Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 29 de marzo de 2022 Páx. 20425

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de marzo de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Coto Real, Coto do Pazo, Banda e Cagadouro, solicitados a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourido, na parroquia de Lourido, do concello de Salvaterra de Miño.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 16 de febreiro de 2022, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da provincia, Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia, Xosé Antón Silva Tubío e Mª Carmen Martínez González, representantes da CMVMC de Lourido, e da secretaria do Xurado Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 6 de abril de 2020, Xosé Antón Silva Tubío, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourido, concello de Salvaterra de Miño, presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común das parcelas denominadas Coto Real, Cagadouro, Coto do Pazo e Banda. Achega informe pericial con planimetría, lista catastral e relación de propietarios con descrición de parcelas do catastro de riqueza rústica. Tamén autorización da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural de corta de madeira queimada en marzo de 2018 na parcela Coto do Pazo.

Con data do 30 de xuño de 2020 o Servizo de Montes indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente as parcelas, que non están clasificadas e que algunhas delas invaden predios catastrais particulares. Con data de entrada do 13 de agosto de 2020, a Comunidade de Montes de Lourido achega documentación consistente na copia do acordo de clasificación e oito declaracións xuradas de veciños afirmando o aproveitamento veciñal das parcelas.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 23 de novembro de 2020, incoar o correspondente expediente de clasificación das citadas parcelas a favor da Comunidade de Montes de Lourido, concello de Salvaterra de Miño. O 14 de decembro de 2020 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. Con data do 29 de abril de 2021 recíbese o antedito informe do Servizo de Montes.

Terceiro. A Rexistradora da Propiedade de Ponteareas, en escrito de data 12 de xullo de 2021, certifica que os predios denominadas Coto Real, Cagadouro, Coto do Pazo e Banda non figuran inscritas no Rexistro da Propiedade.

Cuarto. O Diario Oficial de Galicia publicou o 24 de setembro de 2021 o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación do expediente de clasificación e abrindo o período dun mes para que as persoas interesadas puideran examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro. O período de audiencia pechouse sen que se presentaran alegacións.

Quinto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: Salvaterra de Miño.

Parroquia: Lourido

1. Nome do Monte: Coto Real.

Cabida: 157 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A02200069.

Estremas:

Norte, sur, leste e oeste: con pista asfaltada.

2. Nome do monte: Cagadouro.

Cabida: 1.573 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencias catastrais: 36050A02300089, 36050A02300051.

Estremas:

Titulares

Norte

Mª Carmen González Portas

Jesús Caamaño Álvarez

Sur

Senén Guillade Míguez

Carmen Esther Vidal Domínguez

Leste

Propietario descoñecido

Oeste

Sofía Estévez Giráldez

3. Nome do monte: Coto do Pazo.

Cabida: 4.447 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A02300611.

Estremas:

Titulares

Norte

José Luis e María, Mª Jovita Martínez Rodríguez

Carmen Esther Vidal Domínguez

Sur

Braulio Portas Martínez

Braulio Rodríguez Martínez

José Portas Rodríguez

Manuel Merino Rodríguez

José Luis Guillade

Asunción García González

Manuel Magariños Domínguez

Leste

Manuel Portas Rodríguez

Oeste

Camiño público

4. Nome do monte: Banda.

Cabida: 2.551 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A01000537.

Estremas:

Titulares

Norte

Camiño público

Sur

Elda Fé Castro Vidal

Elvira Estévez Rodríguez

Leonilda Rodríguez Rodríguez

Ángel Rodríguez Martínez

Francisco Martínez Martínez

Leste

Deolinda González Rodríguez

Oeste

Camiño público

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989 do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños.

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O informe preceptivo do Servizo de Montes establece que a maioría das parcelas teñen uso forestal e algunhas sufriron lumes hai uns anos, polo que agora se observan restos de incendio, está poboada por abrocho de eucaliptos, cun estrato arbustivo ou repoboado de pinus pinaster (pés de altura entre os 70-150 cm) con estrato arbustivo e subarbustivo e obsérvanse restos de incendios e unha vexetación composta de abrochos de eucaliptos, algún carballo, xestas, toxos e silvas.

Cuarto. A Comunidade de Montes de Lourido aporta a autorización da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de corta de madeira queimada en marzo de 2018 na parcela Coto do Pazo. Tamén presenta oito declaracións xuradas de veciños afirmando o aproveitamento veciñal de todas as parcelas.

Quinto. Todas as parcelas solicitadas de clasificación corresponden con predios catastrais de titularidade da Comunidade de Montes de Lourido, inda que nalgúns casos a planimetría presentada invade parcialmente predios de particulares. O Concello de Salvaterra de Miño non presentou alegacións contrarias á clasificación, o que supón o recoñecemento implícito do carácter veciñal destas parcelas por parte do Concello. Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións opoñéndose á clasificación, como monte veciñal en man común, de terceiros que acreditasen un uso privativo destas parcelas, demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Lourido.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu Regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado por unanimidade acorda: clasificar como veciñais en man común os montes denominados Coto Real, Cagadouro, Coto do Pazo e Banda a favor dos veciños da Comunidade de Montes de Lourido, do Concello de Salvaterra de Miño, ao reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito quinto e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 9 de marzo de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra