Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 4 de abril de 2022 Páx. 21301

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 42/2022, do 17 de marzo, polo que se deixa sen efecto a declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402. Treito: Reza (puntos quilométricos 1+090-3+780), de clave OU/19/135.06.1, no concello de Ourense.

Con data do 16 de febreiro de 2021, o director da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402. Treito: Reza (puntos quilométricos 1+090-3+780), de clave OU/19/135.06.1.

Esta aprobación serviu de base para que o Consello da Xunta de Galicia no seu Decreto 43/2021, do 4 de marzo (DOG núm. 50, do 15 de marzo), acordase a declaración de utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados.

Con data do 3 de marzo de 2022, ante un cambio da normativa, novas necesidades e a viabilidade de redactar un novo proxecto que minimice a afección ás propiedades lindeiras, o director da Axencia Galega de Infraestruturas deixou sen efecto a Resolución do 16 de febreiro de 2021 de aprobación do proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402. Treito: Reza (puntos quilométricos 1+090-3+780), de clave OU/19/135.06.1

De acordo co artigo 22.5 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos está sustentada na aprobación definitiva do proxecto.

En virtude de todo o exposto, estando prevista a redacción dun novo proxecto con menor afección, e en aplicación do artigo 109.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Deixar sen efecto a declaración de utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto Fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402. Treito: Reza (puntos quilométricos 1+090-3+780), de clave OU/19/135.06.1.

Lugo, dezasete de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade