O 17 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2022, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento PR858A).
O artigo 2 desta resolución establece a contía inicial dos créditos destinados a financiar estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.461A.470.0, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria.
Na data actual, e coa finalidade de manter esta acción de fomento en niveis adecuados, cómpre ampliar o importe do crédito asignado a esta axuda, con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.151A.470.0.
Polo exposto e en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación de crédito
Amplíase o crédito destinado ás axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego en 160.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.151A.470.0. O importe total destinado ao financiamento destas axudas é de 200.000,00 euros.
Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes
A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.
Artigo 3. Réxime de recursos
Contra esta resolución poderá interpoñerse con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Alternativamente, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022
Mª del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios