Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 6 de abril de 2022 Páx. 22027

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a participación dos seus grupos folclóricos nos actos do VI Día da Galicia Exterior (código de procedemento PR938B).

O Estatuto de autonomía de Galicia salienta a importancia que a diáspora supuxo para o pobo galego, establece que as comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poden solicitar o recoñecemento da súa galeguidade e remite a súa regulación a unha lei do Parlamento. A esta finalidade responde a Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, que a define como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 22 do Decreto 109/2021, do 15 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, á Secretaría Xeral da Emigración correspóndenlle, como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito da emigración e do retorno, as competencias recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e, en particular, as relacións e apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 109/2021, do 15 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Coincidindo coa celebración en Santiago de Compostela dos anos santos xubilares, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén convocando as entidades galegas do exterior para participar nunha manifestación en que se materialice a súa realidade e importancia. Esta manifestación, que acadará no ano 2022 a súa sexta edición, converteuse xa nunha convocatoria tradicional na cal as persoas galegas que viven fóra de Galicia conviven e amosan o seu traballo en defensa das tradicións e da cultura que as vencella con Galicia.

A través desta resolución establécense as bases reguladoras e convócanse, para o exercicio 2022, subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior coa finalidade de que os seus grupos folclóricos participen nos actos do VI Día da Galicia Exterior e impulsar así a asistencia das persoas galegas residentes no exterior a actividades sociais e culturais e, deste xeito, fortalecer os seus lazos coa Galicia territorial.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 109/2021, do 15 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades galegas no exterior para favorecer a participación dos seus grupos de folclore tradicional galego nos actos do VI Día da Galicia Exterior, que se prevé celebrar na primeira quincena do mes de xullo de 2022 en Galicia, con motivo do Ano Santo Xacobeo (código de procedemento PR938B).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2022.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas establecidas para este programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade, de acordo co establecido na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, que conten con un ou máis grupos de canto, música e/ou danza tradicionais.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas institucións e asociacións sen fins de lucro, radicadas fóra de Galicia, legalmente constituídas e que contribúan a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego a través de grupos de canto, música e danza tradicionais con actividade continuada, como mínimo, nos cinco anos anteriores a esta convocatoria.

Entenderase que a entidade solicitante cumpre o requisito indicado no parágrafo anterior se acredita documentalmente a realización de escolas de canto, música ou danza tradicionais galegas ou de actuacións artísticas fóra do propio centro; a edición de discos, DVD ou similares, ou a realización doutras accións de difusión ou preservación do patrimonio cultural galego no exterior.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables ao abeiro desta convocatoria aqueles en que incorra a entidade con motivo do desprazamento do grupo con que participe nos actos do VI Día da Galicia Exterior desde o seu lugar de orixe ata Galicia e os de regreso, incluídos, de ser o caso, os de saída do país.

Entenderase por grupo, para os efectos desta convocatoria, o constituído polas seguintes persoas: as que forman parte do grupo folclórico, a persoa que as dirixe e/ou as delegadas da entidade responsables do grupo. O número de delegados e delegadas da entidade responsables do grupo virá dado en función do número de participantes: unha persoa por cada 15 ou fracción, se máis do 50 % son maiores de idade, ou unha por cada 10 ou fracción, se o 50 % ou máis son menores de idade. As persoas menores de idade integrantes do grupo deberán ter, en todo caso, feitos os 15 anos.

O grupo debe contar cun mínimo de 10 participantes, un/unha director/a ou monitor/a e unha persoa delegada da entidade responsable do grupo.

2. A Secretaría Xeral da Emigración recibirá aos grupos á súa chegada a Galicia e farase cargo do custo dos desprazamentos aos lugares de aloxamento e de celebración dos actos e dos gastos de estadía e manutención, do propio día e dos dous días anteriores. Así mesmo, ao día seguinte ao da celebración, facilitará os traslados ata os puntos de embarque para o regreso.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. Ás subvencións previstas no artigo 3.1 destinarase un crédito total de 350.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0 –axudas a entidades no ámbito das migracións– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022.

Pola súa parte, as axudas previstas no artigo 3.2 teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto.

Excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das anteriores circunstancias e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. O crédito previsto distribuirase por grupos de países do seguinte xeito: a) España e Portugal: 40.000 €; b) Resto de Europa, 40.000 € e c) América, África, Asia e Oceanía, 270.000 €.

3. Á vista das solicitudes presentadas, de existir remanente nalgún dos grupos de países logo de feita a proposta de concesión, o crédito poderá ser redistribuído entre os outros grupos en función das necesidades.

4. A contía da subvención será de ata o 80 % do custo total previsto, sen que poidan superarse os 29.500 € por entidade nin as seguintes contías por persoa:

a) España peninsular e Portugal: 150 € por persoa participante.

b) Resto de Europa, África, Asia, Illas Canarias e Baleares: 250 € por persoa participante.

c) América e Oceanía: 1.000 € por persoa participante.

As entidades poderán solicitar axuda para a participación dun máximo de 30 persoas nos actos do VI Día da Galicia Exterior, incluído o/a director/a ou monitor/a e as persoas delegadas que correspondan. Poderase superar ese número máximo cando se trate de grupos con actividade e composición estable nos últimos cinco anos, entendendo por composición estable aquela que non sufrise variación á baixa en máis do 30 % dos membros.

5. Concederanse subvencións ás entidades solicitantes por orde descendente da puntuación acadada logo de aplicar os criterios de valoración previstos e os criterios de distribución territorial, ata esgotar o crédito autorizado nesta convocatoria.

6. Correrán a cargo das entidades beneficiarias os trámites e xestións para a obtención de visados, billetes, contratación de medios de transporte, traslado de material, instrumentos ou calquera outro necesario para a viaxe a Galicia. A Secretaría Xeral da Emigración non estará obrigada a realizar xestións ou asumir custos distintos dos recollidos nesta convocatoria.

Artigo 5. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar o custo da acción que levara a cabo a entidade beneficiaria, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta en Buenos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.

2. Os importes que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán presentar, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Copia do documento de identificación fiscal da entidade (CUIT, RIF, catastro...), para aquelas entidades con sede fóra de España que non consten inscritas no Rexistro da Galeguidade.

b) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante, para aquelas que non consten inscritas no Rexistro da Galeguidade.

c) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras en que se detalle o custo do desprazamento do grupo, detallado por partidas de gasto. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro aplicaráselles o cambio de compra vixente o día da publicación da convocatoria.

d) Memoria explicativa que recolla os seguintes aspectos (anexo II):

1º. Accións de formación e/ou difusión do folclore galego que realice a entidade de forma continuada.

2º. Outras accións salientables de difusión ou preservación da cultura galega realizadas pola entidade de forma continuada.

3º. Denominación do grupo folclórico e ano de creación.

4º. Actuacións en festivais, mostras, concertos, televisión ou similares realizadas polo grupo nos últimos cinco anos, como mínimo.

5º. Premios, distincións ou mencións de institucións, entidades ou medios especializados recibidos polo grupo.

e) Información completa sobre a identidade, currículo e experiencia do/da director/a, ou monitor/a do grupo.

f) Relación nominal de persoas que compoñen o grupo, en que conste o seu nome e apelidos, o documento de identificación (NIF ou pasaporte), a data de caducidade do documento de identificación, a data de nacemento, a relación con Galicia, e un correo electrónico de contacto (anexo III).

Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade recollidos no artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, poderanse recoller experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes, as cales poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas, tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para publicar estas imaxes.

Así mesmo, as persoas que compoñen o grupo poden autorizar que se lles remita información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

g) Unha gravación en vídeo dixital (USB, CD, VCD, DVD...) das pezas coas que o grupo folclórico da entidade participará nos actos do VI Día da Galicia Exterior, que non excedan os sete (7) minutos.

h) Acreditación do/dos compromiso/s da/das actuación/s musical/musicais complementaria/s aos actos do VI Día da Galicia Exterior.

i) Certificación acreditativa da actividade e composición estable durante os últimos cinco anos no suposto de grupos folclóricos que superen o número máximo establecido no artigo 4.4.

Así mesmo, as entidades interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

4. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen ao abeiro do artigo 6.1, presentarán a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial de acordo coa excepcionalidade prevista no artigo 6.1 da convocatoria, deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

– Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

– NIF da entidade solicitante (cando non estea inscrita no Rexistro da Galeguidade).

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución

1. O procedemento para tramitar e conceder as subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Relacións coas comunidades galegas, que realizará as correspondentes propostas de resolución.

3. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas requirirá a entidade solicitante a través de medios electrónicos e da páxina web http://emigracion.xunta.gal para que, no prazo de dez días, corrixa ou complete a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

A eficacia dos citados requirimentos producirase a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe indicarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación dos requirimentos na páxina web indicada e non desde a súa comunicación.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e, de ser o caso, feitas as emendas, as que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 11.

7. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

8. A proposta de concesión de subvención realizarase conforme o informe emitido pola comisión de valoración prevista no artigo 11 e recollerá a orde de puntuación e o importe da axuda que corresponda a cada solicitude ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

A comisión de baremación poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de especialistas para a avaliación da calidade dos grupos no obxecto da súa especialidade. A designación dos/das especialistas basearase na súa capacidade profesional e corresponderá á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados no artigo 12 desta resolución e tendo en conta o previsto no artigo 4.

4. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas de acordo cos criterios establecidos nesta convocatoria, co fin de obter o maior grao de representatividade territorial e pluralidade posible da colectividade galega asentada no exterior, ordenaranse dentro das áreas que se sinalan por países, ou comunidades autónomas no caso de España, en función da puntuación obtida, de maior a menor: Área 1: América e Oceanía; Área 2: Europa, África, Asia, Illas Canarias e Baleares; e Área 3: España peninsular e Portugal.

5. O órgano colexiado elaborará un informe en que figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter a axuda por cada unha das áreas mencionadas, recollendo en primeiro lugar a primeira solicitude con máis puntuación dentro de cada país, ou comunidade autónoma no caso de España, e especificando o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

Se esta primeira selección superase o crédito inicialmente previsto para a área correspondente, proporanse aquelas solicitudes con maior puntuación que se poidan cubrir co dito crédito.

No caso de que logo de facer esta primeira selección, non se esgota o crédito previsto inicialmente para a citada área, seleccionaranse as restantes solicitudes segundo a orde de puntuación, sen ter en conta o país ao que correspondan.

No suposto de que, logo de efectuar a selección por áreas de acordo co previsto nos parágrafos anteriores para cada unha delas, exista remanente de crédito suficiente no conxunto das áreas, poderá propoñerse a concesión de subvencións para outras solicitudes. Neste caso a selección virá dada polas seguintes normas:

a) Escolleranse só aquelas solicitudes que se poidan atender co crédito dispoñible, sen que se fraccione o grupo para o que fosen presentadas.

b) Dentro destas solicitudes elixiranse por orde de puntuación.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e as avaliará cun máximo de 100 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Actividades de formación e/ou difusión do folclore galego e de difusión ou preservación do patrimonio cultural galego que realiza a entidade de forma continuada: valoraranse as accións executadas nos últimos cinco anos. Por cada acción 2 puntos, ata un máximo de 10 puntos.

b) Grupo co que pretende participar no VI Día da Galicia Exterior: ata un máximo de 75 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

1º. Estrutura do grupo:

Danza, música ou canto: 1 punto. Danza e música, danza e canto ou música e canto: 4 puntos. Danza, música e canto: 8 puntos.

2º. Actuacións en festivais, mostras, concertos ou similares e premios ou distincións recibidos: 1 punto por cada un, ata un máximo de 7 puntos.

3º. Calidade artística das pezas achegadas na gravación en vídeo dixital, ata un máximo de 60 puntos coa seguinte desagregación:

3.1. Autenticidade da peza en relación co repertorio tradicional galego: composición, estrutura e interpretación, ata 15 puntos.

3.2. Dificultade técnica: complexidade harmónica, rítmica e melódica, ata 15 puntos.

3.3. Disciplina escénica e execución: funcionalidade, estruturación, montaxe práctica e sinerxías entre música, baile e/ou canto, de ser o caso, ata 15 puntos.

3.4. Adaptación da vestimenta á tipoloxía e zona de orixe da/das peza/s proposta/s, ata 15 puntos.

c) Compromiso de organizar e levar a cabo por conta da entidade, cando menos, unha actuación musical fóra de Santiago de Compostela como complemento aos actos do VI Día da Galicia Exterior: 10 puntos.

d) Emprego da lingua galega na realización das accións de difusión e preservación do folclore galego: 5 puntos.

2. As solicitudes que non acaden unha puntuación mínima de 50 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos no número anterior, non serán obxecto de subvención.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Así mesmo, publicaranse na páxina web http://emigracion.xunta.gal

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión, deberá constar a declaración de que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. No caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, excepcionalmente, de acordo co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria, poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de tres meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Como excepción, as entidades domiciliadas fóra do territorio español, ademais de realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá, poderán, opcionalmente, realizalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas e a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para realizar as accións, a modificación do seu contido, de concorrer circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención, que se resolverá a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Xustificación

1. Os gastos subvencionados a través da presente convocatoria deberán estar efectivamente realizados e xustificados antes do 16 de setembro de 2022.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non exceda da metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiras persoas, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das accións subvencionadas establecidas no artigo 3.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días.

Non presentar a xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O réxime de xustificación é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe unitario das subvencións inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos anticipados segundo o disposto no artigo 18, as entidades beneficiarias de subvención deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo previsto no número 1, a seguinte documentación xustificativa:

a) Certificado do/da representante legal da entidade onde conste o número de persoas que efectivamente se desprazaron a Galicia para participar nos actos do VI Día da Galicia Exterior.

b) Unha memoria da actividade realizada, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

c) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (anexo IV).

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en relación co artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €, ben en documento independente, en que conste o importe recibido, a referencia da factura a que corresponde, a data na que se efectúa o pagamento e a sinatura do provedor, ben mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que conste «recibo en efectivo» ou expresión equivalente.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto e de pagamento seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao chou do 1 ao 20, que determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos del.

Artigo 18. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas poderán percibir, logo de solicitude e acreditación da reserva dos billetes no servizo de transporte elixido para o seu desprazamento a Galicia, un pagamento anticipado de ata o 80 % da axuda concedida cando o seu importe non supere os 18.000 euros e un 10 % adicional sobre o importe que exceda esta contía.

2. O importe restante librarase unha vez xustificada a axuda nos termos establecidos nesta resolución.

3. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais, especificamente:

1. Asistir a todos os actos de celebración do VI Día da Galicia Exterior e participar co/cos seu/s grupo/s folclórico/s naqueles que lle indique a Secretaría Xeral da Emigración.

2. Cumprir as normas ditadas pola Secretaría Xeral da Emigración durante os días que dure o programa para facilitar a estadía e para o normal desenvolvemento dos actos.

3. Remitir á Secretaría Xeral da Emigración antes do 1 de xuño de 2022 o detalle do seu desprazamento a Galicia indicando a data, hora e lugar de chegada e partida.

4. Recoller por escrito o consentimento de todas as persoas que participen por parte da entidade no VI Día da Galicia Exterior, para que lles poidan ser tomadas imaxes durante todos os actos relacionados coa dita celebración e indicar expresamente na solicitude que contan con el.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

6. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

8. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando a actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude ou poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, logo de resolución da Secretaría Xeral, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas previstas nos números 1, 2 e 3 do artigo 19 dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

No resto dos supostos procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento.

Respecto das axudas en especie previstas para establecer a contía do reintegro, considerarase como cantidade recibida o importe equivalente ao prezo da contratación da prestación dos servizos que comprenden: transporte, aloxamento e manutención.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se teña que minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobro ou, no seu caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución de convocatoria seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Control e comprobación

1. A Secretaria Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa que a desenvolva.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file