Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 1 de abril de 2022 Páx. 21039

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN200A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúelle á nosa Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán.

En Galicia, as actividades artesanais supoñen unha gran reserva desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao tempo que actúan como fío condutor que posibilita a continuidade da nosa identidade e da nosa cultura.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, atribúelle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de artesanía.

De acordo co anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, no exercicio das atribucións que ten conferidas,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios de Artesanía de Galicia, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional (código de procedemento IN200A).

Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

a) Premio Artesanía de Galicia 2022.

b) Premio Traxectoria 2022.

c) Premio Bolsa Eloy Gesto 2022.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

A dotación global dos premios é de 13.000 euros con cargo aos orzamentos da Fundación Pública Artesanía de Galicia e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Artigo 3. Solicitudes e lugar e prazo de presentación

1. A solicitude, que se inclúe como anexo II desta resolución, deberase presentar presencialmente na forma indicada no artigo 4 das bases reguladoras, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. O prazo de presentación de candidaturas iníciase a partir das 8.00 horas do 17 de outubro de 2022 e remata ás 14.30 horas do 28 de outubro de 2022.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa será de tres meses a partir do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN200A, poderase obter información na Fundación Pública Artesanía de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Fundación Pública Artesanía de Galicia http://artesaniadegalicia.xunta.gal/
e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación
http://ceei.xunta.gal

b) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

c) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 74 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

d) No enderezo electrónico centro.artesania@xunta.gal

e) Presencialmente na Fundación Pública Artesanía de Galicia, L25MN, Área Central, 15707 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

2. Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

O órgano competente para ditar a resolución de concesión é a Xerencia da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

Manuel Heredia Pérez
Director xeral de Comercio e Consumo

ANEXO I

Bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia 2022

Artigo 1. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia como un recoñecemento á mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Artigo 2. Características dos premios

Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

1. Premio Artesanía de Galicia 2022.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual, como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e dos valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra, tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

2. Premio Traxectoria 2022.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia e outras entidades públicas ou privadas, encargados de facer a presentación das candidaturas. Valoraranse a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2022.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valoraranse o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terán en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.

Artigo 3. Participantes

1. Premio Artesanía de Galicia 2022.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. Premio Traxectoria 2022.

Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de vinte (20) anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dun traballador do propio obradoiro.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2022.

1. Artesáns/ás inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cunha idade máxima de corenta (40) anos en 2022.

2. Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal cunha idade máxima de corenta (40) anos en 2022.

Artigo 4. Solicitudes e documentación que hai que presentar

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse no prazo que se indica no artigo 3.2 da convocatoria.

a) As solicitudes e a documentación complementaria deberanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, agás na modalidade «Premio Artesanía de Galicia 2022», na cal a presentación da solicitude terá que se realizar de forma presencial na Fundación Pública Artesanía de Galicia, L25MN, Área Central, 15707 Santiago de Compostela. As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo, o solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do Servizo Postal Universal) e anunciarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante fax 881 99 91 70 ou correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola Fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nestas bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes ao da data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

b) De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude e a documentación non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de dez (10) días, coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Premio Artesanía de Galicia 2022.

A) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

B) Sobre pechado A, no cal figurará o título da proposta e que conterá a seguinte documentación:

a) Anexo II (solicitude). É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa (en papel).

b) Currículo do obradoiro artesán (en papel).

c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros) (en papel).

No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente, cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.

C) Sobre pechado B, no cal figurará o título da proposta e que conterá a seguinte documentación:

a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración (soporte dixital).

b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato.jpg en alta calidade (soporte dixital).

c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual na cal se indiquen a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra (soporte dixital).

Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifique cunha marca ou cunha autoría determinada.

O número máximo de obras por participante será dous. Así mesmo, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.

Importante: tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2. Premio Traxectoria 2022.

Sobre pechado, no cal figurará o nome da persoa candidata e que conterá a seguinte documentación:

• Anexo II (solicitude). É obrigatorio que leve a sinatura da persoa representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta (en papel).

• Memoria de presentación e currículo da persoa candidata, e na cal se sinalen as razóns polas cales se propón ao premio. Será preciso achegar un mínimo de quince (15) imaxes en formato .jpg, das cales un mínimo de cinco (5) serán de pezas rematadas e un mínimo de cinco (5) da persoa candidata ao premio (soporte dixital).

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2022.

Sobre pechado, no cal figurará o nome e conteña:

• Anexo II (solicitude). É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso (en papel).

• Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesanal (en papel).

• Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola cal considera que a súa candidatura debe de ser elixida como gañadora nesta categoría (soporte dixital).

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas á AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 6. Premios

A dotación dos premios será a seguinte:

– Premio Artesanía de Galicia 2022.

Dotación de 9.000 € e trofeo acreditativo.

A persoa gañadora cederalle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a propiedade da obra premiada. No caso de que as características físicas ou de propiedade do produto gañador impidan a súa cesión, substituirase por documentación gráfica ou visual deste.

– Premio Traxectoria 2022.

Trofeo acreditativo e sen dotación económica.

– Premio Bolsa Eloy Gesto 2022.

Bolsa de formación de 4.000 € e diploma acreditativo.

Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.

Artigo 7. Xurado

Constituirase un xurado cuxos membros serán nomeados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, competente en materia de artesanía, e estará integrado por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco (5) vogais.

Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou a persoa en quen delegue; como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio, e a Secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, con voz pero sen voto.

A composición do xurado farase pública antes da resolución dos premios na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/

No seu funcionamento, o xurado aterase ao seguinte:

a) A deliberación do xurado será secreta e a súa decisión inapelable.

b) O xurado proporá nas súas deliberacións unha única persoa gañadora para cada unha das categorías. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do/a presidente/a. No momento das votacións, só se terán en conta os votos emitidos polos membros presentes, xa que non se admitirá a delegación do voto.

c) O xurado poderá facer mencións honoríficas sen dotación económica a aquelas persoas candidatas que desexen destacar nalgún aspecto.

d) O xurado poderá propor que se declararen desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen os méritos necesarios para acadar o galardón.

e) O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non recollidos nestas bases, así como todas as cuestións que se poidan suscitar con motivo dos premios.

f) O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 8. Resolución de concesión

1. O xurado efectuará a proposta de resolución de concesión, á cal deberá incorporar o contido da avaliación realizada por este.

O órgano competente para ditar a resolución de concesión do procedemento é a Xerencia da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

2. A Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá suspender unha convocatoria anual cando concorran circunstancias que impidan o normal desenvolvemento do proceso de convocatoria e a concesión do premio.

3. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a concesión do premio será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data límite de recepción das candidaturas, indicada no artigo 3.2 da convocatoria.

Transcorrido o citado prazo sen que se lles notifique a resolución de concesión expresa lexítima ás persoas interesadas, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. A persoa gañadora do Premio Bolsa Eloy Gesto deberá entregar á Fundación Pública Artesanía de Galicia unha memoria descritiva e xustificativa dos gastos realizados unha vez completada a formación pola cal lle foi concedida a bolsa. Esta documentación débese remitir a centro.artesania@xunta.gal nun prazo máximo dun ano contado desde a entrega de premios en que se darán a coñecer publicamente os gañadores. Se, por causas de forza maior, a formación non se pode levar a cabo neste prazo, a persoa gañadora poderá solicitar unha prórroga á Fundación Pública Artesanía de Galicia, que avaliará esta solicitude e será a encargada de autorizar o aprazamento.

O incumprimento desta obrigación por parte da persoa gañadora será motivo de reintegro íntegro á Fundación Pública Artesanía de Galicia da dotación económica da bolsa.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuadas e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Publicidade

A Fundación Pública Artesanía de Galicia fará publicidade das persoas galardoadas e dos finalistas, se os houber, coa merecida notoriedade nos medios que considere máis adecuados dadas as características dos premios.

Artigo 11. Entrega de premios

A entrega dos premios realizarase nun acto público convocado para tal efecto, ao cal se lle dará a publicidade e a transcendencia adecuadas.

Artigo 12. Compatibilidade do premio

Estes premios serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente de calquera Administración, ente público ou privado, galego, estatal ou europeo, ou organismos internacionais, que se lle poida outorgar á persoa beneficiaria despois da concesión do presente galardón.

Artigo 13. Recuperación das pezas presentadas

Os autores e as autoras que desexen recuperar as pezas presentadas e non premiadas deberanas recoller persoalmente na Fundación Pública Artesanía de Galicia. As obras que non se recollan pasados corenta (40) días desde a publicación das persoas gañadoras na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/ pasarán a ser propiedade da Fundación, xa que se entenderá que as persoas candidatas renuncian aos seus dereitos de propiedade sobre estas.

Artigo 14. Aceptación das bases

A participación nestes premios supón a plena aceptación das bases, cuxa interpretación lle corresponde ao xurado.

missing image file
missing image file
missing image file