Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18751

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022 pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador para o ano 2022.

Conforme o disposto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; no artigo 20.Un.1 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022 (BOE núm. 312, do 29 de decembro), nos artigos 12 e 36.Un da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro), no artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos da Universidade da Coruña (UDC) e no acordo do Consello de Goberno do 24 de febreiro de 2022, polo que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2022 de prazas estables de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, logo da negociación cos órganos de representación do persoal docente e investigador e unha vez obtida a autorización da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, con data do 22 de febreiro de 2022, tal e como se determina nos artigos 12 e 36.Un da Lei 17/2021,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador da UDC para o ano 2022.

Segundo. En aplicación do artigo 20.Un.3.I) da Lei 22/2021, dentro do límite da taxa de reposición correspondente ao corpo de profesores titulares de universidade e aos profesores contratados doutores destínanse once prazas (tres de profesor/a titular e oito de contratado/a doutor/a) para a incorporación de persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3.

Terceiro. As convocatorias dos concursos de acceso derivados desta oferta publicaranse no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, para garantir a publicidade exixida nos artigos 62 e 48.3 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e executaranse dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Esta oferta de emprego inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo.

Esta oferta realízase conforme os requisitos establecidos na Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022. O artigo 12.Tres da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, establece que a oferta pública de emprego adaptarase aos límites e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal. En consecuencia, esta oferta, se é o caso, poderá modificarse para axustarse ao disposto na dita normativa básica.

A OEP das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a Universidade da Coruña, nin os demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

A Coruña, 10 de marzo de 2022

Julio Ernesto Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Oferta de emprego público do persoal docente e investigador
da Universidade da Coruña para o ano 2022

1. Sistema de acceso libre.

1.1. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios.

Corpo

Número de prazas

Profesor/a titular de universidade

30

Tres das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3.

1.2. Persoal docente e investigador contratado.

Categoría

Número de prazas

Profesor/a contratado/a doutor/a

40

Oito das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3.

2. Sistema de acceso promoción interna.

En aplicación do disposto na disposición derradeira segunda do Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, que modifica o artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, inclúense na OEP para o ano 2022 as seguintes prazas polo procedemento de promoción interna:

Corpo

Número de prazas

Catedrático/a de universidade

12