Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18850

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2021/018-4).

Feitos:

Primeiro. O 18 de xaneiro de 2021, a empresa Ence Energía y Celulosa, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada modificación LAT 66 kV de Pontesampaio a Lourizán.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade unha modificación no trazado da liña aérea de alta tensión de 66 kV, propiedade de Ence, entre os apoios 12 e 19, debido á construción da autovía A-57 no seu tramo Vilaboa-A Ermida, promovida polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta liña subministra a enerxía eléctrica ao complexo industrial de Ence en Lourizán, Pontevedra. As obras sitúanse no concello de Vilaboa (Pontevedra).

As obras que se van realizar consisten en:

• Desmontaxe da liña aérea de alta tensión entre os apoios 13 e 14, os apoios 15 e 19.bis. Desmontaxe dun tramo da liña subterránea de alta tensión en dobre circuíto no apoio 15. Desmontaxe dun total de 6 apoios.

• Construción de dous tramos aéreos de liña de alta tensión. Un tramo de 154 metros entre os apoios 12 e 14 e outro tramo de 504 metros entre os apoios 15 e 19.

• Construción dun tramo soterrado da liña de alta tensión entre os apoios 14 e 15 de 1.015 metros.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilaboa, Augas de Galicia, ADIF Alta Velocidad, ADIF Red Convencional. Agencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Demarcación de Carreteras del Estado, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos por ADIF Red Convencional, Augas de Galicia, Demarcación de Carreteras del Estado, Telefónica España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad S.A. O Concello de Vilaboa, ADIF Alta Velocidad e AESA non emitiron condicionado técnico, entendéndose, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 6 de outubro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica mencionada ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Ademais, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 24 de novembro de 2021 publicouse o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no anuncio non compareceu ningunha persoa interesada.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 22 de abril de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 18 de outubro de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 15 de outubro de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vilaboa desde o 7 de outubro ao 23 de novembro de 2021 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Alicia Currás Fernández, Álvaro González Valladares, Celsa Martínez Juncal, Eva Casal Sobrado, María Isabel Alonso Ríos, Ernestina Peón Acuña e Jesús Ángel Fernández Boullosa. A seguir, resúmese o seu contido:

Correccións da relación de bens e dereitos referente á titularidade das parcelas afectadas.

Proponse un trazado alternativo onde se soterre a liña ata o enlace na N550 polo tramo vello. Aproveitaríase o primeiro tramo enterrado da liña actual, á altura do poste existente ao norte da instalación do Hotel Edén, onde actualmente pasa de subterránea a aérea, pasaríase baixo a estrada de nova construción e levaríase (aérea ou soterrada) paralela á antiga vía do ferrocarril ata a perpendicular do poste 19.bis do actual proxecto cruzando de forma aérea a actual CN-550.

Proponse que todo o trazado discorra por terreos de dominio público e/ou afectados pola antiga vía ou pola actual CN-550.

Proponse un trazado soterrado ata o apoio 19.bis de forma análoga ao tramo subterráneo que chega ao apoio nº 15.

Destacan a falta de servidume das parcelas que están máis ao norte unha vez realizada a construción da zapata, poste e peche perimetral, impedindo cultivos e a disponibilidade dos terreos.

Jesús Ángel Fernández Boullosa alega que a instalación do apoio nº 19.bis inhabilitaría gran parte da parcela que se destina ao cultivo de autoabastecemento importante na economía familiar. Ademais, xera unha servidume de acceso de 35 metros, polo que propón a instalación do apoio 19.bis no extremo da parcela repartindo a superficie de afección coa parcela lindeira e diminuíndo a lonxitude da servidume de paso.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir, resúmese a contestación de Ence Energía y Celulosa, S.A.:

Con relación aos cambios de titularidade das parcelas afectadas na relación de bens e dereitos, Ence dáse por informada do cambio de titularidade e manifesta que se porá en contacto cos propietarios para acadar un mutuo acordo e comprobar a documentación que xustifica a titularidade.

O trazado alternativo formulado polos alegantes encóntrase dentro da zona de limitación á edificabilidade, tanto da actual estrada N-550, como da actual liña de ferrocarril convencional A Coruña-Santiago-Vigo e, polo tanto, ambos os dous límites de edificabilidade prohiben calquera tipo de obra de edificación, reconstrución ou de ampliación, incluídas as que se desenvolven no subsolo, e ademais, concretamente ambas as regulamentacións sectoriais prohiben á súa vez o establecemento de tendidos aéreos. A distancia entre a aresta exterior da calzada da estrada N-550 e a aresta exterior da plataforma do ferrocarril A Coruña-Santiago-Vigo é inferior a 15 metros na maioría do trazado proposto, o que implicaría que o trazado proposto se encontraría dentro da zona de limitación da edificabilidade tanto da estrada N-550 como do ferrocarril. Logo, o trazado proposto non cumpre co artigo 161 (Limitacións á constitución de servidume de paso) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ao non ser posible tecnicamente a variante proposta ao incumprir as seguintes leis e regulamentos: Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas; Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de Estradas; Lei 38/2015, do 29 de decembro, do sector ferroviario, e o Real decreto 2387/2004, do 30 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do sector ferroviario.

A proposta dun trazado polos terreos de dominio público e/ou afectados pola antiga vía (que de momento non se encontra descatalogada) ou pola actual CN-550 (que seguirá en uso tras as obras), tampouco é viable tecnicamente pois incumpre coa condición 2.a) do artigo 161. Ata que se proceda ao peche dos tramos ferroviarios en desuso e a súa exclusión da rede ferroviaria de interese xeral, seguen vixentes as limitacións e prohibicións establecidas nas normativas en vigor.

No que se refire á servidume das parcelas que están máis ao norte e á construción da zapata, poste e do peche perimetral que impiden o cultivo e a dispoñibilidade dos terreos, Ence manifesta que a situación establecida para as infraestruturas está estudada para dar cumprimento á normativa establecida e minorar os prexuízos causados.

Con relación á colocación do apoio nº 19.bis, Ence manifesta que as distancias que afectan a propiedade de Jesús Ángel Fernández Boullosa están condicionadas pola necesidade de instalar o apoio 19.bis baixo a actual traza da liña aérea existente de forma que non se modifiquen as cargas mecánicas que actualmente soporta o apoio existente. No caso de implantar o apoio noutro lugar que non sexa baixo os actuais condutores, implicaría modificar as cargas mecánicas sobre o apoio nº 19 existente, incrementándoas e modificando a súa clasificación conforme o punto 2.4.1.2 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de agosto, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións complementarias ITC-LAT 01 a 09.

No referente á proposta dun trazado subterráneo ata o apoio 19.bis de forma análoga ao tramo subterráneo que chega ao apoio nº 15, Ence destaca que non cumpre co artigo 161 do Real decreto 1955/2000, pois o seu custo é superior ao 10 % do orzamento da parte da liña afectada pola variante. Neste caso o custo (€/metro) unitario do tramo subterráneo é un 170,20 % superior ao custo unitario (€/metro) do tramo aéreo.

Con relación a superficie de acceso ao apoio nº 19.bis, Ence indica que esta ocupación é temporal e unha vez finalizada a obra conclúe a servidume de acceso. Ademais, destaca que optou por ese trazado debido á existencia dunha balsa de formigón na entrada. De todas as maneiras, ao ser unha ocupación temporal, Ence non mostra obxeccións en acadar un acordo con Jesús Ángel sobre o acceso temporal buscando a opción menos gravosa.

Con relación á alegación de Jesús Ángel sobre os prexuízos ocasionados nos cultivo de autoabastecemento que son importantes para o sustento da economía familiar, Ence indica que non detectou ningún cultivo na parcela indicada malia as visitas realizadas e as diferentes imaxes de abril de 2019 e de maio de 2021 analizadas a través de Google Maps. De todos os xeitos, Ence manifesta a súa disposición en valorar os cultivos, de existir, dentro das indemnizacións que se van considerar.

Ence destaca que estudou varias alternativas e que estas se encontraban condicionadas polo cumprimento das leis e regulamentos de estradas e ferrocarrís, de difícil cumprimento de forma conxunta. Tamén manifesta que o trazado presentado no expediente IN407A 2021/018 é o resultado da mellor alternativa, cumprindo conxuntamente coa intención de minorar en todo o posible a afección ás propiedades particulares e o cumprimento da regulamentación vixente.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron, de xeito individual, todas as alegacións presentadas, emitindo os correspondentes informes, coa conclusión todos eles de que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión fundamentalmente en dous motivos:

– Respecto da valoración dos predios e dos prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de valoración na cal, por requirimento desta xefatura territorial, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como indícase no o artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

– Respecto do trazado alternativo, non se xustifica por parte dos alegantes o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas do proxecto denominado modificación LAT 66 kV de Pontesampaio a Lourizán son:

Desmontaxe de dous apoios e de 263 metros da liña aérea de alta tensión, simple circuíto, de 66 kV con orixe no apoio nº 13 e final no apoio nº 14.

Desmontaxe de catro apoios e de 550 metros da liña aérea de alta tensión , simple circuíto, de 66 kV con orixe no apoio nº 15 e final no apoio nº 19.bis.

Desmontaxe de 325 metros da liña subterránea de alta tensión, dobre circuíto, de 66 kV no apoio nº 15.

Instalación dunha liña de media tensión aérea de 66 kV con condutor 94-AL1/22-ST1A (LA-110) en dous tramos: un tramo de 154 metros de lonxitude con orixe no apoio existente nº 12 e final no apoio proxectado nº 14 e outro tramo de 504 metros de lonxitude con orixe no apoio proxectado nº 15 e final no apoio existente nº 19.

Instalación de novos apoios números 13, 14, 15, 16, 17, 18 e 19.bis. Os novos apoios 14 e 19.bis teñen a función de fin de liña, con conversión aéreo-subterránea (PAS) para dous circuítos.

Instalación dunha liña de media tensión subterránea de dobre circuíto de 66 kV e cunha lonxitude de 1.015 metros con orixe no apoio proxectado nº 14 e final no apoio proxectado nº 15.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o seu contido, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

Sobre a titularidade das parcelas, cómpre indicar que esta xefatura trasladou toda a documentación achegada polos afectados á empresa promotora que manifestou a intención de contactar cos propietarios para acadar un mutuo acordo.

Con relación ao valor económico das afeccións, aos posibles cultivos afectados e demais prexuízos avaliables, destácase que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre as parcelas afectadas. Será nesta fase en que o valor das afeccións se poderá poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requira a Administración.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo. É preciso, neste sentido, traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que a la vista de lo expuesto y de lo aclarado por el perito en el momento de la ratificación de su informe, es complicado señalar sin género de dudas, cuál sería desde todos los intereses públicos y privados afectados el trazado preferible de entre los cuatro en presencia (el aprobado y las tres posibles variaciones examinadas como factible también por el perito) pues para practicar la correspondiente comparación se ha de valorar el conjunto de circunstancias técnicas, económicas y de causación de perjuicios que existe en cada una de las opiniones de referencia, y es lo cierto que a la Sala le resulta difícil una u otra, ya que presentan todas, ventajas en unos de los aspectos e incovenientes en otros de ello; pues, lo que no cabe es mirarlos únicamente desde la perspectiva de la conveniencia de la parte aquí recurrente; pues ello supondrá descuidar los demás intereses implicados en cada trazado; todo lo cual tiene que contemplar la Administración cuando aprueba una de las opciones; y en este caso, aceptó la propuesta por la aquí codemandada; la cual, implicando una substancial igualdad en consecuencias de conjunto –y no solo mirando los intereses de la aquí recurrente– con las demás opciones, debe ser respetado».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Ence Energía y Celulosa, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada modificación LAT 66 kV de Pontesampaio a Lourizán (expediente IN407A 2021/018-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa Ence Energía y Celulosa, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de febreiro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra