Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 6 de abril de 2022 Páx. 22024

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR803D).

BDNS (Identif.): 618699.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente o mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803D):

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.

– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.

– As organizacións sindicais.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerará agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D).

Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR803D).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 5.400.000,00 euros, de acordo coa seguinte distribución:

Proxectos no exterior de ONGD polo importe total de 4.700.000 euros, conforme a seguinte distribución con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 (1.880.000,00 euros no ano 2022 e 2.820.000,00 euros no ano 2023).

Proxectos no exterior dos outros axentes polo importe total de 700.000,00 euros conforme a seguinte distribución con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 (280.000,00 euros no ano 2022 e 420.000,00 euros no ano 2023).

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto. En ningún caso superará a subvención concedida os 175.000,00 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2022, a subvención máxima concedida será de 60.000,00 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 225.000,00 euros. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2022 a subvención máxima concedida será de 100.000,00 euros.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2022 e o 60 % no 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Xustiza e Turismo