Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2022 Páx. 19363

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2022, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-536, treitos As Vendas (puntos quilométricos 11+890-12+810) e Santa Baia (puntos quilométricos 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 11 de marzo de 2022 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-536, treitos As Vendas (pp.qq. 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Segundo. Con data do 2 de novembro de 2017, a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, con base na “Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia”, o documento “Estratexia en materia de mobilidade alternativa na comarca de Ourense e concellos limítrofes”, onde se propón, entre outros, a creación de dous itinerarios peonís e ciclistas na OU- 536, que agora se desenvolven mediante o proxecto construtivo de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-536, treitos As Vendas (pp.qq. 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06.

Terceiro. As actuacións que se recollen no proxecto consisten na creación de dous itinerarios mixtos peonís e ciclistas pola marxe esquerda da OU-536, de ancho mínimo 1,8 m e formigón coloreado; un deles desde o p.q. 9+100 (glorieta do Camiño da Venda, no municipio da Baña) ata o p.q. 11+120 e o outro desde o p.q. 11+890 (no municipio das Vendas, no límite entre os concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos) ata o p.q. 12+810.

Cuarto. No Diario Oficial de Galicia núm. 31, do 14 de febreiro de 2020, publicouse o Anuncio do 30 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-536, treitos As Vendas (pp.qq. 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Quinto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e as persoas interesadas formularon alegacións no trámite de información pública. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que, transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido á información pública:

• Rectificarase a solución construtiva inicialmente proposta en canto ao ancho da sección da senda, evitando a afección aos muros de peche pero mantendo a sección dentro dos límites establecidos pola normativa de accesibilidade.

• En solo de núcleo rural tradicional manterase o pavimento de pedra e nos restantes treitos a solución proposta de formigón coloreado.

• Actualización dos datos catastrais das parcelas numeradas segundo os datos proporcionados polos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos a través do seu planeamento vixente.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que “logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente”.

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, os concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos deberán adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no punto anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto e tras os informes, alegacións e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-536, treitos As Vendas (pp.qq. 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-536, treitos As Vendas (pp.qq 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito segundo.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas