Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 5 de abril de 2022 Páx. 21732

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de abril de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal do distrito sanitario de Ourense a partir do 6 de abril de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A xunta de persoal da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras comunicou a convocatoria dunha folga dirixida a todo o persoal do distrito sanitario de Ourense, que se desenvolverá os días 6, 20 e 27 de abril de 2022 entre as 10.00 e as 12.00 horas da mañá e entre as 17.00 e as 19.00 horas da tarde.

Polo que a determinación dos servizos esenciais que deban manterse durante esta folga ten que valorar, en primeiro termo, eses aspectos, pois atinxe á prestación asistencial que se dispensa, nas dúas quendas de traballo coincidentes co desenvolvemento da folga, durante varios días e en todos os centros sanitarios públicos existentes no distrito, afectando, asemade, todo o persoal que presta servizos neles baixo a dependencia da estrutura organizativa da área sanitaria.

Ademais, cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a folga, nun escenario de crise sanitaria que ten motivado, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

Así, e malia a positiva evolución da situación epidemiolóxica de Galicia, segue a existir unha importante circulación do virus e o conseguinte risco de transmisión, con incidencias aínda significativas nas persoas usuarias dos centros e establecementos recollidos nesta orde, nos cales debe, en calquera caso, preservarse a asistencia máis completa posible ás persoas doentes e afectadas, diagnosticadas ou susceptibles de selo, por patoloxías compatibles ou confirmadas de infección polo SARS-CoV-2.

De tal sorte que os criterios reitores e os servizos mínimos que se establezan deberán cohonestarse coa salvagarda das medidas emprendidas nos centros do Servizo Galego de Saúde e, en particular, no distrito sanitario de Ourense, nomeadamente naquelas áreas, servizos e unidades cuxa actividade garda unha maior relación coa situación sanitaria. Trátase de conciliar, en suma, o lexítimo exercicio do dereito de folga co elenco de actuacións que a Administración ten implantado, e continúan vixentes na actualidade, co fin de dispoñer dos recursos humanos necesarios para facer fronte ao incremento e á natureza da carga asistencial motivados pola pandemia.

Polo que a determinación dos servizos esenciais contidos nesta orde realízase atendendo ás devanditas circunstancias.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación que, baixo ningún concepto, pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado e, en especial, no actual contexto sanitario.

De acordo co anterior, debe garantirse a atención ás persoas usuarias que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións sanitarias afectadas pola folga:

a) Persoal facultativo do ámbito da atención hospitalaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención das persoas usuarias que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades, por non ser unha actividade programable e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (hospital de día).

As unidades de reanimación de coidados intensivos precisan manter a súa cobertura habitual, pois teñen que dar resposta aos quirófanos e ás posibles urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta axeitada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes.

No caso da diálise e os tratamentos oncolóxicos, a súa demora ou aprazamento poden carrexar un agravamento importante dos/das doentes. Neste senso, as descompensacións do equilibrio hidroelectrolítico por ausencia de tratamento renal substitutivo e a suspensión do tratamento antineoplásico teñen un papel fundamental no aumento de morbilidade dos/das pacientes.

3. Cobertura do 100 % da actividade inaprazable nas unidades de hospitalización por COVID e nas áreas de medicina preventiva, saúde laboral e microbioloxía.

Por mor da crise epidemiolóxica téñense reforzado, precisamente, as unidades e servizos máis directamente relacionados co ingreso de doentes e coa prevención, detección, manexo e tratamento tanto de pacientes como de profesionais con patoloxía suxestiva ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; unidades cuxa plena operatividade resulta arestora imprescindible ante a evolución da pandemia e en prol de preservar a saúde e mesmo a vida das persoas.

4. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

Nestes casos a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa no suposto de que se modificase a planificación realizada. A historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta más áxil posible.

5. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estadías innecesarias que poidan modificar ou complicar a dita evolución. A hospitalización é necesaria nos casos en que a situación clínica do/da paciente o determina, e a súa prolongación excesiva pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

6. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das doentes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático incluíndo os/as doentes desprazados/as.

Dada a importante variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

7. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables.

Ao igual que no caso anterior, á vista da grande variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de determinación ineludible o do persoal facultativo responsable da asistencia do/da enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica da persoa doente.

8. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

Dada a grande variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de dispensa ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia e a medicación da persoa enferma. As demoras na dispensa dos hemoderivados e os medicamentos poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

9. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios/as de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

No caso da hospitalización a domicilio, requírese garantir a prestación asistencial, ao igual que na hospitalización convencional. No que atinxe aos coidados paliativos, dado o limitado prognóstico vital e a complexidade da situación clínica dos/das pacientes tense que garantir o nivel de coidados necesario.

b) Persoal facultativo do ámbito da atención primaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

É imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, tendo en conta de que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e dado que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata. Polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde (non PAC) prestarase a asistencia urxente ou inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria (persoal médico, pediatra e odontólogo), polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo por categoría profesional.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos por categoría.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos por categoría.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos por categoría.

c) Persoal sanitario non facultativo da atención hospitalaria:

Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal facultativo, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen poder levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/das pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito das consultas, estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático incluíndo os/as desprazados/as.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás doentes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/das pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

d) Persoal sanitario non facultativo da atención primaria:

Respecto a este colectivo e como xa se indicou no caso do persoal sanitario da atención hospitalaria, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal facultativo, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen que poida levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

É, así mesmo, imprescindible cubrir o 100 % da actividade urxente, tendo en conta de que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e que, nestes casos, é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente e inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos.

3. Cobertura do 100 % da actividade de enfermaría dos equipos específicos de cribado e vacinación en actividades relacionadas coa pandemia do SARS-CoV-2.

Na actual situación de pandemia é preciso continuar cos cribados á poboación. Da mesma forma, a vacinación na poboación de máis idade e grupos de risco non pode ser demorada, xa que se trata dos colectivos máis vulnerables. Actualmente, atrasar tanto o cribado poboacional como a vacinación suporía un risco engadido para as persoas afectadas, comprometendo, así mesmo, a saúde pública.

e) Persoal de xestión e servizos da atención hospitalaria:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Na liña indicada para outros colectivos, os dispositivos de urxencias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida as 24 horas e todos os días do ano, sendo imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio ao propiamente sanitario.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nesta área é necesaria una prestación continuada do persoal non sanitario equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerándose que por debaixo desas presenzas non se garante a atención aos/ás doentes ingresados/as.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

A situación é variable debido ás diferentes organizacións e infraestruturas dos centros sanitarios, polo que, ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, é preciso manter os mínimos servizos de atención nesta área ás persoas usuarias.

4. Atención ao paciente: un número de efectivos que garanta a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

Ao igual que no caso anterior e debido á diferente casuística da organización e infraestrutura dos centros, perante una situación de folga e as incidencias que dela poidan derivar, cómpre establecer uns mínimos efectivos de atención nesta área, fundamental no apoio ás persoas usuarias e na resolución das problemáticas propias deste ámbito.

5. Servizos de mantemento (que preste o persoal do distrito sanitario): un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nestas áreas de traballo, das cales depende o funcionamento de todas as instalacións e equipamentos dos centros, é necesaria una prestación continuada equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerándose que, por debaixo desas presenzas, non se garante a actividade mínima que asegure o axeitado funcionamento das instalacións e equipos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría (que preste o persoal do distrito sanitario): un número equivalente ao dos domingos e festivos.

Neste ámbito é preciso garantir a dispoñibilidade de roupa de doentes e lenzaría para camas e padiolas, así como a dotación de roupa para o persoal que debe traballar en áreas críticas, urxencias e quirófanos; e tamén para resolver as cuestións puntuais que se precisen para una prestación axeitada dos servizos. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os que, de xeito habitual, prestan servizo nos festivos e domingos.

7. Limpeza (que preste o persoal do distrito sanitario):

7.1. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día, diálise e unidades de hospitalización por COVID: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

7.2. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización (non COVID): o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

7.3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

Por mor da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir, con carácter xeral, que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas pode incidir directamente tamén nas outras.

Pero é que, ademais, a excepcional situación xurdida por mor da pandemia orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19) require dunha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto respecto aos propios profesionais como ás persoas usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Así, e no que atinxe a esta área de actividade, por mor da situación sanitaria e consonte os protocolos establecidos para o efecto cómpre extremar, en prol de evitar o contaxio da enfermidade infecciosa por COVID-19 nas dependencias sanitarias, a limpeza e desinfección daqueles espazos máis directamente relacionados coa prevención, detección, manexo e tratamento de pacientes e de profesionais con patoloxía indiciaria ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; dependencias cuxa plena operatividade e seguridade resultan imprescindibles nas actuais circunstancias.

8. Hostalaría (que preste o persoal do distrito sanitario): un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, co máximo do 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Nesta área de traballo é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos dos/das doentes e do persoal de garda. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que, de xeito habitual, prestan servizo nos festivos e domingos, para manter unha actividade que garanta que non se rompan os stocks de alimentos preparados nas unidades, sen que sexa posible asumila sen romper a cadea de produción nos restantes días da semana. Por iso, neste caso, considérase necesario tomar como referencia o 60 % do persoal da quenda de traballo, imprescindible para garantir un mínimo funcionamento da cadea de elaboración, empratado, distribución e recollida de comidas e utensilios.

9. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos/ás pacientes e usuarios/as.

A situación é variable debido á diferente organización e estrutura física de cada centro, polo que, ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, cómpre manter unha mínima dotación para prestar atención e información ás persoas usuarias.

– Persoal: o número imprescindible para garantir a atención das incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata o 40 % dos efectivos da quenda.

Nunha xornada de folga, os servizos de recursos humanos deben asumir unha serie de tarefas específicas relacionadas con ela e coa propia xestión dos servizos mínimos, incluíndo a recompilación de información, resolución de incidencias etcétera, que fan que nesa xornada sexa preciso manter una dotación mínima que permita realizar todas esas xestións, ademais daqueloutras tarefas que non admitan demora por estaren suxeitas a prazos fixados normativamente.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Neste ámbito de traballo cómpre garantir a dispoñibilidade de todo tipo de material, sanitario e non sanitario, para a correcta atención das persoas ingresadas e das atendidas no servizo de urxencias. Para iso é preciso manter efectivos nas unidades administrativas encargadas da tramitación e xestión dos pedidos de material.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Nesta área de actividade, ao igual que no caso anterior, é preciso unha dotación de efectivos nos almacéns encargados da xestión dos pedidos de material que inclúe a súa preparación e envío ás unidades de subministracións.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes co máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

É necesario garantir a tramitación e xestións de carácter urxente que poidan ser requiridas respecto ás tarefas administrativas de contabilidade.

f) Persoal de xestión e servizos da atención primaria:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Como se indicou anteriormente, os dispositivos de urxencias extrahospitalarias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida durante as 24 horas e todos os días do ano, sendo imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio ao persoal sanitario dos devanditos dispositivos.

2. Centros e ambulatorios de atención primaria:

– En centros con catro ou menos efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo.

– En centros con cinco ou máis efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo por centro e, en caso de teren varios andares, un máis por andar.

Un efectivo resulta o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás tarefas de xestión, información ás persoas usuarias e de apoio aos profesionais sanitarios para a realización do seu traballo. No caso dos centros de atención primaria de maior tamaño, distribuídos en varios andares, faise preciso un efectivo por andar co fin de garantir o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás devanditas tarefas de xestión, información e apoio.

3. Cobertura do 100 % da actividade dos equipos específicos de contacto para o cribado e vacinación en actividades relacionadas coa pandemia do SARS-CoV-2.

Na actual situación de pandemia é preciso continuar cos cribados á poboación. Da mesma forma, a vacinación na poboación de máis idade e dos grupos de risco non pode ser demorada, xa que se trata dos colectivos máis vulnerables. Actualmente, atrasar tanto o cribado poboacional como a vacinación suporía un risco engadido para as persoas afectadas, comprometendo, así mesmo, a saúde pública.

g) Persoal das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC): na quenda da mañá, 1 efectivo de presenza física; na quenda da tarde, 1 efectivo localizado. Estes efectivos resultan imprescindibles para atender as incidencias urxentes ou de carácter inaprazable nas áreas de actividade da súa competencia.

h) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nas restantes áreas de actividade nas que sexa necesaria unha prestación continuada dos servizos para o seu correcto funcionamento, e que nese senso xa dispoñen de persoal os domingos e festivos, os mínimos necesarios son os que traballan de xeito habitual neses días, considerándose que, por debaixo das citadas presenzas, non se garante a prestación do servizo esencial que asegure o axeitado funcionamento das institucións sanitarias.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios dos centros con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección da área e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro traballador ou traballadora que, voluntariamente, acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria do distrito sanitario de Ourense.

Servizos mínimos

Mañá
(10.00-12.00 h)

Tarde
(17.00-19.00 h)

Persoal facultativo*

Urxencias

8

7

Área cirúrxica

32

8+8

Área clínica/hospitalización

56

10+2

SS.CC.

53

13+4

Matrona

2

2

Fisioterapeuta

2

-

Persoal enfermeiro

Urxencias

12

13

Área cirúrxica

20

13

Área clínica/hospitalización

80

72

SS.CC.

34

16

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

133

106

Técnico/a especialista

20

16

Técnico/a dietética

1

2

Celador/a

61

48

Persoal administrativo

Admisión e apoio asistencial

27

6

Persoal administrativo

Persoal, secretaría e atención ao paciente

3

-

Telefonista

2

2

Hostalaría

Cociñeiro/a

4

4

Pinche

35

28

Condutor/a

1

-

Lenzaría, limpeza, servizos

4

-

Perruqueiro/a

1

-

Información e recepción

3

3

Informática

2

2

* En persoal facultativo-tarde inclúense como sumandos gardas de presenza física e localizadas.

– Servizos sanitarios de atención primaria do distrito sanitario de Ourense.

Servizos mínimos

Mañá
(10.00-12.00 h)

Tarde
(17.00-19.00 h)

Médico/a de familia

83

11

Pediatra

13

3

Persoal de enfermaría

86

27

Outro persoal sanitario

12

-

Persoal de xestión e servizos: citación

58

7

Persoal de xestión e servizos: servizos administrativos e mantemento

12

-

Celador/a de PAC

-

11