo establecido para iso.

Se o solicitante desexa obter autorización para varias embarcacións deberá formalizar solicitudes independentes.

Para tramitar a solicitude, será requisito imprescindible que o solicitante estea ao día no pagamento das taxas debidas a Portos de Galicia, e que non incumprisen as condicións da autorización, no suposto de que se dispoña dunha autorización previa.

Oitava. Documentación complementaria do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.a. Modelo de presentación, anexo I, debidamente cuberto. O dito modelo está á disposición dos solicitantes na sede electrónica da Xunta de Galicia, procedemento IF503A.

1.b. Modelo de presentación, anexo II, certificado de formalización de seguro de responsabilidade civil asinado pola compañía aseguradora ou axente de seguros.

1.c. Para embarcacións de 3ª e 4ª lista: acreditación de ter base no porto onde se solicita o amarre mediante inscrición nese porto no Rexistro de buques de pesca e outros recursos mariños vivos; auxiliares de pesca, de explotacións de acuicultura e de artefactos dedicados ao cultivo ou estabulación de especies mariñas emitida pola Consellería do Mar. No caso de atoparse en tramitación, deberá achegar acreditación de telo solicitado. No suposto de que se atope inscrito noutro porto deberá acreditarse o indicado referente ao porto que corresponda.

1.d. Para embarcacións auxiliares de explotacións de acuicultura, ademais, deberán presentar certificado onde se detallen as descargas realizadas no porto solicitado nos doce últimos meses enteiros contados desde a data de presentación. No suposto de declarar vendas ou descargas noutro/s porto/s deberá acreditarse co/cos certificado/s do/dos porto/s onde opera.

1.e. Para as embarcacións de 5ª lista:

– Certificado de navegabilidade e arqueo GT.

– Folla de asento do buque actualizada na data da solicitude.

– Persoas xurídicas: escritura acreditativa da constitución da sociedade inscrita no Rexistro Mercantil.

– Persoas xurídicas: poder de representación outorgado a favor do solicitante debidamente verificada a súa suficiencia, e inscrito, se é o caso, no rexistro pertinente, agás que a representación se desprenda dos documentos anteriormente citados.

f. Portos de Galicia poderá requirir outra documentación complementaria se a considera necesaria e a súa exixencia está xustificada por razón imperiosa de interese xeral.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán pedidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Comprobación de datos do procedemento

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIF da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de domicilio fiscal.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Recibidas as solicitudes, e unha vez analizadas a documentación achegada, a adaptación da solicitude ás prazas postas á disposición, o cumprimento dos requisitos ao presente procedemento e calquera outro condicionante, resolverase a solicitude autorizándoa, denegándoa ou incluíndo a solicitude na lista de espera, segundo proceda.

Décima. Resolución da solicitude

1. Recibidas as solicitudes, e unha vez analizada a documentación achegada, a adaptación da solicitude de ocupación de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco ás prazas postas á disposición, o cumprimento dos requisitos deste procedemento e calquera outro condicionante, resolverase a solicitude autorizándoa, denegándoa ou incluíndo a solicitude na lista de espera, segundo proceda.

2. O prazo máximo para resolver o expediente será de tres (3) meses, transcorrido este sen que se dite resolución expresa, a correspondente solicitude entenderase desestimada.

3. Considerando as características deste tipo de autorización, por razóns de eficacia, a resolución para autorizar ou denegar a solicitude está delegada no director xeral, segundo resolución de delegación indicada na condición terceira da presente resolución, e baixo as condicións xerais reflectidas no anexo III.

4. No suposto de que se trate dunha renovación dunha praza de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco que xa viñese sendo ocupada polo solicitante comprobarase o cumprimento das condicións exixidas para poder manter a ocupación da praza.

5. Adxudicación en instalacións existentes con disposición de prazas vacantes: naquelas instalacións que xa se atopen en servizo, comprobarase que a embarcación cumpre os mínimos exixidos e se axusta ás dimensión da praza solicitada e exista praza vacante para as dimensións da dita embarcación, resolvéndose sen máis trámite.

Entrarán dentro deste suposto as solicitudes que se produzan en instalacións de nova posta en servizo, pero que xa fosen adxudicadas as súas prazas previamente, segundo o indicado no punto 6 da presente cláusula e quedaron vacantes.

No suposto de que non existan prazas dabondo para atender a demanda solicitada, as embarcacións que non sexan adxudicatarias dunha praza pasaran á lista de agarda indicada na cláusula décimo segunda.

Cando non se poida acreditar a actividade mínima indicada na cláusula décimo primeira da presente resolución, podería constituír causa de denegación da solicitude, en función da demanda de prazas existente na instalación.

6. Adxudicación en novas instalacións: no suposto de que se trate dunha nova instalación de atracada en pantalán, fondeo ou depósito en seco que se pon en servizo por primeira vez, abrirase un prazo específico de presentación de solicitudes, mediante publicación no DOG, e as prazas formalizaranse a través deste procedemento.

Na dita publicación definirase o prazo de inicio e fin para presentar as solicitudes, a tipoloxía de embarcación a quen vai dirixida a convocatoria e os criterios de adxudicación específicos, se é o caso.

Transcorrido o prazo de presentación, analizaranse as solicitudes presentadas nese período segundo os criterios xerais e específicos da convocatoria, realizando unha proposta de asignación de atracadas entre todas as presentadas. A asignación de prazas realizarase atendendo ás características da embarcación e da instalación en canto a calado e lonxitude de atracada, ou outros condicionantes que puidesen existir.

Non obstante, dado que o procedemento queda aberto, poderanse presentar solicitudes a partir desa data, pero non serán tidas en conta na primeira asignación de prazas, sendo posible a súa autorización se existen prazas vacantes.

Tamén serán susceptibles de convocatoria específica de asignación de prazas aquelas instalacións existentes onde Portos de Galicia o considere oportuno.

As convocatorias tamén se publicarán na web de Portos de Galicia, no seguinte enlace:

https://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_profesionais

7. Unha vez resolta a autorización, entenderase que o solicitante acepta as condicións desta se, no prazo máximo de 10 días desde a súa recepción, non presenta manifestación en contra.

Décimo primeira. Condicións para o outorgamento de prazas de atracada, fondeo ou estadía en seco

O solicitante para poder ser adxudicatario dunha praza nas convocatorias establecidas para o efecto, deberá acreditar a actividade cumprindo o seguinte:

1. Para embarcacións dedicadas á captura e extracción con fins comerciais de peixe e outros recursos vivos (principalmente 3ª lista):

• Acreditar un volume medio de vendas en lonxa nos anteriores 12 meses enteiros, contado desde o día seguinte á apertura de prazo da convocatoria, non inferior ao salario mínimo interprofesional multiplicado polo número medio de tripulantes da embarcación acreditado mediante os TC2 ou lista de tripulantes, certificados polo ISM ou Capitanía Marítima.

• Acreditar un volume de vendas en portos autonómicos do 25 % sobre o total anual declarado nos últimos 12 meses enteiros, contado desde o día seguinte á apertura de prazo da convocatoria.

Para acreditar este aspecto deberase indicar no formulario do anexo I as vendas realizadas e a tripulación da embarcación. Portos de Galicia poderá comprobar se as ditas declaracións son coincidentes coas realizadas para liquidar a tarifa X-4 de pesca fresca ou coas declaradas e rexistradas en www.pescadegalicia.gal

2. No suposto de embarcacións auxiliares de explotacións de acuicultura (principalmente 4ª lista):

• Acreditar un valor de venda de produtos descargados en portos autonómicos cun volume medio nos anteriores 12 meses enteiros, contado desde o día seguinte ao da apertura de prazo da convocatoria, non inferior ao salario mínimo interprofesional multiplicado polo número de tripulantes da embarcación. Para acreditar este aspecto, deberase achegar certificado de vendas dos produtos descargados nos últimos 12 meses enteiros pola embarcación, con indicación do/dos porto/s de descarga.

• Acreditar un volume de descargas en portos autonómicos do 25 % sobre o total anual declarado nos últimos 12 meses enteiros, contados desde o día seguinte á apertura de prazo da convocatoria.

Para acreditar estes aspectos, deberase indicar no formulario do anexo I as descargas realizadas e a tripulación da embarcación. Portos de Galicia poderá comprobar a veracidade dos datos.

En ambos os supostos por causas debidamente acreditadas de paro forzoso, veda, ou outros motivos debidamente xustificados, poderá tomarse en consideración o valor do exercicio previo onde non concorran as ditas causas de paralización da actividade.

Como criterio xeral de adxudicación, en caso de que exista maior número de solicitudes que de prazas, unha vez comprobado que as embarcacións teñen base no porto solicitado e acreditan o mínimo de vendas exixido, adxudicaranse a prazas segundo o volume medio anual de vendas declarado, en orde descendente. En caso de empate entre solicitudes, adxudicarase a praza á que presentase a solicitude completa con anterioridade. Estes criterios poderán ser modificados na convocatoria especifica por motivos de explotación portuaria.

Unha vez realizada a adxudicación, se resultan prazas libres poderán outorgarse estas prazas ás solicitudes, aínda que non cumpran as condicións anteriores, segundo os criterios específicos que se establezan en cada caso.

Décimo segunda. Listas de espera

Cando, reunindo a solicitude todos os requisitos, non poida outorgarse a autorización de uso, por non existir prazas vacantes, a solicitude incluirase na lista de espera, coa asignación dun número de orde, segundo a data de rexistro de entrada da petición debidamente cuberta e coa documentación completa, e unha vez que a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia dite a resolución pola que se declara a dita inclusión.

Existirá unha lista de espera para cada un dos portos e das instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales o número de solicitudes exceda as prazas dispoñibles. A lista de espera estará aberta permanentemente.

En calquera momento, antes de iniciar os trámites para cubrir a vacante mediante as solicitudes incluídas na lista de espera, admitirase a substitución ou cambio de embarcación do mesmo solicitante sen alteración do número de orde, sempre que se trate dunha embarcación das mesmas características. Noutro caso a nova embarcación que, en todo caso, deberá adaptarse ás dimensións do tipo de praza solicitada, pasará a ocupar o último posto da lista.

Décimo terceira. Réxime das autorizacións

1. As autorizacións outorgaranse con carácter persoal e intransferible inter vivos para a persoa o entidade titular da embarcación concreta, sen prexuízo de que Portos de Galicia autorizará a substitución ou o cambio de embarcación, sempre e cando se trate dunha embarcación das mesmas características.

2. No suposto de falecemento da persoa titular da autorización, o seu sucesor ou sucesora a título de herdanza ou de legado poderá solicitar por unha soa vez e nun prazo máximo dun ano, contado desde o falecemento, a autorización para o uso do mesmo posto de atracada, e sempre e cando se trate da mesma embarcación, empregando este mesmo procedemento.

3. Portos de Galicia poderá modificar ou cambiar temporalmente de posto de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco das embarcacións, sempre que sexa por motivos de seguridade ou forza maior ou relativos á explotación e á planificación do porto.

4. O prazo de vixencia da autorización de utilización das instalacións portuarias de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco será o que determine no título administrativo de autorización, e non poderá ser inferior a seis meses nin superior a catro anos. O prazo concreto fixarase na autorización.

5. No prazo dun mes contado desde a notificación da resolución pola que se outorga a autorización, o seu titular deberá ocupar o posto asignado coa embarcación autorizada. Este prazo poderá ser ampliado por Portos de Galicia, de existir causa xustificada a xuízo deste.

Unha vez que se produza a ocupación da praza, o persoal portuario poderá, en todo momento, realizar as medicións correspondentes no suposto de que as dimensións manifestadas na solicitude non coincidisen coas dimensións reais da embarcación.

Se a diverxencia entre as medidas reais e as manifestadas na solicitude fose tal que non permitise a acomodación da embarcación e a súa correcta manexabilidade no posto correspondente, a autorización outorgada caducará e será posta á disposición para unha nova asignación.

6. Se a ocupación do posto non se levase a cabo no prazo indicado no anterior punto 5, e se con isto non se prexudican dereitos de terceiros, considerarase que o interesado renuncia á autorización e queda o posto á disposición da Presidencia para unha nova asignación, conforme as normas de xestión de listas de espera.

7. No caso de que a resolución veña referida a unha embarcación en construción, o seu titular deberá achegar a nova embarcación e ocupar a praza asignada nun prazo máximo de 6 meses contado desde a notificación da resolución. En caso contrario, e agás causa xustificada aceptada por Portos de Galicia, producirase a caducidade da autorización sen dereito á indemnización nin á devolución das taxas satisfeitas, que, se é o caso, se devindicarán desde a recepción da notificación da resolución de autorización do uso da praza.

Décimo cuarta. Aboamento das taxas portuarias

A persoa titular da autorización deberá aboar a taxa portuaria vixente en cada momento aplicable á atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco de embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura, así como ás demais taxas portuarias que poidan ser de aplicación.

As embarcacións autorizadas nun porto, consonte o establecido na normativa autonómica sobre taxas que é a Lei 6/2003, de prezos, taxas e exacción reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, será de aplicación as tarifas X-1, entrada e estadía de barcos, e a X-2, atracada, non obstante as embarcacións que aboen a tarifa X-4 estarán exentas do aboamento das tarifas X-1 e X-2 se cumpre os supostos da citada lei. Tamén será de aplicación a tarifa E-3, fornecementos, se se consume auga e/ou electricidade.

No caso de embarcacións que presten servizo á acuicultura que estean adheridas a convenios anuais para a liquidación da taxa X-1 e X-2 a través de asociacións profesionais do sector, as liquidacións practicaranse con base no citado convenio, debendo indicar no modelo normalizado a que asociación están adheridas.

A ocupación de prazas en seco devindicará a taxa E-2 por ocupación de superficie.

Décimo quinta. Contido da autorización de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco

As autorizacións de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións de 3ª, 4ª e 5ª lista, outorgaranse segundo o modelo de autorización incluído no anexo III, no cal se reflicten as condicións xerais que rexesen a autorización, podéndose incorporar ademais as condicións particulares que en función da actividade se consideren necesarias.

Décimo sexta. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétima. Extinción das autorizacións de ocupación de dominio público

1. As autorizacións extínguense polos seguintes motivos:

i. O remate do prazo de outorgamento.

ii. A revisión de oficio nos supostos establecidos na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

iii. A renuncia da persoa titular.

iv. O mutuo acordo.

v. A disolución ou extinción da sociedade titular da autorización, agás nos supostos de fusión ou escisión.

vi. A revogación.

vii. A caducidade.

2. Revogación da autorización.

As autorizacións de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco outorgaranse a título de precario, poderán ser revogadas por Portos de Galicia en calquera momento e sen dereito a indemnización cando resulten incompatibles con obras ou plans que, aprobados con posterioridade, entorpecen a explotación portuaria ou impiden a utilización do espazo portuario para actividades de maior interese portuario.

3. Caducidade da autorización.

Serán causas de caducidade da autorización as seguintes.

i. O incumprimento dunha orde de desaloxo cambio de praza ou calquera outra indicación ditada por Portos de Galicia supón a caducidade inmediata da presente autorización de atracada.

ii. A falla continuada de utilización da praza por período superior a tres (3) meses, sen causa xustificada, a xuízo de Portos de Galicia.

iii. O incumprimento das condicións da autorización que o seu incumprimento impliquen a caducidade do título.

iv. O non pagamento das taxas portuarias.

v. A perda das condicións mínimas exixidas para poder optar a unha praza para embarcacións de 3ª e 4ª lista en actividade.

vi. O incumprimento doutras condicións, cando así estea previsto nas cláusulas desta resolución ou no prego de condicións que integran a autorización incluídas no anexo III.

Para declarar a caducidade, seguirase o seguinte procedemento:

a) Constatada a existencia dalgún dos supostos referidos, pola Presidencia de Portos de Galicia incoarase o correspondente expediente de caducidade, podendo ser adoptado polo órgano competente para resolver as medidas de carácter provisional que estime convenientes, o que se poñerá en coñecemento do titular, que terá un prazo de 10 días hábiles para formular alegacións e acompañar os documentos e xustificacións que estime oportunos.

As medidas de carácter provisional poderán consistir na suspensión do uso, na prestación de garantías e en calquera outras que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer. Para lograr a efectividade de tales medidas, Portos de Galicia instará a autoridade gobernativa competente, cando sexa necesario, á colaboración da forza pública.

b) Formuladas as alegacións ou transcorrido o prazo para levalas a cabo, a unidade instrutora ditará proposta de resolución e finalmente corresponderá á Presidencia de Portos de Galicia ditar a resolución finalizadora do procedemento.

Décimo oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/regulados nesta disposición, poderá/n ser actualizado/s, co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Autorización de utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista
(código de procedemento IF503A)

Embarcación:

Identificación:

Porto:

Período de atracada:

Lugar atracada/fondeo/depósito en seco:

(Titular)... con NIF... (número de NIF) actuando en nome e representación propia/da mercantil/da entidade ... (mercantil/organismo), con NIF ... (número de NIF), domicilio postal en ... (domicilio postal) e enderezo electrónico ... (correo electrónico), presentou en Portos de Galicia unha solicitude de autorización para a ocupación arriba descrita o ..., con rexistro de entrada ... (RX).

Consideracións legais e técnicas:

Á vista que a solicitude presentada para atracar unha embarcación profesional pesqueira/acuícola/outra nun porto dependente de Portos de Galicia, conforme co disposto no artigo 58 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, trátase dunha autorización de utilización das instalacións portuarias de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco.

A dita autorización rexerase pola Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, polo Regulamento de explotación e policía e polas ordenanzas portuarias.

De acordo con todo o indicado e, en virtude das atribucións conferidas ao director xeral de Portos de Galicia, por delegación de competencias da Presidencia resolta con data do 15.5.2019, publicada no DOG número 102, do 31 de maio de 2019, con base no disposto no artigo 12.3.k) e l) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, aplicable ás resolucións de autorizacións de utilización das instalacións portuarias de atracada para embarcación profesional pesqueira/acuicultura/outra en pantaláns de portos de Galicia, a Presidencia da Dirección Xeral de Portos de Galicia resolve:

Outorgar a ...(titular) a autorización para utilización das instalacións portuarias de atracada/fondeo/depósito en seco, baixo as condicións que figuran no anexo, dispoñendo o peticionario dun prazo de dez (10) días contados desde o seguinte ao da notificación desta resolución para alegar ou renunciar expresamente a presente autorización. Se, en tal prazo non fixese manifestación ningunha, entenderase conforme as condicións, entrando en vigor na data indicada no condicionado que se achega a presente resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, o interesado poderá optar por interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante este documento notificásela esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Prego de condicións xerais polas que se rexerán as autorizacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª no porto (porto)

A presente autorización réxese pola resolución que aproba o procedemento de autorización para utilización de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista (código de procedemento IF503A), polas condicións xerais establecidas na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, nas regras establecidas para as tarifas X1, X-2, X-4 e E-2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade autónoma de Galicia, polo Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos, e polas condicións xerais e particulares seguintes:

1. A embarcación autorizada, as súas dimensións, o período e o lugar de atracada son os seguintes:

• Embarcación:

• Identificación:

• Porto:

• Período de atracada/fondeo/depósito en seco:

• Punto de atracada/fondeo/depósito en seco:

2. A dita autorización outórgase a título de precario, deixando a salvo o dereito de propiedade, sen prexuízo de terceiros, e sen cesión do dominio público nin das facultades dominicais da Comunidade Autónoma. Esta autorización outórgase a título de precario e non pode inscribirse no Rexistro da Propiedade.

3. Esta autorización outórgase entre as datas indicadas na condición 1ª, ambas inclusive, e considerarase extinguida ao vencemento do dito prazo, estando obrigado o titular da autorización a desaloxar o dominio público ocupado.

4. A autorización outórgase con carácter persoal e intransferible inter vivos para un só titular que coincidirá co armador da embarcación con maior porcentaxe de propiedade, e para unha embarcación concreta.

5. Finalizado o prazo da autorización, esta quedará extinguida, sendo necesario, para poder continuar na praza, a tramitación dunha nova autorización, empregando o procedemento IF503A, achegando o modelo de solicitude e a documentación indicada nel. No suposto de que o titular non desexe continuar coa ocupación deberá manifestar por escrito con anterioridade dun mes á finalización da vixencia da autorización a data de desaloxo, e devindicará as taxas que correspondan ata que se confirme o dito desaloxo.

6. En caso de que o titular adquirise unha nova embarcación de medidas que non excedan as da praza que ten adxudicada, admitirase o cambio de embarcación, sempre que se adapte ás dimensións previstas para a clase de praza de que se trate. Para formalizar a substitución, deberá solicitalo a Portos de Galicia empregando o procedemento IF503A, indicando no formulario que se trata dun cambio de embarcación con mantemento da mesma praza. A falta de comunicación ou a omisión ou o falseamento de datos será causa de caducidade da autorización e de incoación de procedemento administrativo sancionador. Portos de Galicia autorizará o cambio de embarcación, se cumpren os requisitos indicados no procedemento.

Se o titular adquirise unha nova embarcación de medidas que excedan as da praza que ten adxudicada, deberá solicitar unha nova praza empregando o mesmo procedemento IF503A, indicando no formulario que se trata dun cambio de embarcación sen mantemento da praza. Portos de Galicia procederá a resolver a solicitude con base nas características da embarcación e na dispoñibilidade de prazas.

No caso de que o titular da autorización non solicitase o cambio de embarcación e ocupase a praza cunha distinta da autorizada previamente ou incumprise algunha condición do presente título, Portos de Galicia caducará de inmediato esta autorización, quedando o titular sen dereito a indemnización ningunha.

7. O titular deberá aboar as tarifas portuarias aplicables recollidas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. O aboamento da tarifa portuaria X-4, pesca fresca en portos dependentes de Portos de Galicia, eximirá o titular da autorización do pagamento das tarifas X-1, entrada e estadía de barcos, e X-2, atracada. Cando o obxecto da tarifa sexa mexillón procedente de bateas, pagará a tarifa correspondente, aínda que Portos de Galicia poderá establecer concertos anuais cos propietarios para o seu pagamento. Para o depósito en seco aboarase a taxa E-2.

Se existise fornecemento de auga ou electricidade a través de tomas, o titular deberá aboar a tarifa portuaria vixente en cada momento de aplicación ao fornecemento. Na actualidade é a tarifa E-3, fornecementos, recollida na mencionada Lei 6/2003, que se liquidará trimestralmente. Se na instalación están á disposición tomas automatizadas, a presente autorización habilitaría o usuario a dispor do acceso mediante o aplicativo correspondente.

Portos de Galicia poderá exixir a domiciliación bancaria, en caso de consideralo conveniente para a xestión recadadora das taxas tributarias devindicadas ao seu favor pola utilización das instalacións portuarias.

A falsidade dalgún dos datos que o interesado facilite a Portos de Galicia na solicitude da autorización de atracada ou fondeo, especialmente no que se refire a medidas da embarcación e potencia do motor, será causa de caducidade da autorización.

8. Se por necesidades do servizo fose preciso deixar libre a zona ocupada, o ocupante deberá desaloxar a embarcación no prazo que se lle indique na resolución de desaloxo. Transcorrido o dito prazo sen realizar a operación de desatracada será de aplicación a regra décimo primeira da tarifa X-2, que dispón que a tarifa que se vai aplicar será por cada unha das dúas primeiras horas ou fracción o importe da tarifa xeral de vinte e catro horas, e por cada unha das horas restantes cinco veces o importe da tarifa xeral. Para embarcacións en seco será o quíntuplo da que con carácter xeral lle corresponda.

9. O atraso en cumprir calquera orde das autoridades competentes, relativa a atracadas, desatracadas, cambios de praza ou saída do porto, dará lugar, así mesmo, á aplicación da regra décimo primeira da tarifa X-2. Para embarcacións depositadas en seco, será de aplicación a regra novena da tarifa E-2.

10. O incumprimento dunha orde de desatracada, cambio de praza ou calquera outra indicación ditada por Portos de Galicia suporá, ademais do disposto nas condicións anteriores, a caducidade inmediata da presente autorización.

11. A falla continuada de utilización da atracada por período superior a tres (3) meses, sen causa xustificada, a xuízo de Portos de Galicia será causa de caducidade da presente autorización.

12. De conformidade cos principios de obxectividade e proporcionalidade e, en calquera caso, sempre que veña imposto por obras ou plans aprobados con posterioridade, por razóns de explotación ou planificación portuaria ou pola normativa de aplicación, Portos de Galicia poderá modificar as condicións da autorización. Neste caso, os interesados poderán renunciar a esta, sen dereito a indemnización, e procedendo unicamente, se é o caso, o dereito á devolución das contías correspondentes ás taxas portuarias aboadas por adiantado polo período de tempo non gozado.

13. Portos de Galicia poderá modificar ou cambiar a praza asinada, sempre que sexa por motivos de seguridade ou forza maior ou relativos á explotación e á planificación do porto. O incumprimento de ordes de desatracada, cambio de praza ou calquera outra indicación similar emitida por Portos de Galicia, será causa de caducidade da autorización, sen prexuízo da aplicación das medidas correctoras, coercitivas e executivas previstas na normativa de aplicación, na actualidade a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

14. A autorización habilita exclusivamente a atracada/fondeo/depósito en seco da embarcación na praza asignada. O titular non poderá realizar modificacións nas instalacións nin instalar dispositivos ou elementos nesta sen contar coa autorización previa e expresa de Portos de Galicia. O incumprimento desta condición será causa de caducidade desta autorización.

15. O titular queda obrigado a conservar as instalacións das cales faga uso onde dispón da autorización en perfecto estado de utilización, limpeza, hixiene e ornato. Queda prohibido, agás autorización expresa, o depósito de materiais de calquera tipo na superficie do pantalán, así como a vertedura de calquera produto no medio mariño.

16. O titular adoptará as máximas medidas de seguridade para evitar calquera tipo de polución ou contaminación na zona portuaria e nos seus arredores, quedando expresamente prohibido a vertedura de residuos ao mar e debendo cumprir as disposicións legais vixentes nestas materias.

17. Os propietarios ou usuarios das embarcacións serán os responsables dos danos ou avarías que se ocasionen nas instalacións portuarias, elementos de fornecemento, na súa embarcación ou nas de terceiros como consecuencia de usos indebidos das instalacións, anomalías nas embarcacións ou malas manobras destas.

18. De existir control de accesos nas instalacións, o titular recibirá una tarxeta de acceso ao inicio da autorización, que deberá ser devolta a Portos de Galicia en caso de renuncia á praza. Poderá solicitar a Portos de Galicia unha soa tarxeta máis. O usuario deberá aboar o custo de todas as tarxetas, na forma que se determine.

Non obstante, o sistema de acceso poderá ser substituído por Portos de Galicia por un sistema de acceso remoto achegando o titular nese caso as credenciais oportunas.

En relación con esta autorización de atracada/fondeo/deposito en seco, as comunicacións deben remitirse obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento IF503A).

En caso de que se produza unha resolución administrativa ou se promulgue algunha disposición legal que orixine un cambio de condicións desta autorización, procederase de inmediato a adoptar as novas condicións, podendo o interesado, neste caso, renunciar á praza autorizada, sen dereito a indemnización ningunha, procedendo unicamente, de ser o caso, á devolución das contías polas tarifas portuarias aboadas por adiantado.

Transcorrido un prazo de dez (10) días contados desde o seguinte ao da recepción da presente, e de non facer manifestación expresa en contrario, entenderase que o titular da autorización está conforme coas condicións e esta será de aplicación a todos os efectos.

Os datos de carácter persoal obtidos con motivo deste procedemento administrativo van ser incorporados e tratados nun ficheiro de datos debidamente autorizado para o exercicio das funcións que como Administración pública legalmente lle corresponden á entidade pública empresarial Portos de Galicia, entidade responsable do ficheiro Programa Facturación Espigón. O seu domicilio é praza de Europa, portal 5A, 6º B, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela. A cesión destes datos farase de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e co Regulamento europeo xeral de protección de datos 2016/679/UE, do 27 de abril, para os fins relacionados coa xestión e explotación portuaria atribuídas a esta entidade pública polas leis 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. O acceso aos ficheiros por terceiros realizarase para a prestación de servizos de tratamento e técnicos ao responsable destes. O exercicio ante o responsable do ficheiro dos seus dereitos a solicitar o acceso aos datos persoais relativos ao interesado, a solicitar a súa rectificación ou supresión, a solicitar a súa limitación no seu tratamento, a opoñerse ao tratamento, a portabilidade dos datos e a acudir á Axencia Española de Protección de Datos en defensa dos seus dereitos, realizarase nos termos establecidos legalmente, considerando as peculiaridades que se derivan do carácter público dos ficheiros deste organismo, podendo exercelo perante o enderezo de Portos de Galicia sito en praza de Europa, portal 5A, 6º B, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña. Se precisa unha información máis detallada sobre os seus dereitos, orientación legal e xurídica respecto de como exercer estes dereitos, formular reclamacións e ante que instancias, pódese pór en contacto co departamento xurídico no correo
portos@portosdegalicia.com ou no teléfono 881 95 00 95 de Portos de Galicia. En todo caso, facilítanselle indicacións de autoridades de protección de datos ás que poden acudir: Axencia Española de Protección de Datos: www.agpd.es, Supervisor Europeo de Protección de Datos: https://edps.europa.eu/. Pode obter máis información no enlace da páxina web de Portos de Galicia: http://www.portosdegalicia.gal/gl/web/portos-de-galicia/informacion-regulamento-europeo-xeral-de-proteccion-de-datos

Condicións particulares.

Incluír as particulares que procedan.